Que é o consentimento sexual? O termo consentimento provén da palabra consenso, que significa acordo mutuo, a única forma de asegurar a igualdade na relación sexual, un acordo mutuo para realizar unha práctica sexual. Cando se produce violencia sexual? Calquera acto sexual non consentido por unha das partes implicadas, exista ou non forza ou intimidación, unha relación de parella, afectividade ou parentesco. Diante destas preguntas xorden outras: o exercicio da túa liberdade aporta liberdade a outros? Cando tes a posibilidade de elixir, es libre para elixir, e exerces a túa liberdade sobre outro, debes pensar se esta liberdade está limitando a liberdade doutros. A responsabilidade dos nosos actos é respectuosa co outro? A liberdade debe estar unida á responsabilidade e crear unha liberdade colectiva, ser conscientes de que o mellor para min é tamén o mellor para o outro, favorecendo achegármonos e entendérmonos desde o respecto.
A posibilidade dunha educación sexual como materia establecida de acordo ás etapas de desenvolvemento dos estudantes foi proposta antes da LOXSE, mais con esta lei decaeu a súa importancia e se converteu nunha materia transversal. Hoxe desapareceu esta materia transversal, e nos centros educativos impártense actividades puntuais sobre anatomía, anticoncepción, diversidade sexual, charlas con expertos arredor dos dereitos sexuais e reprodutivos…
Se os abusadores ocupan posicións de poder e influencia, as vítimas mesmo se poden sentir culpables, avergonzadas ou incapaces de falar sobre a súa experiencia.
Tendo en conta os prexuízos actuais e os atrancos aos que se enfronta a mocidade, parece necesario promover a formación continua dos docentes neste ámbito, a actualización de contidos, a colaboración con expertos e a participación dos estudantes, así como a prevención do abuso e a violencia sexual. Dar información a mozos e mozas sobre os seus dereitos sexuais apodéraos para identificar situacións de risco e buscar axuda se son vítimas de abuso ou violencia, ademais contribúe a desmitificar a sexualidade e rachar con tabús e prexuízos arraigados, o que promove unha visión máis saudable e positiva para potenciar a autoestima e seguridade.
Una educación que axude a distinguir información de desinformación sobre aspectos sexuais, riscos, enfermidades, diversidade de xénero, etc., é fundamental para construír unha sociedade na que homes e mulleres se expresen de maneira libre e orgullosa, e promover relacións sexuais seguras e respectuosas, e implementar políticas e protocolos claros para previr a violencia sexual.
Previr e sancionar o abuso sexual
As repercusións dos actos machistas inclúen un dano ás vítimas, en moitos casos irreparables, con traumas físicos, emocionais e psicolóxicos que poden durar toda a vida e, se os abusadores ocupan posicións de poder e influencia, as vítimas mesmo se poden sentir culpables, avergonzadas ou incapaces de falar sobre a súa experiencia. “O pasado sábado 17 de xuño vivín unha situación moi incómoda con Íñigo Errejón (@ierrejon) que se podería clasificar como agresión sexista. Non sei se isto chegará a algún sitio, pero eu me sinto co deber de contalo. Tamén agradecería moito a difusión”. Xuño 2023, plataforma X. Esta mensaxe foi eliminada e non transcendeu ata hai poucas semanas.
A perda de credibilidade cara figuras públicas é un feito que desmantela todo o respecto e admiración por personaxes influentes, que semellan decorados sen contido, ademais de traer consigo a perda de confianza nunha sociedade que parece doente e da que beben as xeracións máis novas. As consecuencias son devastadoras. A normalización e perpetuación deste tipo de comportamentos fomentan unha cultura de impunidade, tolerancia e xustificación dos abusos sexuais que contradín o fomento do respecto e consideración ao outro.
O debilitamento da loita contra o abuso sexual, outra das consecuencias nefastas destes actos machistas, é claro que obstaculiza os esforzos de prevención pola protección ou encubrimento dos abusadores debido ao seu status ou influencia, dificultando a denuncia, persecución e condena. Previr e sancionar o abuso sexual en todos os ámbitos é o desexable para brindar apoio e xustiza ás vítimas.
Educar en sexualidade
O apoderamento da muller é un feito potencial aínda non adquirido na nosa sociedade, unha sociedade orgullosa de lanzar quilómetros e quilómetros de palabras sobre educación sexual e erradicación de violencia machista, moitas palabras lanzadas por personaxes mediáticos instalados no patriarcado de maneira escura, sen vergonza nin decencia. Un deles, do que aínda moitos estamos en shock, é o caso Errejón, un deputado que tiña expresado a súa solidariedade coas mulleres en decenas e decenas de discursos aos que hoxe se lles aporía o adxectivo de mentireiros.
‘Debemos entender a violación como violación e que no noso país as mulleres poidan camiñar tranquilas pola rúa.’ ‘Só si é si e todo o demais é non.’ ‘É hora de plantarnos e de poñer fin á fustrigada ás mulleres nas redes.’ Ou ‘Póñenme mal as campañas de sensibilización para que as mulleres denuncien cando logo as sentenzas son vergoñentas, como se arquivan denuncias ou como hai denuncias que logo quedan en nada.’ Todas estas frases tan bonitas no papel téñense convertido en fume, un fume negro que sinala claramente a necesidade de seguir insistindo nunha educación que, sobre todo, axude ás vítimas a saber desenvolverse nunha sociedade que segue sendo machista.
A violencia non está normalizada desde que nacemos. Os nenos e nenas rexéitana, pero a medida que medran os estereotipos, vanse impoñendo e esta violencia acéptase. Por iso é imprescindible que a sexualidade se aprenda desde calquera ámbito, educar nunha sexualidade que nos despoxe do medo e dos complexos que nos fan absolutamente manipulables, perdendo o control para diferenciar o que debemos facer e o que non debemos facer.