A volatilidade de Oriente Próximo e Medio púxose nova e dramaticamente de manifesto cun enésimo ciclo de violencia, que ameaza con propagarse por unha rexión moi inestable e inflamable, con vasos comunicantes entre os seus diferentes actores, rivalidades e crises aínda abertas. A pesar de que durante os últimos anos a prolongada irresolución da cuestión de Palestina foi deliberadamente marxinada e ninguneada, cando non dada na práctica por acabada, este sempiterno conflito, de ocupación colonial, reapareceu cunha inusitada e brutal violencia, sen apenas precedentes na súa intensidade, dimensión e previsible duración.
Nestas mesmas páxinas advertiamos uns meses atrás (véxase Tempos Novos, núm. 312, pp. 42-46) que durante o último ano se viña rexistrando un incremento das agresións contra a poboación palestina en Cisxordania e Xerusalén Este, perpetradas tanto polos colonos (auténticos paramilitares) como polo propio exército de ocupación, con numerosos episodios de mortes e, mesmo, de pogromos. Esta escalada seguiría un ritmo ascendente ao longo do primeiro trimestre do ano e, en consecuencia, concluíamos que, de seguir esa espiral, este ano sería un dos máis violentos na historia da ocupación militar israelí, con cifras similares ás rexistradas desde o estalido da segunda Intifada (2000-2005). Pois ben, estas previsións, claramente pesimistas, quedaron curtas ante o xiro radical adoptado polos acontecementos durante as últimas semanas.
O que presaxiaba un novo ciclo de violencia
Un seguimento sistemático da situación nos territorios palestinos ocupados permitía observar o clima de crecente tensión reinante, no que calquera incidente, independentemente de quen ou de onde proviñese, podería provocar un novo ciclo de protesta e, mesmo, de violencia. O detonante nesta ocasión foi o imprevisto e brutal ataque liderado por Hamás que, xunto coa Yihad Islámica Palestina e outros grupos menores que operan na franxa, levou a cabo en Israel o 7 de outubro, cobrándose a vida de máis de 1.300 israelís (a maioría civís) e capturando a uns 239 entre civís (reféns) e militares (considerados como prisioneiros de guerra).
Esta arremetida carecía de precedentes nos 75 anos de existencia do Estado israelí. Ademais de marcar un indubidable punto de inflexión na historia deste dilatado conflito, o ataque producíase no territorio israelí e sementaba o medo entre a súa poboación, ao mesmo tempo que desafiaba abertamente a súa imaxe de invulnerabilidade e capacidade disuasoria. Desde o primeiro momento xurdiu o interrogante de como a coñecida fortaleza militar israelí puido baixar a garda ao redor do cárcere de alta seguridade na que converteu Gaza desde que impuxo o seu bloqueo (por terra, mar e aire) en 2007 e declarou esta estreita franxa (de apenas 365 quilómetros) nun territorio hostil. Máxime despois de que Israel fose advertido por Exipto de que se estaba fraguando “algo grande”, información que o premier israelí, Netanyahu, negou e, no seu lugar, desprazou a responsabilidade aos xefes de seguridade e intelixencia, para logo retractarse.
Unido á dificultade de manter o estado de alerta máxima permanente, esgrimiuse tamén unha cadea de erros, cometidos pola intelixencia israelí á hora de compilar, analizar e interpretar as informacións acerca das intencións de Hamás (renuencia a unha nova rolda de confrontación), o exceso de confianza mostrado (en particular, nas tecnoloxías de seguridade, control e vixilancia) ou ben a acumulación de tropas en Cisxordania (para outorgar cobertura aos colonos e á política colonial) en detrimento da contorna gazatí. Máis aló destas ou outras razóns, é de temer que ata que non conclúan os actuais acontecementos e se abra unha investigación, non se coñecerán os pormenores e algúns outros poderían non terminar de desvelarse do todo.
As hipótesis sobre os ataques de Hamás
Non menos importante é preguntarse polos cálculos estratéxicos que perseguía Hamás (e as organizacións involucradas) con estes ataques. Unha das respostas máis frecuentes foi a de frear o inminente acordo de normalización das relacións entre Arabia Saudita e Israel, que podería arrastrar a outros Estados árabes e, mesmo, aos do máis amplo orbe islámico a secundar ese compromiso en menoscabo e abandono definitivo da cuestión de Palestina. A pesar de que, presumiblemente, Israel adoptaría algunha medida compensatoria cara á Autoridade Palestina, sempre estaría moi afastada do compromiso ofrecido no cume árabe de Beirut (2002), de establecemento de relacións plenas con Israel e a súa correspondente integración rexional, en contrapartida á súa retirada dos territorios palestinos ocupados e o establecemento dun mini-Estado palestino en Gaza, Cisxordania e Xerusalén Este, onde tería a súa capital.
Ademais de marcar un punto de inflexión na historia deste dilatado conflito, o ataque de Hamás producíase no territorio israelí e sementaba o medo entre a súa poboación, ao mesmo tempo que desafiaba abertamente a súa imaxe de invulnerabilidade e capacidade disuasoria.
Se ese fose hipoteticamente o obxectivo, cabe prever que a paralización do proceso de normalización entre Riad e Tel Aviv non garante a súa conxelación no tempo, só o atrasará temporalmente á espera dunha conxuntura máis favorable. Sen esquecer que ese potencial escenario implicaría un reforzo da alianza tácita entre algúns Estados árabes e Israel fronte a Irán, que sufriría un maior illamento rexional. Por iso é polo que diferentes análises apuntasen a que Hamás e a Yihad actuaron como axentes (proxies) de Teherán, restando a súa condición de axencia e ignorando o contexto do conflito. En calquera caso, a súa incursión en territorio israelí e os crimes de guerra cometidos parecen prexudicar á cuestión de Palestina. No inmediato, lonxe de contribuír a levantar o bloqueo de Gaza e mellorar as condicións materiais de vida da súa poboación, propiciou un escenario aínda máis, se cabe, adverso; ademais de dantesco polas represalias israelís que, como era previsible pola súa coñecida traxectoria, están a ser exercidas con especial ensañamiento sobre a poboación civil palestina no que tamén son cualificadas como crimes de guerra.
Unha das teses que maior forza cobra, aínda que aínda se mova no terreo das especulacións, é que a operación liderada por Hamás estaba deseñada inicialmente para capturar algúns militares israelís e intercambialos por prisioneiros palestinos, como sucedera no pasado.
Unha das teses que maior forza cobra, aínda que aínda se mova no terreo das especulacións, é que a operación liderada por Hamás estaba deseñada inicialmente para capturar algúns militares israelís e intercambialos por prisioneiros palestinos (como sucedera no pasado), contando coas consecuentes represalias israelís, que se presumían contidas ata propiciarse as negociacións para a súa liberación. Segundo esta interpretación, o que comezou sendo hipoteticamente unha acción de insurxencia anticolonial terminou asociándose cun crime de guerra pola violencia contra civís.
O gabinete israelí redobrou o castigo colectivo ao que vén sometendo á poboación gazatí mediate o seu bloqueo desde hai 16 anos, engadindo o corte de todas as subministracións esenciais (electricidade, auga, combustible, medicamentos e alimentos).
Pouco importa se estas reflexións son certas ou non, a realidade que transcendeu foi a súa cualificación como accións terroristas polo alto número de civís asasinados e capturados. Poñíanse así en bandexa os argumentos para a contraofensiva israelí co propósito de eliminar as capacidades militares e gobernamentais de Hamás. En termos mediáticos e políticos, o relato israelí equiparaba o 7 de outubro co 11-S e a Hamás co autodenominado Estado islámico, ao mesmo tempo que, en termos militares, declaraba o estado de guerra, recuperaba o control da situación tras a incursión, iniciaba os ataques aéreos sobre Gaza e ordenaba a evacuación da poboación do norte da franxa (1,1 millón). Paralelamente, o gabinete israelí redobrou o castigo colectivo ao que vén sometendo á poboación gazatí mediate o seu bloqueo desde hai 16 anos, engadindo o corte de todas as subministracións esenciais (electricidade, auga, combustible, medicamentos e alimentos).
O medo a unha nova Nakba
Pola súa banda, Nacións Unidas advertía sobre a enorme devastación humanitaria que se cernía sobre Gaza. Consideraba a evacuación inviable debido ao volume de poboación, brevidade do tempo outorgado a pesar da súa ampliación, carencia de medios de transporte, protección humanitaria e infraestruturas (refuxios) para acoller tamaño desprazamento humano; unido á escaseza de recursos dispoñibles, que foron minguando desde entón ata esgotarse. Tras dúas semanas de asedio, Israel só permitiu a entrada de algo menos do centenar de camións con axuda humanitaria dos 450 que entraban diariamente na franxa (onde o 80 por cento da poboación depende desa axuda para sobrevivir); e opúxose, xunto con Estados Unidos, a unha “tregua humanitaria”, demandada pola Asemblea Xeral da ONU nunha resolución na que, aprobada o pasado 27 de outubro por 120 votos a favor, 14 en contra e 45 abstencións, tamén se rexeitaba “o traslado forzoso da poboación civil palestina”.
O desprazamento tampouco é unha garantía de seguridade. Ningún lugar é seguro en Gaza, como confirman os bombardeos indiscriminados de civís, hospitais, escolas, mesquitas, igrexas, panaderías e vivendas, xunto ás súas paupérrimas infraestruturas.
O trauma da limpeza étnica de Palestina explica tamén a renuencia ao desprazamento forzado. Preto do 70 por cento da poboación de Gaza é de orixe refuxiada. Mentres os máis vellos volven rememorar agora a súa infancia de desposesión e desaloxo das súas cidades e aldeas durante a Nakba (catástrofe) en 1948, os máis novos reviven na súa propia pel os recordos transmitidos polos seus maiores. O desprazamento tampouco é unha garantía de seguridade, algúns convois foron atacados por Israel do mesmo xeito que as zonas do sur aos que se dirixían. Ningún lugar é seguro en Gaza, como confirman os bombardeos indiscriminados de civís, hospitais, escolas, mesquitas, igrexas, panaderías e vivendas, xunto ás súas paupérrimas infraestruturas.
Non é a primeira vez que Israel fai da poboación civil branco sistemático dos seus ataques, responsabilizándoa das accións das milicias que operan en Gaza. É unha práctica exercida desde hai décadas, cando bombardeaba os campos de refuxiados palestinos no Líbano durante os anos setenta e principios dos oitenta con semellantes argumentos de que os guerrilleiros utilizaban aos civís como escudos humanos. A mesma propaganda reprodúcese agora no seu asalto a Gaza. Esta política busca inflixir á poboación civil un custo moi alto para presionar aos movementos de resistencia; e, tamén, para que os homes e mulleres de Palestina asuman a súa condición de perdedores ante a resilencia que mostran e, en definitiva, renuncien aos seus dereitos. É o que o sociólogo israelí Baruch Kimmerling denominou como politicidio, “a disolución da existencia do pobo palestino como lexítima entidade social, política e económica”.
A pasividade internacional, luz verde para Israel
Paralelamente, no espazo da diplomacia internacional, moitos dirixentes mundiais condenaron os atentados e expresaron a súa solidariedade, manifestando tamén o dereito de Israel á lexítima defensa e a protexer á súa cidadanía, ao mesmo tempo que apelaban e confiaban en que respectaría o Dereito Internacional Humanitario. Desde entón un nutrido grupo de dirixentes políticos occidentais escenificaron ese apoio visitando Israel e entrevistándose con Netanyahu (Joe Biden, Olaf Scholz, Ursula von der Leyen, Rishi Sunak, Giorgia Meloni, Mark Rutte e Emmanuel Macron, entre outras personalidades). Estados Unidos desprazou dous portavións á rexión, secundado polo Reino Unido co envío doutros dous barcos da Mariña Real, nunha clara advertencia disuasoria a outros actores rexionais (Hezbolá e Irán, principalmente) para que non interviñesen e conter a potencial propagación do conflito pola rexión. Unido ao respaldo, asesoramento e subministración militar, Washington tamén exerceu o veto no Consello de Seguridade da ONU para un cesamento do fogo humanitario, mostrando unha vez máis o seu incondicional apoio a Israel.
A pesar de que Biden declarase que se debe contemplar a solución dos dous Estados tras a guerra para evitar volver ao statu quo anterior ao 7 de outubro, é de temer que a súa proposta careza de credibilidade algunha e caia en saco roto.
A pesar de que Biden declarase que se debe contemplar a solución dos dous Estados tras a guerra para evitar volver ao statu quo anterior ao 7 de outubro, é de temer que a súa proposta careza de credibilidade algunha e caia en saco roto. Desde a súa chegada á Casa Branca (2021) ignorou este conflito, non asumiu ningunha iniciativa, nin reformulou a acción exterior da administración Trump (recoñecemento de Xerusalén como capital de Israel e da anexión israelí dos Altos do Golán sirios). As súas manifestacións parecen realizadas para a galería diplomática na conxuntura actual, sen explicitar maior propósito nin compromiso formal, unido á incerteza para revalidar un segundo mandato presidencial. Aínda que non sería a primeira vez que un presidente estadounidense asume algunha iniciativa deste tipo na recta final do seu mandato. Máis frecuente é que manteña unha evidente incoherencia entre a posición en política exterior (aposta pola resolución dos dous Estados) e a praxe exterior (conivencia coa política colonial israelí que socava a base material e política na que implementar esa solución).
Con estas coordenadas, Israel interpreta que ten luz verde para operar sen ningún tipo de restricións en Gaza. Sempre rexeitou aplicar a IV Convención de Xenebra (1949) e os seus Protocolos adicionais, que protexen á poboación civil en situacións de guerra e ocupación militar. Se no pasado violou sistematicamente o Dereito Internacional Humanitario, agora atópase máis empoderado que nunca antes para levar adiante unha guerra de aniquilación e xenocidio. O propio ministro de Defensa israelí, Yoav Gallant, cualificou aos palestinos de “animais humanos” nun evidente exercicio de deshumanización destinado a preparar o terreo político e mediático nesa dirección. O actual gabinete de guerra israelí parece centrado en trasladar a guerra ao territorio inimigo, saciar a súa vinganza, restituír a súa imaxe de invulnerabilidade e reafirmar o seu poder disuasorio, sen maior horizonte político que o de seguir reproducindo as prácticas de ocupación colonial que levaron á situación actual. Así se expón nas agresións e ameazas de limpeza étnica en Cisxordania polos colonos, baixo a complicidade do exército de ocupación. Sen xustificalo, o propio secretario xeral da ONU, António Guterres, recoñecía que “o ataque de Hamás non ocorreu no baleiro”. En efecto, Hamás é o resultado da ocupación militar israelí e o seu auxe foi proporcional ao frustrado proceso de paz.
Un xenocidio en directo
Ao peche deste texto, Israel iniciara a segunda fase da súa intervención en Gaza o pasado 27 de outubro. Cortábanse todas as telecomunicacións e evitábanse testemuñas incómodas dos crimes de guerra. Os seus mandos volveron ordenar a evacuación da cidade de Gaza, declarándoa unilateralmente como un campo de batalla, sen permitir nin habilitar ningún corredor humanitario, vía segura, medios e tempo suficiente para esa evacuación. O enclave gazatí está hermeticamente bloqueado. Sen ningunha escapatoria, os seus homes e mulleres parecen condenados a unha anunciada sentenza de morte, que se pode executar en calquera momento.
Estamos a asistir a un xenocidio en directo, baixo o evidente respaldo e complicidade dunha parte da sociedade internacional de Estados que presume ser a máis liberal e respectuosa dos dereitos humanos.
A finais de outubro, contabilizábanse máis de 9.000 mortos e preto de 20.000 feridos. Sen esquecer as persoas sepultas baixo os entullos que deixan os bombardeos. Os menores mortos superan a cifra de todos os conflitos mundiais nun ano. Cabe preguntarse se os integrantes das filas de Hamás e outras organizacións afíns non son os nenos que sufriron as outras cinco guerras no prazo dunha década e media. En suma, estamos a asistir a un xenocidio en directo, baixo o evidente respaldo e complicidade dunha parte da sociedade internacional de Estados que presume ser a máis liberal e respectuosa dos dereitos humanos.