O modelo produtivo dun país minguante

Hai tres meses contestaba a esta pregunta no Tempos Novos (nº 329, outubro 2024) e no Tempos Dixital utilizando os datos de afiliados á Seguridade Social. Dúas eran as principais conclusións. A primeira que o emprego total medrou en Galicia un 5,5% entre 2009-2024 mentres no conxunto do Reino de España fíxoo un 23%, catro veces máis. A segunda que  mesmo ese cativo incremento en Galicia só tivo unha razón: o crecemento do sector servizos.

Nesta ocasión farei unha análise semellante pero utilizando datos das horas traballadas segundo a Contabilidade Rexional do IGE, tal como xa fixera recentemente nunha publicación dixital para o conxunto do Reino de España (utilizando os datos do INE). As cifras agregadas para os catro sectores clásicos -e para os 26 anos analizados- con esta fonte estatística (1995-2021) figuran nun recadro para Galicia,  xunto aos previamente analizados para o conxunto de España.

O diagnóstico agregado confírmase, e mesmo empeora, con esta nova fonte, porque agora en Galicia o traballo ocupado medido en horas nin sequera medrou, senón que mesmo se reduciu en case un 3%. 

Fonte: elaboración propia con datos do IGE e do INE citados no texto [ampliar cadro]

O diagnóstico agregado confírmase, e mesmo empeora, con esta nova fonte porque agora en Galicia o traballo ocupado medido en horas nin sequera medrou, senón que mesmo se reduciu en case un 3%, mentres que no conxunto do Reino de España as horas de traballo ocupadas medraron nada menos que nun 35%. Un fracaso sen paliativos da economía de Galicia posto que con esa evolución pasamos de anotar 7,8 horas de cada cen traballadas no conxunto da economía española a 5,6 horas de cada cen. Galicia perdeu, xa que logo, case un terzo da cota que tiñamos no emprego español neses vinte e cinco anos: somos un país minguante.

Tamén podemos observar a desagregación dese catastrófico balanzo. No lado negativo destaca sen paliativos o desastroso comportamento do sector primario que é o dobre de negativo en Galicia que no conxunto de España en termos porcentuais. Daquela nisto si somos campións de España, pois máis da metade das horas de traballo que se deixaron de facer no sector primario do conxunto de España neses vinte e cinco anos anotáronse en Galicia. Non é cousa de broma. É unha boa proba de como a economía capitalista é incapaz de mobilizar as nosas terras agrarias e as nosas potencialidades de emprego alimentario.

Nas manufactura sucede que as horas traballadas diminúen tanto en Galicia como no conxunto de España, pero neste caso en Galicia o retroceso é moito menor. Estamos diante dun balanzo non tan desastroso como o do sector primario, que de seguido se ve ensombrecido polo sucedido na construción, sector no que en Galicia temos unha caída de vinte puntos porcentuais mentres que no conxunto de España mesmo aumentan dez puntos as horas traballadas neste sector.

De resultas do que precede o conxunto das actividades materiais (primario, industria e construción) tiveron un axuste de doce puntos no conxunto de España mentres que en Galicia ronda o corenta por cento neses vinte e cinco anos. Case catro veces peor.

Falla por ver o que pasou no macro sector dos servizos que é de lonxe o que máis poboación ocupa nas dúas economías que estamos comparando. Sabemos que no conxunto de España este sector foi quen de compensar as perdas das actividades materiais (12%) facendo posible un meritorio crecemento das horas de traballo necesarias no conxunto da economía (35%). Para conseguir eso o traballo ocupado no sector tivo que medrar máis do 61%.

Pero en Galicia habería que compensar nada menos que cuarenta puntos de caída das actividades materiais, e como o incremento dos servizos foi da metade (33% fronte a un 61%) o resultado agregado lonxe de ser positivo foi, como xa sabemos, negativo: un – 3% fronte a aquel + 35% do conxunto de España. Unha economía minguante sen paliativos.

Para desagregar máis polo miúdo este sector decisivo dos servizos temos que pasar a utilizar os datos fornecidos polo IGE xa só para o período 2000-2021. Tamén nese período o crecemento do sector servizos en Galicia foi insuficiente para compensar as perdas de horas nas actividades materiais. Pero agora o que nos interesa é concretar cales foron as actividades máis dinámicas e as que non o foron en absoluto, por ver si o modelo produtivo -xa que non nas actividades materiais- se modificou nestas actividades.

Non hai, en suma, cambio de modelo produtivo en Galicia posto que o motor dos servizos témolo concentrado nos servizos públicos ou en servizos privados que medran ao abeiro da súa minguante e discriminatoria cobertura pública. 

Moi en primeiro lugar destacan as actividades sanitarias i educativas con máis de 120 millóns de horas de crecemento. En segundo lugar estarían aquelas actividades que medran ao lume da dixitalización e automatización pero tamén as que perden horas a causa deste proceso. Polo que o saldo neto directo non é positivo senón negativo por – 24 millóns de horas. E quedan aquelas que teñen que ver co turismo e hostalería que sumaron 37 millóns de horas.

Non hai, en suma, cambio de modelo produtivo en Galicia posto que o motor dos servizos témolo concentrado nos servizos públicos ou en servizos privados que se derivan da súa minguante e discriminatoria cobertura (sanidade privada e ensino privado) por unha banda. E con unha potencia xa moito menor -da terceira parte- os servizos persoais ou dependentes do turismo.

A informatización e automatización -aparte dos aforros de traballo nas actividades materiais- sáldase nos servizos cunha destrución neta de emprego pois si certamente hai ramas que aumentan a súa carga de traballo, son máis e máis negativas aquelas que perden horas de traballo (como os casos clásicos do sector financeiro, da distribución comercial ou da administración pública). Tres exemplos que deberan servir de aviso a navegantes tecnófilos que teñen dúbidas sobre os efectos negativos da dixitalización no emprego.

Eu, á vista destes datos para Galicia, non tería moitas dúbidas. Como tampouco as tería sobre que son os servizos públicos e os privados de carácter persoal os que evitan que o cualificativo de país minguante no emprego non sexa aínda máis dramático do que xa é.