En xuño de 2017, hai exactamente 3 anos, Tempos Novos publicaba na súa sección En Foco un especial sobre a Mariña Lucense no que Alcoa, xa en situación crítica, ocupaba un espazo central. Tres longos anos baixo a espada de Damocles, tres longos anos para reaccionar, tres longos anos nos que a única resposta foi laissez faire, laissez passer a tope. Hoxe recuperamos para a edición dixital este texto que, lamentablemente, podería ser publicado de novo a penas mudando a data.
por Gonzalo Rodríguez
Está a Mariña lucense preparada para unha apocalipse zombi? É a pregunta metafórica que se fai o autor, investigador e analista, á hora de abordar o presente e o futuro desta comarca galega. Trasladando a pregunta ao que sen dúbida ten múltiples posibilidades de suceder, o hipotético peche de Alcoa, con consecuencias para a zona propias dun acontecemento extremoso, a resposta inevitable sería: non, non está preparada para soportalo. E así como o fenómeno dun apocalipse zombi non entra tan facilmente nas nosas expectativas, a do fenómeno que representaría o peche da planta de alúmina instalada en San Cibrao non só é probable, senón que ten un horizonte temporal concreto, tal e como se propón argumentar. Para afrontalo, é preciso partir dun novo paradigma respecto da planificación territorial, económica, paisaxística e social da Mariña. En clave de país.
Efectivamente, o complexo de San Cibrao necesita evacuar os lodos vermellos nunha enorme balsa (aproximadamente do tamaño da vila de Viveiro) que colmatará en 2034. Resulta pouco probable, tanto por razóns ambientais como sobre todo por razóns financeiras, que unha nova balsa ou unha ampliación da actual chegue a construírse nunca. Investimentos bastante máis pequenos, como o que comportou o último transformador instalado en Alcoa, foron obxecto de atrasos que só poden ser comprendidos dende unha perspectiva de beneficio única e exclusivamente en estirar os rendementos marxinais de capital xa amortizado, pero non en investimento novo. Por tanto, moito menos podemos esperar un desembolso da magnitude que esixiría unha nova balsa. Temos en definitiva un horizonte de peche enriba da mesa.
Máis aínda, todos os sinais de Alcoa apuntan na mesma dirección, empezando pola propia presidenta da empresa que non ten reparos en afirmar publicamente unha e outra vez que, sen enerxía máis barata abandonará España. Resulta rechamante que, a pesar do peso da factura eléctrica nos custos da empresa (aproximadamente un 40% do total), non se coñezan investimentos da empresa nin para mellorar a súa eficiencia, nin para dotarse de fontes sustentables que lle fornezan enerxía barata, máis aló do inicio de consumo de gas (procedente de Reganosa) a partir de 2015. Unha estratexia pasiva e insuficiente dado o seu colosal consumo eléctrico. Enorme aínda a pesar pagar a décima parte por Kw/h que calquera de nós e de, consecuentemente, non contribuír apenas a financiar as redes eléctricas ou as primas ás renovables. Dito de outro modo, a parte que non paga Alcoa subvencionámola os demais.
Máis ainda, non só paga proporcionalmente moito menos que calquera consumidor doméstico, senón que a través da poxa de interrompibilidade se beneficia de subvencións millonarias a cambio de estar dispostas a baixar un interruptor da luz en caso de sobrecarga da rede. Evento que debido ao exceso de capacidade en España nunca sucedeu dende que en 1998 se comezaron a realizar estas poxas, e que leva consumidos dende dentro case 4.000 millóns de euros (só no ano en curso, a factura ascende a 525 millóns de euros en total).
O relevante é que os investimentos que en España non chegan materialízanse en Islandia, onde Alcoa inaugurou en 2007 unha planta que ela mesma presentou como unha das máis seguras, sostibles e tecnoloxicamente avanzadas do mundo. En Islandia nin hai bauxita (chega dende Brasil), nin hai mercado para aluminio, o que si hai é abundancia de recursos hídricos e unha enorme presa para o seu uso exclusivo.
Dous anos despois, a multinacional formaba unha empresa conxunta coa Compañía Mineira de Arabia Saudita, Ma’aden, para construír o maior complexo industrial e de máis baixo custo do mundo de aluminio primario, alúmina e produtos deste metal. Ao mesmo tempo que a nova plana botaba a andar en 2012 no país arábigo, a multinacional empezou a reducir produción en España e Italia. Neste caso non só dispón dunha mina de bauxita, senón, e isto é o máis importante, de enerxía barata. En calquera caso, o relevante é a constatación do desprazamento do investimento, e previamente do interese estratéxico, dos países do norte, particularmente de Europa e de Estados Unidos, a países emerxentes.
Neste contexto, a poxa de interrompibilidade (un mínimo de 130 millóns de euros en 2017 só para Alcoa) pode atrasar a despedida, pero en ningún caso vai evitala. Entre outras cousas, porque este tipo de medidas ou a de mandada rebaixa do custo da enerxía (lémbrese que o custo por Kw é a décima parte do que sofre un consumidor doméstico) xera un incentivo para a ineficiencia. Por que vai Alcoa a investir en sostibilidade se é moito máis rendible non facer nada e empregar os traballadores locais como escudos humanos? Consecuentemente, o dóping financeiro necesario será cada vez maior.
Canto de importante é Alcoa para A Mariña?
A importancia económica nun caso coma este debe medirse en termos de vulnerabilidade, que á súa vez depende non só do peso económico da actividade en cuestión, senón da dependencia do territorio que a acolle. Nese sentido, Alcoa xera aproximadamente 1.200 empregos directos, que supoñen a terceira parte do emprego industrial da Mariña. Se incluímos os empregos auxiliares (non todos eles industriais), teriamos que contabilizar uns 500/600 máis, que en conxunto representarían un 7% do emprego total das tres comarcas mariñás (Oriental, Central e Occidental). E aínda unha parte do emprego terciario (no comercio, a restauración, servizos persoais, asesorías, etc.) empezaría a resentirse como retirada dun empregador desta magnitude.
De feito, se analizamos a estrutura poboacional desta comarca, obsérvase que os maiores grupos de poboación se concentran nos tramos medios de idade, entre 30 e 54 anos, cunha base da pirámide moi estreita que reflicte un baixo potencial demográfico. Consecuentemente, a eliminación dun dos principais sustentos do maior grupo poboacional (a poboación en idade de traballar) suporía un curtocircuíto nada desdeñable nunha dinámica poboacional xa de por si decrecente.
Adicionalmente, aínda que a economía da Mariña non depende exclusivamente de Alcoa, e mesmo podemos soster que algunhas das oportunidades das que goza non están suficientemente explotadas, a día de hoxe a súa resistencia a un impacto como o peche de Alcoa é moderada. A pesca, sen ir máis lonxe, constitúe un caso de éxito nesta comarca, con algúns portos, caso de Celeiro e Burela sen ir máis lonxe, que se sitúan entre os mellor xestionados e máis competitivos de Galicia. Ao mesmo tempo, é sintomático que o Centro de Tecnolóxico da Pesca de Celeiro tivo que ser pechado por falta de fondos.
O turismo constitúe outro notable exemplo de recursos estragados polo desleixo das administracións. Sirva de mostra o botón da Praia das Catedrais, un espazo moi pequeno e sensible cun enorme potencial para ser usado como icona do territorio. É dicir, como vía de acceso a atención dos turistas que están a elixir destino, como promesa dun territorio espectacular. Pero tamén un punto con escasa capacidade para ser consumido directamente, é máis na súa configuración actual. Refírome á posibilidade de chegar en coche até a mesma praia, aparcar enriba dela, sacar unha foto e saír pitando para calquera outro destino. Isto non só está a degradar o recurso ambientalmente, senón tamén economicamente, xa que non serve para fixar turistas na contorna. Coa mesma velocidade que chegan marchan, despois dunha talvez frustrante cola.
Polo contrario, a estratexia de vilas como Ribadeo, coa mellora, humanización e rehabilitación do patrimonio, expresan unha intelixente liña de transición cara á terciarización da economía. De feito, trátase dunha localidade da comarca cunha dinámica poboacional máis favorable.
Obviamente, un dos grandes sustentos da poboación mariñá son os eucaliptais. Dadas as condicións climáticas da comarca, constitúe a zona do país no que a produtividade é máis elevada. Non obstante, os produtores sofren uns prezos extraordinariamente baixos como consecuencia da concorrencia doutras zonas galegas que resultan competitivas só a base de xerar externalidades negativas, incendios particularmente. Neste contexto, os produtores mariñaos carecen de incentivos para apostar pola calidade, por ciclos máis longos e por maior investimento, porque o mercado non o compensa. Quere dicirse que, precisamente nun dos sectores de maior potencial da comarca, o deixar facer típico dos gobernos conservadores galegos, o seu populismo, a desorde que promoven, prexudica o conxunto. Ninguén obtén prezos razoables polo seu investimento promovendo unha asignación ineficiente dos recursos.
Mesmo algúns sectores emblemáticos, sectores cun enorme impacto social e cultural, como pode ser o da cerámica, por diversas circunstancias están lonxe de despregar todo o potencial que reteñen para o desenvolvemento local. En definitiva, temos un evento máis que probable e potencialmente catastrófico….
Que debera suceder a partir de agora?
Sendo un evento anticipable, con bastantes anos de antelación, o inmediato sería unha reacción en termos de planificación, é dicir, de identificación de vectores de diversificación económica e de adaptación aos retos do contexto económico actual. En espazos coma este, non se deberían xa que logo avanzar exercicios que, sen teren un diagnóstico axeitado, poden ser excesivamente especulativos. En calquera caso, existen algunhas claves certas. A primeira é que cómpre reaccionar de inmediato, prever os impactos económicos, sociais e ambientais do peche (por exemplo, como se vai xestionar a balsa de lodos vermellos unha vez que desapareza Alcoa).
Cómpre resolver tamén algunha das carencias historicamente identificadas na comarca, como a súa baixa conectividade, asumido que o transporte do futuro non vai por estrada, senón por tren e por mar. O desleixo con FEVE é unha absoluta traizón ao futuro deste territorio.
Cómpre transformar radical e urxentemente a política forestal galega, convertela nunha política de desenvolvemento rural, que incentive o uso racional e eficiente dos recursos. A xestión actual, a expansión descontrolada, é a quitaesencia da traxedia dos comúns, na que todo o mundo perde. É dicir, sen unha política con visión de país o éxito para as partes devén máis difícil ou mesmo improbable.
Por último, é necesario acometer un profundo cambio de paradigma na planificación territorial, racionalizando a escala, procurando a sostenibilidade, preservando os recursos naturais e paisaxísticos valiosos, aquilatando lugares tan especiais como Rinlo, Cervo, Viveiro, mesmo San Cibrao. Velaí unha estratexia gañadora. Facer as cousas ben sempre funciona. Só hai dous requisitos imprescindibles neste caso: reaccionar xa e inserir a resposta nunha visión de país.
Este artigo foi publicado orixinalmente no número 241 de TEMPOS NOVOS (xuño 2017).