Por que non seguiu o camiño de Kutxabank, nin o de Caixabank ou Bankia?
por Albino Prada
A diferencia deses casos sinalados, en Galicia a conxunción neoliberal[2] do PP (Xunta) & PSOE (Banco España) non atopou obstáculo entre 2010 e 2014 para bulir cara una privatización total con ánimo de lucro (iso é Abanca dende 2014) das dúas Caixas de Aforros galegas, previa a súa fusión en NCG (Novacaixagalicia en 2010 e logo Novacaixagalicia Banco, que será nacionalizado en setembro de 2011).
Finalmente BANESCO farase coa entidade no nadal de 2013 sendo así que:
“El Estado (FROB) cobró 712 millones por su participación, con lo que las pérdidas para el contribuyente ascendieron a 8.269 millones de euros. El Fondo de Garantía de Depósitos (FGD), por su parte, ingresó 291 millones con la venta, con lo que el sistema financiero asumió unas pérdidas de 511 millones” (Wikipedia).
Nese momento os directivos colocados pola Xunta de Galicia deixaron paso aos executivos de Banesco.
Repasarei aquí os precedentes e avatares deste proceso ao fío da crónica xornalística[3] da que fun autor entre outubro de 2010 e decembro de 2013. Como explicar que dúas caixas de aforros gobernadas por sendos mandarinatos personalistas mutasen nunha entidade financeira sen sombra de capital sen ánimo de lucro?.
Unha breve crónica
Xa en xullo de 2010, eu anotaba como o FMI e o Goberno socialista apostaban, ao rebufo da crise financeira, polo maior tamaño das entidades e porque pasasen a ser sociedades por accións[4]. Como se ambas cousas fosen garantes, polo mundo fóra, de non ter alimentado unha burbulla financeira explosiva en 2008.
En consecuencia, prognosticaba que no caso de Galicia “los millonarios recursos públicos del FROB van a servir, primero, para reflotar nuestras cajas reagrupadas y para, luego, encauzarlas en una estrategia de pre privatizaciones” e, concluía: “llegado el caso yo propondría que, al menos, el Estado se cobrase en cuotas participativas” (LVG 12/7/2010). O que suporía, ao menos, rematar como se acabou facendo con Bankia ata a actualidade. É obvio que non tiven éxito. O FROB apenas acougaría uns meses con NCG Banco, mentres que en Bankia faríao durante anos (2012-2020).
En xaneiro de 2011, sinalei como no caso das dúas caixas, que se fusionarían en NCG, a súa desfeita especulativa e explosiva tiña como orixe a “manifiesta incapacidad de ejercer control por parte de las entidades fundadoras (sumidas en una auténtica captura por el supervisado)” (LVG 25/1/2011). Sendo os presuntamente supervisados as equipas dos señores Méndez e Gayoso que fixeron das entidades fundadoras, Consellos, Asambleas e conselleiros, cando menos por estes pagos, zombies teledirixidos por dous mandarinatos[5]. Acadando así niveis de insolvencia que impedirían seguir a folla de ruta de Kutxabank ou Caixabank.
No mes seguinte, febreiro de 2011, diante da necesidade de captar mil millóns de capital por parte de NCG por requerimento do Banco de España, propuña: “que pasa a ser estratégico que la Xunta de Galicia, por medio de uno de sus fondos de capital riesgo, considere ejercer una especie de derecho de tanteo por, al menos, la mitad del capital necesario” e engadía “La Xunta sería así un socio estratégico y no especulativo; no entraría —como el FROB— para vender cuanto antes, sino para profesionalizar al máximo el consejo; mantener anclado nuestro capital social (de lo que fueron todas las cajas de ahorros gallegas) al servicio de nuestro desarrollo económico” (LVG 28/2/2011). Sobra dicir que a Xunta de Galicia (IGAPE), que en xullo dese ano proporía a un presidente da súa confianza para NCG Banco, nunca entraría como accionista público. Sendo así que o FROB, entre setembro de 2011 e decembro de 2012, chegaría a controlar todo o capital da entidade.
En setembro de 2011, cando nace NCG Banco con J.M. Castellanos como presidente, diante das persistentes dificultades para captar o capital imposto polo FROB de investidores privados[6], eu reiteraba a proposta de que entrase no capital de NCG Banco a Xunta de Galicia (LVG 12/9/2011). Pero, nese mesmo mes de outubro, a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia mentres acusaba cunha man ao Goberno de querer privatizar as Caixas, coa outra non achegaba nin un euro para entrar no seu capital. Co que a Xunta de Galicia axudaba a acelerar o mesmo que denunciaba: vender rápido a prezo de saldo. O que nos afastaba da folla de ruta de Bankia. E facíao a mesma Xunta de Galicia que tiña proposto a quen naquel momento era máximo directivo de NCG Banco.
Cinco meses máis tarde, en febreiro de 2012, na miña columna en La Voz de Galicia, diante das reiteradas presións do Banco de España e do FROB para capitalizar ou vender a entidade, reiteraba aquela demanda e avisaba dunha máis que probable asimetría[7]: “La Xunta debiera arrimar el hombro y ayudar a abrir ese escenario en favor de la economía regional. Como si de una Baviera alemana se tratase. No sea que solo se vayan a hacer trajes a medida —centrípetos— para Madrid” (LVG 5/2/2012). Pero nin a Xunta moveu ficha para evitar ir a escape cara a venda de NCG Banco, nin o Goberno Central (FROB) ía ter a paciencia con NCG Banco que sabemos tería coa sistémica e castiza Bankia.
Un mes máis tarde, marzo de 2012, mallaba de novo no argumento e na previsible asimetría á vista da pasividade investidora da Xunta de Galicia: “El gobernador del Banco de España el que en vez de dimitir por abducción financiera, puso en marcha una gigantesca cortina de humo (desamortización la llamó Antón Costas) para acabar con la biodiversidad en el sector, generar un peligro sistémico madridista y subastar entidades nacionalizadas a ritmo exprés” (LVG 7/3/2012). Máis, ao mesmo tempo, lembraba as responsabilidades internas que, dicía mais atrás, levaron a niveis de insolvencia que impediron seguir a folla de ruta de Kutxabank ou Caixabank.
Responsabilidades tanto ex ante, na orixe do tsunami financeiro, “adicción al negocio mágico del ladrillo, a inversiones en mercados cautivos (concesiones de autopistas o de la energía) o al infame corralito de las preferentes”, como, ex post, na ausencia dos grandes investidores autóctonos: “los restos de este nuevo naufragio gallego se merecen más atención inversora que unas torres de hormigón (en Madrid o en París)” (LVG 7/3/2012). A bo entendedor…
No mes de maio de 2012, resumín a vía de saída sen ánimo de lucro de Kutxabank ou de Caixabank. Pero tamén a venda rápida de NCG Banco aquí, fronte á longa espera que se ía ter con Bankia, así: “Mientras en el resto de España unos hacían balance de la burbuja financiero-inmobiliaria con aprobado alto (catalanes y, sobre todo, vascos) y otros con un suspenso muy aireado (las cajas gallegas), en Madrid predicaban una cosa y hacían la contraria” (LVG 11/5/2012). Muxindo o FROB e o Goberno o pacífico relevo do Sr. Rato por Goirigolzarri na presidencia daquela entidade.
No importante mes de decembro de 2012, momento en que o FROB tomou o mando absoluto de NCG Banco investindo máis de cinco mil millóns de diñeiro público, xa era manifesta a dobre velocidade da que falara seis meses atrás: “unos pequeños bancos rescatados que se van a liquidar o vender por un euro a toda pastilla, y un banco de gran tamaño -Bankia-, ahora público, al que se le permitiría continuar por ser sistémico” (LVG 2/12/2012). E diante diso reclamaba un roteiro ben distinto que, ironicamente, nomeaba como dous miragres: “De manera que mi primer milagro consistiría en declarar sistémicos (es decir, con derecho a continuar una regenerada vida) los pequeños de ámbito regional y trocear el grande y, hecho esto, mi segundo milagro consiste en que permanezcan como entidades controladas públicamente, evitando malvenderlas o liquidarlas”. Nin se faría unha cousa nin a outra. Bankia, oito anos máis tarde, sería absorbida por Caixabank (un novo risco sistémico), e NCG Banco antes de que pasaran dous anos xa deixaría de estar controlada publicamente[8].
Pero sigamos coa crónica. Meses máis tarde, corría o mes de setembro de 2013, cando xa estaba moi cerca (sería en novembro) que o FROB convocase a poxa por NCG Banco, e cando xa se producira a venda da rede deste Banco en Asturias e León (EVO Banco) a un fondo de investimento norteamericano, mentres a Conselleira de Facenda da Xunta vía en todo isto unha maior viabilidade para NCG Banco, eu escribía xa case o epitafio da entidade sen ánimo de lucro: “…ahora queda la madre del cordero, que entre el FROB y la SAREB nos ha costado a todos cerca de diez mil millones de euros de impuestos a pagar a largo plazo: NCG Banco ya saneada … [pero] … a una banca pública no se la espera (a pesar de que son públicos todos los millones en juego)” (LVG 10/9/2013). O título da columna era “Bancos públicos en tránsito”. Pois só coa entrada da Xunta de Galicia no capital da entidade podía ter diferido a poxa do FROB ao menos co ritmo e prazos que se aplicarían ao caso de Bankia.
Vou rematar esta crónica no 15 de nadal de 2013. Nese intre xa o FROB tiña convocado a poxa por NCG Banco e só faltaban apenas tres días para coñecer que o adxudicatario sería un grupo financeiro venezolano (BANESCO) por riba das “ofertas” de BBVA[9], Santander[10] e Caixabank[11] é dicir, do capitalismo de amiguetes financeiros de España que viñan facéndose con entidades por 1 euro.
No meu canto do cisne sobre este asunto deixei escrito: “Sobre el papel habría cuatro posibilidades en la privatización de Novacaixagalicia Banco (NCG). Si se excluye por sacrílego -sigo sin entender por qué después de los miles de millones enterrados por los contribuyentes- la de seguir como banco público de ámbito regional” (LVG 15/12/2013).
Polo menos seguir tanto tempo como se lle ía permitir a Bankia que, algo é algo, ten aínda hoxe un 13% do capital na súa fusión en marcha con Caixabank (vía FROB), mentres a Fundación La Caixa (sen ánimo de lucro) ten outro 30%. Case a metade do capital sen ánimo de lucro na entidade financeira resultante, capital que en Abanca é cero.
Resumo final
Coa precedente revisión das columnas de opinión que escribira entre 2010 e 2013 quedan ao menos claras dúas cousas.
A primeira, que fun venteando con certo tino e anticipación o que finalmente foi ocorrendo coas desaparecidas Caixas de Aforros galegas: banca privada pura e dura. Tamén creo que quedan claras as teimas e responsabilidades dos axentes principais, por activa ou por pasiva deste “éxito”, tanto centrais como autonómicos.
A segunda, que todas as propostas que este analista foi facendo para manter unha folla de ruta, distinta da dunha transformación nun banco con ánimo de lucro, ao servizo directo da sociedade, foron caendo en saco roto. A fenda coa folla de ruta de Kutxabank ou Caixabank cavárona os seus xestores ata 2010.
Mentres que a fenda co roteiro que seguiría Bankia foi cousa muxida pola Xunta de Galicia e o FROB-Banco de España entre 2010-2013. A quen responsabilizar? A unha tropa de talibáns do neoliberalismo que nunca tiveron na cabeza a procura galega dunha Kutxabank. Tanto aceleraron no empeño, que mesmo deixaron que se colase na poxa a oferta dun banco privado fóra do guión celtibérico. Ese banco privado, moi ben asesorado, papou todo o capital sen ánimo de lucro e os milleiros de millóns de diñeiro público.
Suma e segue: Fenosa para Fainé, o Pastor para os Botín, as Caixas para Escotet. E mentres tanto Pontegadea mercando inmobles por quince mil millóns e a Xunta de Galicia polo Monte Gaiás. Bingo.
[1] No caso de Liberbank que xurde dun SIP (Sistema Institucional de Protección) en 2011 de varias Caixas só o 23% do capital éo sen ánimo de lucro. Caixanova avaliaba tomar este roteiro antes da fusión con Caixa Galicia.
[2] Leemos en Wikipedia (negritas miñas): “Novacaixagalicia tiene su origen en la unión de Caixa Galicia y Caixanova, recomendada por la Junta de Galicia y el Banco de España como condición para evitar la intervención de Caixa Galicia, en aquel momento en quiebra técnica debido a sus problemas de tesorería y deficiente gestión”.
[3] En “La Voz de Galicia” (LVG). Reviso estas columnas ao lume da oportuna reflexión que fai Antón Baamonde aquí (2014) e logo aquí (2020).
[4] Dez anos despois a absorción de Bankia por Caixabank suporía por o ramo deste empeño. Agravando a xa excesiva concentración bancaria en España e o risco moral de entidades sistémicas (ver aquí).
[5] Ver aquí páxinas 6 a 8 no ano 2004 para Caixanova e aquí nas páxinas 230-233 para Caixa Galicia
[6] Sen por en cuestión o perfil de alto executivo de empresas do Sr. Castellano, axustado a proposta da Xunta de Galicia para NCG, é obvio que para o recrutamento de investidores galegos tiña un hándicap: o seu desencontro recente (en 2008 previo á venda de Unión-Fenosa a Gas Natural, hoxe Naturgy) co principal grupo investidor galego (Inditex) do que fora outrora grande protagonista. Un non pequeno handicap do que ben seguro eran conscientes os que o levaron a Presidencia de NCG Banco. O que non quita para que tivese máis éxito no recrutamento dun investidor-comprador estranxeiro.
[7] Titulaba a columna. “Tercer asalto: subastas a presión” (LVG 5/2/2012)
[8] Días mais tarde (LVG 14/12/2012) reforzaba este argumento co referente do modelo alemán de caixas rexionais de mediana dimensión.
[9] En 2012 este banco vería como o FROB lle adxudicaba por 1 euro as Caixas de Sabadell e Terrassa
[10] Este banco compraría en 2017 o Banco Popular por 1 euro; previamente o Popular fixérase co Banco Pastor por máis de mil millóns de euros.
[11] En 2012 o FROB adxudicoulle por 1 euro o Banco de Valencia (ver aquí) despois de recibir 5.500 millóns de fondos públicos.
Albino Prada é membro de ECOBAS e do Consello Científico de Attac España