Sábado 5, Decembro 2020
Home Global A AMEAZA NUCLEAR

A AMEAZA NUCLEAR

por Manoel Barbeitos

Nun dos seus últimos libros (“Cooperación o extinción“), o grande pensador e activista Noam Chomsky denuncia os graves riscos que hoxe en día ameazan a humanidade por mor da crecente capacidade de autodestrucción dende que entramos na chamada “era atómica”. Unha denuncia que debera servir para que todos os cidadáns tomaramos conciencia da extremadamente perigosa deriva na que camiña a humanidade dende fai algunhas décadas. Unha conciencia que en España, e moi especialmente en Galicia, non parece debidamente desenvolvida.

Unha situación preocupante, xa que parece que non somos plenamente conscientes de que ou ben a humanidade pon fin a “era atómica” ou ben esta poralle fin á humanidade. Como nos informa Noam Chomsky na publicación citada, dende o día seguinte ao final da II Guerra Mundial (15 de agosto de 1945) “o rexistro de conatos de accidentes” -nucleares- “é estarrecedor, nalgunhas ocasións por fallos ou erros, aínda que tamén hai certos casos dunha imprudencia alarmante, e a ameaza segue crecendo dun xeito inquietante. Un exame da documentación dispoñible revela con toda claridade  que o feito de que se teña evitado a catástrofe durante setenta anos débese case a un milagre, e non hai que confiar en que milagres semellantes se vaian a dar a perpetuidade”.

Neste alarmante contexto, marcado polos perigos propios dunha era atómica, resulta moi preocupante que non se teñan dado paso serios e contundentes na procura dunha         “resposta internacional, que serva para conter a ameaza dunha guerra nuclear ou, aínda mellor, para acabar coa ameaza eliminando eses monstruosos artefactos“. Todo o contrario, a pesar da retórica e a demagoxia internacional, o desenrolo de distintos programas nucleares non se detén. A proba témola, por caso, nas reiteradas negativas dos Estados Unidos -a maior potencia nuclear a nivel mundial- a instituír zonas libres de armas nucleares. Non falemos da abolición das armas nucleares. É ben certo que non faltaron, nin faltan, iniciativas de organismos -por caso, as Nacións Unidas- e personalidades políticas importantes reclamando a prohibición internacional das armas nucleares. Iniciativas que, desgraciadamente, axiña se quedan no esquecemento ou son abandonadas.

Mentres, os sinais de perigo non desaparecen, todo o contrario. Unha das máis serias nos últimos anos tivo lugar, por caso, cando os Estados Unidos, co beneplácito evidentemente dos estados respectivos (Alemaña, Polonia, Hungría, Romanía,…..) instalou na fronteira con Rusia toda unha batería de misiles nucleares que apuntan a territorio ruso. Que pode pasar se de súpeto hai movementos que alertan a algunha das partes, a ambos os dous lados desas fronteiras, e desperta a alarma dun conflito?  Neste espazo, e entrando na análise de responsabilidades, pódese negar con evidencias e rigor científico que dende a caída do muro de Berlín as actuacións da OTAN, baixo o mandato dos Estados Unidos, non camiñan na dirección de acentuar as hostilidades con Rusia, poñendo así en risco a paz mundial?. Que pasaría se Rusia responde as constantes provocacións dos falcóns estadounidenses?. Que pasaría se Rusia quixera despregar misiles nucleares preto das fronteiras dos Estados Unidos?.

Ou, mais polo miúdo e a nivel rexional, que pode pasar se as permanentes relleiras entre a India e Paquistán, con Cachemira como pretexto, se transforman nun conflito militar a unha escala superior?  Fai falta lembrar que estes dous países teñen armas nucleares?.   Está, por caso, o Oriente Próximo, dada a agresividade israelí, libre do perigo que subliñamos?.

Algúns pensamos que, dende a caída do muro de Berlín (1989) e o desplome dos países do leste co colapso ruso en cabeza, os riscos dun conflito mundial son maiores polas razóns apuntadas anteriormente. Un conflito que sería mundial e que dado o arsenal nuclear actualmente existente, comportaría a práctica desaparición da humanidade. Como se pode acabar con estas ameazas?. Como nos lembra Noam Chomsky “a inxente mobilización popular en oposición ás armas nucleares que se despregou a principios da década dos oitenta, e que foi un factor de primeiro orde para rematar coas importantes ameazas que se cernían naquel momento“, pode marcarnos o camiño a seguir.

Hai, xa que logo, moito por facer se queremos poñerlle fin á era atómica e que esta non lle poña fin á humanidade.


 

Novidades