Un dos fenómenos sociolóxicos máis relevantes das últimas décadas é o das migracións internacionais -entendidas como cambio de residencia habitual e traslado a outro país- que, por outra parte, adquiriron novas orixes -emigracións- e novos destinos -inmigracións-. Tamén á causa e ó motivo máis antigos -“eu vou polo mundo para ver de ganalo”- súmanse agora outros factores como estimulantes dos novos fluxos migratorios, tales como as crecentes desigualdades, o cambio climático, as guerras, a violencia e a persecución política.
Este novo fenómeno migratorio, novo nas causas pero non en si mesmo -pois na historia da humanidade sempre houbo migracións-, levou a que en Galicia, historicamente terra de emigrantes, se producira un xiro no saldo migratorio. Se durante décadas, incluso séculos, Galicia foi terra de emigrantes, agora, sen que a emigración desaparecera, tamén é terra de inmigrantes. O que, entre outros fenómenos, provoca que o saldo demográfico se volva positivo, que se incremente o número de empregos, que o saldo das contas públicas sexa menos negativo e que Galicia se volva un país máis cosmopolita e mestizo.
O papel das ONG´s na interlocución cos/as inmigrantes
Co gallo de recoñecer as razóns últimas da inmigración a Galicia contactamos con AMIGA (Asociación de Migrantes de Galicia), para a través dela, e grazas ás informacións proporcionadas polos propios protagonistas, coñecer a realidade da inmigración en Galicia: que os levou a emigrar, por que escolleron esta comunidade, como foron recibidos, como se atopan, etc.
AMIGA é unha organización sen ánimo de lucro, formada por un grupo de persoas de diferentes orixes, experiencias e crenzas, que dende o coñecemento e o intercambio se comprometeron a traballar xuntas nun proxecto de sensibilización, denuncia e compromiso a prol das persoas migrantes e en situación de vulnerabilidade social. Nos seus locais foi onde podemos conversar cos nosos protagonistas.
Na conversa estiveron presentes inmigrantes de diferentes nacionalidades, aínda que con maioría latinoamericana: Arxentina, Chile, Colombia, Perú, Venezuela e Senegal. Dalgunha forma, a moitos destes inmigrantes -os procedentes de certos países de Latinoamérica que en moitos casos son descendentes de emigrantes galegos- poderíamos consideralos como “migrantes de segunda e terceira xeración” quen, como veremos máis adiante, forman un subgrupo particular dentro do colectivo migrante. Un subgrupo particular (pola existencia de familiares) que, a pesar diso, tamén presenta diferenzas entre si, por caso, tanto en relación a súa cualificación (altamente e/ou pouco cualificados), como ao carácter da inmigración (voluntaria/forzosa). En relación a isto último cabe sinalar que aínda cando a violencia aparece nalgúns casos (Venezuela, Perú, Arxentina..) como un certo motor da inmigración, en ningún deles se poden considerar como refuxiados. En relación coa inmigración que non procede de Latinoamérica, que sendo minoritaria resulta crecentemente relevante, cómpre destacar a realidade do “tráfico”, posto que estes migrantes (Senegal) vense obrigados a pagar a intermediarios para cruza-la fronteira, quedando nunha situación de clara irregularidade, aínda que tamén podemos dicir que moitos dos inmigrantes latinoamericanos, a pesar de ter entrado legalmente, posteriormente pasan igualmente, incluso logo de ter transcorrido un tempo relevante, a unha situación de irregularidade por carecer de residencia legal. Polo que puidemos comprobar a través das súas declaracións esta é unha realidade maioritaria entre os inmigrantes, o que os coloca nunha clara situación de vulnerabilidade por “carecer de papeis”.
Así culpase á inmigración, en base a trolas e mentiras, de roubarlle traballo aos nativos, abaratar os salarios, erosionar o estado de benestar, contribuír a segregación e disparar os índices de delincuencia, entre os mantras mais estendidos.
Unha realidade inmigratoria complexa, plural e poliédrica
Unhas aclaracións finais antes de pasar ao relato derivado das entrevistas. A primeira con relación aos entrevistados: trátase dun grupo moi reducido e tamén, como sinalaba ao principio, moi particular (maioría latinoamericana), o que leva a que o que se recolle sexa só unha visión parcial da inmigración que de ningún modo pode tomarse como o reflexo global dunha realidade moito mais complexa, plural e poliédrica. En descargo desta deficiencia sinalo que o da maioría latinoamericana ten tamén unha dobre xustificación: en primeiro lugar que, tal como nos sinalan as estatísticas oficiais, a inmigración latinoamericana supón o 70% da total, e que dentro desa Venezuela co 27%, Colombia -19%- e Perú -13%- ocupan un lugar relevante, quedando nun lugar menor pero tamén importante Arxentina co 6,4% e Chile -1,4%-, sendo só superadas pola inmigración procedente de Cuba (11,2%). En segundo lugar, que entrevistar a inmigrantes procedentes doutras rexións -Africa, Asía…- resulta, por razóns facilmente comprensibles que non se circunscriben ao idioma, moito mais difícil.
A segunda aclaración é relativa ao contexto político que vivimos no que o auxe das forzas extremistas e reaccionarias está favorecendo o crecemento entre a cidadanía de actitudes xenófobas e racistas que culpan a inmigración de problemas que son estruturais con argumentos falsos e demagóxicos. Así culpase á inmigración, en base a trolas e mentiras, de roubarlle traballo aos nativos, abaratar os salarios, erosionar o estado de benestar, contribuír a segregación e dispara-los índices de delincuencia, entre os mantras máis estendidos. Falsos mantras que, a pesar diso, tenden a dividi-la poboación e sobre os que quixemos falar cos/as nosos/as entrevistados para mellor coñece-la realidade da inmigración.
A procura dunha vida mellor
Entre os mantras máis utilizados por políticos -maioritariamente conservadores- e unha maioría relevante de medios de información e opinión -afíns a esas elites políticas- que remata sendo aceptado por un amplo sector da poboación está o de que unha gran maioría dos inmigrantes “veñen enganados”, moitos deles por mor do “efecto chamada” o que provoca que logo se atopen no pais de destino, neste caso Galicia, nunha situación de marxinalidade e explotación.
Coñecedores deste tipo de propaganda preguntamos aos nosos entrevistados as súas razóns de deixar os fogares, amigos e pais para emprender a en moitos casos a “perigosa” aventura da emigración. As respostas desmenten os citados mantras como, por caso, que os inmigrantes non sexan conscientes dos riscos que corren, poñendo en evidencia tanto que si o son como os problemas que se lle poden presentar pero se mostran dispostos a enfrontar por unha razón moi simple: pensan que van poder gañar máis que no seu país e, xa que logo, ter unha vida mellor. Emigran, por tanto, “á procura dunha vida mellor”, unha decisión moi racional e deliberada que en moitos casos non toman de xeito individual senón colectivo e para a que precisan dispoñer de recursos, incluso e como veremos nos casos mais extremos (Perú, Senegal).
Emigran, por tanto, “á procura dunha vida mellor”, unha decisión moi racional e deliberada que en moitos casos non toman de xeito individual senón colectivo e para a que precisan dispoñer de recursos.
Que as decisións colectivas priman sobre as individuais confírmannolo as declaracións do/as inmigrantes procedentes de Latinoamérica (Arxentina, Perú, Venezuela…) ao informarnos de que en non poucos casos son inmigrantes que veñen recompoñer a unidade familiar que quedara en suspenso coas primeiras vagas. Así a súa chegada (na que son maioría as mulleres) ademais de permitirlles recuperar o núcleo familiar, agora en Galicia, facilítalles aos que viñeron antes o cambiar de posto de traballo a así ter mellores ingresos e tamén mellores condiciones laborais e incluso habitacionais. En definitiva, unha vida mellor en Galicia.
No caso dos inmigrantes procedentes doutras rexións como, por caso, Africa, a procura dun traballo que non teñen no seu país de orixe ocupa un lugar preferente na súa decisión de emigrar.
Lugar de destino: Galicia
Pode resultar sorprendente que Galicia unha comunidade cunha emigración sistémica se este convertendo, ademais, nunha comunidade que recibe un número crecente de inmigrantes de forma que o saldo migratorio se volveu positivo: segundo o INE no ano 2024 Galicia tivo un saldo migratorio positivo de récord, 30.325 persoas das cales o 57% ten menos de 45 anos e 8.435 son retornados. Como é posible que unha comunidade con graves problemas de creación de emprego -Galicia cunha taxa de ocupación do 49,64% (4ºT 2025) está claramente por baixo da media española (53,09%)- dea estes saldos migratorios? Varias son as razóns que o explican e van dende que as condicións laborais, aínda sendo precarias, son mellores que nos seus países de orixe, que as perspectivas laborais para eles e as súas familias tamén son mellores, que no caso dos inmigrantes latinoamericanos hai frecuentemente lazos familiares, fálase o mesmo idioma e finalmente que Galicia está na Unión Europea onde a moeda -o euro- resulta un atractivo máis dado o tipo de cambio -1 euro: 532,2 bolívares, 4,02 soles, 1.703,44 pesos arxentinos, 4.405,87 pesos colombianos e 1.062 pesos chilenos-. Cando se trata de inmigrantes que non son latinoamericanos (Senegal) vir a Galicia pode ser resultado dunha peregrinación por outras comunidades españolas (Canarias, Andalucía, Catalunya) onde as condicións laborais foron moi duras e se espera que, grazas a axuda de compatriotas asentados en Galicia e das propias ONG -como pasa con AMIGA-, atopen -esperen atopar- mellores condicións laborais.
Resultou un criterio maioritario entre os/as entrevistados apuntar a seguridade como unha razón importante á hora de elixir a Galicia como lugar de destino.
Resultou un criterio maioritario entre os/as entrevistados apuntar a seguridade como unha razón importante á hora de elixir a Galicia como lugar de destino. Dado que a maioría procede de países (con Venezuela e Perú nun lugar destacado) onde a violencia e a inseguridade, cando non as guerras (Sahel), son realidades cotiás, Galicia para os inmigrantes aparece como un “referente de tranquilidade” onde non hai ou escasean “os roubos, as violacións, a violencia”. Isto último para mulleres latinoamericanas procedentes dalgúns países moi concretos (Perú, Venezuela), resulta moi importante: en Perú segundo o INEI (Instituto Nacional de Estatística e Informática peruano), 52 de cada 100 mulleres entre 15 e 49 anos teñen sido vítimas de violencia algunha vez por parte da súa parella ou ex parella. Pola súa parte, Venezuela, segundo o Observatorio Venezolana de Violencia, está entre os países latinoamericanos cun maior índice de violencia -superior, por caso, a México, Brasil ou Colombia- sinalando como causas que Venezuela mantén unha poboación moza que se atopa “fora do sistema escolar e sen posibilidades de emprego polo que ten un risco alto de ingresar na criminalidade”.
O camiño ao destino
Aínda que en tódolos casos consultados a decisión de emigrar non se toma dun xeito desesperado -agás en circunstancias excepcionais como as guerras-, senón que é froito dunha planificación e resulta necesario contar cuns recursos mínimos -os inmigrantes non adoitan se-las persoas mais probes do país de orixe, que non poden emigrar por falta de recursos-. Maiores recursos canto maiores dificultades haxa para realizar a viaxe: aínda que poida parecer estraño os inmigrantes africanos, por caso, precisan de mais recursos que os latinoamericanos e tamén corren moitos maiores riscos ao tempo que a súa peregrinación polo pais de destino é moi superior.
Cómpre destacar a relevancia dos contactos con compatriotas que se axudan uns a outros para atopar traballos e lugares de acollida. Por descontado que neste percorrido os problemas coas forzas do orde non son nada raros.
No caso dos inmigrantes entrevistados, sendo maioría latinoamericanos, o camiño dende o seu pais de orixe a Galicia foi practicamente directo, agás algúns casos particulares, sendo o avión, con voos directos ás capitais galegas dende as capitais latinoamericanas, o medio maioritario. Unha viaxe que, en moitos casos, é financiada polos familiares que xa están asentados en Galicia e que emprenden cun visado de turista.
No caso doutros inmigrantes o camiño para chegar a Galicia acostuma resultar moito mais duro e custoso, unha autentica odisea. Podéndose dar traxectos como o percorrido por un dos entrevistados (Senegal) que considero de interese detallar: Dakar- Hierro (en caiuco previo pago de 750 euros) onde sería acollido pola Cruz Vermella; Hierro-Tenerife de novo a un centro de acollida de inmigrantes aberto por unha ONG (onde estaría un mes e medio); Tenerife-Córdoba-Almería grazas á axuda doutra ONG e onde estaría empregado en invernadoiros; Almería-Lleida, onde traballaría na recollida de froita, e Lleida-Lugo. Estancias curtas en cada unha desas etapas con traballos maiormente no sector agrario, empregos temporais (entre 3 e 6 meses) e precarios (5/6 euros por hora), sen ningún tipo de seguro (“quérente usar como unha maquina”) e tendo ademais que ben pagar a estancia (por caso, 100 euros/cama/mes en garaxes habilitados por socios dos contratantes) ou do contrario durmir na rúa. Cómpre destacar a relevancia dos contactos con compatriotas que se axudan uns a outros para atopar traballos e lugares de acollida. Por descontado que neste percorrido os problemas coas forzas do orde non son nada raros. Un percorrido, outro asunto a destacar, onde as ONGs están xogando un papel enormemente positivo tal que resulta difícil saber como sería o camiño, para estes inmigrantes africanos, sen a súa axuda.
O encaixe sociolaboral
Os detalles serven para desmentir o mantra tanto de que os inmigrantes lle quitan traballo aos nativos -cando na realidade o que sucede é que, como veremos máis adiante, veñen cubrir unha falta de man de obra en traballos nos que escasea por mor de que non hai traballadores locais dispostos a aceptalos: agricultura, hostalería, construción, acompañamento a maiores…- canto de que afectan aos salarios, cando o efecto ben é mínimo ben é positivo, e para iso non temos máis que atende-las estatísticas sobre emprego e salarios nos últimos anos: España pechou 2025 con 22.463.300 empregos -máximo histórico-, un 16% traballadores inmigrantes que achegaron o 43% dos novos empregos, ao tempo que o salario medio foi de 2.531 euros, o que supuxo 5 anos de subidas consecutivas. Datos que demostran contundentemente que os inmigrantes nin rouban empregos nin abaratan salarios senón que son, a maioría das veces por carecer de papeis, quen copan o emprego irregular –“cren que só servimos para traballar en negro”-.
Para os inmigrantes latinoamericanos, segundo declaran os/as nosos/as entrevistados/as, os empregos máis frecuentes son os coidados a persoas maiores, a limpeza en casas particulares -nestes dous casos de mulleres maioritariamente-, e a hostalería. Confírmannos tamén que se a coincidencia do idioma é un factor que lles facilita o atopar un traballo tamén resulta importante a axuda de familiares e amigos inmigrantes xa asentados. Cando se trata de inmigrantes doutras rexións, especialmente africanos, a agricultura, a gandería e a pesca están sendo un crecente nicho de emprego (Galicia é a terceira comunidade española, so por detrás de Andalucía e Murcia, en ocupación estranxeira no sector primario). Na maioría dos casos son traballos irregulares, xa que ao carecer dos papeis regulamentarios -non dispoñer do certificado de residencia temporal- lles resulta moi difícil acceder a un contrato e, xa que logo, recibir as correspondentes prestacións -desemprego, seguridade social, asistencia sanitaria…-.
A pesar diso os inmigrantes “notan” que os/as galegos/as están “pouco acostumados a recibir inmigrantes”.
Un último aspecto a destacar polos inmigrantes que veñen, por caso, de Africa é a evidencia de que son recibidos con unha certa reserva que “non é racismo senón que non están acostumados/as a recibir inmigrantes de cor ou doutras rexións distintas de Latinoamérica”.
A non tan difícil integración
Outro dos mantras sobre a inmigración é o de afirmar que a integración dos inmigrantes é un rotundo fracaso. As dificultades para atopar un traballo, máis se se trata dun traballo non precario, a dependencia dos servizos sociais, nalgúns casos as barreiras do idioma, os retardos en regular a residencia… son factores que dificultan a integración. Factores que son utilizados para criticar as políticas migratorias progresistas. No caso galego resulta evidente que dada a presenza maioritaria de inmigrantes latinoamericanos, non poucos deles con vínculos familiares cos autóctonos, a integración está resultando mais doada que noutras comunidades autónomas e tamén moito mais que a dos inmigrantes procedentes doutros continentes (Africa, Asia…). A pesar diso os inmigrantes “notan” que os/as galegos/as están “pouco acostumados a recibir inmigrantes”.
As evidencias tamén nos din que ao longo do tempo os inmigrantes vanse integrando nunha sociedade como a galega onde, como sucede en practicamente tódalas comunidades, o racismo está mais nas redes que na rúa.
En relación coa integración da poboación inmigrante se poñemos o foco no medio e longo prazo comprobamos como aquela remata sendo positiva grazas ao seu propio empeño, ao seu esforzo sen que a lingua, a educación e os costumes sexan unha barreira infranqueable. Neste esforzo de integración da poboación inmigrante xogan un papel moi importante as ONGs, como sucede co caso de AMIGA (Asociación de Migrantes de Galicia) algo que puidemos comprobar “in situ” e que o grupo de inmigrantes co que falamos nos confirmou. Un esforzo, un traballo que nin os poderes públicos nin a sociedade civil valora como sería mester, polo que resulta aínda mais meritorio.
Evidencias que tiran por terra trolas
Este encontro cun grupo heteroxéneo de inmigrantes serviunos para tirar por terra as trolas que se usan contra os inmigrantes. Trolas como que lle rouban empregos aos nativos ao tempo que rebaixan os salarios cando as evidencias camiñan en sentido contrario: ocupan aqueles traballos que os nativos rexeitan, provocan un incremento medio xeral dos salarios e axudan ao crecemento da economía e a creación de emprego. Tampouco é certo que erosionen o estado de benestar pois cobren servizos que son deficitarios (como, por caso, a asistencia e coidado das persoas maiores, algo moi relevante nunha comunidade tan envellecida como Galicia e con grandes déficits en servizos públicos de benestar) e incrementan os ingresos da Seguridade social. Tamén resulta falso que disparen a delincuencia, como demostra o caso de Galicia que sendo unha das comunidades que recibe máis inmigrantes (a terceira segundo datos oficiais) resulta se-la segunda comunidade máis segura de España. As evidencias tamén nos din que ao longo do tempo os inmigrantes vanse integrando nunha sociedade como a galega onde, como sucede en practicamente tódalas comunidades, o racismo está mais nas redes que na rúa.





