G. Sulzberger, editor de The New York Times: “O sector periodístico necesita pensar máis en grande”

O xefe editorial de Reuters, Eduardo Suárez, entrevistou ao editor do The New York Times, Arthur Gregg Sulzberger, que hoxe ten 43 anos e asumeu o cargo aos 37. En documento aparte (ao que os subscritores poden acceder a través do Observatorio de Medios) reproducimos a longa conversa mantida entre ambos os dous prestixiosos xornalistas. O editor dun dos máis acreditados medios de referencia no mundo ocupa, ademais, desde hai tres anos a presidencia do grupo editorial que o edita. En tempos de obrigada mudanza para os medios, máis acuciante aínda para a prensa en papel por se ter que enfrontar aos cambios que forza o presente e o devir dixital, non só os outros medios de comunicación senón tamén as audiencias -quérese dicir, a cidadanía que necesita estar ben informada- precisan coñecer a través de voces autorizadas como a de Sulzberger ata onde pode chegar ese desafío.

Algunhas das declaracións que se transcriben na extensa conversa que seleccionamos para que cantos seguen Tempos Dixital coñezan máis en profundidade os altibaixos obrigados polos cambios nos procesos de produción, redacción, difusión e recepción que veñen alterando a nosa relación cos medios de comunicación e ou xornalismo:

Sobre o sector. “O noso sector aínda é moi pouco ambicioso, e creo que é lóxico: sufrimos moito nos últimos 20 anos. Pero creo que o noso sector necesita pensar máis en grande”.

Sobre como transformar un medio. “A vía correcta en calquera período de transformación dixital é sempre facerche preguntas, ser escéptico sobre as respostas e non crer en ningunha solución milagrosa”.

Sobre a relación coas plataformas. “As plataformas tecnolóxicas son empresas poderosas. Dominan o fluxo de tráfico e a participación no mundo dixital. Necesitas estar nestas contornas, pero os teus intereses non están aliñados.”

Sobre a independencia editorial. “É moi perigoso para un medio independente de interese xeral perseguir un segmento concreto de audiencia. Esa mentalidade leva a distorsionar a cobertura, sobre todo neste momento tan polarizado”.

Sobre escoitar á audiencia. “Algúns dos nosos críticos teñen queixas lexítimas e temos que estar abertos a escoitar esas queixas. Un medio que se pecha á crítica pública é un medio que está a piques de cometer grandes erros, porque a crítica axúdanos a manter os nosos estándares”.

Sobre a IA. “A intelixencia artificial ofrece gran potencial para o mundo e para a profesión, pero tamén implica un risco real. Como sector, debemos preocuparnos por estes riscos”.