Pensións: contra o consenso neoliberal

Andan as rúas de París moi revoltas por causa de querer facer traballar máis anos a xente antes de xubilarse, e facelo cunha pensión devaluada para, segundo se di, facer sostible o sistema público de pensións. En España o Ministro Escrivá devalúaas algo menos para o cobro inicial, pero seguimos a traballar cada paso máis tempo antes da xubilación e van ser de novo os salarios (semella que só, de entrada, os máis altos) os que reforcen o financiamento. Todos estes mandamentos neoliberais resúmense en dous: traballar máis anos (en Francia de 62 a 64, en España de 65 a 67) e facer descansar o equilibrio do sistema só nos salarios e nos pagos. E quedamos á espera da CEOE e das súas dereitas na Moncloa para as terapias de shock.

Todo isto ocorre cun sistema público de pensións por reparto cuxos ingresos se calculan mensualmente como porcentaxe dos salarios, e só dos salarios, dos traballadores. Claro que con este sistema de cotización salarial, cando se precisan a cada paso menos ocupados para facer o mesmo, si os traballadores fixos ven devaluado o seu salario, ou cando os novos empregados reciben salarios máis baixos, os ingresos mensuais son insuficientes para pagar un mínimo digno e revalorizalas co IPC.

É por iso que, para reducir o crecemento dos gastos, postulase atrasar a idade de xubilación e xubilarse cunha pensión inicial máis baixa. Dificultándose así que os actualmente desempregados tomen o relevo dos ocupados con máis de 35 anos de cotización, cunhas formas de cálculo que darían unhas pensións iniciais medias menores (por non falar do actual precariado). Son medidas que, para os que pasan por técnicos sen ideoloxía nestas materias son de sentido común, pero que ben lles agradecen os que venden plans de pensións privados.

*

Pensaba eu que podía ser, paradoxalmente, unha boa noticia que a Seguridade Social xa non estea no Ministerio de Traballo. Porque quizais deste xeito se puidera abrir a perspectiva, e considerar que os ingresos dun sistema público de pensións reforzado non teñen que proceder só dunha porcentaxe mensual de ingresos sobre os salarios.

Neste punto, hai que reiterar cantas veces sexa necesario que o Sistema e a Tesourería da nosa Seguridade Social evitaron durante moitos anos (como anoto ao final desta análise) que a nosa Facenda Pública destinase ingresos tributarios a financiar o noso envexable sistema sanitario público e universal. Polo que sería simple reciprocidade, e ben sinxelo, que a partir de agora os impostos xerais absorban os déficits que incorre a Seguridade Social co Estado.

Pero tamén debía ser unha boa nova porque se incorporamos ás bases de cotización o resto do valor engadido que non son salarios (por exemplo cun tipo do 10%) e rebaixamos a porcentaxe de cotización actual na masa salarial (do 26% actual ao 17% ), conseguiriamos non só evitar que o sistema rexistre un déficit anual de recursos superior aos vinte mil millóns, senón facelo grazas á redución das achegas das actividades máis intensivas en emprego (como a educación e a sanidade) e incrementando a achega dos empregos máis automatizados (como os servizos enerxéticos ou financeiros). Conseguiríamos un equilibrio do sistema público de pensións por reparto, sen penalizar o emprego e deixar de rositas a automatización.

Abandonemos progresivamente a masa salarial como base exclusiva para o cálculo da cotización das nosas empresas ao sistema de pensións da Seguridade Social. Non sigamos penalizando sectores e empresas que manteñen máis e mellores empregos.

Non abondan reformas que eleven os teitos de cotización dos asalariados con nóminas máis altas, que axusten as cotizacións dos autónomos aos seus ingresos reais ou coa supresión de bonificacións e reducións de cotas manifestamente ineficientes. Son só remendos.

Porque un sistema de pensións –público, universal e de reparto– sólido e con futuro no século XXI non pode permitir que quede fóra unha parte crecente da riqueza e do valor producido, en moitas das nosas empresas e sectores, da súa contribución á protección social dos traballadores que o fan posible.

E, ao non querer enfrontarse a esta cuestión crucial, tanto os que ven a solución nun aumento da natalidade, como os que mentres tanto a procuran na inmigración, engánanse ao solitario. Porque en ambos casos a sustentabilidade das pensións públicas razoase no marco limitado e anacrónico dun sistema ancorado nas cotizacións sobre salarios, non sobre o conxunto do valor engadido ou a riqueza nacional.

*

O anterior penso que é de caixón se ollamos cara adiante, pero se ollamos ao pasado: ¿hai unha débeda histórica co peto das pensións públicas?, ¿podería acadar varias veces o tamaño dos mellores momentos do Fondo de Reserva?

A finais de xullo do ano 2020, nada menos que o Tribunal de Contas respondeu afirmativamente a ambas preguntas no seu informe de fiscalización número 1381. Esa débeda foi estimada polo devandito Tribunal nuns cen mil millóns de euros (entre 1989-2013, páxina 41 do informe). Unha cifra impresionante, xa que o Fondo de Reserva da Seguridade Social no seu mellor momento (2011) non chegou aos setenta mil millóns (páxina 46 do Informe). A débeda recoñecida suporía, de pagarse, máis do dobre da mellor cantidade que nunca acadou o Fondo de Reserva da nosa Seguridade Social.

É certo que con estes millóns o Fondo de Reserva aínda estaría por debaixo dos cincocentos mil millóns aos que podería ter chegado se non só se cuantifica como débeda histórica do Estado coa Seguridade Social os gastos sanitarios e os complementos mínimos (que é o que o Tribunal de Contas recoñeceu no seu informe) senón todos os gastos (indebidos) que vén soportando o sistema público de pensións e que non son pensións contributivas.

Daquela o Estado ten hoxe unha débeda –agora en parte recoñecida polo Tribunal de Contas– coa Seguridade Social, que se acumula dende 1989, por ter aforrado uns gastos que non debería ter asumido (sanitarios e de mínimos). Pois o Estado, de non dispor daquela da caixa da Seguridade Social, tería que endebedarse pagando xuros. Ou, por dicilo doutro xeito, a Seguridade Social podería ter investido eses recursos do seu maior Fondo de Reserva obtendo intereses substanciais.

Alternativamente, a esas mesmas cifras anuais en euros correntes de cada exercicio que o Tribunal de Contas recoñece agora como “gastos que a Seguridade Social asumiu por conta do Estado” por 103.690 millóns de euros, se lle aplicamos o índice de prezos ao consumo para consolidalos en euros do ano 2013, teríamos que rexistrar unha débeda histórica acumulada de 155.506 millóns de euros (un 50% máis).

En resume: nen a partires de agora podemos só financiar o sistema público de pensións con cargo a salarios, nen menos esquecer que no pasado ese sistema axudou a financiar outros servizos públicos. Só así deixaremos de facer remendos. E facelos as costas do benestar dos traballadores e pensionistas.

**

P.D. Nas páxinas 103 a 110 do meu ensaio “Trabajo y Capital en el siglo XXI” (2022) detallo o cambio de modelo de financiamento para a Seguridade Social. Pódese descargar en aberto dende o 29 de abril de 2023 na web da Universidade de Vigo: https://secretaria.uvigo.gal/uv/web/publicaciones/public/show/378