No último Tempos Novos argumentaba sobre “Menos PIB e máis benestar social” porque unha cousa non favorece sempre a outra. Como sucedeu no conxunto do Reino de España en 2022 cando as remuneracións dos asalariados medraron a terceira parte que os beneficios empresariais, e moi por baixo da inflación.
Pero, deixando a un lado este e outros importantes matices, o que non se pode facer con calquera indicador son trampas ao solitario. Unha delas é sacar peito porque o crecemento do PIB no conxunto español foi dos máis altos da UE en 2022 (5,5 %), ou criticar o crecemento do PIB en Galicia en 2022 (4,3 % estima o IGE) por facelo por baixo da media española.
Centrémonos. Estamos a falar de taxas excepcionalmente elevadas e insostibles, que non se darían se non viñésemos dunha profunda recesión pola Covid. Estamos diante dun efecto rebote que, polo tanto, debe ser avaliado por xunto coa caída previa. Porque ¿de onde íamos a medrar a esas taxas se non fose porque tivemos unha grande recesión no 2020 polos confinamentos que foron necesarios para frear a pandemia?.
Cando avaliamos en que punto andamos da recuperación post-covid en PIB temos que tomar o ano 2019 como valor base 100 do que partir. E ver si nós estamos xa por riba en 2022, e facelo en relación ao que outros países europeos teñan acadado. Para iso cos datos ofrecidos por Eurostat o 31 de xaneiro de 2023 do crecemento da Unión Europea en 2022, e cos datos previos coñecidos de 2021 e 2020, elaboramos unha táboa para Galicia o Reino de España e a UE.
Para o caso do conxunto do Reino de España aínda estaríamos por baixo do PIB previo á pandemia, mentres que o conxunto da UE xa tería acadado ese nivel en 2021 e pecharía o 2022 tres puntos por riba. Xa que logo o elevado crecemento do PIB en 2023 (moito que ver co turismo) é un rebote do afundimento de 2020 (moito que ver co turismo). Dende o crecemento previsto polo Goberno inicialmente do 7 % ao 2,7 % co que se pechou o ano 2022 vai un mundo, que moito ten que ver coa desfeita da demanda doméstica entre a inflación e as conxelacións salariais (ver aquí).
Galicia, malia medrar menos que o conxunto de España en 2022, acada o nivel pre-pandemia ao cabo do ano, pero faino porque tamén o afundimento de 2020 foi menor. O efecto rebote (co peso turístico desigual) é menor. Pero verbo da media da UE levamos en Galicia un ano de retardo na recuperación e estamos tres puntos por baixo da media.
Por iso digo que non nos debemos facer trampas ao solitario. Nin no conxunto de España sacando peito de ser campións europeos do PIB en 2022, nin en Galicia por ter acadado o nivel pre-pandemia. Porque nos dous casos nos movemos moi por baixo da media da Unión Europea no conxunto do trienio 2020-2022.