PLAN DE RECUPERACIÓN: MÚSICA AMBIENTAL DE FONDO

por Albino Prada

O Goberno vén de presentar duascentas e pico páxinas do seu Plan Quinquenal para a Recuperación, a Transformación e a Resiliencia. Tres paxaros dun só tiro.

Como queira que se fala dun proxecto histórico nos seus obxectivos e nas súas cifras, reflexionarei aquí brevemente sobre iso: obxectivos e cifras.

Sobre os 140 mil millóns que se van poñer por riba da mesa debo ser moi breve. O financiamento procedente da Unión Europea, mantense na páxina 71, será resultado dunha “débeda común”, cousa que está no aire á vista da recente decisión do Tribunal Constitucional alemán.

De non prosperar esa vía, só queda reforzar o sistema fiscal interno. Por exemplo, tal como vén de anunciar Biden subindo o imposto de Sociedades do 21 ao 27 % nos Estados Unidos. Pero cando un procura no Plan español concrecións ao concepto de “progresividade” fiscal (páxinas 26, 31, 107, 124, 158), non atopa unha soa cifra. Nin para Sociedades, nin para IRPF, nin para Patrimonio ou Sucesións. O mesmo sucede no que atinxe ao concepto “ingresos públicos”. Digamos que, como moito, hai obxectivos…, pero sen cifras.

No que se refire a en que obxectivos gastar ou centrar os esforzos, limitareime a rastrexar algúns tópicos sintomáticos na panoplia de medidas e programas despregados.

Por caso, a respecto da “competencia” en mercados que non o son, ou son oligopólicos, (bancario, eléctrico, enerxía, e moitos outros), comprobo no texto apenas unha referencia á libre competencia na adxudicación de fondos (páxina 102), e outra para o mercado dos medicamentos (páxina 148), e máis nada. A banca privada nin se nomea no texto.

Máis sorte temos se a procura é sobre “inclusividade”, que aparece máis de  40 veces. Pero nunca se explica con detalle que significa iso en obxectivos cuantificados e con esforzo orzamentario. Mesmo resumindo todos os subprogramas dirixidos a ese obxectivo. Daquela queda como unha reiteración retórica.

Certo que, falando de inclusividade, máis dunha ducia de veces se fala do ingreso mínimo vital. Pero os tres mil cincocentos millóns da páxina 152 quedan moi lonxe do que eran no seu día as demandas dos sindicatos, e non digamos dunha renda básica universal.

Na transición enerxética, que xunto á dixital son as dúas palabras de moda, un pode procurar atopar algo sobre que vai pasar coas concesións hidroeléctricas, pero non terá éxito. O peche nuclear (páxina 140) condiciónase a un enigmático calendario. E, arre demo, nin se fala disto como risco e, menos, como incerteza catastrófica. Claro que tampouco se abordan as prácticas que en España alimentan as superbacterias inmunes aos antibióticos (esta palabra non aparece). Son temas vidrosos se o que se quere é música ambiental de fondo.

A expresión “soberanía dixital” aparece tres veces. Sempre vencellada ao espazo europeo. Pero nada se di sobre se o 5G (que aparece máis de sesenta veces!) será despregado con ese obxectivo (fronte ás GAFAM americanas ou chinesas) e con tecnoloxías europeas.

Podería seguir con esta ximnasia reflexiva, por exemplo con “teletraballo”, que aparece dez veces, mentres “deslocalización” só unha e falando de fiscalidade, non de traballo.

É algo que ben pode facer o lector para aquelas cousas que lle parezan máis substantivas. Eu escollín estas. E a miña nota final é de, como moito, 2 sobre 10. Revise o lector as 10 palabras que quedan en negriña ao longo do texto para así pechar, pola miña banda, este espectacular asunto.


Albino Prada é economista e ensaista, membro do grupo de investigación ECOBAS.