Martes 24, Maio 2022
HomeGlobal ALEXIS B. ROMANOV, historiador ucraíno

[ENTREVISTA] ALEXIS B. ROMANOV, historiador ucraíno

“Europa non debería ter permitido este calexón sen saída”

texto Xulio Ríos

Vladimir Putin fixou como obxectivos da súa invasión “desmilitarizar” e “desnazificar” Ucraína… En que medida eses fenómenos estaban presentes na Ucraína de Zelenski? 

Cando se trata dunha operación militar, como Putin lle chama á súa guerra agresiva, non se revelan os verdadeiros obxectivos. Desmilitarizar e desnazificar é un pretexto e unha cortina de fume. Tal como acostuma a pasar cos agresores, que chaman agresor ás vítimas que agreden, a verdade é á inversa. A pesar de ter que manter desde 2014 liñas de defensa contra a quinta columna de Donbas (por certo, faise necesaria unha explicación aparte e moi longa para que se entenda o que pasa con eses ucraínos só lingüísticamente rusificados e manipulados por xefes enviados desde Moscova con tropas de operacións especiais). De facto, Ucraína está en guerra desde hai 8 anos, pero o militar non ten ningunha presenza na vida do país, agás en Donbas, que non ten forzas armadas suficientes e escaséanlles os armamentos fundamentais para defenderse de Rusia. En cambio, Rusia ten un exército enorme cun exceso de armamentos, e ten detrás unha sociedade que foi militarizada como parte da guerra híbrida que leva a cabo para restaurar a potencia imperialista que era a URSS como herdeira do imperio dos zares. Abonda con ver as bacanais do día da vitoria cando ata os nenos son vestidos de uniforme con armas de xoguete, todo baixo o lema “de ser necesario, ímolo repetir”, quérese dicir, chegar en tanques a Berlín ou máis alá, porque segundo a propaganda putinista Rusia está rodeada de inimigos rusófobos.

“En Ucraína había grupúsculos ultranacionalistas, nos que se atopaban algunhas propostas que se poderían comparar co nazi, pero desapareceron completamente da vida pública despois de 2014. A agresión de Putin convertiu a todo o pobo de Ucraína, rusófonos incluidos, en nacionalistas no sentido de patriotas do seu país. Sen querelo, contribuiu á formación da nación política de Ucraína”
E o da desnazificación?

En Ucraína había grupúsculos ultranacionalistas, nos que se podían atopar algunhas propostas que se poderían comparar co “nazi”, pero desapareceron completamente da vida pública despois de 2014. A agresión de Putin convertiu a todo o pobo de Ucraína, rusófonos incluidos, en nacionalistas no sentido de patriotas do seu país. Sen querelo, contribuiu á formación da nación política de Ucraína, que integra a todos cantos se sinten parte do país como a súa comunidade patria, independentemente da orixe ou a lingua. Por outra parte, é importante subliñar que a desmilitarización e a desnazificación é o que practicaron os aliados en Alemaña despois da súa derrota en 1945. Pódese entrever así a visión de Putin, que vive no pasado. Vai destruir o estado ucraíno, xa expresou suficientemente a súa dúbida sobre a existencia do pobo ucraíno e quere incluir o seu territorio no eu imperio moribundo.

Que capacidade ten Kiev para resistir ao exército ruso?

Kiev é o obxectivo número un para Putin. Quere destruir da maneira que sexa o goberno para, di, poñer orde nun país ingobernable. É como comezou en Crimea e Donbas. Por iso, os defensores teñen que facerlle fronte a moitísima forza militar, en calquera caso superior numericamente. Están preparados para isto. Entregóuselles armas á poboación que é capaz de pelexar. A moral é altísima. Demostrouno o presidente Zelenski nos seus discursos. Están dispostos a morrer, pero non se rendirán. Porque se trata do destino da nación, Putin non aceptará ningún armisticio sen capitulación. Vai ser imposible negociar con el. Víuselle incluso histérico cando chamou por televisión aos militares ucraínos animándoos a que deran un golpe de estado.

Que escenarios imaxinas para Ucraína nunha posguerra baixo a éxida de Moscovo?

Non quero nin imaxinalo. Putin quere que Ucraína desapareza como tal. Está seguindo o guión de Hitler (Sudeten, Austria, Polonia, etc.), pero non de maneira tan impaciente. Síntese xenial ao ver que todo se pode facer de maneira híbrida. O mundo toléralle as súas anexións e as súas agresións. Cando ve que o mundo non o detén de verdade, que deixa que se quede co que tragou, segue avanzando. Despois de derrotar a Ucraína, podería disgregala provisionalmente. Xa incorporou Crimea, e na súa delirante imaxinación xa ten a dúas repúblicas de Donbas fóra de Ucraína. Podería crear no resto unha Novorosia e montar unha estrutura títere no resto do país. Logo serían integrados da mesma maneira na Federación. Non o estou pintando negro; Putin deixou ver suficientemente claro que non se vai deter. Na grabación -porque non foi en directo- do seu recoñecemento das repúblicas de Dombas deixou ver como tatexaba o xefe do seu servizo de inelixencia exterior: o mundo debe ver que ten baixo o seu absoluto control á súa camarilla e a todo o país. O seu réxime autoritario xa é hibridamente totalitario. Pensemos na masiva bagatelización do ditador Stalin coma un xerente eficaz.

Como valoras a reacción de Europa?

Diplomaticamente falando, prudente. Sabe que se intervén, Putin non parará, e o conflito será continental. Se botamos un vistazo aos últimos decenios, podemos decatarnos de que Putin primeiramente chantaxea, e se non o cren capaz de facer realidade a ameaza, procede. Foi suficientemente honesto como para contar en moitas ocasións que medrou con gamberros da rúa de Leningrado, e coa súa moral, a de que hai que ser o primeiro en asestar o golpe, porque o débil sempre acaba recibindo unha paliza. Necesita sentir que lle teñen medo. Non ten efecto enfrontarse a un bandido armado predicándolle o decálogo. Ucraína non lle importa; está ameazando a Occidente, Europa, a OTAN, todo o entorno inimigo, agardando que China non se poña do lado de Occidente, que é o seu rival. Entendo que Europa non queira enfrontamento, porque o prezo será demasiado alto. Pero o caso é que Putin non deixa ningunha alternativa. Non está só agredindo a Ucraína, está agredindo a elección europea que esta fai. E xa está indo contra Europa. As sancións deben ser pertinentes como mínimo, pero se non se consigue agora mesmo que Rusia se retire do territorio ucraíno, incluíndo Crimea -coa conseguinte eliminación de tódalas bases militares rusas- e as repúblicas de Donbas, así como a retirada do exército ruso do enclave moldavio de Transnistria, que é unha ameaza permanente tanto para Moldavia como para Ucraína, de pouco servirán.

“Despois de derrotar a Ucraína, Putin podería disgregala provisionalmente. Xa incorporou Crimea, e na súa delirante imaxinación xa ten a dúas repúblicas de Donbas fóra de Ucraína. Podería crear no resto unha Novorosia e montar unha estrutura títere no resto do país. Logo serían integrados da mesma maneira na Federación”.

Estamos ante un posible cambio do statu quo que peche a posguerra fría? 

Véxoo demasiado terminolóxico. Que era a guerra fría? Cando rematou? Estou convencido de que a guerra xa está en curso. Nada de fría. O novo ou o inesperado da agresión de Rusia contra Ucraína é que sucede en Europa entre estados recoñecidos internacionalmente. Os derramamentos de sangue en Alto Karabaj, Transnistria, Bosnia, Chechenia, etc. non eran discordias internas, cando menos as súas repercusións e consecuencias eran europeas, internacionais. Iso de que a desaparición da Unión Soviética e do Pacto de Varsovia significou a fin da guerra fría foi un (auto)engano. É certo que apareceron novas formas de cooperación entre os países ex socialistas e o resto do mundo, e que a comunidade internacional ten máis influencia no respeto dos dereitos humanos, e que se xulga a criminais de guerra, pero non a todos. Os conflitos bélicos son menos atroces que no século pasado? A precisión das armas aumentou enormemente, sen embargo os proxectís seguen chegando á poboación civil, e non só por erro. Lamentablemente, a mente de Putin non está nin sequera nesta modernidade, agás no tema das armas; vive no pasado e pretende conseguir unha nova Yalta, onde en 1945 Roosevelt, Churchill e Stalin se repartiron as esferas de influencia en Europa.

Coidas que este episodio marca un punto e aparte nas relacións entre Europa e Rusia?

Sen dúbida. Máis aínda, Europa non debería ter permitido este calexón sen saída. Non sei como se podería resolver todo. Digamos que me sinto como un médico que ve claramente tódolos síntomas dunha fatal enfermidade da besta e que só a podería salvar unha intervención cirúrxica, pero non coñezo a ningún ciruxán que o faga.


Alexis B. Romanov é doutor en Historia pola Universidade de Kiev.

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]