Roberto Pascual, Director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia

Sorprendeu cando, a piques de comezar a representación dun novo espectáculo no escenario do Castelo, el mesmo deu conta de que xa non ía seguir dirixindo a Mostra Internacional de Teatro, que este ano conmemorou con máis éxito ca nunca os seus 40 anos de vida. Co público asistente posto en pé, Roberto Pascual recibiu unha longa salva de aplausos. Unha espontánea homenaxe colectiva que premiaba non só a súa entrega profesional e persoal a un dos acontecementos con maior significación socio/cultural no País -dezaseis edicións, desde que se responsabilizou da MIT no ano 2009 até agora-, tamén a súa capacidade para facer da Mostra unha referencia de calidade entre os máis afamados festivais internacionais de teatro. Os agostos de Ribadavia non terían o engado que teñen sen ela. Nin o teatro galego houbera chegado a cotas de creatividade como as actuais sen facer desa vila, e da Mostra que xurdeu de Abrente nos anos 70 e se internacionalizou no 84, o seu máis definitivo acto fundacional. O crítico teatral de Tempos Novos, Alfonso Becerra, que veu seguindo ano tras ano e a pé de obra a evolución da MIT -a crónica do que deu de si esta 40 edición sae publicada neste mesmo número- conversou co seu xa ex-director artístico, para ver de descubrir o que motiva a súa voluntaria despedida, e de paso sopesar o legado que lle deixa a quen acabe sendo o seu sucesor. 

Dezaseis anos e uns días coa MIT no retrovisor 

 

“Estou en Senegal uns días, descansando, coñecendo realidades diversas e comprobando, dende a distancia, o meu desexo de emprender novos retos nesta etapa de serenidade, autoconsciencia, satisfacción persoal e inconformismo coa nosa situación política e con outras situacións exteriores que nos afectan e que me mobilizan. A convicción de traballar dende o meu ámbito cara aos dereitos e á dignidade dos pobos, contra situacións de opresión e desigualdade, estimúlame e sinto que o que fago, malia o esforzo e os atrancos, ten sentido para a maioría da sociedade, que tanto agarimo me devolveu por todas as vías, especialmente neste peche de ciclo na MIT”. É a resposta de Roberto Pascual cando lle preguntamos por como se atopa aos poucos días de botar o telón a 40 edición da Mostra. “Grazas por esta primeira pregunta, que tamén pon en valor os afectos e os coidados”, conclúe. 

“O festival era un territorio de oportunidades: tiña o pouso mítico e histórico de Abrente e a beleza da contorna. Pero aínda así, era totalmente descoñecido en moitos ámbitos. A nivel de mediación, internacionalización e relación co ámbito académico e institucional estaba todo por facer”. 

Como empezou todo? Quero dicir como comeza a túa vinculación coa MIT Ribadavia e como resultas escollido director artístico en 2009? 

Pois este medio tivo algo que ver. Sendo moi novo, en 2° de carreira, comecei a colaborar en Tempos Novos grazas á confianza de Luís Álvarez Pousa. Empecei facendo reportaxes das curtas de teatro e do Festival Alternativa da Galán e da Sala Nasa e, ao pouco tempo, doutras Mostras e actividades teatrais. Grazas a aquel traballo funme dando a coñecer e cando o Concello de Ribadavia tivo que buscar unha nova Dirección Artística tras o falecemento do anterior director, Rubén García, chamoume o Concelleiro de Cultura para facer unha entrevista porque o meu perfil semellaba reunir as características do que estaban buscando. Foi unha aposta de Anxo Collarte, a quen sempre estarei agradecido por se ter fixado naquel mozo, profesor que escribía en Tempos e na erregueté (Revista Galega de Teatro) e que estaba a iniciar a súa carreira profesional. Defendín a miña proposta, baseada na dimensión internacional e dramatúrxica da Dirección Artística e o daquela goberno de coalición confiou en min a nova etapa, que se abriu na conmemoración do 25 aniversario, cun libro que recolleu o legado anterior, a historia e o espírito de transición paulatina cara a un novo lugar, de recoñecemento da identidade pero cara a unha MIT máis dinámica nas relacións externas e no que non só é a exhibición de espectáculos. 

Antes de entrar como director artístico da MIT Ribadavia tiñas algunha experiencia directa relacionada con esa función da dirección artística, ou fúcheste facendo ao longo destes 15 anos? 

Tiña a experiencia de ser lector de galego e de organizar actividades culturais en Madrid, na Universidade Complutense e no Instituto Cervantes, de onde viña. Deixei aquilo porque conseguín unha praza na ESAD de Galicia en setembro de 2008, meses antes de ser nomeado director da MIT. Tamén en Santiago de Compostela tiven a oportunidade de axudar a Roberto Salgueiro na organización do Festival Internacional de Teatro Universitario. A Aula de Teatro foi tamén unha escola de experiencias. 

Cando tomas as rendas da MIT Ribadavia en que estado se encontraba? Ou, noutras palabras: como era o festival daquela? 

O festival era un territorio de oportunidades: tiña o pouso mítico e histórico de Abrente e a beleza da contorna. Pero aínda así, era totalmente descoñecido en moitos ámbitos. A nivel de mediación, internacionalización e relación co ámbito académico e institucional estaba todo por facer. Puxemos en marcha programas como o Iberescena, iniciamos relacións institucionais co Instituto Polaco de Cultura ou coa Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales entre moitos outros, empezamos a facer coproducións con compañías galegas para axudar á súa proxección, abrimos unha liña editorial co Premio Abrente, establecemos convenios de prácticas con Universidades, fomentamos unha expansión territorial de teatro de rúa nas parroquias primando a calidade e non a cantidade, estabilizamos perfís profesionais dentro do esquema organizativo do festival esenciais, como a coordinación técnica ou a Xefatura de Produción, etc. Tamén para isto houbo que pelexar por máis orzamento e haberá que seguir facéndoo.

“Foron máis de 350 espectáculos cos que contei para deseñar os relatos e os camiños das 16 edicións que propuxen e de todos gardo recordos. Marcáronme espectáculos no artístico, na adaptación ao espazo, nas relacións afectivas do colectivo…Acompañar os primeiros pasos de Il Maquinario, A Panadaría, ButacaZero (…)”. 

Lembro que hai anos a MIT Ribadavia, malia ser un referente histórico baseado sobre Abrente, a nivel económico estaba na mesma situación que o resto de festivais de Galicia, como poden ser a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo ou o Festival Internacional de Teatro de Ourense, que concorren ás axudas públicas anuais convocadas pola Agadic da Xunta de Galicia. Seica nun momento dado, non lembro o ano, a MIT Ribadavia pasa a un nivel superior e a ser incluída dentro dos orzamentos da Xunta, librándose así de ter que presentarse cada ano a unha convocatoria de subvencións e á incerteza que iso supón, porque pode ser que, un ano, non cha concedan ou que non che dean todo o diñeiro que necesitas. Nestas circunstancias, a cuestión é: que gañou, pero sobre todo, que perdeu a MIT Ribadavia ao pasar a ser directamente dependente da Agadic da Xunta de Galicia? 

Así é. Dende que a MIT recibe o Premio da Cultura da Xunta de Galicia, en 2013, o festival conta cun convenio de colaboración, debido á singularidade e posición canónica do festival na historia da cultura galega e a día de hoxe. Un convenio entre a Agadic e o Concello por unha cantidade de 60.000€, que non mudou dende hai máis de 10 anos. Un convenio é bo, malia a burocracia cada vez maior, pero estancar a axuda e non ter en conta nin a suba do IPC, nin a suba de gastos por mor de novos convenios sectoriais nos últimos anos ou dos gastos de mobilidade, por exemplo, non é positivo. A inercia e a ausencia de avaliacións cualitativas dos proxectos a medio prazo e con posterioridade significa non ter un rumbo nin un deseño estratéxico de política cultural para un país. Neste contexto non só perde a MIT, senón todo o sistema cultural, porque todo el, no seu conxunto, precisa soster e manter e non só facer. 

De todos os espectáculos que programaches ao longo destes 15 anos, así, sen pensalo moito, cales foron os que deixaron máis pegada en ti e por que? 

 Mellor non pensalo moito, porque foron máis de 350 espectáculos cos que contei para deseñar os relatos e os camiños das 16 edicións que propuxen e de todos gardo recordos. Por diversos motivos, marcáronme espectáculos no artístico, na adaptación ao espazo, nas relacións afectivas do colectivo… Por exemplo, marcoume o vínculo coa actriz de La Merda, por ter que facer eu mesmo a tradución ao galego dende o italiano e respectando o ritmo tan importante deste espectáculo na sobretitulación. Teño gravada a función de Don Juan (memoria amarga de mí) e a morte súbita do seu extraordinario actor Miguel Gallardo meses despois. A delicadeza con que Pippo Delbono trataba a Bobó. Acompañar os primeiros pasos de novas compañías que serían cos anos un referente do teatro galego: Il Maquinario, A Panadaría, ButacaZero… Os ensaios hipnóticos de Marina Otero ou de Marcos Morau pola noite no Castelo, onde o cansazo ficaba aparte e permanecía no privilexio de ver toda esa beleza en solitario, no medio da madrugada estrelada. Tamén destaco os espectáculos máis arriscados e que máis controversia suscitaron, como o de Philippe Quesne, que tanto nos fixo reflexionar e a min seguir investigando sobre a Dramaturxia da recepción. Ou os retos técnicos de Golem, de TeatroCinema ou do Ubú Rei de Declan Donellan. En fin, moitas cousas gravadas, coma ese baile enriba do escenario ao final do Hamlet de Chela de Ferrari, onde un elenco de persoas con síndrome de Down armou unha boa festa e espertou moitas consciencias convidando ao público a subir. 

Vou atreverme a pedirche que confeses cales foron os mellores momentos que lembras destes 15 anos á fronte da MIT Ribadavia. E, en xeral, que é o mellor de dirixir un festival coma este? 

Os mellores momentos sempre son os encontros, as conversas, as mensaxes. Teño moitas gardadas. Emotivas polo que me din que significa a MIT para elas e para eles. A min a MIT tamén me serviu moito a nivel académico para facer unha tese de doutoramento sobre un ámbito que me entusiasma e do que aínda necesitamos divulgar e consolidar: as Direccións Artísticas dos espazos. En todo iso, nos afectos e na xeración de coñecemento, participaron moitas persoas: Quico Cadaval, Hugo Álvarez, Fabrice Corrons, Marta Pazos, Marianella Morena, Marco Layera, ti mesmo e un longo etcétera de momentos arredor da escena e da vida tremendamente estimulantes. Tamén no capítulo de momentos especiais está ver ás persoas maiores saír ao balcón para asistir a un espectáculo na rúa, cunha expresión nos seus rostros difícil de esquecer. 

“Os peores tragos prefiro gardalos, pero case todos teñen que ver con afán de protagonismo político, exhibición de poder camuflado entre complexos ou desgustos burocráticos cos que se perde tempo e se gasta enerxía, moita, para resistir. Neste senso, a resistencia ás veces é dura…” 

E vou a atreverme tamén a pedirche que confeses cales foron os peores tragos que lembras da dirección da MIT Ribadavia. E, en xeral, que é o peor de dirixir un festival coma este? 

Os peores prefiro gardalos, pero case todos teñen que ver con afán de protagonismo político, exhibición de poder camuflado entre complexos ou desgustos burocráticos cos que se perde tempo e se gasta enerxía, moita, para resistir. Como di a escritora Remedios Zafra: “a burocratización da vida dos traballadores culturais corre o risco de neutralizalos, cansándoos de antemán para aliarse e reivindicar, pero tamén apagando a súa paixón intelectual. O risco é a perda do máis valioso: a liberdade que converte á creatividade humana nalgo transformador.” Neste senso, a resistencia ás veces é dura, non sei se do peor, pero ten momentos difíciles, de soidade e abatemento. 

“Presento a renuncia a petición propia e dándolle normalidade, como acontece en calquera centro cultural europeo, onde o normal é desenvolver unha Dirección Artística entre 10 e 14 anos, con planificación das fases, mesmo a partida. É democrático, positivo e pedagóxico”. 

“Non convén eternizarse nun mesmo posto de responsabilidade pública, débese ter sentido institucional tanto nos momentos de defensa das debilidades coma nos momentos máis florecentes. A honestidade e o sentido de servizo público para os dereitos da cidadanía deben estar por enriba dos sentimentos egoístas que poidan darse en situacións de estabilidade e recoñecemento amplo coma esta.” Son declaracións túas publicadas pola prensa xeralista, ao día seguinte de anunciar que deixabas a dirección da MIT Ribadavia. Pero a min, estas declaracións, sóanme como moi de fórmula institucional e política. Ti estabas facéndoo moi ben e non se sabe que houbese ninguén que reclamase a túa saída. Entón, á marxe de non eternizarse no posto e incluso da “oportunidade para que a Mostra poida seguir no bo camiño e darlle normalidade ás transicións, que na maioría dos casos se dan por motivos non positivos”, como tamén dixeches, segundo recolle a prensa, que máis hai para saíres da dirección da MIT Ribadavia? 

A decisión é persoal, profesional e moi meditada. Non é nin unha arroutada nin está motivada por outra cousa que non sexa esa, certamente. Presento a renuncia a petición propia e dándolle normalidade, como acontece en calquera centro cultural europeo, onde o normal é desenvolver unha Dirección Artística entre 10 e 14 anos, con planificación das fases, mesmo a partida. É democrático, positivo e pedagóxico. Non nego que nos meus 15 anos, despois dunha dedicación e dunha implicación moi intensa e de moitas renuncias, agora tamén teña ganas de emprender novos rumbos persoais e profesionais. Para iso, como dixo nalgunha ocasión a miña admirada Marta Pazos, “hai que saber desprenderse para poder abrazar ben o novo.” 

Nesas mesmas declaracións túas que recolle a prensa, sinalabas que a túa saída é unha oportunidade para que a “Mostra poida seguir no bo camiño e darlle normalidade ás transicións”, pero como se garante iso de seguir no bo camiño, porque tamén podería acontecer o contrario? 

Nada está escrito, efectivamente. Pódese axudar, colaborar no traslado de compromisos (por exemplo coa Fundación Manuel María, coas coproducións en marcha para 2025, Reconversión de Ibuprofeno ou Non pasarán da cía. Ártika), intentar que a transición conte co vento a favor e a proxección social que foi conseguindo a MIT, co seu carácter e identidade, pero confiando na cosmovisión e na aposta do tipo de experiencia artística que queira deseñar a nova Dirección Artística. Dende esa necesaria liberdade, todo pode acontecer, non hai fórmulas máxicas, pero o carácter popular e contemporáneo da MIT marca certas liñas na carta de navegación. O resto é posicionamento, criterio, sentido da responsabilidade e defensa profesional da Dirección Artística como un oficio creativo da Arte Dramática. 

“O futuro da MIT dependerá moito do futuro de Galiza, e eu visualízoos con orgullo da súa identidade nun diálogo internacional fluído e produtivo, sen situacións de precariedade (ás veces autoimposta), popular e transversal, á par dos grandes avances na investigación e na innovación da xestión cultural”. 

É indubidable que colocaches a MIT Ribadavia nun lugar privilexiado dentro do panorama dos festivais internacionais, tanto dentro como fóra de Galiza, e que tamén lle deches unha dimensión dramatúrxica á programación, creando públicos cada ano e, ao longo do tempo, un relato moi comprometido cos asuntos máis relevantes da actualidade mundial e local. Non obstante, que é o que che ficou por facer? Ou dito doutro xeito: cales son os asuntos pendentes, se é que hai algún? 

Quizais establecer o código de boas prácticas e un estatuto de funcionamento do festival que lle permita seguir progresando, sen riscos nin avatares políticos. Posiblemente unha Fundación sería un bo garante, como fórmula oficial. Pero a oferta aí está e o Concello de Ribadavia sabe que pode seguir contando coa miña desinteresada colaboración se o considera necesario. 

Xa para rematar vouche pedir que fagas dous flashforwards ou prospeccións temporais. O primeiro: como visualizas o futuro da MIT Ribadavia? 

O futuro da MIT dependerá moito do futuro de Galiza e eu visualízoos con orgullo da súa identidade nun diálogo internacional fluído e produtivo, sen situacións de precariedade (ás veces autoimposta), popular e transversal, con sensibilidade polos coidados e os pequenos detalles (os asentos do Castelo poderían ser máis cómodos) á par dos grandes avances na investigación e na innovación da xestión cultural. 

O segundo flashforward ou prospección temporal ten que ver contigo, que non todo vai ser a MIT Ribadavia, ti tamén nos importas! Que vas facer ti? Que queres ser de maior, porque aínda es un rapaz? Sabemos que vas seguir na docencia, na ESAD de Galiza, e tamén sabemos que, ultimamente, estás adquirindo un perfil político moito máis activo dentro do BNG, cara onde te encamiñas? 

O meu camiño foi, é e será o do activismo. Cultural, docente, creativo, político… En concreto, non sei cara onde collerá máis peso, porque iso non depende só de min nin da miña vontade. O que si sei é que o activismo é unha tarefa colectiva e que unha faceta non ten por que anular a outra. Se algo me caracterizou sempre tamén foi non axustarme a patróns establecidos. Seguirei defendendo o meu país e a cultura como un ben social dende unha visión ecolóxica e transformadora, sexa dende a acción política do BNG, dende a creativa, a académica ou todas xuntas. Todo ten en común a defensa do sistema público (tamén da cultura), a igualdade e o territorio propio libre de espolios e privilexios.