por Albino Prada
Hai unha ducia de anos, no estimulante ensaio “Os tres grandes desafíos do estado de benestar” (Ariel, 2010) abordábase esa cuestión en tres leccións. A primeira delas centrábase na conciliación laboral e familiar, na crecente ocupación da muller e no descenso da natalidade nos países máis ricos do mundo, como tamén é o caso de Galicia. Pénsese que mentres no remate do século XX en Galicia de cada cen ocupados só trinta e oito eran mulleres, a día de hoxe xa son case a metade. Claro que tamén se daquela había en Galicia 60.000 cativos entre 0-2 anos, agora xa só temos 45.000.
Se redistribuímos as horas de traballo anuais necesarias para o conxunto da nosa economía entre toda a poboación potencialmente activa (parados e mulleres sobre todo), a xornada media semanal resultante podería ser de 23 horas.
A crecente ocupación das mulleres en tarefas remuneradas fóra do fogar estaría permitindo que unha parte a cada paso maior de mulleres cumpran a súa aspiración de ter un emprego e ser economicamente autónomas. Nesta nova situación, a mellor ou peor conciliación entre a carreira laboral ou profesional e a maternidade explicaría o maior ou menor atraso na idade media da citada maternidade e no número de fillos. O que o autor resume como “tensións entre o traballo e a familia” xa que “unha das tensións máis importantes da sociedade moderna ten que ver coa conciliación entre carreira profesional e maternidade“.
Sostén, moi razoablemente, que unha política pública universal de atención á infancia entre 0-6 anos aseguraría a máxima conciliación (aquí cita o caso danés), e mesmo se menciona que “está empiricamente demostrado que a existencia de servizos de atención á infancia aumenta a fecundidade“. De xeito complementario, explora que tipo de subvencións e fiscalidade reforzarían estes resultados, sen esquecer equilibrar o tempo que os homes dedican ao traballo doméstico ou ao permiso de paternidade.
Compartindo todos estes enfoques, pareceume inquietante esta afirmación da análise que veño citando: “unha política que intente estimular a fertilidade animando ás mulleres a traballar menos sería completamente contraproducente“. Pois, como espero aclarar, é algo que pode ser moi pero que moi mal interpretado e xestionado.
Ben certo é que iso dise no sentido de traballar ou non fóra do fogar para ter autonomía económica, e daquela é ben certo. Pero este “traballar menos” poderiámolo entender doutro xeito cun resultado inverso e positivo: máis conciliación e máis fecundidade. Entre outras moitas boas cousas. Explícome.
Unha pista para entender o meu razoamento témola cando se resume a situación en Dinamarca: “a típica nai danesa toma un permiso de maternidade durante o primeiro ano do neno, e despois volve a traballar a tempo parcial ou reducido durante un tempo, e despois a tempo completo“.
Pásmame que á vista disto non se propoña nada neste ensaio neste sentido: reducir a xornada semanal de xeito universal (sen redución de soldo) para favorecer a conciliación das tarefas no fogar (de nais e pais) non remuneradas pero absolutamente imprescindibles para poder estar en condicións de traballar como asalariados (mantenza, residencia, etc.), para manter a poboación do país e, só faltaría, para desfrutar dun crecente tempo de ocio e lecer.
Sorprende comprobar que o concepto e tamaño da xornada laboral só apareza unha vez máis neste ensaio (algo que é habitual en moitas análises sociolóxicas, por máis que un quede con cara de parvo): en relación a cando esta remata moi tarde. Só aí se considera conveniente “reformar a xornada“. Pero reformar os horarios non implica necesariamente reducir a xornada laboral. Pódese facer flexibilizando a xornada ou manexando bolsas de horas para mellor conciliar. Mantendo as horas semanais ou anuais sen tocar.
É un enigma para min comprobar como de xeito habitual se evita pór aquela posibilidade enriba da mesa para, entre outras cousas, reforzar esa máxima conciliación. Máis aínda cando se constata como naqueles países que crearon emprego público estable, ben remunerado para as mulleres e con xornadas de traballo non sobrecargadas (en traballos de coidado de nenos ou maiores, por exemplo), as mulleres asumen ter máis fillos.
*
Que non pasaría se a xornada semanal se reducise substancialmente en todas as actividades laborais? Claro que dirá o lector: sería posible?
Como teño analizado no meu recente ensaio “Traballo e capital no século XXI” (Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, 2022) (agora en acceso aberto aquí: https://secretaria.uvigo.gal/uv/web/publicaciones/public/show/378) no caso do conxunto do Reino de España, se as ganancias de produtividade se trasladaran á redución da xornada semanal como sucedeu entre os anos 1955- 1985 , no ano 2019 en lugar de ter que traballar unha media de 37 horas semanais, teriamos que disfrutar dunha xornada semanal media de 26 horas. Que serían apenas 5 horas diarias en cinco días a semana.
No devandito ensaio, tamén sosteño que para o ano 2018, se redistribuímos as horas de traballo anuais necesarias para o conxunto da nosa economía entre toda a poboación potencialmente activa (parados e mulleres sobre todo), a xornada media semanal resultante podería ser de 23 horas.
Unha boa cousa para todos os traballadores asalariados, tamén de xeito indirecto para ás mulleres nominalmente inactivas (axudas familiares, coidados) e para as que actualmente traballan a tempo parcial, que sen máis traballo terían un contrato a tempo completo. Abriríase un marco sensato de conciliación de tarefas para todos.
Deste xeito, liberaríanse da subordinación salarial moitas horas semanais (ao menos dúas diarias por cada membro da unidade familiar), coa conseguinte maior folgura para adaptar as apenas 5 horas de traballo diario á conciliación das tarefas domésticas e do tempo libre en xeral (coidado dos cativos incluído).
Enténdase ben. Non necesariamente para aumentar a natalidade (algo que desde outros puntos de vista, incluída a sustentabilidade do sistema de pensións, non creo que sexa imprescindible), senón para reducir aquelas “tensións entre o traballo e a familia” ou, de xeito máis xeral, as non pequenas tensións entre a dependencia do traballo asalariado e a vida digna dos cidadáns. Noam Chomsky teno así de claro: “… do mesmo xeito que a escravitude chegou a ser entendida como unha violación dos dereitos humanos esenciais, podemos esperar o día no que a escravitude salarial e a necesidade de alugarse para sobrevivir poidan abordarse dun xeito semellante”.
De non pór enriba da mesa a estafa da intocable xornada laboral, apandaremos a cada paso con máis horas traballadas e non retribuídas, coa prolongación discrecional da xornada e das horas de entrada e saída, ou coa pura e simple desaparición do concepto de xornada laboral. Algo que coñecen ben os (falsos) autónomos e todos os que (tele) traballan sen distingos entre vida laboral e privada.