Texto Antón F. Oca, Xabier Iglesias e Manoel Barbeitos
A crise de Alimentos Lácteos –con data 1 de marzo do 2013 cesou na súa actividade empresarial, o 28 de maio do 2013 foi declarada en concurso de acredores por auto do Xulgado do Mercantil de Lugo e, posteriormente, por auto de data do 9 de setembro ordenouse a liquidación por solicitude do debedor, acordándose a apertura da sección de cualificación do concurso– é unha manifestación máis de como os políticos da dereita galega –neste caso do PP– antepoñen sempre os seus intereses egoístas e particulares ás necesidades do sector lácteo, sen importarlles as nefastas consecuencias que para a maioría das explotacións gandeiras poidan ter os seus actos.
O fracaso dun proxecto partidista
Nos derradeiros días do mes de xaneiro do presente ano 2013, a empresa Alimentos Lácteos, localizada no concello lucense de Outeiro de Rei, no corazón da Terra Chá, daba o sinal de alarma e presentaba a solicitude dun preconcurso de acredores. A xustificación era doada: logo de apenas tres anos de actividade, a empresa tiña acumulada unha débeda que, segundo algúns cálculos moi fiables, superaba os 18 millóns de euros.
En realidade Alimentos Lácteos non tivo beneficios en ningún dos seus exercicios de actividade. Esa débeda ten como acredores tanto a Axencia Tributaria como distintas entidades financeiras –Banco Pastor, Novagaliciabanco, Banesto, BBVA–, e os propios propietarios das antigas instalacións fabrís –o grupo Leche Pascual. Por se isto non fose xa de por si suficiente grave, Alimentos Lácteos ten tamén débedas tanto cos seus traballadores –que teñen pendentes de cobro unha serie de atrasos– como con varias das cooperativas –Gancobre, La Arzuana, Codegui, Indega, Terra Cha, Fenaval, Comarcal de Ordes, Pereiro, Mopán–, todas elas conformadoras do proxecto de Alimentos Lácteos.
A pregunta é de caixón: como se puido chegar a esta situación cando o proxecto contou desde os seus inicios co apoio entusiasta da Xunta de Galicia (PP) –así o demostran as cuantiosas axudas públicas percibidas por un importe próximo aos 11 millóns de euros, e o soporte loxístico e político prestado polo IGAPE e XESGALICIA– e tamén das cooperativas gandeiras citadas anteriormente?
Analizadas tódalas compoñentes que ao noso entender causaron a crise, a resposta non pode senón ser a seguinte: unha vez máis, os promotores deste novo proxecto leiteiro antepuxeron os seus intereses partidarios e partidistas –neste caso, ligados exclusivamente ao PP– aos intereses do propio sector. A historia do que sucedeu quedaría incompleta se non apuntamos, con nomes e apelidos, os políticos conservadores que máis responsabilidade contraeron neste fracaso: Romay Becaría, Juárez, Eugenio
Montero, Arcadio López. Mirado en retrospectiva, e vendo os chanzos do proceso, o que resulta máis difícil de entender é como moitos dos cooperativistas participantes puideron aceptar que un proxecto que tiña desde un principio marca político/partidista, como quedará demostrado, ía ser o que conseguise superar os problemas cos que se atopaba, no presente e de cara ó futuro, a cadea de valor do sector leiteiro en Galicia.
Un proxecto viable que se fai fracasar
Cando no 2009 Leche Pascual pecha as súas instalacións en Outeiro de Rei, o sector gandeiro de leite, que se beneficiara de altos prezos nos anos 2007 e 2008, padece unha baixada que o arrastra a unha fonda e moi dura crise, forzando que un importante número de explotacións familiares tamén pechasen. A crise viñera marcada pola caída dos prezos aos produtores, indefensos como estaban tanto polo desmantelamento da Mesa do Leite como por mor dos contratos homologados que levou a cabo o PP ao acceder ao Goberno, e tamén polo comportamento egoísta de moitas industrias leiteiras, que non dubidaron en aproveitar a debilidade do sector para procurar maximizar as súas ganancias. Pagaron o leite producido en Galicia a un prezo que estaba moi por debaixo da media do prezo que se pagaba no resto do Estado.
Nesa conxuntura, un grupo importante de cooperativas (que lideraba FEIRACO, e que incluía ademais A Capela, Coba de Vales, Cusoviame, Melisanto, Oriber, Pico Sacro, Xallas, Agris, Agrogandeira de Sarria, Codeira, Copar, Icos, O Pereiro, Os Irmandiños, Poluga, Xertigan, San Mamed de Nodar, Lemos, Coafor, Indega e Aira, un número moi alto que dá conta da súa relevancia) acordaron proceder a alugarlle a Leche Pascual as citadas instalacións. O estudo de viabilidade, que recibiu o beneplácito da propia Xunta de Galicia (PP) a través do IGAPE, confirmaría tanto a viabilidade do proxecto como a súa oportunidade. Con estes vimbios, o proxecto vai adiante ata chegar a conseguir un acordo coa empresa propietaria das instalacións, a citada Leche Pascual.
Porén, é cando os intereses partidarios de carácter caciquil entran en xogo, facendo que ese proxecto, que viña da iniciativa das propias cooperativas e que tiña como obxectivo industrializar o leite producido polos socios, acabase fracasando, malia estar avaliado como viable e con futuro. E con el, a filosofía que o inspiraba: a dos principios cooperativos universais de non discriminación por motivos ideolóxicos, relixiosos e/ou políticos.
O acordo inicial entre as cooperativas sinaladas e os propietarios das instalacións da Terra Chá –Leche Pascual– é bombardeado por dirixentes políticos populares presentes no movemento cooperativo –Eugenio Montero, presidente tanto da cooperativa La Arzuana como de Perpetuo Socorro, e Arcadio López, presidente da cooperativa A Gancobre-, apoiados polo poderoso líder conservador Romay Becaría. O bombardeo tiña un obxectivo: que Leche Pascual non asinara o acordo co grupo inicial de cooperativas e si o faga cun grupo máis reducido delas: La Arzuana, Perpetuo Socorro, Gancobre, Tierra Llana e Mopan, ás que posteriormente se engadirían Codegui, Fenaval, Comarcal de Ordes, O Pereiro, Codeira e Indega.
As fortes presións políticas exercidas sobre os donos das instalacións tanto por parte da Consellería de Medio Rural como do
Ministerio de Agricultura, unha e outro nas mans do PP, conseguen que Leche Pascual se volva atrás nos acordos tomados e asinen inicialmente un contrato exclusivo con La Arzuana e Gancobre, ás que veteranos representantes do movemento cooperativo agrario denominan “pata negra do PP”.
As razóns esgrimidas polos promotores do novo acordo non deixan de ser, por coñecidas, menos lamentables: asinar o acordo inicialmente previsto (23 cooperativas lideradas por FEIRACO) sería afortalar a presenza dos partidos da oposición no sector (PSdeG e BNG), dado que, segundo aqueles, “controlan” a maioría das cooperativas. Os políticos conservadores asumen esa interesada proclama e deciden impedir que o proxecto saia adiante, malia que polo camiño se leven por diante tanto o movemento cooperativo galego como o propio sector leiteiro.
Unha crise anunciada
O novo proxecto Alimentos Lácteos constituiríase baixo a fórmula non de cooperativa senón de sociedade anónima, na que as cooperativas La Arzuana e Gancobre participaban con o 51 por cento do capital, asegurándose así o control da sociedade, mentres o resto das cooperativas achegaba o 49% restante.
Logo dunha intensa campaña publicitaria, que contou sempre co apoio da Xunta de Galicia (PP), que non dubidou en acudir á chantaxe para conseguir como fose novos socios, o grupo empresarial ampliouse a 11 cooperativas gandeiras que achegaban en conxunto un volume aproximado de 100.000 toneladas de leite. Moi lonxe, tanto no número de cooperativas como na produción, das cantidades que inicialmente se manexaron cando se puxera en marcha o proxecto inicial (23 cooperativas que garantían o abastecemento anual de 300.000 toneladas de leite para a súa industrialización).
Os resultados xa se coñecen: logo de apenas tres anos de actividade, a empresa Alimentos Lácteos está en concurso de acredores e, o que resulta máis lamentable e preocupante dende o punto de vista dos gandeiros, das cooperativas e dos propios traballadores, todo apunta a que a súa desaparición é inevitable.
As causas deste fracaso, que están claras para calquera que coñeza tanto o sector leiteiro galego como o propio movemento cooperativo, son tamén facilmente comprensibles para calquera cidadán sen anteollos ideolóxicos. Concretámolas:
Primeira: A insuficiente base produtiva –sen menosprezar a relevancia das cooperativas presentes, resulta innegable que eran insuficientes para cubrir con garantías un proxecto tan ambicioso- crearía problemas de dimensión –a produción real de leite apenas chegaba a acadar o 25% da capacidade total da empresa.
Segunda: Primacía dos intereses partidarios sobre os intereses gandeiros e cooperativos e propiamente empresariais –de feito, Alimentos Lácteos non contou nunca cun plan de negocio ni estratéxico.
Terceira: Débil capitalización inicial, insuficiente para a dimensión do proxecto.
Cuarta: Graves problemas de xestión da sociedade, con interferencias alleas ao sector (IGAPE e Consellería de Agricultura, que actuaban como xestores reais da sociedade) que condicionan negativamente o bo funcionamento.
Quinta: Fallos no propio sistema de produción –mediante procesos indirectos moi custosos– e subministro –compra de leite con
procedementos especulativos–, malia teren os produtos –o leite envasado– unha grande aceptación entre os consumidores.
Sexta: Arriscada política comercial –fixárase unha marca para Galicia (Deleite) e outro para o resto do Estado español (Muuu), ámbalas dúas por baixo do custo de produción: unha estratexia que só se puido manter deixando de pagarlles ás cooperativas, o que provocou que os gandeiros deixaran de entregar o leite.
Sétima: Retribucións de cargos administrativos –os citados Eugenio Montero e Arcadio López- a pesar de teren perdas a empresas
–cando as escrituras fixaran que as retribucións só poderían ser subtraídas dos beneficios, polo que foron retribucións indebidas e ilexítimas– o que supuxo unha “saída patrimonial fraudulenta”.
Oitava: Atraso na toma de decisións previstas legalmente por parte dos administradores, diante da redución progresiva do patrimonio neto por mor das continuas perdas anuais. Factores todos eles que coadxuvaron a que, como dixemos antes, Alimentos Lácteos se convertera nunha sociedade insolvente.
Non resulta, xa que logo, indebido criticar duramente o comportamento da propia Xunta de Galicia –que actuaba como auténtica administradora da sociedade ao través tanto do IGAPE como da Consellería de Agricultura– por ser responsable directa ao non ter tomado, en tempo e forma, as medidas oportunas –moitas previstas legalmente– que impediran que a sociedade chegase á situación na que se atopa actualmente. Cando os informes dos propios auditores reflectían que a sociedade se atopaba en “estado de insolvencia” –con data 31 de outubro de 2010-, que estaba incorrendo en perdas dende o inicio da súa actividade, que o pasivo do balance medraba negativamente ano a ano, que o pago a provedores superaba o máximo legal, que o fondo de manobra era progresivamente negativo o que situaba a sociedade incapacitada –por falla de recursos– para facer fronte, con regularidade, aos pagos correntes…, é absolutamente inxustificable que os administradores sociais –IGAPE, Xunta– non adoptasen as medidas oportunas para resolver a tempo os gravísimos problemas da sociedade.
Un continuo de despropósitos que, promovidos e liderados pola Xunta de Galicia (PP) co gallo de romper unha iniciativa cooperativa autónoma para entregarlla a dirixentes políticos locais do seu partido, levan a un fracaso absoluto no que se atopan envoltas, como vítimas, unha serie importante de cooperativas e, xa que logo, de explotacións gandeiras, ao mesmo tempo que os propios traballadores da empresa afectados, oitenta en total, pola suspensión da actividade dela. Un continuo de despropósitos e desacertos tal, que fai que a propia administración concursal remate por cualificar o concurso como “culpable” e presuma a existencia de dolo ou culpa grave, considerando como persoas afectadas pola cualificación os membros do Consello de Administración de Alimentos Lácteos, os xa citados dirixentes locais do PP Eugenio Montero Valiño, Arcadio López González e Manuel Prieto González, Presidente, secretario e vogal, respectivamente.
Outro proxecto é posible
Porén, non todo son malas noticias tanto para o movemento gandeiro e cooperativo como para o propio sector leiteiro.
O 19 de xullo do 2012, aAsociación de Cooperativas Lácteas Galegas (ACOLAT) compra CLESA, industria láctea cubicaba no concello de Caldas de Reis, como resultado do concurso de acredores da quebrada Nueva Rumasa. Esta asociación (ACOLAT) está integrada por 10 cooperativas: Agris S.C.G. de Friol, Cogasar S.C.G. de Sarria, Cooperativa Agraria provincial de A Coruña de Arteixo, Central de Frades S.C.G. de Frades, Cusoviame S.C.G. de Curtis, Lemos S.C.G. de Monforte, Melisanto S.C.G. de Melide, Or Irmandiños S.C.G. de Ribadeo, Xuncoga S.C.G. de Lalín e Feiraco S.C.G. de Ames/Negreira.
As diferenzas entre esta asociación de cooperativas (ACOLAT) e a sociedade de Alimentos Lácteos son notorias:
a) As cooperativas desta asociación producen, en conxunto, máis de 400.000 toneladas de leite anuais –que equivalen aproximadamente ao 20% do total de leite producido en Galicia.
b) Contan inicialmente con 2 millóns de euros de capital social –capital achegado polas propias cooperativas.
c) A xestión e dirección da empresa é responsabilidade da cooperativa FEIRACO, estando ao fronte da administración o presidente da cooperativa Os Irmandiños, Xosé Anxo Blanco.
d) ACOLAT conta cun patrimonio propio –material (planta industrial) e inmaterial– marca CLESA que goza dun grande prestixio en produtos lácteos: sobremesas, iogures, queixo de barra….
e) Hai un plan de negocio –que realmente xa foi superado ao acadar neste ano a venda de 12.000 toneladas de iogures e 2.000 toneladas de sobremesas refrixeradas. As previsións, segundo Alimarket, para o 2014 son superar as 20.000 toneladas en iogures e sobremesas.
f) ACOLAT ten establecido un contrato cos produtores segundo o cal estes recibirán polo leite como mínimo o prezo medio que se pague en Galicia segundo datos do Observatorio Lácteo.
Este proxecto exitoso de ACOLAT pon en evidencia que Alimentos Lácteos tamén puido ter éxito. Non o tivo e fracasou polas causas que quedan apuntadas. As técnicas, pero tamén e sobre todo as político/caciquís. Con responsables tanto dentro do PP como na Xunta de Galicia, que ten esa mesma cor política.
(Artigo publicado orixinalmente na revista TEMPOS NOVOS Nº 199, decembro 2013)