«Homem de ideais que sou, quem sabe se a minha maior aspiração não é realmente não passar de ocupar este lugar a esta mesa deste café?» (Fernando Pessoa, Libro do Desassossego)
Hai uns días fomos á vila porque cumpría mercar algunha chafallada, desas que ás veces –só ás veces– non se atopan no súper da aldea. Ou quen sabe, ao mellor fomos para embobar a mente, ou para matar o tempo, ou para corroborar por enésima vez que o mundo da vila non é distinto do da aldea.
Ao pasar por diante da parada do bus vimos a Iolanda sentada nun banco, indiferente e melancólica, coa ollada distraída, como se o mundo e o tempo non lle importasen un can; parecía estar a velas vir. Porfiámoslle para que viñera canda nós e negouse rotundamente, afirmando que o transporte público é un dereito e os dereitos se non os exercemos a escape nolos fulminan. Contounos que viñera mercar dúas galiñas e que discutira coa vendedora das churras. Díxonos que, ao chegar á tenda, foi directa ás gaiolas da paxarada e a dona, sen lle preguntar que quería, explicoulle que as castañas e as negras eran as normais porque poñen ovos acastañados, non como as brancas que os poñen brancos, nin como unhas agrisadas que os poñen azuis, ou outra raza de negras que os poñen moi grandes. Iso si, mentres as normais poñen a diario, esas fano día si e día non. Iolanda seguía enfadada pola altivez da vendedora, pois cando quixo saber cales eran os mellores ovos, ou cales posuían máis proteínas, ou cando comezarían a poñer as que finalmente escollera, a vendedora seica lle respondeu de malas maneiras, ata o extremo de tratala de parva por non decatarse que estaba a falar da casca e non dos ovos propiamente ditos, os cales, por dentro, son absolutamente idénticos. E Iolanda, no canto de acovardarse, replicoulle que se todos ovos son iguais non ten sentido perder media mañá trapeleando sobre as cores da casca, como se semellante anécdota debera converterse en algo relevante.
A liorta seica ficou eclipsada por mor dun comentario da piteira, ao coarse no comercio o barullo das furgonetas da campaña electoral: «Tanto teñen uns como os outros, todos son iguais», comentou a tendeira. E Iolanda rebateulle a tese afirmando que os partidos son como os ovos, mais coas características ao revés: parecidos na casca e distintos por dentro; diferéncianse na esencia e na substancia, pois, malia pretender asemellarse na campaña, hai uns que defenden o país nas vésperas das eleccións, outros que o fan tamén na precampaña e outros que non deixan de defendelo ningún día do ano. Velaí a diferenza.
[Ao meu tío Lisardo amólalle moito comprobar como, cada día que pasa, hai máis despistados que valoran en exceso as aparencias, despreocupándose da esencia das cousas e do benestar da xente]