Luns 6, Febreiro 2023
HomeGlobalO auxe dos totalitarismos

O auxe dos totalitarismos

por Manoel Barbeitos

As evidencias de que existen paralelismos son contundentes. Estamos diante de tres atentados contra a democracia e a liberdade que teñen como protagonistas principais a líderes políticos (Donald Trump, Vladimir Putin, Jair Bolsonaro) claros defensores das ideas totalitarias e en posicións de extrema dereita tales que os leva a ignorar, cando non a desprezar, a vontade popular.

Lideres políticos que non tiveron reparos en manifestarse unha admiración mutua. Así, Donald Trump non se privou tanto de defender a invasión rusa de Ucraína -“unha xenialidade”- como de piropear a Vladimir Putín -“aquí hai un tipo moi listo….un estadista de grande talento”-. Piropos que este lle devolvería -“Trump é un individuo extraordinario e talentoso…, é un individuo colorido”-. Pola súa parte, Jair Bolsonaro manifestaba no seu día que esperaba que Trump “lograra a reelección presidencial”, cualificando a aquel como “modelo político”. Piropos que este lle devolvería mostrando publicamente o seu respaldo a Jair Bolsonaro de cara as eleccións recentemente celebradas -“fixo un grande traballo pola marabillosa xente do Brasil”-. Finamente, Jai Bolsonaro, nunha viaxe a Europa, tería unha xuntanza con Vladimir Putin na que ademais de tratalo de amigo, manifestoulle a súa afinidade, entre outras razóns pola súa crenza común en “Deus, Patria e Familia“.

O apoio das igrexas

Esa afinidade política e ideolóxica ten unha plasmación práctica na coincidencia nos aliados interiores, e moi especialmente na súa mais que amistosa relación coas igrexas dominantes nos respectivos países que coinciden en seren profundamente reaccionarias.

Un dos maiores e máis efectivos apoios con que contou Jair Bolsonaro en Brasil foi o da igrexa evanxelista, que ten moita influencia neste país (22% da poboación segundo as fontes mais fiables) e se mostra moi activa aproveitando intelixentemente os baleiros creados pola ausencia de servizos públicos (alimentación, vestimenta, emprego, ensino, esparexemento….) e a insatisfacción crecente das novas clases medias. Unha activismo que, apoiado polos medios de comunicación privados, lle permite aumentar o seu poder político grazas ao incremento da presenza de pastores evanxelistas entre os deputados. Presenza que se fai notar en comisións relevantes como as de o ensino, a sanidade (aborto), os dereitos humanos (homofobia), nas que intenta introducir a súa ideoloxía ferozmente reaccionaria.

Na Rusia de Vladimir Putin, a igrexa ortodoxa gaña presencia e poder grazas ao apoio que aquel lle presta. O dirixente ruso, que se declara crente ortodoxo, non se priva de situar a esta igrexa nun lugar relevante na sociedade rusa: “sen a conexión entre as experiencias históricas e relixiosas, os rusos perderíamos a nosa identidade. A unidade da igrexa axúdanos”. Un apoio que non se queda nas declaracións, xa que na súa segunda etapa como presidente do goberno (2008-2012) o Parlamento ruso aprobou unha lei (2010) pola que se lle devolvían as propiedades á maior parte das comunidades relixiosas, decisión que converteu a igrexa ortodoxa nun dos principais propietarios inmobiliarios de Rusia.

En Estados Unidos, aínda que a situación é algo distinta -historicamente os evanxelistas afroestadounidenses practicamente apoiaron sempre ao Partido Demócrata- Donald Trump contou, tamén dende sempre, co apoio maioritario (80%) dos evanxelistas brancos, que teñen posturas moito máis conservadoras en temas raciais, a loita contra o aborto, a defensa da familia, o ensino na casa… Un apoio que ultimamente tamén medra entre aqueles como evidencia o feito de que durante a súa presidencia Trump contou cun grupo de asesores evanxélicos afroestadounidenses pero conservadores na Casa Blanca. Esta división dos evanxelistas tamén se reflicte en función da súa orixe, e así entre os evanxelistas hispanos o apoio a Trump é maioritario. Este apoio de líderes evanxélicos influíntes, de carácter integrista, foi e segue sendo crecente consonte pasan os anos, tanto que resulta difícil separar os ascenso daquel na política estadounidense do apoio destes lideres.

A utilización dos poderes do estado para perseguir aos rivais políticos

Os tres dirixentes tamén coinciden a hora de utilizar os aparatos do estado -poder xudicial, policía, exército….- para perseguir, e incluso eliminar, aos seus rivais políticos. Vladimir Putin e os seus socios, todos eles antigos oficiais da KGB (os siloviki), unha vez que lograron apoderarse en beneficio propio tanto do inmenso patrimonio público ruso  como do tamén moi elevado patrimonio do PCUS, dedicaron parte dos seus esforzos a eliminar aos seus rivais políticos, aproveitando o férreo control que conseguiron sobre o exercito, a policía, o poder xudicial e os medios de comunicación. Eliminación para a cal non escatimaron medios. Tanto utilizaron o envelenamento, como o asasinato ou as detencións policiais seguidas de xuízos/farsa a líderes políticos, empresarios e activistas -A. Navalny, A. Litvinenko, R. Rsepov, K. Moza, B. Nemtsov. M. Jodorkovski…- todos eles opositores ás políticas do Kremlin.

Sen chegar a tales extremos, Jair Bolsonaro e os seus seguidores tamén utilizaron os poderes do estado -especialmente o poder xudicial- para retirar do escenario político aos seus maiores rivais. Velaí o sucedido con Lula da Silva, condenado inxustamente por corrupción -sentenza que acabou sendo anulada polo Tribunal Supremo- por un xuíz amigo de Bolsonaro, Sergio Moro, que chegaría a Ministro de Xustiza con este mandatario-, e cuxa persecución tiña como obxectivo impedir que se puidera presentar as eleccións do 2018, obxectivo que finalmente conseguirían. E tamén o sucedido con Dilma Rouseff, que foi obxecto tamén de persecución política, con acusacións de fraude e corrupción nunca probadas, que remataría coa súa destitución como Presidenta logo dunhas votacións no Congreso e no Senado que pasarán á historia do Brasil como un momento negro que puxo en serio risco a democracia nese país.

No caso de Trump seguramente que o feito máis célebre foi o intento de utilizar ao poder xudicial para perseguir e desacreditar a Hilary Clinton, un caso sen precedentes na historia dos Estados Unidos. Un poder xudicial cuxo control perseguiría e conseguiría finalmente ao copar os republicanos o Tribunal Supremo.

As prácticas de corrupción

Ese control utilizábao Trump para, como sucede con o Partido Popular en España, poder evitar ser enxuizado polos numerosos casos de corrupción nos que aparece implicado. Recentemente, dúas compañías pertencentes ao expresidente -Trump Corporatión e Trump Payroll Corporatión- foron declaradas culpables por un xurado do Tribunal Supremo de Manhattan de evasión fiscal continuada durante máis de 15 anos. Unhas prácticas corruptas continuadas que, segundo a prensa estadounidense de maior prestixio, afectan a numerosos familiares do Donald Trump, que ten sobre as súas espaldas outras demandas por parte dos fiscais xerais de dous estados por supostamente ter aceptado millóns de dólares de gobernos estranxeiros en pagos ás súas empresas.

Con Vladimir Putín e os  siloviki, os casos de corrupción fóronse disparando consonte ía medrando o seu control sobre a economía rusa. Unha corrupción que adoptaría multitude de formatos, desde a compra fraudulenta e a moi baixo custo de empresas públicas moi rendibles (petroleiras, gasistas, navieiras, metalúrxicas…) para logo multiplicar o seu valor en Bolsa, ao mercado negro de divisas -caixas B-, cando non a simple manipulación do cambio, a evasión fiscal e a fuga de capitais, o comercio ilegal de materias primas -carbón, petróleo, aluminio..-. Operacións de moi distinta pelaxe que permitiron crear un moi poderoso grupo de oligarcas que aproveitaron o seu control sobre a banca para trasladar as súas fortunas a lugares seguros no estranxeiro, como por caso a City de Londres. Como sinalan destacados periodistas e analistas europeos, “é incomprensible entender o réxime de Putin sen comprender a corrupción que o creou e o alimentou”.

Pouco antes de que se celebraran as últimas eleccións presidencias no Brasil, unha enquisa informaba que preto do 70% dos brasileiros consideraba corrupto ao goberno de Jair Bolsonaro. Entre as prácticas corruptas sinalan desde o tráfico ilegal de vacinas anti-COVID deica a venda de influencias -“rachadinhas”-, o desvío ilegal de fondos públicos, o branqueo de capitais e o encubrimento de activos. Segundo non poucas voces, a resistencia de Bolsonaro a ceder o poder presidencial, e o conseguinte apoio ao golpismo, obedece fundamentalmente ao seu temor a que se abran as numerosas causas de corrupción que ten abertas e que o poden conducir a cadea por non poucos anos.

Camiños que se xuntan

Non debera sorprender que tres líderes políticos que apostaron polo totalitarismo como opción política sendo gobernantes de tres grandes países, remataran uníndose. Así, por caso, o que ocurríu en Brasilia -a invasión da Plaza dos Tres poderes, con destrución de bens e materiais: un acto de terrorismo- garda tantas semellanzas co asalto ao Capitolio en Washington, que resulta imposible non pensar que existe unha articulación entre as extremas dereitas, neste caso estadounidense e brasileira. O formato apunta a que estamos diante de movementos perfectamente preparados -o de Brasilia mellora o de Washington- que buscan crear o caos e así facilitar a intervención do exército e a policía nacional.

Esa estratexia pasa, en caso de derrota electoral dos totalitarios – neste caso Donald Trump e Jair Bolsonaro- por non dar validez ao proceso electoral e cuestionar a vitoria dos rivais. Un cuestionamento que, aproveitando tanto as redes como os medios afíns, busca actvar aos seguidores -empezando polos máis radicais- quen co apoio de forzas e colectivos antidemocráticos -que solen contar con cuantiosos recursos financeiros e tamén coa implicación de sectores do exército e a connivencia dalgunha policía- buscarán impedir a gobernabilidade, chegando se é preciso, como sucedeu en Washington e Brasilia, a asaltar as cámaras de representantes que recollen a vontade popular. Poñen así en claro tanto o  carácter totalitario destas organizacións -extrema dereita- como o obxectivo: destruir as bases e fundamentos xurídicos dun estado democrático, destruir a democracia.

Se, como sinalaba, o ocorrido en Brasilia puxo en evidencia a coordinación entre a extrema dereita estadounidense -liderada por Donald Trump- e a brasileira              -liderada por Jair Bolsonaro-, son tamén abundantes as evidencias de que a extrema dereita rusa -liderada por Vladimir Putin- forma parte desta alianza. Logo de conseguir o poder absoluto en Rusia, Vladimir Putin e os seus amigos antigos oficiais da KGB (os siloviki) fixáronse como obxectivo incrementar a súa influencia en Occidente, nos países da Unión Europea e tamén nos Estados Unidos.

Esa influencia materializase a través das organizacións de extrema dereita, empezando por países que formaron parte da antiga Europa do Leste (Hungría, Bulgaria, Eslovaquia) para logo, segundo fontes moi fiables como a BBC, estenderse a Francia (FN), Gran Bretaña (UKIP), Austria (FPÖ), Alamana (PVD) e Italia (LA), do que hai abondosas probas. No caso particular de Francia, a xustiza francesa está investigando o financiamento pola banca rusa -controlada por V. Putin- da campaña electoral do FN no ano 2013. Influencia que todo apunta a que xa dera o salto ao Atlántico chegando aos propios Estados Unidos grazas ás redes -Twitter, Facebook, You Tube, Telegram…- onde consonte avanza a guerra en Ucraína, os comentarios positivos e favorables a Vladimir Putin e a Rusia non paran de medrar, especialmente entre a extrema dereita e sectores vinculados a Donald Trump: “a xente pregúntase se a extrema dereita nos Estados Unidos está influíndo a Rusia ou se Rusia está influíndo na extrema dereita, pero a verdade é que se están influíndo mutuamente (….) están impulsando as mesmas narrativas” (Thomas Rid profesor da Universidade Johns Hopkinks).

Dada a grande amistade que os asesores de Donald Trump tiveron coas autoridades rusas, e as cuantiosas axudas que aquel recibiu dos rusos no seu día e que lle serviron para  evitar a bancarrota empresarial, hai abertas investigacións xudiciais en Estados Unidos -“Informe Muller”- sobre o financiamento da súa campaña presidencial no 2016. Está baixo sospeita xudicial a posibilidade de ter contado con apoio económico ruso e tamén loxístico a través da empresa Concord Management -propiedade de Yevgueni Prighozin, alcumado o chef de Putin- que tería organizado, por medio de trolls, un inmenso traballo on line para influír nos votantes estadounidenses e conseguir que votarán a Trump.

A internacional de extrema dereita

Para rematar sinalar que dende os Estados Unidos, personaxes moi coñecidos como Steve Banon -exasesor de Donald Trump co que remataría enfrontado-, entre outros, están traballando pola creación dun movemento internacional de extrema dereita que facilite a chegada ao goberno das organizacións afíns. Se os resultados non o facilitasen, crearían unha situación de caos e de violencia que xustifique a intervención dos exércitos e a policía, permitindo desa maneira a instauración de réximes totalitarios -baixo a crenza común en “deus, patria e familia”-. Polo de agora, cando menos temporalmente, en Brasil e os Estados Unidos fracasaron, pero por de pronto seis gobernos europeos -catro na UE- xa están en más da dereita extrema.

Entre as teses que tratan de explicar este rexurdir dos movementos totalitarios están aquelas que apuntan a que as dereitas democráticas, diante da conversión da socialdemocracia internacional ao socioliberalismo, quedaron sen argumentos e sen espazo no escenario político. Que quedaron desorientadas. Unha desorientación que está sendo aproveitada pola extrema dereita, véndose favorecida pola crise global da mundialización neoliberal coas conseguintes recesións económicas que marxinan e empobrecen a sectores cada vez máis amplos da poboación.

O que está sucedendo en Europa confirma en grande parte estas teses: recesións duras e prolongadas, desorientación das dereitas liberais gobernantes, crises da vella socialdemocracia, que ou ben desaparece ou ben se fai socioliberal, ascenso dos partidos de extrema dereita…


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]