por Manoel Barbeitos
En Alemaña está moi estendida e aceptada a idea de que a hiperinflación e o seu impacto monetario nos primeiros anos vinte do século pasado (1921-1923, cando un dólar chegou a equivaler a un millón de marcos) foi o caldo de cultivo que favoreceu o auxe e ascenso ao poder do nazismo na daquela coñecida como República de Weimar.
Velaí que as autoridades alemanas consideren actualmente que a UEM debe ter como o obxectivo macroeconómico prioritario combater a inflación. E para iso, segundo a súa mentalidade ortodoxa, é necesario adoptar unha política monetaria ortodoxa cunha moeda forte (o euro) e un férreo control da oferta monetaria. Medidas que, seguindo coa ortodoxia, permiten un tipo de cambio estable grazas tanto á capacidade de resistencia da moeda fronte aos ataques especulativos, por unha banda, como a confianza de estaren apoiada polos estados da UEM, pola outra. Estabilidade que favorece o comercio internacional e o crecemento económico.
Para manter a fortaleza monetaria e comercial é preciso, ademais, segundo as teses neoliberais, manter tanto unhas contas saneadas mediante un equilibrio orzamentario, xa que os déficits orzamentarios debilitan a moeda, como un control salarial que garanta a competencia. Ora ben, iso comporta necesariamente tanto pero debilitar a forza do movemento sindical como restarlle protagonismo á negociación colectiva.
En resumo, contar cunha moeda forte e un tipo de cambio estable o que garante é que estados como Alemaña, Holanda, Dinamarca…, dado o seu potencial comercial, consigan saldos positivos (superávits) na balanza de pagos que, sen embargo, teñen como contrapartida déficits comerciais en moitos outros estados da UEM (por caso, Portugal, España, Francia e Grecia). Os superávits duns son os déficits dos outros.
Eses diferentes balances provocan, como consecuencia, distintas posicións nos mercados de capitais: os países con superávits, apoiándose na confianza que reportan as súas balanzas de capitais, benefícianse dun financiamento exterior en mellores condicións que os países con déficits, que ven como atopan peores condicións de financiamento.
Adoptar estes criterios macroeconómicos ortodoxos supón, na práctica, condicionar todas as políticas (fiscal, monetaria, comercial, laboral) á fortaleza monetaria, neste caso do euro. Así, na actual UEM todos os estados membros deben cumprir con estes principios -auténticos dogmas-, asumindo os sacrificios que fora mester co obxetivo prioritario de salvar o euro, algo que os ortodoxos identifican con salvar a UEM.
Aínda máis, seguir estes criterios macroeconómicos ortodoxos tamén comporta na práctica aceptar o poder de influencia da banca privada que, pola súa presenza dominante na oferta monetaria, pode frear ou impedir calquera decisión económica que considere prexudicial para os seus intereses.
En termos macroeconómicos, todo isto sucede por poñer por diante a política monetaria esquecendo a relación directa que existe entre tódolos instrumentos da política macroeconómica (fiscal, monetaria, comercial e de rendas), e moi especialmente entre as políticas monetaria e fiscal.
Paradoxalmente, con estas políticas o neoliberalismo faise intervencionista, sacrificando con políticas publicas deflacionistas a sacrosanta liberdade de mercado. Precisamente, as políticas públicas que contribúen finalmente á creación de crises sistémicas, con déficits permanentes e débedas públicas e privadas disparadas.
Se repasamos a historia, comprobaremos como este tipo de políticas son as que provocaron nos anos 20 e 30 do pasado século o auxe do nazismo e do fascismo en Europa. Na actualidade está favorecendo, en contra das teses ortodoxas, que forzas semellantes teñan cada vez máis presenza no escenario político europeo.