Martes 28, Novembro 2023
HomeEconomíaA falta de competitividade da economía española dispara o desemprego xuvenil

A falta de competitividade da economía española dispara o desemprego xuvenil

Con máis do 50 por cento da súa xente moza no paro, España está á cabeza da Unión Europea en desemprego entre os menores de 25 anos. Os datos publicados por Eurostat a primeiros de Abril confirmábano: o paro dos mozos españois supera en máis de vinte puntos ao dos italianos e duplica a media da UE. Non é sorprendente a situación se temos en conta que o Estado español lidera o índice total de desemprego, con máis do 24 por cento das persoas activas desempregadas, duplicando tamén neste caso a media comunitaria.

En Galicia, as cifras son algo menores, e tanto en paro global como en paro xuvenil estamos por debaixo da media española. Pero as políticas deseñadas desde o Goberno central non nos son alleas e, xa que logo, as causas que explican a situación a nivel estatal son extrapolables ao caso galego. As eivas no sistema produtivo son evidentes, pero no caso da mocidade non son o único motivo. Analicemos a situación:

Desde o 2004, o paro en España medrou en case catro millóns e a taxa de desemprego ronda xa o 25%

O nivel de formación repercute directamente nas facilidades para atopar emprego. Entre os anos 2005 e 2010, trinta de cada cen mozos españois non remataron a educación secundaria. Só Malta e Portugal superaron estas cifras. Foi precisamente neste sector, o dos mozos con menor preparación, onde máis subiu o paro nese mesmo período: 30 puntos, ata o 49 por cento, abrindo a brecha con respecto ao resto da Unión. Beatriz Talegón, secretaria xeral das Xuventudes Socialistas de España en Europa e vicepresidenta da Unión Internacional de Xuventudes Socialistas a nivel mundial, sinala o sector inmobiliario como un dos factores principais que explicarían a situación, xa que a posta en valor deste ramo “levou a moitos mozos a traballar no que nese momento era unha oportunidade moi boa e para a que non era precisa unha alta capacitación”. Pero no momento en que a burbulla explotou, “esa xente, que ata entón tiña un emprego en boas condicións, quedou no paro”.

Máis abandono escolar, pero máis universitarios que en Europa

Mais o Estado español é líder de extremos. Malia o alto índice de abandono escolar temperán, en España tamén hai máis mozos que optan por seguir estudos universitarios que no resto de Europa: un 39 por cento fronte a un 34 por cento da media da Unión Europea. De feito, son tantos os xoves que optan en España pola universidade como aqueles que acceden a formación profesional. Pola contra, na UE hai unha diferenza de 27 puntos: 61 de cada cen estudantes seguen estudos de formación laboral. Entre as consecuencias desta polarización está o desprazamento profesional, xa que moitos licenciados están ocupando postos de xente con menor cualificación, reducindo, en consecuencia, o salario ao que poderían optar dada a súa preparación. Cada vez hai menos diferenza entre o soldo dun universitario e o dun diplomado en estudos medios.

No ano 2009, o paro da mocidade española rondaba xa 40%, mentres que no resto da UE non se achegaba nin ao 30

Isto acontece porque hai máis oferta que demanda e, outra volta, volvemos ao problema do erro no sistema produtivo, factor que estudaremos detidamente máis adiante. Pero non é menos certo que o sistema educativo non se axusta moitas veces ás necesidades do mercado. Alejandro Cercas, presidente do Grupo Socialista no Parlamento Europeo, pensa que sen un nivel formativo adaptado ás necesidades do mercado, os mozos seguirán a atopar dificultades. “Primeiro sairán das universidades e das escolas con titulacións que o mercado non demanda, e incluso os que teñen titulacións que o mercado precisa, non teñen a experiencia necesaria, porque non hai unha educación dual na que se dea importancia ao aspecto práctico”, asegura Cercas.

Yolanda García Mezquita, doutora en Ciencias Económicas pola Complutense, que actualmente traballa como experto nacional destacado na Comisión Europea, na Dirección Xeral de Enerxía, corrobórao e afirma que “cando un rapaz remata a educación secundaria, a opción inmediata non ten por que ser ir á universidade”. García Mezquita plantexa a formación profesional como “unha alternativa de cualidade que permita inserirse no mercado laboral e ter un emprego axeitado e con salarios adecuados aos traballos realizados”.

[quote style=”boxed” float=”left”] Para fomentar o crecemento e o emprego, hai que investir en formación e investigación[/quote]

Parece claro entón que a formación profesional e o éxito dun determinado sector económico forman un círculo que se retroalimenta. Velaí o paradoxo: nalgúns países europeos, a diferenza de España, o que resta competitividade non é a falta de traballo para os mozos universitarios, senón o déficit de profesionais altamente cualificados, o que fai que Europa teña perdido o lugar que ocupaba na economía mundial hai anos.

Philippe Maystad, exministro de finanzas belga e presidente durante máis de dez anos do Banco Europeo de Investimentos (BEI), vén a analizar no seu último libro Europe, le continent perdu?, a situación económica europea, onde salienta que para fomentar o crecemento e, deste xeito, o emprego, hai que investir en formación e investigación. “Europa tense que centrar en dous ámbitos -asegura Maystad-, a formación, para que os mozos estean cada vez máis preparados, sobre todo nas disciplinas científicas e técnicas, e a investigación, o desenvolvemento e a innovación, xa que a única forma de crear emprego é producindo algo novidoso”.

Philippe Maystad cre que para que medre o emprego hai que investir en formación e investigación

Trátase, ao entender de Maystad, de mudar o modelo de produción. Nas últimas dúas décadas, a produtividade de Europa medrou un 0,9% fronte ao 1,6% dos Estados Unidos. Ademais de que os europeos traballamos menos horas á semana e de que a taxa de emprego é menor, coa crise, tanto China como Corea do Sur e Estados Unidos investiron moito máis en investigación que a Unión Europea. A modo de exemplo, as inversións aquí medraron só un 6 por cento, fronte ao case 30 por cento do país da Gran Muralla. O antigo ministro belga destaca tres feblezas coas que se encontra hoxe en día a economía europea: “A primeira é que a produtividade aumenta menos en Europa que noutras rexións do mundo, especialmente porque investimos menos en investigación e desenvolvemento”; a segunda debilidade que sinala Maystad é que nos faltan “traballadores altamente cualificados”, xa que os empregos que se van crear en Europa nos próximos anos serán empregos que demandarán “máis cualificación”. A terceira febleza é que a poboación en Europa ten máis idade, debido a que a taxa de natalidade no continente é en xeral máis baixa, “así que non temos novas xeracións para substituír a man de obra anterior”.

A economía de alto valor engadido e o futuro da mocidade

Deixando á marxe o terceiro aspecto, se nos centramos nos dous primeiros entendemos que a chanceler Angela Merkel fixese esa chamada aos enxeñeiros españois para traballar en Alemaña. Pero aquí cabe preguntarse por que eses mozos son precisos na Alemaña e non na España, e, precisamente, como podería o Estado español inserilos no seu mercado. Para o eurodeputado socialista Alejandro Cercas, as políticas sociais e económicas que se están levando a cabo non favorecen a inserción laboral. “Hai que pechar os mecanismos que levan ás empresas a traballar a curto prazo, cando buscan nos mozos só man de obra barata -lamenta Cercas-. Non deberíamos primar o mal uso da poboación nova, con condicións precarias de traballo, senón dar incentivos positivos ás empresas para que os formaran e viran neles unha oportunidade de futuro”. Cercas sinala tamén outras técnicas máis convencionais como “alixeirar os custos laborais para aquelas empresas que foran moi eficientes á hora de contratar e de formar os mozos”.

A caída do sector inmobiliario deixou no paro a moitos mozos que deixaran os estudos para traballar na construción

Para o portavoz do grupo parlamentario socialista no Parlamento Europeo, o sistema financeiro está “ferido” e o Estado non pode seguir a pagar cos cartos dos contribuíntes a súa crise. Polo tanto, “España e Europa non encontrarán futuro máis que en sectores que teñan un alto valor engadido e un alto compoñente de cualidade”, pensa Cercas, xa que sempre vai haber quen vai producir “máis barato ca nós e non nos podemos empeñar en competir só en prezo”. Como sectores de maior produtividade, Cercas volve sobre o inmobiliario: “En España pódese facer un traballo de renovación do parque inmobiliario con menos gastos enerxéticos, aillando os edificios e utilizando sistemas de aforro en enerxía”.

Carlos Martínez Núñez, coordenador xeral da Área Federal de Xuventude de Esquerda Unida asegura que hai que incentivar o emprego público, “sobre todo os plans fundamentais de sanidade e educación”, pero tamén a contratación estable para as persoas novas en sectores clave como a industria ou o sector servizos, “pero de alto valor engadido”.

[quote style=”boxed” float=”right”] Hai que crear un modelo económico baseado na solidariedade e na cooperación[/quote]

O responsable do servizo de estudos do Partido do Traballo de Bélxica (PTB), David Pestieau, fai un balance a nivel global europeo: “Hai que crear outro modelo económico baseado na solidariedade e na cooperación. A primeira cousa que hai que facer é ver que a política neoliberal dos últimos trinta anos baséase nunha política de agasallos ás empresas. Dísenos que temos que diminuir os impostos para as empresas, a cotización social, porque así as empresas van empregar os mozos. Pola contra, os supostos bos resultados económicos desa política aínda non se viron”. Pestieau, como portavoz do PTB, propón unha taxa para as grandes fortunas, que sería pagada só polo 2 por cento da poboación. “Con iso podemos obter oito mil millóns de euros -asegura-, e crear cen mil empregos públicos”. Tamén asegura que se deben frear os “agasallos fiscais” e sancionar as empresas que despiden “cando obteñen beneficios”.

Pestieau, que é coautor do libro “Comment osent-ils?”, un dos máis vendidos en Bélxica nos últimos meses, critica a forma en que se está a afrontar a crise. Precisamente, nese libro adican un dos seus capítulos a Alemaña, a gran potencia europea, que conseguiu reducir o paro creando os chamados minijobs. Segundo Pestieau, “en Alemaña trataron de frear o paro dun xeito raro. Normalmente, para combater o paro hai que crear emprego estable. En Alemaña dividíronse os empregos estables e pequenos empregos precarios. Así que os parados pasan a ser traballadores pobres”. E é que en Alemaña, despois de dous anos no paro, os desempregados están obrigados a vivir cun subsidio de 367 euros ao mes e para gañaren máis, “teñen que aceptar un traballo a un euro a hora”. “Se esta xente traballa 40 horas á semana, ao cabo dun mes gañan 160 euros, sumados aos 367 do subsidio”. Por iso en Alemaña teñen a proporción máis alta de traballadores pobres.

Dos minijobs alemáns á reforma laboral española: máis precariedade para o traballador

A necesidade de reformar a estrutura económica para crear emprego é indiscutible, mais a folla de ruta marcada por Alemaña e a última reforma laboral non convencen a case ninguén.

Para Alejandro Cercas, eurodeputado socialista, “hai medidas que son terribles, como o novo contrato de proba dun ano, que vai ser usado para contratar sen garantía, con despidos sen causa e sen indemnización”. Beatriz Talegón, Secretaria Xeral das Xuventudes Socialistas de España en Europa cre que a última reforma laboral “facilita aos empresarios desfacerse máis facilmente de traballadores novos e de xente que está en situacións máis precarias no traballo”.

O novo contrato de proba dun ano vai ser usado para contratar sen garantía, con despidos sen causa e sen indemnización

Carlos Martínez, coordenador da área federal de xuventude de Izquierda Unida critica os novos incentivos á contratación, como o contrato de emprendedores: “Fálase do incentivo de 3000 euros para o empresario que contrate á primeira persoa nova, pero só por contratar unha persoa”. Martínez pensa ademais que os incentivos para contratar a parados a costa da prestación por desemprego o que fan realmente é diminuir a prestación por desemprego. “Entón, cando volvan despedirte, non terás prestación por desemprego -di Martínez-, porque xa a terás gastado no incentivo que se lle daba ao empresario por te contratar”. Ademais, o portavoz de Izquierda Unida asegura que os mozos, “debido aos contratos precarios que adoitamos ter, case non temos prestación por desemprego, así que as empresas, á hora de contratar, contratarían antes a alguén con maior prestación”.

[quote style=”boxed” float=”left”] Hai que eliminar as barreiras administrativas que dificultan desenvolver un proxecto empresarial[/quote]

Para a economista Yolanda García Mezquita, o problema non é a reforma, que flexibilizaría o mercado, senón a burocracia con que se encontran moitos emprendedores, o que lles impide levar adiante os seus proxectos. “Hai que fomentar a flexibilidade e a mobilidade do mercado de traballo, sobre todo para os mozos. Que a mobilidade lles facilite encontrar postos de traballo onde estean. Hai que tomar medidas noutros planos, como o acceso á financiación das pequenas e medianas empresas, eliminar todo tipo de barreiras administrativas que dificultan desenvolver un proxecto empresarial; e hai que facilitar os trámites administrativos e os permisos que se requiren”, conclúe García Mezquita.

Os límites burocráticos e o traballo sen declarar

As consecuencias dos límites burocráticos son varias: primeira, o traballo en negro, que disfraza as cifras do paro. Como sinala o portavoz das mocidades de Izquierda Unida, Carlos Martínez, “a economía somerxida que hai no Estado español sitúase en torno a un 25 por cento, recoñecida polo propio Estado”, o que sobredimensiona as cifras de desemprego.

A segunda consecuencia, o desemprego, que xera presión sobre a xente e medo a perder o seu traballo, como apunta o director do servizo de estudos do PTB, David Pestieau: “Tamén é grave para a xente que ten os empregos máis estables, porque se lles obriga a aceptar sacrificios. Isto vainos levar á catástrofe, porque sempre producimos máis, pero cada vez hai menos xente para compralo. Entón, se se segue diminuíndo o poder de compra da xente, a quen se lle vai vender?”.

En países como Bélxica, os mozos teñen dereito a prestacións por desemprego mesmo sen teren traballado nunca. En España, o soporte familiar impide que as novas xeracións esteamos, literalmente, na miseria, mais cada vez son máis as familias que teñen a todos os seus membros no paro. A última reforma flexibiliza as condicións laborais, pero ollando a realidade, vemos que non garante a contratación nin parece que o vaia facer a curto prazo. A poboación europea avellenta e alguén terá que pagar as súas pensións. Se os mozos non teñen traballos estables, non terán cartos e non poderán contribuir ao benestar social. Mudan os tempos, e nós?