Conversa Antonio Turiel/Xoán Doldán. Decrecer para nun murchar

 

Antonio Turiel (León, 1970) é un expoñente do decrecentismo español. Investigador do CSIC, a súa faceta de divulgador científico colócao como unha autoridade á hora de situar na axenda pública o esgotamento de recursos e a inevitabilidade da fin do crecemento perpetuo. A finais de maio visitou Galicia para impartir na USC a conferencia “Os retos da sociedade europea e galega diante do fin do crecemento”, acompañado polo decano da Facultade de Ciencias Económicas e profesor de Economía Aplicada, Xan Doldán, e o presidente da Rede para o Decrecemento, Miguel Anxo Abraira. Doldán foi, ademais, director do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) e vicepresidente da Asociación ‘Véspera de nada. Por unha Galicia sen petróleo’. Con estas dúas voces autorizadas sobre o colapso enerxético, a fin do crecemento e a necesidade dunha viraxe total na relación do ser humano co seu medio conversamos a escasas horas de que o Goberno español fixese público o informe sobre o apagamento eléctrico do 28 de abril. 

 

O título da charla alude á inevitabilidade da fin do crecemento. Atravesamos un punto de non retorno? Cal é a diferenza entre esta fin do crecemento e o decrecemento? 

Antonio Turiel: Respecto á primeira pregunta, sabemos dende hai décadas grazas a distintos estudos que é imposíbel un crecemento infinito nun planeta finito. O noso diagnóstico é que xa estamos chegando a moitos límites que imposibilitan o crecemento. Deixar de medrar non é unha elección voluntaria, senón a evidencia dunha imposibilidade física, motivada pola falta de recursos e a acumulación de problemas ambientais e doutro tipo. Atopámonos nas primeiras fases desta incapacidade de medrar que levará, inevitabelmente, a un descenso. Eu distingo entre o descenso enerxético e material, derivado desta incapacidade e tan fisicamente inevitábel como non elixido -non deriva dunha conciencia ambiental-, e o decrecemento. O decrecemento é unha proposta política que afronta este descenso, caracterizada por dúas características fundamentais. A primeira, o seu carácter democrático. É unha saída democrática a estes desafíos, en contraste coas que se están a procurar a día de hoxe que provocan pobreza e exclusión. Ese proceso exprésase na xentrificación ou na crecente precariedade. A segunda característica é o carácter planificado do decrecemento. Para responder a problemas complexos debemos afrontalos de xeito holístico e dar respostas á altura. Agora mesmo non existe ese debate transversal, pero esas son as dúas características fundamentais, probabelmente acompañadas de moitas outras, que deben definir unha proposta decrecentista. Especialmente dende o punto de vista técnico, estas son as características máis salientábeis. 

Xoan Doldán: Realmente, hai moito tempo que se vía que antes ou despois deberíamos chegar a estas reivindicacións. Hai advertencias dende hai décadas, pero non nos preparamos para esta situación. Sinxelamente, deixamos que chegase. Seguramente a solución acabará sendo abrupta por non ter existido unha preparación, entre outros motivos porque o capitalismo sempre avogou polo crecemento como a única vía para funcionar, como consecuencia da acumulación de capital. Dicíase que sempre habería unha solución que permitise saltar por riba dos límites do planeta. Seguimos con esa mesma receita hoxe en día por parte dos poderes económicos, pero isto non é posíbel, e por iso se quere ir á solución que daba Antonio: o mercado acabará por levar a que unhas persoas sigan a cubrir sobradamente as súas necesidades mentres medra a miseria e o volume de persoas apartadas do reparto da torta. Mentres foi posíbel medrar, as migallas dese crecemento foron chegando ás distintas capas da sociedade, pero sempre houbo persoas que ficaron fóra do reparto. O decrecemento avoga pola igualdade, por un reparto xusto do que temos e do que podemos obter a través dos medios materiais e enerxéticos de que dispomos. Iso é, evidentemente, unha ruptura, non só co noso xeito de funcionar -eses modelos de crecemento supostamente perpetuo- senón coa distribución do poder económico en mans duns poucos. Un dos perigos que temos alén do que comentaba Antonio é que, ao igual que ocorre habitualmente con todo tipo de discursos, se queira dar a volta ao decrecemento e se nos venda que realmente hai que sacrificar unha parte da humanidade para que outros poidan manter o seu estilo de vida, e iso se venda como decrecemento, sen ser dende logo a proposta política de quen nos chamamos decrecentistas. 

“É importante denunciar a deriva autoritaria e perigosa das nosas sociedades e ofrecer alternativas, sinalar que non temos que adaptarnos á escaseza pola vía autoritaria. ” (Antonio Turiel)

No seu máis recente libro, Antonio Turiel formula a disxuntiva entre ecofascismo e decrecemento. Penso que nos atopamos máis preto do primeiro escenario que do segundo… 

AT: Resulta evidente. Abonda con ver o xiro autoritario que está a tomar Europa, con movementos de corte populista en todo o continente que propoñen solucións simples a problemas complexos, cun discurso de rexeitamento ao diferente e ao inmigrante. Diante de atrocidades como as que se cometen en Palestina existe unha represión crecente, incluída a dos movementos ecoloxistas. A memoria da Fiscalía Xeral do Estado do ano 2023 recollía no seu borrador inicial como grupos terroristas a Futuro Vegetal e Extintion Rebellion. A deriva é clara, e refórzase co enorme esforzo militar que se pide a Europa ante a fantasmagórica ameaza da invasión rusa, unha escusa para militarizar a industria e as consciencias. Esta situación vai servir para reprimir a poboación. Estamos a xuntar ingredientes para este escenario. Vemos como non se admite a disidencia, un fenómeno co que colabora a visión simplificada, simplista e carente de matices da realidade que amosan moitos medios de comunicación. Todo isto combínase co empobrecemento derivado da exclusión das rendas baixas do mercado, por ter deixado en mans deste o acceso aos recursos. Observamos fenómenos como a pobreza enerxética ou alimentaria. Creo que para poder manter a orde estabelecida bótase man deste crecente autoritarismo que nos pode levar ao ecofascismo. Por iso é importante denunciar a deriva autoritaria e perigosa das nosas sociedades e ofrecer alternativas, sinalar que non temos que adaptarnos á escaseza pola vía autoritaria. Prodúceme pánico pensar no que poida acontecer cando comece a escasear aquí o combustíbel e se impoñan medidas de excepción, normalizando esa forma de xestionar a escaseza inevitábel. Cómpre falar destas cousas para evitar esta resposta autoritaria.  

XD: A saída violenta é un tema habitual de conversa dentro do decrecemento dende hai anos, aínda que tiña un carácter de tabú. Non gustaba falar del porque se alén de falarmos do fin do crecemento e da necesidade de ir cara a un novo modelo social e económico, algo que de por si asusta a moita xente, engadimos unha saída violenta, dános medo até á xente que nos movemos nos discursos decrecentistas. As cousas foron máis rápido do que pensabamos nesta posíbel saída fascista e violenta, que se vai vender de moitos xeitos. Dirannos que hai motivos varios, pero a cuestión fundamental é o mantemento dos privilexios duns poucos. Grupos económicos e políticos que van intentar non só manter o control mundial dos recursos, materiais ou enerxéticos, senón o control das poboacións. Desde posicións fascistas é moito máis doado, xa se utilizou no pasado e sabemos como funciona. Son sistemas de control probados.  

“O decrecemento propón romper a baralla. Se seguimos por este rumbo chegaremos a maior pobreza, maior precariedade laboral, situacións máis penosas, escaseza…”. (Antonio Turiel)

Como sería a cotiandade nunha sociedade decrecentista? Como se pode defender esta alternativa perante un cidadán afeito a outro modelo? 

AT: Os procesos de xentrificación masivo que viven as cidades de España pónnolo máis doado. En Santiago puiden comprobar como sofre un fenómeno que xa é tremendo en cidades como Madrid ou Barcelona. Cando falas coa mocidade constatas que os seus problemas son os prezos de alugueiro -nin pensan en comprar-, o custo xeral da vida, o prezo dos alimentos, da enerxía… Todo é máis caro, mentres os salarios non medran e se reforza a precarización. Como explicas a unha persoa como afecta isto no seu día a día? Pois coa xente nova é máis doado que coa de mediana idade, que adoita vivir con certa tranquilidade. A xente nova entende mellor estes discursos: ti vives peor ca teus pais e as perspectivas para diante son peores. Todo isto mentres vivimos unha situación de degradación ambiental, coa mudanza climática como mascarón de proa e asuntos tan importantes como, en Galicia, Alcoa e Altri. O decrecemento propón romper a baralla. Se seguimos por este rumbo chegaremos a maior pobreza, maior precariedade laboral, situacións máis penosas, escaseza… Estase a pisar o acelerador malia os avisos do planeta de que non hai suficiente para manter este ritmo crecente e aloucado que non leva a ningures. O decrecemento propón levantar o pé do acelerador e comezar a distribuír mellor. Dar unha ocupación digna a todo o mundo, unha vivenda, uns prezos asequíbeis dos alimentos e ben básicos… É un discurso moi doado de vender hoxe en día, cando as persoas novas perciben unha degradación da situación. O que falta por dicir é o como facelo. O diagnóstico e o obxectivo están claros, xa que non podemos continuar neste capitalismo devorador e extractivista. Cómpre buscar maneiras diferentes de organizarnos, onde o crecemento non sexa o motor da economía, senón a mellora das condicións de vida da xente. Todas as propostas técnicas que existen dende hai tempo, traballadas entre outras persoas por Xoán, pódennos axudar a definir como dar este paso.  

“O feito de saber que non estamos sos no mundo e que podemos compartir non só bens, senón sentimentos, relacións… É bo recordalo e recuperalo”. (Xoán Doldán)

XD: Creo que o agravamento da situación que vive a poboación xeral, con moitas familias padecendo que pensaban que as súas condicións de vida melloraran, é por desgraza un escenario que pode funcionar para explicar o decrecemento. Sempre van de mans dadas con accións que impulsen o colectivo. As solucións grupais fronte ao individualismo. Temos que saber transmitir á xente que nestes escenarios que se dan é posíbel vivir ben sen procurar solucións persoais e isoladas, fronte ao discurso hexemónico do capitalismo que fala do esforzo persoal como a chave de mellora: ser unha persoa de éxito que consegue todo o que se queira. Cada vez é máis difícil chegar mesmo a final de mes por un mesmo, xa non falemos de mellorar as condicións. Pero si pode haber formas colectivas ou grupais, que poderían ter o apoio das administracións -non con saídas estilo Milei senón xusto ao revés-, pero que tamén poden vir da sociedade. Por pór un exemplo, nunha sociedade con raíces rurais como a galega vemos como perviven formas de relación familiar ou veciñal onde se comparten os excedentes agrícolas. Son formas espontáneas de axuda mutua que subsisten na tradición cultural de sociedades coma a nosa, incluso cando xa deixaron, moitas destas actividades plenamente rurais, de ter o peso que tiveron. Non é tan difícil, para moitas persoas, pensaren nesa colaboración con outras persoas ou mesmo dentro dunha familia máis ou menos extensa, ou con veciños ou compañeiros de traballo. Estas solucións de autoorganización, colaboración e axuda mutua poden resolver moitas cuestións que o discurso hexemónico di que só poden resolverse mediante a adquisición de bens e servizos no mercado. Dende o punto de vista funcional, a cooperación é moito máis lóxica. Supón un esforzo individual moito menor e non degrada as condicións de vida, incluso creo que as mellora. Perdéronse, precisamente, moitas relacións sociais. Existe unha tendencia ao illamento e á perda de contacto coa xente que nos rodea. Esa maior relación tamén nos dá calidade de vida. O feito de saber que non estamos sos no mundo e que podemos compartir non só bens, senón sentimentos, relacións… É bo recordalo e recuperalo. 

“Necesitamos tornar a sociedades máis resilientes onde existan redes de intercambio local que ofrezan cobertura no caso de fallaren as grandes redes de produción e distribución”. (Antonio Turiel)

O apagamento do 28 de abril foi un gran shock. Transmitiu a idea dunha dependencia xigantesca do sistema eléctrico, se cadra a primeira vez que unha sociedade depende así dun único factor. Pero a saída parece que está a ser individualista, unha pulsión survivalista que leva a mercar xeradores, electrodomésticos a pilas… 

AT: É certo que existe unha resposta individual ao apagamento, que é dunha necidade sen límites. Por moito que instales un grupo electróxeno na túa casa, vivimos nunha sociedade pouco resiliente e moi dependente da electricidade, e ti vas ter problemas moi graves aínda que teñas electricidade na casa. O problema é considerar que a nosa dependencia da electricidade remata no interruptor da nosa casa, cando dependemos del para cousas tan cotiás, como puidemos comprobar, como o pagamento con tarxeta. O simple feito de intentar sacar cartos dun caixeiro é imposíbel. En todas as cidades medianamente grandes a subministración de auga depende de bombas eléctricas. Ademais, toda a industria funciona con electricidade. Tantas e tantas cousas. As cadeas de subministración córtanse ante un apagamento eléctrico porque en moitos casos están automatizadas. Dixeches que dependemos moito da electricidade, pero tamén o facemos do gasóleo ou do gas, todos eles comprometidos. A produción de diésel no mundo xa caeu un 20% respecto dos máximos 2015-2017, afectando a América latina ou África. Somos, xa que logo, unha sociedade moi pouco resiliente e, por riba, temos unha escasa comprensión da complexidade dos procesos que manteñen a nosa sociedade en marcha, o que tamén impulsa eses comportamentos individualistas. Hai que analizar este asunto con moito coidado. Richard Duncan, autor da teoría de Olduvai, que di que o colapso da civilización industrial comezará polo sistema eléctrico porque é o elo máis feble. Eu, sen chegar a esta idea dun colapso -que pode producirse-, creo que o punto chave é que ignoramos a fraxilidade das nosas sociedades, evidenciada no apagamento. Por que se produciu este apagamento? Porque se deixou que un mercado importante, que prové dun servizo que debera ser público, se autorregule cuns criterios de máximo beneficio que levaron a unha implantación desordenada de tecnoloxías renovábeis nunha rede tan complexa como a alta tensión. O acontecido demostra que algo tan importante como a subministración de electricidade non pode ficar en mans dun oligopolio. Pero se falamos doutras formas de enerxía como os combustíbeis pasa o mesmo. Igual acontece coa produción e subministración de alimentos e produtos básicos. Todo está mercantilizado. Necesitamos tornar a sociedades máis resilientes onde existan redes de intercambio local que ofrezan cobertura no caso de fallaren as grandes redes de produción e distribución. É de caixón. É certo que a percepción pública vai máis polo individualismo. Pero esas solucións serven para eventos de duración limitada. Nunha situación máis grave, ter un grupo electróxeno na casa é un parche. O que de verdade che axudará é a existencia dunha comunidade forte, con capacidade de abastecemento na proximidade. Isto é xustamente o que procura o decrecemento, unha alternativa que funcione cando todos os outros sistemas deixen de funcionar. 

 

Entendo que a proposta decrecentista debe ser global. Como se pode integrar este proxecto nunha axenda internacional, un espazo onde propostas moito menos ambiciosas non se cumpren? 

AT: Non comparto a premisa. O decrecemento ten vocación localista, e aplícase fundamentalmente nos países sobredesenvolvidos do Norte global. Os países cun menor grao de desenvolvemento, de feito, probabelmente aínda teñan que medrar. A axenda dos distintos países é distinta, pero independentemente do que faga o resto do mundo, enfrontas problemas semellantes. Se ti apostas pola resiliencia e pola produción local, irache mellor que quen non o faga. O factor que máis favorece a internacionalización do decrecentismo é ese éxito. Si, ao final procuras respostas concertadas polo menos no tocante á resposta aos problemas ambientais. Pero a propaganda efectiva é o éxito no teu territorio. O resto de países van ter os mesmos problemas e ninguén vai medrar indefinidamente. Por moito que China absorba o petróleo que deixas de consumir ti, China acabará atopando os mesmos problemas que tiveches. Creo que a mellor estratexia para conseguir unha implementación internacional é a vía do exemplo, que non é sinxelo. En primeiro lugar necesitas acordos europeos, que no seo da UE son moi difíciles, porque é unha entidade dedicada á perpetuación do capitalismo. Hai que formular a pregunta de se é viábel manterse dentro dun contexto da UE formulada nestes termos. Pódese conseguir unha mudanza de opinión, pero se cadra temos que ir polo noso propio camiño. Todas as vías teñen barreiras e obstáculos, a comezar pola oposición dos capitais ameazados. O que está claro é que temos que actuar localmente. Demostra localmente que o que dis funciona e non che faltarán seguidores. 

“Neste contexto xeopolítico onde se loita por recursos e control político e militar é practicamente imposíbel impulsar a escala internacional unha axenda decrecentista”. (Xoán Doldán)

XD: Non estou de acordo tampouco coa premisa. Se pensamos nunha solución global, o acordo ten que ser global, pero pode ser paralizante. Non hai que esperar a chegar a unha axenda global, porque mentres tratamos de chegar aí seguimos sumidos en problemas urxentes. Atopámonos nunha guerra mundial non declarada. Neste contexto xeopolítico onde se loita por recursos e control político e militar é practicamente imposíbel impulsar a escala internacional unha axenda decrecentista. Se pensamos que o decrecentismo debe esperar a que isto se resolva, quedaremos paralizados. A democracia tamén se gaña practicándoa. O decrecemento precisa comezar a construírse para tornarse nun feito. Estas decisións poden partir de distintos lugares. Pódese influír sobre os gobernos locais. É a mellor solución? Non, é parcial, pero moito máis lóxica que a individualista. Non temos a capacidade de cambiar a axenda internacional, pero si a local. Nese ámbito é máis factíbel influír sobre empresas e gobernos. A organización social pode lograr cambios. Esas mudanzas locais son pasos no camiño adecuado. Hai persoas traballando nesa liña, aínda que sexa minoritario e insuficiente. A autoorganización supón tempo e traballo, e as cousas son máis fáciles cando uns colectivos se apoian noutros, desenvolvéndose novas iniciativas. O exemplo funciona. Se contásemos coa simpatía de grupos políticos que impulsasen estas propostas noutras instancias, todo sería máis rápido. Por desgraza, incluso aqueles grupos que en principio serían menos reacios a este tipo de propostas tampouco acaban de incorporalas plenamente, por estaren imbuídas dunha ideoloxía do crecemento compartida co capitalismo malia falaren da necesidade de superalo. Esta confusión é lóxica. O crecemento refírese ao aumento do Produto Interior Bruto. Cando se fala de decrecemento pénsase que se avoga por reducir o PIB, pero que este medre ou non é indiferente, xa que non deixa de ser un indicador monetario, mentres que nós falamos do uso, consumo e produción de recursos materiais e enerxéticos. Ese indicador tomouse como medidor de crecemento económico e benestar, cando non ten por que ser así. Unha sociedade pode medrar economicamente mentres deixa persoas marxinalizadas e fóra do beneficio. O decrecemento avoga por un reparto igualitario, pero non se trata de que todo o mundo teña menos renda, senón que a sociedade económica se organice de forma máis xusta. Por iso sería bo que eses grupos políticos entrasen neste tipo de propostas e perdesen o medo a utilizar esta terminoloxía dos movementos decrecentistas.  

Combátese o decrecentismo identificándoa co empobrecemento e a involución. É compatíbel o decrecentismo con, por exemplo, o avance científico e tecnolóxico? 

AT: O desenvolvemento científico permitiu o crecemento, non ao revés. O avance científico persegue a mellora das condicións de vida. Por exemplo, os antibióticos favorecen o aumento da poboación e o descenso do gasto sanitario, non procuran o crecemento económico. Como alguén que se dedica á actividade científica, vexo que se destinan enormes cantidades de recursos a liñas de investigación aliñadas cos intereses do capital pero que xa se atopan en situación de rendemento decrecente, cando non negativo. Porén, hai outras vías de investigación moi importantes que reciben unha achega comparativamente marxinal, aínda que probabelmente fosen máis útiles. Non é certo que se precise dun gran crecemento económico para conseguir un grande avance científico, e a experiencia histórica sinala precisamente que grandes descubrimentos foron realizados en momentos de crecemento marxinal. O capital impulsa certas liñas que lle interesan, pero descoida outras. O problema do sistema científico é, por outra banda, o seu modelo produtivista, onde se avalía a cantidade de artigos e citas. A cuantificación utilízase para medir a produtividade. Estase intentando corrixir, por exemplo, como fai o CESIC co sistema DORA. Hai unha boa cantidade de artigos publicados que non achegan nada pero xustifican contratos e proxectos. En realidade, obsérvase dende hai anos o estancamento do avance científico. A actividade científica e tecnolóxica sempre se vai manter se existe unha sociedade estruturada e con suficientes excedentes. Outra cousa é que sexa unha actividade científica diferente con obxectivos distintos, máis aliñados con outros intereses. A ciencia como motor de coñecemento e ferramenta para o benestar do ser humano vai estar sempre aí. 

“Unha parte moi importante dos recursos financeiros da sociedade non se dirixen á investigación nin a actividades en beneficio do conxunto. De feito, podemos dicir que se retraen doutros posíbeis usos”. (Xoán Doldán)

XD: Parte da investigación científica tería que mudar, xa que segue unha lóxica ao servizo dos lobbies económicos e financeiros. Oriéntase a aumentar a taxa de gaño para as grandes empresas. Se analizamos a situación, vemos unha gran parte de liñas de investigación vinculadas ás prioridades de determinados grupos empresariais e económicos. Se as prioridades a nivel económico das sociedades mudasen cara a un modelo máis igualitario orientado a resolver outros problemas e a unha distribución da renda distinta, non centrado en producir para vender senón nunha comprensión da economía diferente que busque que a xente viva noutras condicións cos recursos que temos, as investigacións serían outras. Iso non significa que se investigase menos. Unha parte moi importante dos recursos financeiros da sociedade non se dirixen á investigación nin a actividades en beneficio do conxunto. De feito, podemos dicir que se retraen doutros posíbeis usos. Estas sociedades que procuran manter estas estruturas de poder económico necesitan, de xeito crecente, dese control político e militar da poboación. Se pensamos en reducir ese tipo de desigualdades, ese aparello represor non sería tan necesario, o que permitiría utilizar para outras cousas os recursos financeiros. Do mesmo xeito, podemos falar dos recursos de carácter especulativo. Nestes momentos, cando pensamos que medra o PIB, o que sucede realmente é que unha parte moi significativa dese crecemento vai dirixida a actividades de carácter especulativo: grandes beneficios para aqueles que se moven nese xogo de “casino” onde se compran e venden activos financeiros que por tras resultan incomprensíbeis para a maioría da poboación. A consecuencia disto moitas veces é o encarecemento das cousas, de forma que parte deses recursos que se retraen pola vía dos prezos e para manter a especulación e os beneficios poderían ser empregados con outros fins. Por pór un exemplo: o prezo do petróleo. Parte do prezo vén da industria, pero outra moi significativa depende dos mercados de futuros. Cómprase e véndese petróleo hoxe que se extraerá a cinco ou dez anos vista, con compras e revendas polo medio que incrementan o prezo polo beneficio de cada operación. A forma en que chegan os produtos ao mercado, cos prezos finais, agocha unha parte especulativa. Se isto non funcionase así, habería máis recursos para a investigación, para servizos públicos… Unha boa forma de convencer á xente de que non vai haber menos recursos sería precisamente evitar o malgasto destes.  

Como vedes o panorama actual? 

AT: Unha das cuestións que máis me preocupan é atopármonos nunha fase de aceleración clara da mudanza climática. Isto significa que as dificultades van medrar rapidamente. É unha fase de aceleración ambiental e social moi perigosa. Cómpre unha mobilización social á altura para conseguir cambios rápidos que terán que implicar amplamente a maioría social. Os dereitos nunha democracia son conquistas, e as conquistas poden perderse. Temos que deixar de ser unha cidadanía submisa, para sermos unha proactiva na reivindicación. Tamén me preocupa a deriva belicista. O obxectivo último da UE é lanzarse a novas guerras coloniais para manter a megamáquina industrial en marcha. Preocúpame moito a falta de reacción da sociedade española perante o novo militarismo, especialmente comparado con 2003. 

XD: Antonio falaba, e estou de acordo, do feito de que ás veces nos centramos, no decrecemento, na escaseza e na redistribución de recursos. Pero á marxe diso, mesmo se os recursos fosen abundantes, habería que cambiar o modelo por outro tipo de motivacións, como a mudanza climática. Agora mesmo cambiar o modelo é unha obriga ante o descenso de recursos fósiles. Non hai marcha atrás no cambio climático, pero polo menos non agravemos a situación. Ás veces, dende o decrecentismo non se insiste o suficiente nestes temas. E tampouco sobra insistir en que non debemos deixarnos levar por falsas solucións, como as de tipo fascistoide con man dura e centralización do poder. Esa saída non resolvería as cousas, senón que aceleraría moitos dos problemas. Xa o vemos en certos lugares. É un perigo sobre o que alertar para que non se busque unha solución que realmente non o é.