Esta entrevista é unha versión ampliada da publicada no dossier especial sobre saúde mental publicado no número de agosto de 2026 da revista Tempos Novos.
Escoitamos falar da innovadora experiencia que se estaba levando adiante no Hospital de Piñor, en Ourense, e soubemos que tiñamos que coñecela directamente. Para quen puido ver algún dos vellos manicomios a finais do pasado século, a diferenza faise evidente. A familiaridade entre os pacientes, que entran e saen libremente do ámbito hospitalario e móvense dentro del sen apenas restricións, marca esa diferenza. Recíbenos e presentounos ao seu equipo Chus Gómez, Xefa de sección das Unidades de Rehabilitación Psiquiátrica. Chus Gómez é membro da Escola Lacaniana de Psicanálise con sede en Vigo desde a súa etapa MIR e forma parte do Movemento La Otra Psiquiatría. Ela e o tamén psiquiatra Antón Casais fan de guías na visita ás instalacións, que conclúe nunha antiga capela convertida nun centro de experimentación artística. Chus e Antón prefiren que a entrevista se faga por escrito, para así coidar coa maior precisión as respostas. Un extracto desta longa conversa publicouse na edición en papel de Tempos Novos. Agora poñemos ao alcance dos nosos lectores de Tempos dixital a versión íntegra.
TEMPOS NOVOS.- O equipo psiquiátrico que se responsabiliza das actuais unidades de rehabilitación psiquiátrica do Hospital de Piñor desenvolvía as súas funcións no desaparecido Hospital Psiquiátrico de Toén. Pode considerarse o seu peche e o traslado a Piñor como a imaxe dun cambio de modelo no tratamento das persoas con trastorno mental? En que consistiu ese cambio?
CHUS GÓMEZ.- Sen dúbida, a resposta é un si rotundo, aínda que para entendelo cómpre contextualizalo. O peche do Hospital de Toén non foi simplemente o traslado dun hospital a outro. O proceso comezou antes, cando no ano 2010 parte do equipo clínico denunciou perante as instancias competentes a deterioración das condicións asistenciais e a vulneración dos dereitos de moitas das persoas ingresadas. Daquel equipo permanecemos hoxe en Piñor a Dra Alcira Cibeira e mais eu. Co paso dos anos incorporáronse profesionais fundamentais para consolidar este proxecto, entre eles Antón Casais, psiquiatra e psicanalista, Luisa Peleteiro, hoxe xefa de sección no Hospital de Conxo, e María Carballo, psicóloga clínica.
O peche de Toén xerou unha forte oposición e un intenso debate público. Moitas veces ese debate centrouse nas condicións materiais do edificio. Sen restar importancia ao estado das instalacións, pensamos que esa non era a cuestión esencial. O verdadeiro problema era a degradación clínica e asistencial á que se chegara tras anos de funcionamento.
O noso propósito era pasar dunha institución total a facer unha institución para cada un.
ANTÓN CASAIS.- O cambio consistiu en substituír unha maneira de entender a institución psiquiátrica por outra diferente, porque un manicomio non é un lugar, senón un discurso, é dicir, unha determinada maneira de organizar o poder, o saber e as relacións cos pacientes ingresados.

Chus Gómez e Antón Casais con Miguel Vázquez Freire durante a entrevista
O noso propósito era pasar dunha institución total a facer unha institución para cada un. Iso significa abandonar a lóxica das respostas uniformes, do “igual para todos”, para construír unha clínica que recoñeza a singularidade de cada persoa e adapte a institución, na medida do posible, ás súas necesidades.
Un hospital como Piñor atende persoas que atravesan situacións de extrema vulnerabilidade: psicoses graves, risco suicida, estupor melancólico, illamento extremo, perda de todo interese vital ou consumo de tóxicos, entre outras. É un espazo clínico terapéutico e tamén unha necesidade social: dar acubillo, asistencia e protección a quen, nese momento vital, xa non pode sosterse por si mesmo.
Ese compromiso obriga tamén a repensar a propia institución. Xa non se trata só de aplicar normas ou garantir a convivencia. Trátase de crear un espazo onde cada persoa poida atopar un modo singular de ser acompañada no seu percorrido, coas súas idas e voltas, avances e retrocesos, cos seus tempos e as súas dificultades.
É precisamente desa concepción da institución da que nace o modelo clínico desenvolvido en Piñor.
TN.- ¿Cales son as liñas xerais que definen o modelo de atención psiquiátrica que vostedes aplican na actualidade no Hospital de Piñor?
CG e AC.- O modelo asistencial en Piñor oriéntase pola psicanálise lacaniana, dirixido sobre todo a persoas con psicose e trastorno mental grave. Non é un conxunto de técnicas ou protocolos, senón unha maneira de organizar a institución e de pensar a práctica clínica. O seu piar é o denominado “traballo entre varios “.
A maior parte dos pacientes presentan síntomas que aparecen en calquera momento e lugar, non só en consulta. As alucinacións, delirios, angustia ou o illamento poden xurdir en calquera momento e en calquera espazo da institución. Por iso a resposta clínica non pode recaer exclusivamente no psiquiatra nin limitarse ao despacho.
En calquera momento, calquera profesional pode ser elixido por un paciente para depositar esa … que lle está a ocorrer.
TN.- Daquela, por dicilo así e por poñer un exemplo, cal sería o partenaire para a psicose?
CG e AC.- As veces será o psiquiatra, noutras ocasións poderá selo unha enfermeira, unha terapeuta ocupacional, auxiliar, traballadora social ou outro membro do equipo. Esa elección non depende do cargo nin da categoría profesional, senón da relación singular que cada paciente establece cos pacientes en virtude da súa posición subxectiva, non vale calquera.
Isto non significa que desaparezan as competencias de cada profesión, significa que a información que cada profesional recolle no dia a dia é valiosa para elaborar a lóxica do caso e orientar o tratamento e as intervencións.
Cada profesional participa desde o seu lugar e co seu propio estilo. Uns acompañan desde unha presenza discreta; outros desde unha maior proximidade, uns usan o humor; outros o silencio ou a palabra, cada un co seu xeito de habitar a vida.
Por iso a reunión clínica é o eixo do traballo, a posta en común co que cada intervinte do equipo valora ou comenta a súa relación co paciente é fundamental. O obxectivo non é sumar impresións, senón construír unha lectura compartida da que deriva unha lóxica en xogo para orientar na mesma dirección as intervencións de todos.
Cada profesional participa desde o seu lugar e co seu propio estilo. Uns acompañan desde unha presenza discreta; outros desde unha maior proximidade, uns usan o humor; outros o silencio ou a palabra, cada un co seu xeito de habitar a vida. Non se trata de actuar igual, senón de compartir unha mesma orientación clínica.
CG E AC.- Este modelo obriga a repensar o papel das normas dentro da institución. Toda convivencia necesita regras, pero unha institución dedicada ao coidado non pode organizarse exclusivamente arredor delas; estas deben favorecer a vida en común, non substituír o xuízo clínico nin converterse na resposta automática para todas as situacións.
TN.- Entendo que é un modelo, logo, no que o institucional está orientado a ter en conta as características individuais dos doentes…
O noso horizonte consiste en facer unha institución para cada un, iso significa acompañar cada persoa segundo o momento que atravesa, respectando os seus tempos, as súas dificultades e tamén as súas posibilidades. Non se trata de adaptar a persoa á institución, senón que a institución sexa capaz de responder, na medida do posible, á singularidade de quen nela vive.
Esta orientación implica unha esixencia ética para todos os profesionais. A institución non pode situar no centro a súa propia comodidade, a aplicación mecánica dunha norma, ou a demostración do seu saber. O centro debe ser sempre o paciente. É dicir: “desaloxar o goce do funcionamento institucional”, ou dito doutro xeito que o Outro institucional estea regulado, non comandado polo capricho nin a arbitrariedade.
Foi Jacques-Alain Miller quen nomeou esa maneira de traballar coa expresión “traballo entre varios”, a partir da experiencia iniciada por Antonio Di Ciaccia en Bélxica co tratamento de nenos con autismo e psicose. En Piñor esa orientación vaise adaptando ao noso estilo e á realidade dun hospital psiquiátrico para adultos.
TN.- Un punto que merece unha atención singular neste modelo é o lugar que ocupa a terapia mediante a creación artística. Pode explicar como se desenvolve e a importancia que lle conceden?
CG e AC.- ArtEspida é un neoloxismo que nomea un invento. ArtEspida non é unha terapia artística, senón como un espazo de creación libre articulado coa práctica clínica, aberto, en continua evolución, no que participan tanto persoas ingresadas en Piñor como outras que chegan desde a súa casa para participar.
Está coordinado polos artistas Ana Rodríguez e Andrés Díaz e, en ocasións, participan tamén outros creadores interesados na experiencia sobre o que a loucura ensina sobre a creación.
O primeiro que distingue ArtEspida é que, aínda estando situado no hospital, non é un espazo sanitario convencional. Diríxeno artistas e non profesionais da SM.
Profundamente artellado coa clínica, ArtEspida e a consulta forman un mesmo percorrido, cada un coa súa especificidade. O que acontece nun espazo ten efectos no outro, e esa circulación constitúe un dos piares do proxecto.
TN.- Polo que vexo, este espazo artístico non permanece pechado no ámbito da institución hospitalaria.
CG e AC.- En efecto, ArtEspida nace tamén coa vontade de abrir o hospital á sociedade. Non é un espazo reservado os pacientes ingresados, nel participan persoas da comunidade, artistas convidados e visitantes que introducen a mirada externa, entran e saen do hospital con naturalidade, favorecendo novas relacións e cuestionando a imaxe estereotipada da enfermidade mental.
Ese intercambio continuo modifica as dúas direccións. As persoas que chegan desde fóra descobren unha realidade distinta da que adoita ofrecer o estigma e, ao mesmo tempo, quen participa desde o hospital deixa de ocupar o lugar só como paciente para ser recoñecido como artista, compañeiro de taller e cidadán.
Para nós, a creación artística constitúe un modo de tratar o sufrimento psíquico: axuda a diminuír a angustia, facer máis soportables experiencias alucinatorias, favorece a estabilidade e abre novas posibilidades de relación coa vida e cos demais.
ArtEspida non ensina técnicas artísticas nin busca producir belas obras. Tampouco é unha actividade ocupacional para manter “entretidos” os pacientes . O seu propósito é outro: ofrecer un lugar onde cada participante pode atopar, a través da creación, a maneira propia de expresar aquilo que ás veces é imposible dicir con palabras. Non existe unha consigna sobre o que hai que facer. Existe, iso si, un acompañamento vivo, atento e respectuoso que favorece que algo do creativo agrome.
O importante non é a obra acabada, senón o proceso. En ocasións, algo que aparece no taller pode atopar un novo sentido na consulta; noutras, un traballo iniciado na consulta continúa no taller na obra. Ambos os espazos aliméntanse mutuamente nun movemento continuo, case como unha banda de Moebius, na que resulta difícil distinguir onde remata e onde comeza a comunidade e o hospital, e o mesmo coa consulta e o taller. Unha obra colectiva, o Home de Moebius, foi a peza elixida para representarnos no mundo.
Para nós, a creación artística constitúe un modo de tratar o sufrimento psíquico: axuda a diminuír a angustia, facer máis soportables experiencias alucinatorias, favorece a estabilidade e abre novas posibilidades de relación coa vida e cos demais, ao construír un límite fronte ao goce mortífero, é dicir, construír un límite fronte a formas de sufrimento moi destrutivas.
TN.- Sabemos que tamén organizades exposicións, algunhas en colaboración con outras institucións.
CG e AC.- A partir desta experiencia xurdiron colaboracións con institucións orientadas do mesmo xeito. Co Hospital de Cadillac, en Francia, celebramos unhas xornadas clínicas anuais que son parte da vida do proxecto. Recentemente incorporáronse os compañeiros de Andar de Nones, Patinete e La Harinera, en Zaragoza. Desa colaboración naceron as exposicións internacionais AL³ celebradas en Zaragoza e en Ourense, coas obras dos artistas das tres institucións.
ArtEspida é un proxecto necesariamente aberto. Non responde a un modelo pechado nin a unha fórmula reproducible de maneira automática. Evoluciona ao tempo que o fan as persoas que participan nel e coa propia práctica clínica. Porque, ao cabo, a clínica consiste precisamente niso: lidar co imposible sen esmorecer, sen fraqueza e cun desexo, que canto máis camiñemos, máis quede por percorrer.
TN.- Recoñecen que a psicanálise de orientación lacaniana é unha das influencias que inspiran o seu modelo. Como responden ás críticas que a consideran unha orientación “acientífica”?
CG e AC.- A nosa clínica oriéntase pola psicanálise lacaniana, iso non significa que rexeitemos o coñecemento científico nin moito menos algo oposto a el. De xeito habitual o debate adoita formularse en termos simplistas: ciencia fronte a psicanálise. Ao noso xuízo, a pregunta realmente importante é outra: cal é o obxecto de estudo cando falamos do sufrimento psíquico? Falamos do cerebro? Da conduta? Da linguaxe? Da experiencia de quen sofre? Ou de todo iso ao mesmo tempo?
Da resposta que deamos dependerán o tratamento que propoñamos, a organización da institución e a ética que sosteña a nosa práctica.
Ninguén pode discutir a importancia da ciencia nin os enormes avances que fai posibles. A medicina actual sería impensable sen ela. Tamén a psiquiatría precisa da investigación neurobiolóxica, da farmacoloxía, das técnicas diagnósticas e da avaliación rigorosa dos tratamentos.
O que cuestionamos non é a ciencia, senón a idea de que o sufrimento humano poida explicarse exclusivamente a partir dela, que é o que fai o cientificismo que nada ten que ver coa ciencia; confundir ciencia e cientificismo é un erro moi habitual.
TN.- Como se manifesta a orientación psicanalística lacaniana na súa práctica clínica?
Non tratamos un diagnóstico, tratamos persoas, e cada unha chega cunha historia, cun sufrimento singular e unha resposta particular a este.
CG e AC.- A clínica ensínanos que hai preguntas que ningunha proba complementaria pode responder. Podemos coñecer un diagnóstico, identificar factores biolóxicos ou escoller un tratamento farmacolóxico axeitado. Pero iso non explica por si só por que unha persoa sofre dese modo e non doutro, que lugar ocupa ese sufrimento na súa vida nin como pode atopar unha maneira diferente de convivir con el.
É precisamente nese punto onde a psicanálise realiza a súa achega. Non pretende substituír o coñecemento científico, senón incorporar a dimensión que non pode ser medida nin cuantificada: a experiencia subxectiva e singular de cada persoa, é dicir, a ciencia forclúe o suxeito.
Na nosa práctica isto tradúcese nun principio moi sinxelo: non tratamos un diagnóstico, tratamos persoas, e cada unha chega cunha historia, cun sufrimento singular e unha resposta particular a este. Esa singularidade non substitúe o coñecemento científico, complétao, porque el non pode dar conta.
Por iso non entendemos a oposición entre ciencia e psicanálise como unha loita entre dous modelos incompatibles. A investigación científica é imprescindible e sería irresponsable prescindir dela. Pero tamén pensamos que a práctica clínica perde o esencial cando esquece o suxeito da palabra, a súa historia e o sentido que ela mesma dá ao que lle acontece, é dicir, a súa subxectividade en xogo, que é o que fai a cada un radicalmente distinto e non abarcable por ningún protocolo ou fórmula previa.

Antón Casais
TN.- Poderían poñer un exemplo que axude a entendelo con maior concreción?
AC.- Si. A ciencia pode calcular con precisión o tempo necesario para percorrer unha determinada distancia, o que non pode explicar por unha fórmula é por que alguén decide correr para chegar antes ao encontro co seu mozo ou moza. Esa decisión pertence á historia, ao desexo e á experiencia de cada quen. E é precisamente nese espazo onde traballamos os clínicos orientados pola psicanálise.
En definitiva, a nosa orientación non nace dunha oposición á ciencia, senón da convicción de que o sufrimento psíquico non pode deixar fóra a experiencia singular de quen o padece. A ciencia proporciona instrumentos indispensables, pero non é completa; a escoita clínica psicoanalítica permite que eses instrumentos poidan orientarse cara á persoa concreta que temos diante.
TN.- Vostede (dirixímonos en particular a Chus Gómez) está recoñecida como unha compoñente moi activa do grupo denominado La Otra Psiquiatría. Cales son os marcos definitorios deste movemento?

Chus Gómez
CG.- La Otra Psiquiatría non naceu como asociación nin como unha escola organizada. Xurdiu, no ano 2004, como un movemento de clínicos cunha mesma preocupación: como manter unha clínica rigorosa da psicose no ámbito da sanidade pública, tomando como referencias a psicopatoloxía clásica e a psicanálise. Daquelas reunións iniciais naceu unha idea moi sinxela: crear espazos nos que os profesionais novos puidesen coñecerse, discutir casos clínicos, estudar xuntos e descubrir que non estaban sós nunha maneira de entender a clínica que, daquela, era claramente minoritaria.
O movemento comezou arredor do traballo desenvolvido por José María Álvarez e Fernando Colina no Hospital Villacián de Valladolid e, pouco a pouco, foi estendéndose a outros lugares, entre eles Vigo e Toén, onde eu traballaba naquel momento.
Co paso dos anos, aquelas reunións deron lugar a xornadas clínicas, cursos, publicacións e unha intensa actividade docente. Ese intercambio foi medrando en distintos puntos de España e despois en numerosos países de América Latina, cos que existe unha colaboración moi viva.
Participei neste movemento desde os seus inicios e sigo facéndoo na actualidade. Dos que comezamos aquela experiencia permanecemos hoxe José María Álvarez e mais, eu impulsando as xornadas anuais e outras actividades de formación. Ademais, son membro da Escola Lacaniana de Psicanálise, da sede de Vigo, da que formo parte desde a miña etapa MIR.
Despois de máis de dúas décadas, La Otra Psiquiatría segue medrando entre profesionais novos en España e en América Latina, o que fai pensar que respondía a unha necesidade real: crear espazos onde a clínica puidese seguir ocupando o lugar central.
TN.- Cal é a situación actual dese movemento promovido polo grupo La Otra Psiquiatría?
CG.- Despois de máis de dúas décadas, La Otra Psiquiatría segue medrando entre profesionais novos en España e en América Latina, o que fai pensar que respondía a unha necesidade real: crear espazos onde a clínica puidese seguir ocupando o lugar central. Esa foi sempre a nosa convicción: que a formación dos profesionais da SM non depende só dos coñecementos teóricos, senón tamén no estudo compartido, na discusión dos casos clínicos e, sobre todo, no encontro continuado cos pacientes.

Traballos realizados por pacientes no obradoiro de arte
A nosa práctica oriéntase por algúns principios que se manteñen constantes ao longo do tempo: a importancia da palabra no tratamento, a atención á historia singular de cada persoa, un compromiso explícito cos Dereitos Humanos e coa clínica sostida na transferencia, o síntoma entendido como unha defensa e non como un déficit, cunha función que hai que escoitar para saber que di dese paciente.
La Otra Psiquiatría reivindica unha maneira de exercer a psiquiatría: unha práctica profundamente clínica, comprometida coa sanidade pública e os DDHH e convencida de que o coñecemento científico e a escoita da singularidade de cada persoa non só son compatibles, senón inseparables.
TN.- Na orientación da súa práctica profesional percíbese unha atención particular ás ligazóns con outros hospitais e con grupos que experimentan novas formas de tratamento, creando espazos de formación e autoformación para os profesionais da saúde mental, como xa teñen explicado nalgún das respostas a cuestións anteriores. Poderían explicar o que achegan esas colaboracións á práctica clínica?
CG.- Sempre tivemos claro que unha práctica clínica non pode medrar pechada sobre si mesma. As institucións tamén precisan espazos onde poñer en cuestión o que fan, compartir experiencias e aprender doutras formas de traballo. Nese espírito xorden as colaboracións que fomos construíndo ao longo destes anos con outras institucións orientadas por unha práctica clínica entre varios, como dixemos antes. Un dos proxectos máis significativos é o irmandamento co Hospital de Cadillac, en Francia, institución cunha longa experiencia no traballo con nenos con psicose e autismo. Desa colaboración naceron unhas xornadas clínicas anuais que se celebran alternativamente en Ourense e en Burdeos, converténdose nun espazo estable de intercambio entre profesionais.
Despois uníronse os colegas de Zaragoza de Andar de Nones e da Fundación Nudos, e as tres institucións montamos dúas exposicións internacionais coas obras dos artistas dos seus talleres creativos: unha en Zaragoza e outra este maio en Ourense, tituladas AL³ en referencia as tres institucións participantes. Seguimos traballando con pulo. É un work in progress. Sempre desexamos que quede moito por facer. Como xa sinalamos antes, somos quen de saber que a clínica é lidar co imposíbel sen esmorecer, sen fraqueza e cun desexo: que canto máis camiñemos máis quede por percorrer…
AC.- Estas colaboracións non responden só ao interese por organizar actividades conxuntas, son unha maneira de seguir pensando a clínica; compartimos casos, experiencias institucionais, dificultades e formas de intervención. Ese intercambio permítenos revisar continuamente a nosa práctica e evitar que cada institución acabe encerrada nas súas propias rutinas. Ao mesmo tempo, estas iniciativas teñen outra consecuencia moi valiosa: favorecen o encontro entre participantes de proxectos diferentes, compartindo unha mesma maneira de entender a clínica: respecto á singularidade, a creación artística e o papel da institución no tratamento do sufrimento psíquico.
Pensamos que esa circulación de ideas, persoas e proxectos beneficia tanto aos profesionais como os participantes nos talleres. Axúdanos a evitar o illamento institucional, a manter viva a reflexión clínica e a seguir aprendendo uns dos outros.
En realidade, entendemos estas colaboracións como unha prolongación natural do noso propio modelo asistencial. Se defendemos unha institución aberta á comunidade, tamén debemos procurar que esa apertura exista entre as propias institucións.
A investigación neurobiolóxica, a farmacolóxica e os avances médicos son parte da práctica psiquiátrica actual e tamén no noso dia a día. O que cuestionamos é a idea de que esas dimensións resulten suficientes para comprender e tratar o sufrimento psíquico.
TN.- Hai análises que sinalan, desde hai xa tempo, unha tensión entre un modelo bioloxista e farmacolóxico, case sempre dominante, e modelos alternativos menos agresivos. Concorda no recoñecemento desta dualidade? En que medida o modelo que vostedes defenden se ofrece como un modelo alternativo respecto do modelo institucional dominante?

Chus Gómez e Antón Casais co equipo do obradoiro de arte
CG e AC.- A nosa práctica non é como unha alternativa á psiquiatría biolóxica, sería absurdo facelo. A investigación neurobiolóxica, a farmacolóxica e os avances médicos son parte da práctica psiquiátrica actual e tamén no noso dia a día. O que cuestionamos é a idea de que esas dimensións resulten suficientes para comprender e tratar o sufrimento psíquico. Non cuestionamos que sexa necesario, cuestionamos que sexa suficiente, que é distinto.
Na nosa experiencia clínica, unha persoa nunca se reduce ao seu diagnóstico nin á súa resposta a un tratamento farmacolóxico. Cada paciente chega cunha historia, cunha maneira singular de sufrir e cun modo propio de relacionarse coa esa historia e ese sufrimento. Esa dimensión tamén forma parte da práctica clínica e non pode quedar fóra da asistencia.
TN.- Non se trata, logo, para vostedes de dous modelos entre os que sexa obrigado elixir.
Pensamos que a cuestión non consiste en elixir entre dous modelos incompatibles. A verdadeira pregunta é como integrar o coñecemento científico cunha práctica que non perda de vista a palabra, a historia e a singularidade da persoa.
A farmacoloxía ocupa un lugar importante no noso traballo, igual que o ocupan a consulta clínica, a vida institucional ou proxectos como ArtEspida. Ningunha destas dimensións substitúe ás demais. Complementan unha mesma maneira de entender a asistencia.
Quizais a diferenza máis importante non resida nos instrumentos que utilizamos, senón na pregunta que orienta o noso traballo. Máis ca preguntarnos como ler e tratar o síntoma que aparece, preguntámonos que lugar ocupa ese síntoma na vida desa persoa e como axudala a construír unha maneira menos dolorosa de convivir con el. Por iso preferimos non falar de modelos alternativos. Preferimos falar dunha práctica clínica que intenta integrar os avances da ciencia cunha atención constante á singularidade de cada persoa e ao respecto dos seus dereitos.
Entendemos que toda institución dedicada ao tratamento do sufrimento psíquico debe revisar continuamente as súas propias prácticas. Ningunha medida que limite a autonomía dunha persoa pode converterse nun automatismo nin nun procedemento rutineiro.
TN.- A reaparición de determinadas prácticas, como as suxeicións, determinados tratamentos intensivos ou outros procedementos especialmente restritivos, suscita preocupación entre algúns profesionais polo seu posible impacto sobre os dereitos das persoas atendidas. Comparten esa preocupación?
CG e AC.- Pensamos que toda práctica clínica debe estar orientada por unha ética do coidado e polo respecto aos dereitos das persoas atendidas. Esa preocupación atravesa todo o noso modelo asistencial desde os seus inicios. As denuncias que realizamos no Hospital Psiquiátrico de Toén, como dixemos ao principio, non responderon unicamente ao estado das instalacións, senón tamén á degradación das condicións asistenciais e á vulneración dos dereitos de moitas das persoas ingresadas.
Nese sentido, o cambio de modelo que posteriormente desenvolvemos en Piñor non consistía só nun cambio de edificio. Pretendía tamén construír unha institución onde o respecto á dignidade e á singularidade de cada persoa ocupase un lugar central.
Entendemos que toda institución dedicada ao tratamento do sufrimento psíquico debe revisar continuamente as súas propias prácticas. Ningunha medida que limite a autonomía dunha persoa pode converterse nun automatismo nin nun procedemento rutineiro. Toda intervención require unha reflexión clínica, ética e institucional permanente.
O respecto polos Dereitos Humanos non constitúe un elemento engadido á práctica clínica, forma parte dela. Iso implica recoñecer que cada persoa conserva sempre a súa dignidade e que ningún diagnóstico pode reducir a complexidade da súa vida nin converterse na única maneira de nomeala, non se pode utilizar a violencia.
Quizais esa sexa a principal diferenza do modelo que defendemos: procurar que a institución estea sempre ao servizo da persoa e non a persoa ao servizo da institución, que debe de ser amable e eticamente impecable.
Cada época ten os seus síntomas e xeitos de sufrir e tamén determinadas maneiras de interpretalos.
TN.- Cren que hai razóns para pensar, como apuntan algúns estudos, nun aumento dos problemas de saúde mental nas sociedades contemporáneas? Se fose así, a que o atribúen?
CG.- Resulta difícil responder a esa pregunta cun simple si ou non. Hoxe hai determinados síntomas de sufrimento psíquico que son máis visibles ca noutras épocas porque os discursos son distintos segundo a época. A depresión, a ansiedade, a soidade, as condutas adictivas ou o suicidio ocupan un lugar crecente tanto na práctica clínica como no debate social. Pero máis importante ca discutir se estamos ou non diante dunha “pandemia” é preguntarnos que está cambiando na sociedade para que estas formas de malestar adquiran tanta presenza. Os síntomas aparecen vencellados ao tempo histórico no que vivimos. Cada época ten os seus síntomas e xeitos de sufrir e tamén determinadas maneiras de interpretalos.
Na nosa opinión, as profundas transformacións sociais das últimas décadas teñen efectos obvios sobre a saúde mental. Vivimos nun contexto marcado pola aceleración, pola esixencia permanente de rendemento, pola fraxilidade de moitos vínculos sociais e por un crecente illamento que afecta a persoas de todas as idades.
Ao mesmo tempo asistimos a unha progresiva desaparición de moitos referentes colectivos que durante décadas organizaron a vida social. Iso non significa que o pasado fose mellor, pero si que hoxe moitas persoas teñen que afrontar en maior medida, e con menos apoios, a responsabilidade de construír o seu propio modo de vivir.
Cada persoa responde a esa situación dunha maneira distinta. Non existe unha relación automática entre sociedade e síntoma, pero a práctica clínica obríganos a pensar que os cambios culturais, económicos e sociais tamén participan na maneira en que cada un experimenta o sufrimento.
AC.- Por iso pensamos que a resposta aos problemas de saúde mental non pode limitarse ao tratamento individual. Require tamén fortalecer os lazos sociais, crear espazos de encontro, combater o estigma e construír institucións capaces de acompañar as persoas desde o respecto á súa singularidade.
Quizais esa sexa unha das aprendizaxes máis importantes destes anos de traballo en Piñor: a saúde mental non depende unicamente dos tratamentos nin das institucións sanitarias, depende tamén da calidade dos vínculos e institucións que unha sociedade é capaz de ofrecer ás persoas que máis sofren, as máis vulnerables.
E esa convicción é, probablemente, a que atravesa todas as experiencias das que falamos ao longo desta conversa: o cambio institucional, o traballo entre varios, ArtEspida, a colaboración con outros equipos e a defensa dunha práctica clínica que procure facer compatible o coñecemento científico co respecto á singularidade de cada persoa e profundamente respectuosa cos DDHH.








