Non todos somos minguantes

O ano 2024 pechouse cun desigual crecemento do emprego nas distintas Comunidades Autónomas. Cos datos da Seguridade Social ou cos datos da Enquisa de Poboación Activa teño analizado esas asimetrías neste dixital.

Tras desas análises xa feitas, voume centrar aquí en comparar Galicia con Canarias por ter un tamaño da súa economía (medida pola poboación ocupada) semellante. Nos dous casos ao redor dun millón de traballadores activos. Para facelo nun primeiro recadro recollo a comparativa do crecemento do emprego no ano 2024 segundo as dúas fontes citadas, e vemos que o comportamento de Galicia neste pasado ano foi da metade de crecemento que en Canarias.

Fonte: elaboración propia con datos do Cadro 2 de IVIE (2025). [Ampliar gráfico]

Variación do emprego en 2024 en Galicia e as Canarias

Podería acontecer que a cousa fose non só grave, senón que tivese moi longo percorrido. Para comprobalo vexamos que pasou entre os anos 2000-2024 de acordo coa Enquisa de Poboación Activa xa citada, tal como recollo nunha gráfica.

Fonte: elaboración propia con datos da EPA-INE

Fonte: elaboración propia con datos da EPA-INE

O primeiro que observamos é que hai vinte e catro anos Canarias estaba moi por baixo de Galicia en poboación ocupada (trescentos mil menos), mentres que na actualidade a diferenza xa é só de apenas cen mil ocupados. Canarias gana peso no conxunto da poboación ocupada española e Galicia pérdeo. Nese sentido é que afirmo que somos minguantes.

A dereita do gráfico figura unha estimación para Galicia (anotada como Galicia (e)) consistente en calcular cuantos ocupados deberíamos ter de medrar ao mesmo ritmo que o fixo Canarias. E teríamos que ter chegado ao millón e medio por vez de estar aínda no millón cento cincuenta mil. Teríamos que ter trescentos mil ocupados máis. Se non fósemos un país minguante. Pero non os temos.

O que si tivemos, en ausencia dese emprego, foron moitos milleiros de emigrantes máis. Téñome ocupado noutras ocasións desta desfeita (“Galicia. Un país desnortado e minguante”, Universidade de Vigo, 2024) tanto dentro de España como cara a fóra de España. Nesta análise de hoxe abonde con deixar aquí anotado que en Canarias residen na actualidade segundo o último censo de poboación de España uns vinte e cinco mil galegos, mentres que canarios en Galicia hai uns seis mil. Branco e en botella.