Domingo 28, Novembro 2021
HomeEconomíaSOBERANÍA E AUTODETERMINACIÓN

SOBERANÍA E AUTODETERMINACIÓN

por Albino Prada

Que a enerxía e o dixital han estar no centro das nosas vidas é bastante obvio, xa non o é tanto que «recuperación ou transición» sexan as palabras máis atinadas para marcar o rumbo de agora en diante. Iso por unha banda.

Pero, por outra, no centro das nosas vidas tamén hai moitas outras cousas valiosas (a sanidade, o ensino, a protección social, a vivenda, a probabilidade de atopar un emprego, a non discriminación, etc.) que non podemos dar por garantidas co crecemento dixital e verde do PIB. Pois poden, mesmo, xogar na nosa contra.

Barrunto que enfrontamos moitos desenfoques, moito lío. Verei de explicarme ao fío dalgunhas novas das últimas semanas. Que tamén nos chegan, ao meu ver, desenfocadas. Para quen queira unha análise de máis percorrido aconséllolle os meus recentes ensaios “Crítica del hipercapitalismo digital” e “Caminos de incertidumbre”.

Soberanía dixital

A xestión do big data, da internet, da robotización, da IA ou do 5G (o dixital para abreviar) non pode ser cousa de oligopolios aos dous lados dun telón dixital (GAFAM aquí e Baidu-Alibaba alí) teledirixido por grandes tecnocracias de acordo cos seus intereses privativos e corporativos (capitalismo financeiro de Vanguard Group e Blackrock aquí, ou capitalismo sen capitalistas nun Estado de partido único aló). Nin dun imperio en declive, nin dun xigante global en ascenso.

A desfeita de Afganistán vén demostrar que a Unión Europea non debera seguir facendo traballo de acólito para un imperio en declive. Que debemos argallar unha soberanía alternativa no eido da defensa e da seguridade. E iso hoxe pasa, si ou si, polo dixital.

Falo de soberanía a escada europea porque o asunto dixital e de seguridade, nun mundo con dous xigantes dos que non queiramos ser protectorados, pasa pola capacidade de deseño propio (5G e algoritmos), de fabricación de hardware e de xestión da nube e do big data. O impacto do actual desabastecemento global dos chips nos nosos países debera ser toda unha luz de alarma.

Soberanía cun tecido empresarial con competencia real, evitando levar ao 5G (con poxas para 20 anos) e ao resto de actividades dixitais a oligopolios sen axentes públicos, bendicidos por organismos de defensa aparente da competencia. Unha soberanía que conviva cun eido público do dixital, democraticamente controlado, que faga imposible que o escándalo de que entre nós só o un por cento dos infectados na pandemia teña activado a aplicación pública radar COVID.

Autodeterminación enerxética

A chamada transición enerxética para frear o colapso climático non debera ser xestionada polos mesmos axentes empresariais que nos trouxeron ata aquí. Naturgy, Iberdrola, Endesa ou Repsol non poden ser os xestores da auga, do sol, do vento, da biomasa, … dos recursos renovables que temos, e que podemos e debemos manexar a unha escada local ou municipal, sen grandes redes e centros de xeración. Pois si o fan, farano coa súa lóxica (amortizar o que teñen e axeitar á súa escala, xogando ao póker coas futuras xeracións).

Naturgy, Iberdrola, Endesa ou Repsol non poden ser os xestores da auga, do sol, do vento, da biomasa, … dos recursos renovables que temos, e que podemos e debemos manexar a unha escada local ou municipal, sen grandes redes e centros de xeración

O baleirado dos ríos, a tarifa-timo da luz, o coche eléctrico, as baterías, as  cadeiras xiratorias, o oligopolio bendicido pola Comisión da Competencia, etc. etc. teñen que ver coas procuras de Vanguard ou de Blacrock (ou agora dos australianos de IFM para Naturgy-Fenosa).

No seu xogo de casino global (gas, petróleo, uranio, minerais, materias primas, terras raras, etc.) non ten acomodo a resiliencia e a autodeterminación das sociedades. Menos aínda o freo do consumismo e da obsolescencia de deseño.

Que un país poida ter autonomía de recursos e autodeterminación na súa xestión non entra na súa lóxica cosmopolita e globalista. Pois gañan millóns nos mercados de futuros e empobrecendo aos seus consumidores, hoxe xa co xigante chinés no seu modelo especulativo de depredación global dos recursos do planeta.

Por todo iso deberan evitarse, nesa «transición», macro proxectos chamados de interese público-privados (por vez de enfrontar iniciativas públicas locais ou municipais que garantan a redución do consumo e a autonomía dos aprovisionamentos), que non pasan de ser un camuflaxe para por os recursos e o endebedamento público local ao servizo dos fondos de investimento globais.

Desenvolvemento sen tanto crecemento

A soberanía dixital e a autodeterminación enerxética pode que non aceleren o crecemento do PIB tanto como o turbocapitalismo da «transición» que nos venden os fondos de investimento globais e os seus próceres locais da Next Generation. Pero van moito mellor da man con cousas máis valiosas que o PIB. “Más desarrollo con menos crecimiento” argumento nun ensaio recente.

Por caso, teremos mercados máis competitivos, con máis axentes, menos oligopólicos. E con axentes públicos ou cooperativos de ámbito local. Teremos máis probabilidades de emprego porque a amortización e automatización desenfreada de postos de traballo nin garante un mellor servizo (financeiros, sanitarios, comerciais, educativos ou de protección social en particular), nin que teñamos autonomía e resiliencia para enfrontar novos shocks externos e situacións de incerteza. Tampouco garanten, senón todo o contrario, un sistema fiscal progresivo e soberano na Unión Europea, mentres fan competir á baixa os dos Estados.

En conxunto, esa lóxica lévanos ao colapso da asistencia sanitaria pública (por aquí no SERGAS), ao tempo que se prestixian ofertas (sanitarias, de pensións ou de estudos universitarios, por aquí A Banca) en centros  privativos para os sectores de maior renda.   E nesas andamos.


 

Novidades