As acusacións de acoso sexual (unha delas xa elevada ao ámbito xudicial) lanzadas contra Íñigo Errejón, deputado de Sumar, e a súa carta pública de xustificación e implícito recoñecemento da veracidade (nun certo grao, cando menos) das acusacións, co conseguinte abandono da súa acta no Congreso, non é un máis entre os por desgraza numerosos casos de violencia contra as mulleres cos que, cunha frecuencia insoportable, nos golpea a actualidade.
Non o é, evidentemente, pola personalidade do acusado, quen destacou por abrazar as teses feministas que forman parte central do programa dos partidos nos que ten militado (Podemos, Más Madrid, Sumar), e que en non poucas ocasións asumiu en primeira persoa a denuncia de actos coma os que agora se lle atribúen a el.
Casos coma este amosan a evidencia de que as reivindicacións feministas teñen aínda un longo camiño por diante. Obrigan a aceptar que séculos de patriarcalismo non se desmontan coa simple promulgación dunhas leis igualitarias.
Como cabía agardar, os partidos da dereita e extrema dereita, que alimentan unha “guerra cultural” na que a impugnación do discurso feminista é eixo principal a carón da xenofobia anti-inmigración, alí onde noutros casos reclamaban a “presunción de inocencia” e espallaban sospeitas sobre a fiabilidade das acusacións, agora proclaman a “hipocrisía” do acusado e entréganse á rexouba coa súa caída en desgraza, como se ela implicase o fracaso do propio feminismo. Hipocrisía, se cadra si, análoga á que tantas veces se atribuíu con razón a eses políticos da dereita tradicional afíns á presenza pública nos cerimoniais católicos e privada nos prostíbulos, ou a políticos de calquera cor martelo de corruptos e logo corruptos eles mesmos.
Mais, é este un caso que probaría o fracaso das políticas feministas, coma se quere facer crer? Non o parece. Máis ben a evidencia de que as súas reivindicacións teñen aínda un longo camiño por diante. Contra aquela pretensión, que a finais do pasado século algúns e algunhas chegaron a proclamar, segundo a cal o recoñecemento formal (legal) da igualdade entre homes e mulleres marcaría a consecución definitiva dos obxectivos feministas, casos coma este obrigan a aceptar que séculos, milenios, de patriarcalismo non se desmontan coa simple promulgación dunhas leis igualitarias.
Por outra parte, o xogo retórico da ambigua carta pública de Errejón, con esa distinción entre o “personaxe”, coa súa presión tóxica, e a “persoa”, trocada en vítima involuntaria dun sistema máis poderoso ca calquera vontade individual, alén do que ten de feble argumento exculpatorio, parece situarnos no interior dunha concepción da vida política atrapada nun xogo de egos, debedora de universos ficcionais como aquel Xogo de tronos que tanto agradaba a Pablo Iglesias.
Contra esa asociación da vida política coa espectacularización dos relatos televisivos, non precisariamos unha rehumanización dos representantes políticos, persoas e non personaxes? O que significaría, por parte dos representantes políticos, abandonar as actuacións hiperventiladas que procuran titulares aínda que teñan o custo de impedir toda deliberación razoada, mais tamén a asunción de responsabilidades sen escudárense na perversa dialéctica de atopalas sempre nos “outros” e raramente nos “meus”. Mais significaría tamén, por parte da cidadanía, renunciar á demonización da vida política baixo o absurdo reducionismo do “todos son iguais”, veleno para a democracia e alimento para o ascenso de autócratas, recoñecendo que a corrupción e incompetencia dos políticos non é nin maior nin menor da que hai tamén entre os propios cidadáns que os elixen. Todos persoas.
Nesta dirección de revisar o caso Errejón reformulando preguntas, no canto de nos acomodar ás fáciles (in)certezas do ruído mediático, desde TEMPOS solicitóuselle a tres mulleres puntos de vista que nos permitan ampliar os focos desde onde prolongar a reflexión.
· Un Me-Too político en España? – Ana Area
· O consentimento sexual – Natalia Díaz
· Espectáculo mediático, crise política e espazo público das mulleres – Alba Torrego
Outros artigos relacionados
· De errejones e outros animais – Isabel Blanco