O século XXI vai tomando forma de século chinés. A demorada inserción do megapaís oriental na globalización alterou de forma inevitábel os equilibrios de poder. A nova China presentouse ao mundo sostendo a chama olímpica nos Xogos de 2008 en Pequín. Foi o seu momento de consagración pero, tamén, o punto de inflexión dunha nova Guerra Fría. Comprender China é, máis ca nunca, comprender o presente. Neste 2025 dúas son as obras que, dende Galicia, se teñen escrito coa lupa posta sobre a República Popular. Unha, a do profesor Albino Prada, que con El regreso de China: la globalización imposible (Universidade de Vigo, 2025) actualiza un traballo anterior sobre o impacto crecente dunha potencia que xa fai sombra aos Estados Unidos, deténdose na relación de amores e odios entre os dous xigantes. A outra, a de Xulio Ríos, Marx&China: la sinización del marxismo (Akal, 2025), onde o director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional volve amosarse como un dos grandes referentes dos estudos sobre China e reflectir sobre a complexa relación entre a argamasa ideolóxica e a realidade da experiencia chinesa. Con ambos, conversamos nunha mañá de agosto na Biblioteca Municipal de Tui, Portugal ao fondo, nun espazo fronteiro que tan ben se acomoda para falar dun mundo híbrido e misterioso.
En China, todas as mudanzas no sistema xustifícanse no marxismo. Semella que no contexto político chinés é un significante baleiro, aberto. De que se fala, logo, cando se fala en China de marxismo?
Xulio Ríos: Depende do momento histórico. O marxismo forma parte do vademécum fundamental do Partido. Cando nace en 1921 adscríbese a esa corrente ideolóxica e a fenda significativa daqueles primeiros anos é a loita pola sinización do marxismo que formula Mao, isto é, a adaptación do marxismo ás condicións particulares de China. Isto sucedeu a través dun gran debate interno non exento de oposición. Diferencio tres etapas fundamentais: maoísmo, denguismo e xiísmo, con cadansúa percepción sobre o marxismo. A miña impresión é que na actualidade China vive unha reactivación do ideario marxista, en contraposición coa etapa de Deng onde formaba parte da retórica política pero estaba nun segundo plano, por tras doutras prioridades, como a captación de investimento estranxeiro. Non é que se suprimira, e de feito Deng Xiaoping fala dos catro principios irrenunciábeis, os diques de contención do Partido para que os cambios no sistema non derivasen nun cambio de sistema. O que diferencia a Xi Jinping de Deng é a énfase na reactivación marxista dentro do Partido. Nos inicios do tempo de Xi existía a percepción interna dun perigo de desviación do camiño. A realidade de China hoxe sería moi diferente se chega a ir adiante no ano 2012, antes da toma de posesión de Xi, aquel documento que elaborara o Consello do Estado co Banco Mundial chamado China 2030, que en esencia formulaba a homologación do sistema económico chinés co occidental. Nalgúns sectores do Partido nese momento existía unha certa consciencia de que a corrupción e a influencia liberal chegara a uns niveis que puñan en perigo a pervivencia da concepción fundacional. De aí tamén a idea de ser necesario un rearme ideolóxico dentro do PCCh, sobre todo para encarar a última etapa do proceso de modernización que debe culminar no centenario de 2049. A consigna interna é a de non abdicar do intento de construír unha sociedade alternativa á capitalista liberal. Obviamente, hai moitas contradicións e mesmo incoherencias, pero esa idea de experimentar o proceso e buscar alternativas é o núcleo inspirador da política chinesa de hoxe. Nese proceso, cada dirección do Partido vai concretando manifestacións desa adaptación do marxismo, como a sociedade harmoniosa de Hu Jintao ou a tripla representatividade de Jiang Zemin. É un proceso constante de creación de discurso político que non abdica dese propósito de construír unha sociedade alternativa do signo que sexa. China debe lerse dentro da dinámica dun constante proceso de construción. Eu falo de hibridismo sistémico en transición.
“A miña impresión é que na actualidade China vive unha reactivación do ideario marxista, en contraposición coa etapa de Deng onde formaba parte da retórica política pero estaba nun segundo plano”. (Xulio Ríos)
Albino Prada: Compartindo o fondo do que acabas de dicir, creo que digo unha obviedade se sinalo que o marxismo chega a China como unha ferramenta necesaria para rachar con dous problemas básicos. O primeiro deles, a incapacidade da burguesía nacional chinesa de facer a súa revolución. China atopábase nunha relación semicolonial e de dependencia galopante con potencias capitalistas, igual que lle pasaba á India, sobre cuxa relación con Gran Bretaña falou moito Marx. Certa parte da intelectualidade chinesa recibe isto como aire fresco. Comprenden que poden enfrontarse ao fracaso da súa burguesía nacional para conseguir a auténtica soberanía nacional. Para non estar baixo o dominio de ningunha potencia imperialista, capitalista ou soviética. E isto é Marx. El nomea estas contradicións e dá ferramentas fundamentais. Explica que todo deriva dunha concepción do mundo baseada nas mercadorías, onde o traballo é unha mercadoría máis utilizada polo capital. A crítica marxista busca que a clase traballadora sexa o axente determinante que marque a axenda política no país. Esa procura da soberanía nacional inspirada nos textos de Marx segue a ser crucial.

XR: É unha cuestión determinante. A idea de non caer nas redes de dependencia de Occidente é unha das grandes preocupacións do liderato chinés.
“Deng Xiaoping visitou as fábricas de automoción en París nos anos 20 e comprendeu que ou eran capaces de replicalo ou non tiñan nada que facer. Por iso rompe, conscientemente, de xeito radical co xiro histórico de China“. (Albino Prada)
AP: Na segunda parte, na chegada á utopía marxista, Mao di que o socialismo será imposíbel durante decenios ou mesmo séculos. Polo tanto, canto vai levar o proceso? Deng di que chegaremos ao socialismo dando un longo rodeo polo capitalismo. Sobre esta segunda parte, a construción doutro sistema -crucial para un marxista- todo é máis borroso. Pero na parte fundamental para a China dos anos 40 de conseguir, como fixo a India, a efectiva independencia nacional, segue a haber un profundo legado marxista. Podemos pensar en moitos pensadores marxistas que viñeron despois como Samir Amin que fixeron desta cuestión un asunto chave.
XR: Deng Xiaoping introduce unha idea novidosa como é a configuración da etapa primaria. A idea de que durante un tempo, antes incluso de iniciar a transición ao socialismo, hai que convivir con certas formas económicas capitalistas. A continuidade do proceso e o seu sentido histórico corresponden a un Partido Comunista capaz de limitar aqueles sectores que quixesen pugnar por un cambio de modelo. Foi semellante ao que fixeron os mandaríns coa pequena burguesía emerxente, permitindo a pervivencia do feudalismo en China até o século XX.








