Sábado 25, Marzo 2023
HomeGlobalO CORONAVIRUS OCULTA OUTRAS CRISES HUMANITARIAS

O CORONAVIRUS OCULTA OUTRAS CRISES HUMANITARIAS

 

por Manoel Barbeitos 

Entre os múltiples efectos colaterais da pandemia da COVID-19 está a evidencia de que outros gravísimos problemas que afectaban e seguen afectando a unha parte nada desprezable da humanidade desapareceron das portadas mediáticas e do debate político,  deixando así de teren visibilidade. Crises humanitarias cuxa característica común é a de ter lugar en países da periferia, na área menos desenvolvida da economía mundo capitalista.

Por caso, e mentres aos occidentais nos invade a pandemia, seguen as sanguentas guerras civís no Iemen, Siria, Afganistán, Somalia e Sudán. No primeiro estado, Iemen, continúan os brutais bombardeos da coalición internacional que lidera a Arabia Saudita e que, segundo fontes dignas de toda confianza como ACNUR, están provocando unha das maiores crises humanitarias a nivel mundial e a peor fame negra do último século: o 80% da poboación necesita axuda humanitaria para sobrevivir, o 53% non ten nada para comer e máis de 1.500.000 nenos sofren desnutrición. Todo iso sen contar a total desfeita dos servizos e infraestructuras mais básicos e a destrución de incontables vivendas, o que obriga a desprazarse a centos de miles de familias. Segundo un dos últimos informes das Nacións Unidas, o número de mortos aproxímase aos 250.000, a metade dos cales eran nenos/as, nunha poboación estimada en 28,5 millóns de habitantes.

Nove anos de guerra teñen provocado en Siria un dos maiores éxodos habidos dende a II guerra mundial: 6,1 millóns de persoas están desprazadas dos seus fogares noutros puntos do país, e 5,6 millóns son refuxiados noutros países da rexión sendo obxectivo frecuente de abusos e violacións. Aínda que non é posible coñecer con exactitude o número de vítimas mortais, as estimacións máis fiables calculan unha cifra de arredor de 400.000 (22.000 nenos/as) nun país cuxa poboación estimada é de 17 millóns de habitantes. Segundo as Nacións Unidades, o 70% da poboación non ten acceso a auga potable, unha de cada tres persoas non pode satisfacer as súas necesidades alimentarias básicas, máis de dous millóns de nenos non van á escola e un de cada cinco persoas vive na pobreza.

Seguramente sexa o pobo de Afganistán quen teña padecido un sufrimento máis prolongado provocado polas guerras e a violencia. Primeiro foi a invasión soviética (1.978) a que dera a unha terrible e longa guerra civil que duraría 14 anos con máis de 2 millóns de mortos. Posteriormente, logo de que Rusia abandonara o país, produciuse unha intervención da OTAN (2001) que non foi quen de parar a guerra civil nin, xa que logo, de evitar que continuaran as mortes violentas (150.000 no presente século), entre as que agora  medran os civís e os nenos (cada día que pasa, nove nenos morren ou quedan mutilados). O tempo dispara o número de persoas desprazadas, uns 5 millóns entre unha poboación estimada de 37 millóns de persoas.

Pero non lles vai á zaga Sudán do Sur, que dende que se independizou (2011) non coñece a paz. En permanente guerra civil, disparáronse os desprazamentos forzados –contabilizan máis de 5 millóns de persoas as desprazadas, practicamente a metade da poboación, das que máis da metade teñen menos de 18 anos-. Segundo fontes de organizacións humanitarias, o número de mortos,  tanto por mor do conflito armado como por  outras causas (fame, enfermidades ….) supera os 400.000, aínda que na realidade as cifras poderían ser moitas máis.

Se en África hai un país que é paradigma da violencia e a desgraza este é Somalia, que leva en guerra civil máis de tres décadas. Enfrontamentos que, sumados ás secas e ás inundacións que se alternan dun xeito enormemente dramático, extreman as cifras de desprazados, que fontes das organizacións humanitarias calculan en máis de dous millóns e medio de persoas nunha poboación estimada de 15.5 millóns. Segundo estas mesmas fontes, máis de un millón de persoas corren os risco de desnutrición nun país eno que o número de mortes violentas supera xa as 650.000.

Tentarei explicar noutros artigos as principais causas destas terribles traxedias humanas. Porén, pódese avanzar que estamos diante de cruentas guerras civís con bandos enfrontados fraticidamente que defenden postulados tribais e relixiosos diferentes, pero que serven a unha das partes como xustificación para a guerra, por caso, a loita contra o terrorismo islámico. Un argumento que xa se sabe que ten grande aceptación en occidente.  En realidade son loitas polo poder entre fraccións rivais que contan con apoio exterior tanto de potencias locais (Arabia Saudi, Irán) como das grandes potencias mundiais (Estados Unidos, Rusia), cada unha delas en función dos seus propios intereses, as máis das veces ligados aos das súas respectivas grandes empresas, e que evidentemente nada teñen que ver cos que serían os intereses das poboacións en conflito. Porque se trata de conflitos armados que comportan enormes custos entre as poboacións respectivas (fame negra, mortes, desprazamentos,…..), esfarelan as xa moi fráxiles y débiles infraestruturas e provocan a ruptura de estados semifallidos.

A pandemia da Covid-19 desprazounos da axenda dos medios de comunicación e, xa que logo, do interés e das preocupacións humanitarias, a pesar de que levan causado e siguen causando moitas máis mortes que as producidas ata o de agora pola pandemia.