Domingo 1, Outubro 2023
HomeEconomíaORZAMENTOS DO ESTADO 2021: UN INEVITABLE CASTELO DE NAIPES

ORZAMENTOS DO ESTADO 2021: UN INEVITABLE CASTELO DE NAIPES

por Albino Prada

Elaborar unha previsión de gastos e ingresos públicos para o ano 2021, nunha situación de extrema incerteza como a provocada pola pandemia actual dende marzo de 2020, é un exercicio de prestidixitación. Para calquera que o faga. É por iso que as contas presentadas polo actual goberno deben ser avaliadas de xeito pouco habitual. Vexamos.

 O DETERIORO REAL DO 2020

Para empezar, é preciso tomar conta do percorrido das sucesivas previsións de crecemento económico realizadas para este ano 2020. O que se dicía, e o que vai sucedendo na realidade. Brevemente.

As previsións de crecemento foron deteriorándose paseniñamente. Antes da pandemia íamos medrar un 1,5 %, os primeiros impactos estimaban unha recesión ó redor do – 6 %, pero o certo é que o Goberno recoñece xa unha caída do – 11,2 %. Algo que pode empeorar se, como parece, o Banco de España non atina na non consideración dun escenario de confinamentos xeralizados, como xa se están a producir. Un escenario que, cando si se consideraba, supuña dous ou tres puntos máis de caída.

En suma: teriamos pasado de estimar unha caída do – 6 % a superar realmente o – 12 %. ¡Como para facer previsións seguras para 2021¡ (sobre todo en ausencia dunha vacina que se espera para mediados de ano).

Sobra dicir que estas previsións condicionan totalmente o que se vaia ingresar polos distintos tributos, asi como os gastos precisos para facerlles fronte aos danos sociais causados pola pandemia. Porque os ingresos caen, e os gastos medran, segundo o deterioro vai medrando. Por iso, o crecemento do déficit e da débeda tamén se foi deteriorando durante o ano verbo das previsións. Nun caso pasamos tamén do -6 % ao -12 % e no outro, polo efecto combinado dun déficit crecente sobre un PIB minguante, a débeda pasaría do 97 % ao 120 % do PIB xa neste 2020.

 

CÁBALAS SOBRE 2021

Con estes precedentes, coa pandemia desbocada na súa segunda onda, e con presións para forzar unha terceira por aquelo das festas do Nadal, das pontes ou do Xacobeo, as previsións dispoñibles para 2021 supoñen hoxe unha recuperación dun 7 % baseada sobre todo na demanda interna e menos no motor exterior.

É aquí onde comeza outro castelo de naipes, pois para iso tería que darse unha recuperación do emprego de calidade destruído, algo que non vai ser o que se derive dun rebrote turístico máis que bretemoso.  Abondaría con que pasásemos dese 7 % de crecemento do PIB a un 4 % para que todo o proxecto de orzamentos para 2021 saltase polos aires. E visto o sucedido neste ano 2020, é perfectamente posible que tal cousa suceda.

Se así fose, as previsións de crecementos dos ingresos e dos gastos serían papel mollado. Pero é que, para máis, o Goberno sitúa a súa previsión de crecemento do PIB en 2021 moi por riba (no 10 %), co que unha corrección final da realidade a un 5 % sería letal. E nada hai a día de hoxe que impida supoñer que así será. Neste caso, a prudencia e o principio de precaución macroeconómica aconsellarían manexar ese 5 % en troques do 10 %.

Porque para que o déficit público se reduza, como se dí, do – 12 % en 2020  a menos do – 8 % en 2021 é preciso que os ingresos fiscais medren nada menos que case un trinta por cento nominal sobre as cifras de 2020. Case trinta mil millóns que se evaporarían se o crecemento do PIB resultase moi por debaixo daquel crecemento do 10%.

E todo isto dígoo independentemente de que se cumpran as axeitadas medidas de novas figuras fiscais (imposto transaccións financeiras, taxa as GAFAM, impostos verdes) e oportunos axustes progresivos no IRPF e noutros impostos. Pois o seu peso neses trinta mil millóns de maiores ingresos fiscais para 2021 é reducido: apenas seis mil millóns. O resto, nada menos que vinte e catro mil, ten que ver coa dinámica (imaxinada) do PIB.

Non me sorprende que o Goberno non presente previsións de débeda para o remate de 2021. Pois se os ingresos caesen como un castelo de naipes (porque a recuperación fose moito menos intensa), o efecto combinado dun déficit maior e dun menor PIB levaríanos a niveis de endebedamento moi perigosos, por máis que o BCE siga facéndonos –de momento- a respiración asistida de compras masivas para frear a prima de risco.

É o que ten ter chegado a este tsunami pandémico sen poñer no seu sitio tanto aos gorróns e secesionistas fiscais ben traxeados como aos empresarios parásitos do público, que por riba porán o grito no ceo sobre a deriva das finanzas públicas social-comunistas. Tanta abdución neoliberal levamos tragado, que tamén a esta desfeita lle han dar a volta como a unha luva.