Diante das estimacións da primeira onda de Eurostat sobre a evolución do PIB na Unión Europea en 2022 veño sostendo que non convén sacar peito por, en España e Galicia, anotar taxas altas de crecemento. Porque entre os varios desnortes e espellismos do PIB está o de que despois dunha recesión tan fonda como a do ano 2020 -por causa da pandemia- o rebote posterior adoita ser proporcionado a caída. Ben sinxelo: os países con maiores caídas en 2020 teñen moita probabilidade estatística de ser os que anoten maiores crecementos en 2021 e 2022. E, aparentemente, estes anos terán bos datos de crecemento do PIB.
Pero, como as taxas elevadas dese rebote teñen todo que ver coa caída previa, o que hai que contar para avaliar o sucedido é o efecto global entre 2020-2022. E, daquela, pode que os primeiros pasen a ser os últimos. Moito crecemento agora, pero máis afundimento antes, cun resultado global que pode ser dos peores entre os países considerados.
Agora que Eurostat vén de avanzar os datos nunha segunda onda (o pasado 14/02/23) xa podemos pór nomes (país) e apelidos (resultado global) dentro da Unión Europea. Para iso ordenamos de menor a maior a situación a finais do pasado ano 2022 se partimos todos do nivel 100 en 2019 (pre-pandemia).
O resultado é que o conxunto do Reino de España está no cola da Unión Europea e Galicia situaríase na penúltima posición, tres puntos aínda por baixo da media da UE e moi lonxe de Portugal. E iso a pesares de España ter medrado en 2022 un 5,5 % e Galicia un 3,8 % segundo o IGE (dato do 24/2/23). Somos os menos resilientes da UE.
O excepcional caso de Irlanda (que quedou fora da gráfica por causa de que o seu índice acada os 138 puntos en 2022, sendo o 100 o ano 2019, e faría borrosos os datos do resto) ten que ver con dúas anomalías. A primeira que en 2020 saíu beneficiada da pandemia (non tivo recesión) polo dinamismo do comercio online e da demanda de ferramentas dixitais para o teletraballo. E xa nos dous anos seguintes pola recuperación do resto da UE que tirou da demanda das multinacionais globais que utilizan aquel país como ponte e paraíso fiscal. Compre sinalar que Eurostat na segunda onda aínda non fornecía datos de Estonia, Grecia, Croacia, Luxemburgo e Malta.
Á vista deste balanzo 2020-2022 tampouco ten senso sacar peito porque neste 2023 sexamos dos que máis medremos para as previsións oficiais da Comisión Europea. De cumprírense, todo será pouco para recortar a fenda que aínda temos coa evolución media da UE tras da pandemia.
Este mal resultado entre 2000-2022 para o conxunto de España non debera, como fai o PP, pórse no debe da actual Moncloa, pois o resultado de Galicia non é moito mellor. Se nun caso o país no seu conxunto paga a factura de estar atrapado na súa dependencia turística, no outro imos nós detrás na procesión co Xacobeo, e con políticas previas austericidas na sanidade, nas pensións ou no salario mínimo (herdanza da anterior Moncloa).
Porque o miolo da situación ten máis que ver co afundimento da demanda interna que coa resistencia do motor da demanda externa. Pois mentres no conxunto de España a demanda interna (fogares e administracións públicas) xa só engadía 0,6 puntos ao crecemento total do PIB (menos da cuarta parte) no remate do ano 2022, en Galicia a demanda interna ven restando puntos do crecemento dende hai medio ano.
A anemia da demanda interna non é máis que a outra cara de como entre nós esa insuficiente recuperación do PIB está a ser, por riba, capturada polas rendas máis altas do IBEX e non pola maioría da sociedade. Pois a inflación está agravando unha desfeita salarial que ven de lonxe. Sobre todo nos sectores sociais e produtivos vencellados aos mercados internos e menos dirixidos cara a exportación.
Tamén sen esquecer que, malia iso, tras dun longo deterioro dos servizos públicos, o endebedamento preciso para frealo seguimos a pagalo a mesma maioría de sempre.
No conxunto do trienio 2020-2022 Galicia perde dinamismo económico verbo da media europea, o que provocará un retroceso na nosa converxencia. Algo que só podería evitarse si o noso maior afundimento demográfico xoga, unha vez máis, como contrapeso. Unha desfeita se mire como se mire. E, mesmo así, haberá quen saque peito dunha converxencia só posible nun país minguante.
Albino Prada é investigador de ECOBAS, ensaísta e membro do Consello Científico de Attac.