Venres 22, Setembro 2023
HomeGlobal ALICIA ESTÉVEZ TORANZO, catedrática de Microbioloxía

[ENTREVISTA] ALICIA ESTÉVEZ TORANZO, catedrática de Microbioloxía

Que sirva de lección: investir en ciencia pode salvar moitas vidas

 

texto Paulo Carlos López

Vostede é unha das científicas galegas máis recoñecidas, como se pode ver na súa produción científica, nas súas patentes ou nos seus premios e recoñecementos. Liderou e agora mesmo segue pertencendo ao Grupo de Patoloxía en Acuicultura da USC. Cales son as súas principais liñas de investigación?

As liñas de investigación do noso Grupo de Patoloxía en Acuicultura pódense resumir no diagnóstico rápido de enfermidades bacterianas e virais, na identificación dos xenes de virulencia deses patóxenos e no desenvolvemento de medidas de prevención de enfermidades nos animais acuáticos. Dentro destas medidas de prevención, a máis importante é o desenvolvemento de vacinas para peixes transferibles ao sector da acuicultura. Como se ve, as liñas de investigación son semellantes ás que se fan en clínica humana. O uso de vacinas en acuicultura supón non só un beneficio de saúde pública e ambiental, xa que evita a aparición de resistencias a antibióticos e a outros quimioterápicos, senón tamén un beneficio económico para o sector produtivo posto que mellora a imaxe das empresas por parte da sociedade ao ofrecer un produto de elevada calidade sanitaria e respectuosa co medio ambiente. E sobre a orixe da pandemia da COVID-19, fálase de que comezou nun “mercado húmido de peixes e mariscos” de Wuhan, o cal podería facer pensar á sociedade que estes animais poden ser un vehículo de transmisión…, pero non é posible xa que estes coronavirus só se multiplican en células de homeotermos.

Cre que provocou a COVID-19 unha concienciación xeral sobre a necesidade dunha máis intensa colaboración entre universidade e empresa, nomeadamente a farmacéutica?

O que quedou claro con esta pandemia é a necesidade de colaboración entre as institucións públicas e o sector privado para o desenvolvemento da Ciencia e Tecnoloxía, así como o beneficio das doazóns e das plataformas de financiamento colectivo (crowdfunding) no avance da investigación, aínda que a algúns partidos políticos non lles guste. Mentres que esta colaboración público-privada está xa moi consolidada noutros países, en España debe reforzarse aínda.

Nas últimas datas coñecemos que varios científicos galegos do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) de Santiago de Compostela veñen de publicar un estudo sobre reprogramación celular nunha das revistas punteiras a nivel mundial… A propia UDC, a través do catedrático Fermín Navarrina, lidera un proxecto para destruír o SARS-CoV-2 por resonancia. De feito, xa son varios grupos galegos os que presentan importantes avances neste eido.  Estamos vivindo a época dourada da ciencia en Galicia, a pesar das circunstancias?

O que quedou claro con esta pandemia é a necesidade de colaboración entre as institucións públicas e o sector privado para o desenvolvemento da Ciencia e Tecnoloxía, asi como o beneficio das doazóns e das plataformas de financiamento colectivo (crowdfunding) no avance da investigación.

O que estamos vivindo é unha época de maior visibilización da ciencia que se fai en Galicia, aínda que principalmente da enfocada a sanidade humana. Ao haber tanto financiamento sobre o SARS-CoV-2, moitos grupos galegos adaptaron ou orientaron as súas investigacións cara a esta temática para poder captar fondos, e isto é o que sae nos medios de comunicación.

 

O que se investigaba sobre enfermidades infecciosas

 Noutro ámbito de cousas, o control das enfermidades contaxiosas constitúe un desafío no ámbito da investigación. Que é o que se estaba investigando nos últimos anos en España e a nivel mundial sobre este tipo de enfermidades?

Desde hai anos, a OMS leva advertindo dos riscos dunha serie de microorganismos que poderían ter un gran impacto na poboación como causantes de epidemias e pandemias. E dentro deste grupo están os coronavirus que provocaron o SARS e o MERS. Existen grupos punteiros en España que levan máis de 20 ou 30 anos traballando nestes virus. Con algúns investigadores destes grupos coincidín durante a miña estancia posdoutoral en Estados Unidos, e ademais manteñen un estreito contacto coa USC. Tamén existen grupos de prestixio que traballan na prevención e control dunha multitude de enfermidades infecciosas tanto de orixe vírico como bacteriano ou parasitario que aínda causan moitas mortes, especialmente en países en vías de desenvolvemento, como son por exemplo as enfermidades diarreicas, a tuberculose, o VIH/SIDA ou a malaria.

Cóntase aquí en Galicia cos equipos económicos, técnicos e humanos para promover a investigación neste eido?

Na última década houbo en toda España un recorte en I+D+i que afectou especialmente ás políticas de captación e estabilización do capital humano. Malia todo, cóntase en Galicia con grupos de investigación de gran prestixio internacional de enfermidades infecciosas que afectan tanto ao home como a animais. De todos os xeitos hai que potenciar a investigación básica e aplicada en moitos campos, e non só facelo cando aparece unha crise sanitaria. Temos experiencia de que cando desaparece un problema, o financiamento diminúe considerablemente. Deste xeito contaremos cun capital científico-técnico e humano estable, con capacidade para enfrontarnos no menor tempo posible a novos inimigos microbiolóxicos, que con toda seguridade aparecerán.

Cos datos que se manexaban e cos procedentes, era previsible a chegada dun virus coas características, a propagación e a letalidade do coronavirus?

Desde a aparición do SARS e do MERS era previsible o nacemento dun virus con características semellantes procedentes dun reservorio animal, e que con capacidade para dar un salto a humanos. Con todo, a toda a comunidade científica, e o que é máis grave, á propia OMS, colleulles desprevidos a elevada capacidade de propagación do virus. Isto provocou unha certa inercia na aplicación das medidas adecuadas de peche de fronteiras, confinamento, protección… En canto á taxa de letalidade da COVID-19, aínda que de momento é difícil de determinar xa que non se coñece o número real de infectados, polos datos que se están tendo non parece tan alta como se esperaba, e é inferior á do SARS e MERS.

No inicio da crise, parte da comunidade científica e dos medios de comunicación compararon este novo coronavirus coa gripe común. Pero unha das evidencias que trouxo o paso do tempo foi que non o é, destacando un aspecto como o da propagación.  Estase tendo, desde a ciencia, a capacidade de comprender e descifrar a COVID-19?

Na última década houbo en toda España un recorte en I+D+i que afectou especialmente ás políticas de captación e estabilización do capital humano. Malia todo, cóntase en Galicia con grupos de investigación de gran prestixio internacional de enfermidades infecciosas que afectan tanto ao home como a animais.

Desde que se declarou a situación de pandemia, a investigación sobre este virus en universidades, centros de investigación públicos e privados e grandes empresas farmacéuticas está sendo moi intensa. E estase dedicando unha cantidade inxente de recursos para coñecer mellor as características de transmisión deste virus, a relación virus-hóspede, a súa supervivencia no medio ambiente, e sobre todo no desenvolvemento de estratexias para a prevención e control. Hai un número moi elevado de proxectos orientados á procura dunha vacina, e en moitos deles participan grupos españois, incluidos galegos. Hai identificados moitos candidatos a vacinas que se atopan en diferentes fases de ensaios clínicos. En xeral, pódese dicir que se traballa contra-reloxo en diferentes estratexias: vacinas recombinantes utilizando como vectores outros virus sen capacidade de replicación, outras baseadas no  ARNm, e para rematar aquelas outras cun uso de virus atenuados. Ata hai investigacións lideradas por grupos españois nas que se avalía se a vacinación fronte á tuberculose pode conferir inmunidade non específica fronte ao novo coronavirus. De todos os xeitos, hai que ter coidado, xa que esta carreira acelerada na investigación fai que existan proxectos e publicacións que carecen de suficiente robustez ou que lles falta rigor científico.

As medidas tomadas no Estado (confinamento, distancia social, limitación de liberdades de movementos, etc) foron ao seu entender a tempo, suficientes e proporcionadas?

Tendo en conta que en febreiro xa había casos de coronavirus en España, e que o Centro Europeo para o Control e Prevención de Enfermidades advertira a finais dese mes sobre o perigo que se aveciñaba dunha posible pandemia aconsellando cancelar eventos multitudinarios, está claro que as medidas de confinamento ou distanciamento social tiñan que comezar uns dez días antes. Xa que logo, o Goberno non se pode defender da falta de previsión dicindo que esta pandemia foi inesperada e imprevisible. Ademais, considero que houbo unha total improvisación na xestión da crise por parte do Goberno e con pouca coordinación coas autonomías. Por exemplo: non facer os tests suficientes desde o inicio para detectar os positivos, incluíndo os asintomáticos ou con síntomas leves; como tampouco poñer os recursos adecuados en protexer ás residencias de maiores; igualmente houbo unha grande improvisación na adquisición de material de diagnóstico e de protección, e na procura de provedores.

E sobre o xa coñecido como proceso de “desescalada” en fases, entende que unha resposta asimétrica é razoable nun contexto como o español?

Desde o comezo da pandemia, todas as universidades e centros de investigación de Galicia ofreceron tanto ao Goberno central como á Xunta todos os seus equipos, laboratorios e persoal formado para ser utilizados contra o coronavirus, pero non houbo unha adecuada e rápida resposta.

Considero que para levar a cabo un adecuado plan destas características hai que ter en conta ademais de criterios sanitarios (microbiolóxicos e epidemiolóxicos), tamén os económicos, sociolóxicos e a capacidade de desenvolvemento de ferramentas de rastrexo de contactos que aseguren a suficiente privacidade. Os criterios do plan de “desescalada” asimétrica están sendo bastante ambiguos e cunha certa falta de transparencia, o que levou a continuas rectificacións. Ademais, todas as cuestións deste proceso quedaron en mans dun ministro de Sanidade asesorado por un “misterioso” equipo de expertos que ata o día de hoxe o Goberno se nega a facer público. Por exemplo, no caso da educación, non hai directrices claras ás autonomías, o que fai que cada unha estableza un plan de “desescalada” diferente; e o que é máis curioso: ¡parece que para o Goberno os menores de 0 a 3 anos non existen! Xa que logo, o ratio beneficio sanitario/impacto económico é cuestionable no plan de “desescalada”, xa que moitas das medidas adoptáronse cun descoñecemento dos sectores afectados e sen contar con eles.

 

O papel a xogar polas institucións científicas e da UE

A respecto da investigación sobre o coronavirus, xa existen iniciativas como a de “Coronavirus Funding Monitor”, que conecta grupos de investigación que precisan financiamento con fondos concursais e institucións que poden financialas.  Están chegando recursos aos investigadores nestes momentos?

En España, e concretamente en Galicia, xa hai proxectos que foron seleccionados para o seu financiamento polo Instituto de Salud Carlos III para o desenvolvemento de vacinas específicas para o SARS-COV-2, para a predición da evolución da pandemia, e para o desenvolvemento de medidas profilácticas de desinfección, entre outros. Con todo, existen aínda proxectos pendentes de resolución a nivel europeo e estatal.

Existe unha colaboración fluída entre o CSIC e as universidades?

Coa chegada deste tipo de crise sanitaria aumentou a colaboración entre grupos do CSIC e das universidades: de feito hai iniciativas como a do Banco Santander que mobilizou ao redor de 20 millóns de euros para apoiar proxectos de colaboración sobre o coronavirus entre ambas institucións. Independentemente desta crise sanitaria, considero que é un erro que vén desde fai anos separar o Ministerio de Ciencia e o Ministerio de Universidades, tendo en conta que o maior peso da investigación en España atópase nas universidades.

Unha cousa é descubrir unha vacina contra o coronavirus, outra a posibilidade de situala no mercado para a súa comercialización, e outra moi distinta que se estenda ao conxunto da poboación. En canto meses poderiamos estar falando dunha vacinación masiva, por caso, no contexto galego?

As vacinas fronte ao SARS-Cov-2 preséntanse como un dos alicerces principais de loita contra o avance do virus, pero o desenvolvemento dun produto seguro leva tempo, polo que non será un arma dispoñible na práctica ata polo menos un ano. Hai que ter en conta que unha vez desenvolvida unha vacina, hai que determinar moi ben o programa de vacinación, é dicir, o número de doses necesarias en cada individuo, a duración de protección, se será necesario vacinar a toda a poboación ou só a grupos de risco… Por outra banda, como sucedeu con outras enfermidades infecciosas, non sempre o éxito no desenvolvemento dunha vacina eficaz está asegurado. Por iso, hai que potenciar a procura de terapias con fármacos antivirais que xa están no mercado para outras enfermidades, co obxetivo de inhibir a replicación do virus ou ben a súa entrada nas células.

No caso da Unión Europea, como afrontar políticas de investigación de forma coordinada?

As crises deste tipo poñen de manifesto a necesidade de avanzar na integración e cooperación de todos os países desde diferentes puntos de vista, incluíndo, está claro, o ámbito científico, compartindo información e evitando a loita polas patentes que impida que os resultados alcanzados estean dispoñibles para todos os que o necesiten. Con todo, a urxencia para lograr un remedio para o control desta pandemia levou a que a nivel internacional algúns países opten por competir en lugar de sumar esforzos. Esta carreira fai que se corra o perigo de que se poidan saltar principios éticos nos ensaios clínicos.

Que papel deben xogar o Instituto europeo de Innovación e Tecnoloxía, o Centro Europeo para a Prevención e Control de Enfermidades ou a Axencia Europea de Medicamentos en todo isto?

O Centro Europeo para a Prevención e Control de Enfermidades (ECDC) cumpriu o seu papel facendo unha actualización do que se publicaba sobre o virus, e poñéndoo a disposición dos países. Pero para levar a cabo un bo modelo de seguimento dunha enfermidade deste tipo, calquera organismo necesita dispoñer de datos fiables e actualizados, o cal non está sucedendo nesta pandemia. Creo que a ECDC debe mellorar a súa acción de liderado na vixilancia e a preparación dunha resposta común ante novos brotes en todos os países de Europa, sen depender do exterior nin do interese de empresas privadas. A Axencia Europea de Medicamentos (AEM) é fundamental nestes momentos de crise sanitaria, xa que dispón de procedementos prioritarios para acelerar os procesos de avaliación e eventual autorización de vacinas ou fármacos, o que permitirá acelerar a súa posta no mercado.

E en España e en Galicia, que políticas de I+D+i se deben implementar? É posible, no caso galego, una colaboración máis estreita por parte das tres universidades?

A crise do coronavirus puxo de manifesto a necesidade de aumentar o investimento en ciencia e tecnoloxía en España e en Galicia, e que ditas políticas de I+D+i se manteñan estables no tempo, independentemente dos cambios de goberno. Pero este investimento non poderá ser só en sanidade humana, xa que non se poden frear outras investigacións punteiras noutros campos da ciencia e tecnoloxía.

A urxencia para lograr un remedio para o control desta pandemia levou a que a nivel internacional algúns países opten por competir en lugar de sumar esforzos. Esta carreira fai que se corra o perigo de que se poidan saltar principios éticos nos ensaios clínicos.

Estamos máis e mellor preparados a día de hoxe para unha nova pandemia cun virus con novas características?

Cando isto pase, espero que a sociedade interiorizara que somos máis vulnerables do que pensabamos, e que sirva de lección a países e institucións que investir en ciencia e tecnoloxía pode chegar a salvar moitas vidas. Ademais, esta pandemia puxo en evidencia que aínda que a globalización ten aspectos positivos, non podemos depender na totalidade doutros países como China, senón que temos que ter máis capacidade de produción propia de ferramentas de diagnóstico, ou de protección, que permitan mitigar dunha forma máis rápida e máis eficaz outra pandemia.

______________