por Xacobo Feijóo Lamas
Creo que sen dúbida o máis importante dos cambios da “nova PAC” non son tanto en sí os cambios como o que permanece dela. E permanece que, punto percentual arriba ou abaixo, a PAC segue a ser a gran política de Cohesión Económica e Social, cun 40% do total do orzamento da UE, para un sector que en números redondos non suporía moito máis aló do 2,5% do PIB europeo, o que da idea de ata que punto pesan nese 40% do orzamento total da UE cuestións extraeconómicas, como as estratéxicas ligadas ao abastecemento alimentario para evitar hambrunas en tempos de crise, as cuestións medioambientais e as sociais.
Sobre esta base de permanencia, as novidades que incorpora a PAC para o periodo de programación 2021-2027 téñense que entender no contexto das disposicións tanto do Pacto Verde da UE como da recién promulgada en 2020 Estratexia do campo á mesa. O Pacto Verde pretende que en 2030 a UE lidere a descarbonación da economía a nivel mundial, e a Estratexia do campo á mesa pretende a creación dunha cadea alimentaria que funcione para os productores e os consumidores, o clima e o medioambiente. Pretende en suma garantir unha produción con prácticas sostibles e fixa ambiciosos obxectivos cuantificados, entre eles acadar para 2030, un 50% de redución de fitosanitarios, aumentar a eficiencia de nutrintes no ciclo do solo un 50%, reducir un 20% o uso de fertilizantes de síntese e acadar que ata un 25% da superficie produtiva da Unión estea en réxime de “agricultura ecolóxica”. Ademáis engade obxetivos de enerxías renovables no sector primario, e obxectivos ecosistémicos como acadar que un 10% da superficie estea protexida por motivos paisaxísticos e plantar 3.000 millóns de árbores na UE (equivalente a forestar uns 3 millóns de ha, algo así como a superficie de Galicia de novos bosques na UE para o 2030).
Pero cecais a parte máis polémica destes contidos dende o punto de vista dos agricultores sexan as limitacións que se pretenden impoñer ao consumo da carne que se reducir dentro da UE, si ben se xustifican por motivos ideolóxicos máis que por fundamentos científicos que teñan que ver cunha dieta saudable nuns casos, e noutros en dicutibles conclusións sobre o impacto da gandería nas emisións de gases de efecto invernadeiro a atmósfera. Incluso non se descarta un imposto específico ao consumo de carne, a tal punto chegan presións de lobbies, minoritarios pero ben organizados, como os animalistas.
A maiores hai dúas preocupacións máis no sector, dúas cuestións que só pora respostar o tempo. A primeira, se a agricultura da Unión cos condicionantes medioambientais expostos poderá competir polo mercado interior e de exportación de alimentos, tendo en conta que os produtos agrarios de fora da UE, producidos baixo estándares de calidade, seguridade alimentaria e medioambientais moito menores serán máis baratos. A outra é, realmente si a día de hoxe existe a madurez tecnolóxica en biotecnoloxía e agronomía para alcanzar uns obxectivos medioambientais tan ambiciosos sen poñer en risco a produción de alimentos que precisa UE para asegurar o noso abastecemento alimentario e exportar ao resto de mundo para contribuir á seguridade alimentaria global.
A data de novembro de 2020 estes obxectivos vanse plasmando nos distintos borradores de Regulamentos Comunitarios que materializan a aplicación do primeiro e segundo piar da PAC para os próximos 7 anos de periodo de programación, se ben haberá un periodo excepcional transitorio para os anos 2022 e 2023 polos retrasos acumulados no lanzamento da PAC e polo contexto da pandemia. Xa parece claro que alomenos un 40% dos pagos da PAC aos produtores terán que ver con obxectivos medioambientais.
A partir deses Regulamentos o marxe dos Estados Membros e das Rexións da UE será amplo para adaptar as disposicións ás distintas realidades territoriais, medioambientais e sociais de cada Estado e Rexión.
Cómpre polo tanto de momento seguir traballando para influir en que os Regulamentos da Comisión se adapten o máis posible ás necesidades do noso país, e posteriormente traballar a nivel do Ministerio de Agricultura para ter un bó Plan Estratéxico Nacional que teña en conta as características sectoriais e de desenvolvemento rural de Galicia, e finalmente que a Xunta de Galicia programe no Plan Estratéxico de Galicia o mellor posible un orzamento que nos próximos 7 anos de programación deberá de rondar os 340 millóns de euros anuais durante o periodo.
No contexto post pandemia, os fondos de reconstrucción da UE que se apliquen ao rural, fondos extraordinarios e complementarios da PAC, deberían servir para afrontar investimentos estruturais extraordinarios que permitirán dar un salto cualitativo ao noso sector agroalimentario, mentras que a nova PAC debería de constituir o marco normativo e orzamentario que nos permitirá seguir contando cun medio rural cohesionado, activo e produtivo que poida gañar o futuro para as próximas xeracións.