Fráxiles, fallidos e incluso colapsados. A violencia, a inestabilidade política e as desigualdades socioeconómicas presentes na África subsahariana son a cotío lidas a través de paradigmas interpretativos que ven a orixe de todos os males no fracaso duns aparellos estatais defectuosos. A convulsa actualidade política de Mali e Guinea Bissau serven de escusa para achegarnos á historia da configuración estatal no continente negro e tratar de comprender mellor os tremores que sacuden hoxe a súa realidade social.Nalgúns círculos académicos e nas narrativas empregadas polos poderes político-económicos transnacionais e os medios de comunicación hexemónicos a corrupción, o nepotismo e a violencia étnica e relixiosa parecen atopar o seu paraíso particular nas fendas dos Estados postcoloniais africanos. Segundo estas visións, herdeiras do discurso colonial, a solución a todos os problemas contemporáneos debe pasar irremediablemente pola implementación dun modelo considerado como universalmente válido, isto é, a democracia de corte neoliberal.

Estes discursos, que se teñen revelado como eficaces instrumentos para asegurar os intereses dos poderes fácticos e xustificar as súas intervencións diplomáticas, económicas e militares no continente, amósanse insensibles ás historias e realidades espaciais particulares. Son visións nesgadas e parciais, que dan por sentado que a economía nacional e o Estado son os marcos privilexiados da realidade social africana, ocultando así a participación doutros actores, como as empresas transnacionais e as Institucións Financeiras Iinternacionais (IFIs), na creación da orde social.
Fronte a estas visións fragmentarias, africanistas de diversas disciplinas coinciden á hora de afirmar que África, como calquera outro lugar, non pode ser entendida sen explorar a participación de todos os actores que interveñen na súa Historia. Como sinala o politólogo francés Jean François Bayart, en realidade “a soberanía en África exércese a través da creación e a xestión da dependencia”. O Estado africano moderno atopou na súa relación asimétrica de dependencia externa os recursos para manter a súa hexemonía. As relacións coas grandes potencias, as empresas transnacionais, os cárteles da droga ou as IFIs dan aos actores gubernamentais importantes instrumentos para alcanzar o poder e/ou manterse nel, ademáis de exercer o control sobre as súas empobrecidas, e a miúdo violentamente reprimidas, poboacións.
Dende este punto de vista, o Estado africano é un Estado “extravertido”, que atopa a súa lexitimidade fóra das súas fronteiras en lugar de nas súas propias poboacións. Os golpes militares e as insurreccións sociais que sacuden hoxe países como Guinea Bissau ou Mali responden nalgunha medida a unha continuidade nas dinámicas extravertidas que veñen definindo a configuración estatal na África subsahariana, xa dende o período colonial.
O puzzle malí de norte a sur
O 22 de marzo un golpe militar facía tremer o Estado de Mali e obrigaba a presentar a renuncia a quen fora presidente do goberno dende as eleccións de 2002, Amadou Toumani Touré (coñecido popularmente polas siglas ATT). Tras un pacto coa xunta militar, o 12 de abril a Comunidade Económica de África Occidental (CEDEAO) designaba ao presidente da Asamblea Nacional, Dioncounda Traoré, como presidente interino e xunto con outras instancias internacionais condenaba enérxicamente o golpe e impuña un draconiano embargo ao país, argumentando que Mali fora unha democracia exemplar durante os últimos 20 anos e, por tanto, un puntal para a estabilidade rexional que precisaba ser asegurado.
Os golpistas xustificaron a súa acción como resposta á ineficaz xestión por parte de Touré da rebelión tuareg iniciada en xaneiro no norte do país. A poboación malí sentía que ATT estaba enviando aos seus militares á unha morte segura, polo que a súa xa ferida confianza no Executivo desapareceu por completo. Por iso, o golpe tivo un amplo respaldo popular na capital, Bamako, a pesar de que faltaba só un mes para a celebración de eleccións presidenciais. Para acabar de enredar o asunto, o alzamento militar provocou tal desconcerto no país que foi unha oportunidade política para os propios tuareg e outros grupos armados enfrontados ao goberno central no norte do territorio.
O de 7 abril, tras varios intentos frustrados ao longo do último século, o grupo tuareg Movemento Nacional para a Liberación de Azawad (MNLA) declaraba a súa independencia de Mali. O novo Estado de Azawad, constituido “sobre as bases do laicismo e a democracia”, segundo a súa declaración de independencia inicial, abranguía a finais de maio a metade norte do territorio malí, unha vez que os grupos tuareg lle foron gañando posicións ao exército central dende xaneiro deste ano, cando se reanudaron os enfrontamentos entre ambas forzas, que foran paralizados tralo acordo de paz do 2009.
[quote style=”boxed” float=”right”]As terras do norte de Mali son ricas en ouro, petróleo e gas[/quote]
Pero no éxito da insurreción tuareg hai que ter en conta a outro actor fundamental, que se uniría á declaración de independencia do que a partir do 26 de maio pasaría a ser coñecido como Estado Islámico do Azawad. A alianza entre os nacionalistas tuareg, que grazas a ela gañan apoios á súa causa, e os diversos grupos de base islámica liderados polo movemento Ançar Dine, que conseguen así a súa meta de impoñer a sharia no norte de Mali, busca fortalecer as bases do novo Estado, que é categóricamente rexeitado polo goberno central. Estas terras son ricas en ouro, petróleo e gas, o que explica en parte que a pretendida independencia do territorio sempre fose un asunto controvertido e recibise unha forte oposición por parte do goberno de Bamako.
Para complicar máis o mapa malí, o papel da CEDEAO, que representa os intereses de Francia na súa tradicional área de influencia colonial, é cando menos ambiguo. Mentres condenaba o alzamento militar na capital, respondía inicialmente con tibieza á rebelión no norte, o que é interpretado por algúns analistas como un apoio tácito a esta, dados os seus propios intereses enerxéticos, militares e ideolóxicos na zona, que seica o presidente deposto non asegurou convenientemente. Pouco despois, a organización rexional acordaba co goberno interino brindar o seu o apoio militar para deter esa mesma insurrección. Probablemente a entrada dos grupos islámicos na ecuación fixo reconsiderar as posturas e tirar do manual da chamada “guerra global contra o terrorismo”, tan útil nestes casos.
[quote style=”boxed” float=”left”]Firoze Manji: o pobo cre que os seus gobernos están máis comprometidos cos bancos e as empresas transnacionais que cos seus cidadáns[/quote]
Pero máis alá das historias oficiais, a marxinación e depauperización dos pobos do norte de Malí explica que a rebelión conte, igual ca o golpe no sur, con máis apoios ca nunca. Os nómades tuareg ocupan un inmenso territorio no Sahel que trala descolonización acabou encapsulado dentro das fronteiras de Alxeria, Burkina Faso, Libia, Mali e Nixer e a rebelión tuareg deriva da propia inserción do territorio de Azawad na historia desa rexión. Dende o inicio dos enfrontamentos, os desprazados pola violencia xa se contan por centos de miles e as violacións de dereitos humanos cometidas por todos os actores armados agravan enormemente a situación dunha zona xa empobrecida e devastada por unha seca crónica.
A polarización social no Mali actual é resultado das dinámicas extravertidas que determinaron o proceso da súa configuración estatal e que atopan a súa orixe no proceso colonial. Como sinala Firoze Manji, director do medio panafricanista Pambazuka News, facendo extensible o seu argumento a toda África, “o que pasou nestes últimos 30 anos foi unha desposesión de carácter político, así que o pobo cre que os seus gobernos están máis comprometidos cos bancos e as empresas transnacionais que cos seus cidadáns”. Unha afirmación que, como veremos, tamén serve como marco xeral para entender a realidade bissauguineana, por non dicir outras que nos resultan máis familiares…
Guinea Bissau: crónica dun golpe anunciado
O pasado 12 de abril, na véspera do arranque da campaña para a segunda volta das eleccións presidenciais, un grupo de militares das Forças Armadas Revolucionarias do Povo (FARP) concretaba o cuarto golpe de Estado exitoso en Guinea Bissau dende a súa independencia de Portugal no 1973. Á poboación bissauguineana non a pillou moi de sorpresa, a posibilidade dun alzamento militar víase vir dende o adianto das eleccións trala morte do presidente Malan Bacai-Sanha en xaneiro deste ano. Na primeira volta do proceso electoral, celebrada o 18 de marzo, Carlos Gomes Júnior (coñecido como Cadogo) obtivo o 48,9 por cento dos votos, fronte ao 23,3 de Kumba Yalá, o seu principal opositor, quen fora presidente entre 2000 e 2003.
A candidatura de Cadogo á presidencia do país polo Partido da Independencia de Guinea e Cabo Verde (PAIGC) era incompatible co posto de primeiro ministro que ostentaba dende o ano 2002, o que causou malestar no resto dos candidatos. Pero Cadogo conseguira impoñerse nas primarias do PAIGC a Serifo Nhamadjo, que acabou por presentarse como candidato dun partido independente. Nhamadjo rexeitou os resultados desa primeira volta xunto con outros catro dos principais partidos da oposición, alegando a comisión de fraude electoral por unha serie de irregularidades que, non obstante, non foron valoradas polos observadores internacionais. Neste contexto, o 12 de abril, Cadogo e Raimundo Pereira, daquela presidente en funcións, eran secuestrados por un autonomeado Comando Militar. En cuestión de horas, os candidatos opositores negociaron coas forzas golpistas un acordo polo que Nhamadjo se convertía en presidente dun goberno de transición á democracia.
Ata aquí, unha simple descrición dos feitos, exploremos agora as condicións que facilitaron o éxito do golpe. A deterioración dunhas xa tensas relacións entre o primeiro ministro e a unha historicamente poderosa elite militar concretáronse nos últimos tempos nas súas desavinzas sobre a presencia de tropas angolanas no territorio. Este non é o primeiro golpe de Estado contra o goberno de Cadogo, e precisamente a chegada dos militares angolanos ao país débese a un pacto entre os dous executivos, asinado polo primeiro ministro bissauguineano tralo intento de golpe que sufrira a súa administración en abril de 2010. O acordo, que contemplaba o envío da MISSANG, unha forza de 600 soldados angolanos, despregada no país dende 2011 para asesoralo na reforma das forzas armadas, incomodou a unha parte importante da elite militar, que acabou por unirse este 12 de abril. O comunicado lanzado polas forzas golpistas afirma que o comando non busca ficar no poder, “pero viuse forzado a negociar para protexer ao goberno de ataques que buscan destruir ás forzas armadas con axuda de potencias extranxeiras”.
[quote style=”boxed” float=”right”]Guinea Bissau está empezando a ser etiquetado como narcoestado[/quote]
Pero tralas razóns aducidas polos golpistas o pasado abril existen motivacións que van máis alá do freo ás inxerencias militares estranxeiras ou o rexeitamento das políticas implementadas polo primeiro ministro Cadogo. A todopoderosa elite militar bissauguineana, que tras liderar a loita pola independencia pasou a estar no centro do tráfico de armas no país, teme perder hoxe o control do tráfico das drogas procedentes dos cárteles latinoamericanos con destino a Europa, que fai que Guinea Bissau estea empezando a ser etiquetado como narcoestado, outra oportuna ocasión para “intervencións” exteriores.
As dimensións rexionais e transnacionais do conflito son determinantes. Por unha banda, Angola está interesada nas riquezas naturais do seu curmán pequeno, que conta con enormes depósitos de bauxita, un mineral necesario para a fabricación de aluminio. Nesa mesma banda, entra en xogo tamén Portugal, xa que a compañía petroleira portuguesa Galp Energia ten grandes intereses nas súas excolonias. Petromar, unha empresa de derivados do petróleo, sucursal de Galp Energia en Bissau é, curiosamente, propiedade de Cadogo. O ex primeiro ministro, que segundo o xornalista José Naranjo, “é o dono da gasolina, da enerxía que move ao país”, é tamén o home do bloque lusófono, o defensor dos intereses portugueses e angolanos en Guinea.
Da outra banda, a CEDEAO non está moi contenta co expansionismo angolano na súa zona tradicional de influencia. Neste caso, a diferencia do de Mali, o bloque francófono está claramente alineado cos golpistas e disposto ao envío dunha forza de intervención ao territorio para asegurar o seu éxito. A propia institución rexional, como xa fixera con Outtara en Costa de Marfil no 2011, conseguiu facer valer os seus intereses tralo golpe. Nhamadjo, o actual presidente interino, é o home do bloque francófono. No medio de todos estes intereses, a poboación dun dos países máis empobrecidos do mundo, farta de ver como dende a independencia os seus sucesivos gobernantes e os seus aliados no exterior se reparten o pastel, está saindo á rúa para pedir ser gobernada con xustiza e responsabilidade.
O espertar africano
Mali e Guinea Bissau non son casos excepcionais no panorama africano actual. A chamada “primavera árabe” serviu de catalizador do malestar colectivo máis aló do Sahara. As folgas, manifestacións e outros tipos de expresións do descontento social definen hoxe a vida social dende Exipto ata Sudáfrica. A desconexión entre o Estado e a cidadanía, como está a suceder tamén deste lado do Mediterráneo, prendeu as brasas dun enfado colectivo cociñado a lume lento. Como se desprende da lectura de African Awaking (O espertar africano: as revolucións emerxentes), os movementos que lideran estas protestas “son enormemente homoxéneos xa que todos eles responden a unha experiencia común de desposesión social, económica e política xenerada por tres décadas de neoliberalismo no Sur global, e aínda máis exacerbada pola actual crise capitalista”.
[quote style=”boxed” float=”left”]En África occidental o estado de malestar é xeralizado[/quote] En África occidental o estado de malestar é xeralizado. En febreiro, os senegaleses botáronse ás rúas para denunciar o intento de “golpe de Estado civil” por parte do presidente dende o ano 2000, o case nonaxenario Abdoulaye Wade, que a través de varias reformas constitucionais conseguiu presentarse ás eleccions por terceira vez consecutiva. A principios de ano, unha coalición de organizacións e movementos sociais desafiou ao goberno nixeriano polas súa intención de eliminar o subsidio aos produtos petroleiros. En Mauritania o Movemento 25 de febreiro leva máis dun ano activo, denunciando a situación dos dereitos humanos no país e reclamando a posta en práctica dunhas políticas económicas xustas e equitativas.
Os golpes de Estado, as rebelións e outros tremores están na esencia da historia de África dende a época precolonial. Algúns agochan unha mera loita polo poder e os recursos, outros son a expresión das demandas populares lexítimas que responden ás urxencias do momento. A desposesión política e económica da que teñen sido obxecto históricamente os pobos africanos, concretada en agravios específicos en cada país, grupo social, etnia, etc, poucas veces quedou sen resposta. O novidoso é que desta vez parece que tanto movemento podería poñer a casa patas arriba e acabar por abrir de todo as fendas, como demostran temer os que con tanto celo a custodian.