A invernía perdurábel

| Fiadeiro

Una tarde parda y fría / de invierno. Los colegiales / estudian. Monotonía / de lluvia tras los cristales
(Recuerdo infantil, Antonio Machado).

Os devotos do café da media mañá seguen coa mesma actitude da semana pasada, cando un bocapodre aireara na televisión do bar as perdurábeis masacres de Netanyahu sobre a poboación palestina: tan aburridos e tan despistados, tusindo indiferenza, mastigando o miolo das horas fabricadas polo monótono reloxo que contabiliza o tempo dende detrás da barra. Seguen aí, como sempre, boqueando cara a pantalla, topeneando e deitando a cabeza no colo da inopia. Iolanda, tan preto e tan ausente, está sentada ao pé da fiestra, observando os avatares do tempo e os aconteceres que desfilan pola cabeza do bidueiro do parque.

Se non fose porque sabemos que todo é finito, hai momentos nos que mesmo pensamos que o inverno, este inverno, non ten pensado marchar. Atópase a gusto na nosa desfigurada Limia, burlándose dos almanaques, empeñado en mostrarnos cada mañá unha mala réplica daquela pelica auguenta dos días de antonte, que tanto botamos de menos. Á súa idade xa debería ir pensando en empaquetar os tarecos e mercar o billete de volta. Compórtase como se non lle importase convivir na mesma casa cunha impaciente primavera, que xa leve tempo agarrada ao seu pescozo, ignorando a data de entrada en vigor dun contrato que nin sequera asinou. Talvez ningún deses dous testáns sabe que, un día destes e tamén sen previo aviso, un verán cos cabeiros aguzados asomará o fuciño para engulilos dunha asentada, sen concederlle o regulamentario trámite de audiencia.

Iolanda goza ao tope mirando a través dos cristais o relax duns cantos pombos, auñados ás canas do bidueiro do parque, que os soporta e atura sen inmutarse. Non se move nada, nin sequera as últimas follas secas se atreven a desprenderse definitivamente das gallas, talvez polo medo a que o tempo e a intemperie as sentencien a podrecer lentamente ata converterse en esterco en calquera recuncho da praza. Na cabeza do bidueiro aínda hai sitio para a parella de pegas ansiosas de arremedar aos pombos. Un merlo vinculeiro súmase á meditación relixiosa, mentres dúas lavercas pasean tranquilamente pola herba, preto da árbore acolledora.

De súpeto e sen licenza unha escuridade imprevista apodérase das horas, a monotonía invernal recupera a autoridade e vén acompañada dun vento animoso que invade discretamente o escenario, entoando a Marcha Turca de Mozart, para facerlle domear a cabeza ao dócil bidueiro, ritmicamente, cara a un lado e cara ao outro. Malia todo, a paxarada non se dá por aludida. Chove a esgalla e Iolanda ponse a contar as pingadas que se esnafran contra os cristais. Ao escampar cálmase o refacho e os paxaros seguen alí sen inmutarse. Canda a calma regresa o silencio e a cadela de Iolanda corre e ladra debaixo do bidueiro, mais os paxaros permanecen impasíbeis. Na televisión do bar non se oíu máis do xenocidio de Netanyahu. Un forte estrondo aniquila a calma e invade o silencio, os da barra seguen sen inmutarse, mais os paxaros levantan o voo e foxen desesperados. Cara a onde irán?

[Díxome o meu tío Lisardo que, en Ucraína e en Gaza, non cesan os estouros, mais iso non tería maior importancia se non for pola maldita inflación que fai que todo custe máis do normal. Maldita invernía! Cando marchará?]