O día 20 de decembro chegoume rebotado, vía o algoritmo seica intelixente de Google News, ao meu móbil un triunfal titular (“Galicia acelera la convergencia tras un avance récord del 9,2% del PIB per cápita” ), rebotado dun importante medio de comunicación galego que recollendo datos do Instituto Nacional de Estatística español certificaba un espectacular progreso da converxencia económica de Galicia co conxunto de España en 2022, subliñando que por vez primeira ese avance producíase mesmo aumentado a nosa poboación. Un dobre bingo para sacar peito. Todos poderíamos sacalo, claro está, e a Xunta de Rueda-Feijoo máis que ninguén.
Como queira que recentemente facía aquí un balanzo moi negativo do bienio 2022-2023 (xa cos datos do terceiro trimestre deste último ano) pode que conveña precisar de que xeito o que para a miña análise era negativo (no 2022 o IGE daba un crecemento do 3,8 do PIB para Galicia fronte a un 5,8 % para España) agora vai resultar que é triunfal. Si na miña análise con datos oficiais os dous anos Galicia medraba menos que o conxunto de España, como é posible que no primeiro deles aceleremos e recortemos distancias si, por riba, medra a nosa poboación? De todo punto imposible.
Cando comprobo as táboas do INE inseridas na nota de prensa do citado día 20 na que de entrada supoño se basea a información lanzada urbi et orbe (botafumeiro triunfal), vexo que o máis semellante ao espectacular aumento de 9,2 puntos en 2022 é o dato de 9,4 puntos… pero non é en PIB real (que foi do 4,2 fronte a un 5,8 do conxunto de España) senón nominal. Daquela un dato bruto sen descontar a inflación, que non foi pequena. Pero sucede que para ese dato nominal o dato homoxéneo do conxunto de España é dun incremento de 10,2 puntos. Co que con 9 de crecemento nós fronte a 10 do total, de converxencia, en principio, non queda nin rastro.
Desbotada esta coincidencia, cos nove puntos de converxencia do titular, non queda outra que procurar fóra da nota de prensa na base de datos por ver de onde sae o asunto da converxencia do PIB por habitante. Vemos que teríamos acadados 25.906 euros, o 92% da media española, grazas a ese empurrón do 9,2% en 2022 e, por riba, di o xornal “a diferencia de saltos anteriores, el incremento esta vez va acompañado de más población”. É así de simple: teríamos o enigmático logro de acelerar a converxencia do PIB por habitante sobre a base de ter medrado (o PIB nominal e real) por baixo da media española.
Pero sucede que o titular é falso pois non é certo o de que “Galicia acelera la convergencia” no PIB per cápita. Pois si no 2022 acadamos o 92%, e no 2021 tiñamos 91,9%, e no 2020 era 92%… non hai nin rastro desa aceleración. A non ser que así consideremos unha décima.
E esas cifras son, si, resultado de ter medrado en termos nominais o PIBpc en Galicia en 2022 un 9,2 % (na liña do medre nominal do PIB do 9,4 %) pero, de novo, “beneficiándonos” dun comportamento demográfico peor en Galicia que no conxunto de España. Pois Galicia apenas medrou a súa poboación un 0,1 % mentres que en toda España fíxoo un 0,9 %. Nove veces máis.
Co que, conclúo, nada novo en 2022: medra menos a riqueza en Galicia, pero como aumenta menos a poboación acercámonos un chisco de nada. En resume: os resultados dun país minguante. Porque seguimos a perder peso -na produción de riqueza e na poboación- do conxunto de España.
Velaí como un titular redactado de xeito como mínimo confuso acaba sendo espallado milleiros de veces polos algoritmos de Google dando a entender logros de botafumeiro do Xacobeo económico da Xunta de Galicia. Así somos imparables.