por Albino Prada
No primeiro parágrafo[1] do documento estratéxico do reciente 40º Congreso do PSOE queda moi claro que do que se trata é de avanzar nunha nova socialdemocracia. Non será socialista (algo que queda vacante) pero, polo que parece, tampouco o centrismo en boa medida neoliberal co que outros partidos das vellas socialdemocracias (grego, francés, británico, ou o PSOE de González ou Zapatero) entraron en colapso.
Que non se trata dun colapso socialista quizais quede claro ao comprobar neste texto que Marx segue desaparecido da historia. Que a palabra capitalismo apenas se usa tres veces nun texto de trescentas páxinas, oligopolio nunca e monopolio unha vez. Talvez porque o simple feito de non nomear o sistema socioeconómico no que un vive é xa suficiente para deixar claro que non pensa cambialo. Se acaso adaptalo, refórmalo, corrixilo, pero non supéralo por outro mellor. Algo que non se deseña nin se lle espera. Porén, creo que aínda así non estaría de máis caracterizar o sistema para, algo é algo, reformalo.
Pois iso: os oligopolios e os monopolios son invisibles en España. E só nunha ocasión se refire o documento á necesidade de mellorar a competencia no mercado eléctrico (1409), nunca se fala con esa intención do mercado financeiro[2], o dos combustibles líquidos, do mundo dixital[3], ou dos múltiples servizos sociais capturados en concesións. O Estado socialdemócrata perde así unha magnífica ocasión para empurrar a competencia alá onde de facto dominan moi poucos axentes empresariais xigantescos.
Aclarado isto, cal é o capitalismo que o PSOE quere gobernar neste século XXI? Segundo a ponencia, “o capital esta levando a maior parte das rendas… O problema xa non está só na redistribución, senón na pre-redistribución, en como se organiza a sociedade nos seus tempos, actividades e traballo” (4 e 104). O que comportaría ir máis alá da igualdade de oportunidades dun Estado de Benestar reforzado (e non en anemia orzamentaria como agora está a suceder) cara un reparto do traballo que non sexa catastrófico para a mayoría: con desemprego, temporalidade, xornadas excesivas, crecente vida laboral, devaluación salarial, etc.
CIVILIZAR O CAPITALISMO? = SOCIALDEMOCRACIA
Sen embargo, cando un bucea no texto a búsqueda de propostas de organización social alternativa do tempo de traballo, atópase que desde as corenta horas asumidas en 1982, e malia os inxentes incrementos da produtividade dos últimos corenta anos en España, non se avanzou na redución da xornada laboral semanal. O texto limítase[4] a asumir que “é importante analizar a posibilidade de avanzar na redución da xornada laboral” (205 e 626). Pero limitarse a analizar a posibilidade non parece grande cousa, mentres a realidade avanza en sentido contrario: O “capitalismo desregulador e salvaxe impide os proxectos de vida e fomenta o precariado, xerando en moitos casos unha escravitude dixital na que perdes o control da túa xornada laboral” (235).
No relativo ao tempo de traballo ao lardo da vida laboral en vez de expor o non diferir a idade de xubilación (en beneficio de contratos de relevo para os máis xoves[5]), asúmese “para os traballadores de maior idade que se prolonguen as carreiras profesionais evitando unha saída prematura do mercado de traballo (635), algo quer se parece moito xusto ao contrario. Quizais por iso o lector non vai atopar nin rastro do concepto básico de “idade de xubilación”. O que non impide expor esta cadratura do círculo: “impulsar o remozamento dos cadros de persoal e a transmisión do coñecemento nas empresas mediante o fomento do contrato de relevo” (224).
Sucede que este tipo de concrecións son claves se se quere evitar que o concepto de socialdemocracia se dilúa nun certo liberalismo de esquerdas, pois que a socialdemocracia comporta, en palabras do documento, sobre todo avanzar en “reformas que melloran as condicións de vida e laboráis dos traballadores e unha adhesión radical á democracia representativa” (6), núcleo central ao que agora se engade o ecoloxismo e o feminismo.
Pero cando da xornada laboral nos limitamos a analizar a posibilidade de reducila e da vida laboral nin nos planteamos reducila, aquela predisposición capitalista que se criticaba témome que seguirá gañando por goleada. Co que as condicións laborais[6] (semanal e ao largo da vida) dos traballadores non parece que vaian mellorar e, sendo isto así, pouca socialdemocracia nos queda entre as mans, por moito que declaremos a vontade de alonxarnos do centrismo neoliberal no que se diluíron outros socialdemócratas para “minimizar a intervención do Estado, relaxar a progresividade fiscal, privatizar todo o posible a xestión do público” (10).
Para que non empeoren as condicións de vida e laboráis dos traballadores españois é necesaria unha ruptura co centrismo neoliberal que abrazou parte da socialdemocracia en décadas pasadas: “a nova socialdemocracia debería defender unha nova versión da globalización…que combinen a apertura internacional coa defensa dos traballadores, as compensación saos grupos que poidan saír prexudicados” (36-37). Porque, ademais, o documento anota que a corrosión neoliberal acelera coa transición dixital: “reforzouse a tendencia á informalización, a precariedade e a deslocalización do traballo” (243).
Chegados a este punto, como se concreta aquela defensa? Concretámolo cando menos con melloras nas rendas salariais? Por caso, cando se sostén querer “solventar os problemas estruturais derivados da crecente precariedade laboral” (192). Sen embargo, sobre traballo a tempo parcial nada se di de como evitar a non desexada ou a devaluación do seu salario medio para asegurar “a súa compatibilidade cunha vida persoal e laboral dignas” (213). Aínda é máis desconcertante chegar a afirmar “recuperar o peso do salario dos traballadores” (202) sen concretar se é en relación ao PIB e, no seu caso, a que data se refire tal recuperación. Un brinde ao sol.
E que concretamos no relativo ao salario social diferido como servizos públicos universais e gratuítos dun Estado reforzado na súa progresividade e desmercantilización?
Sobre o papel parece que se asume o retorno á provisión pública de servizos privatizados así como a nova cobertura da dependencia ou incluso vivenda (610 e 780). Pero as inconcrecións do programa de reforma fiscal (246 e ss.) son máis que preocupantes, aínda cando se redacten como bos desexos progresivos (259).
Socialdemocracia e socialismo
Máis alá de cumprir en serio coa promesa socialdemócrata (que non parece o caso polo que levamos visto), como debería ser un proxecto socialista, cal sería o seu sinal de identidade? Para Ernest Mandel (1987) por socialismo debe entenderse un sistema social no que non hai mercadorías, nin clases sociais, e no que o acceso aos medios de consumo depende da aportación do traballo de cada un á sociedade. Algo que perfectamente pode abrirse camiño democrático nunha Constitución como a española na que podemos ler no en su artículo 128: “Toda a riqueza do país nas súas distintas formas e sexa cal fose a súa titularidade, está subordinada ao interese xeral”. Pois esa subordinación podería comportar a socialización da propiedade dos medios de produción (abolición das clases sociais) e unha distribución da riqueza á marxe do mercado e os prezos (como xa sucede con boa parte da sanidade e a educación actuais).
Unha tal senda desprivatizadora e desmercantilizadora non se avén ben con este postulado da nova socialdemocracia: “mantemos o noso compromiso coa economía social de mercado” (103). Un bo exemplo dese compromiso (dos sesgos antisocialistas que comporta) témolo no relativo á “transición ecolóxica e a transición dixital que se han gobernar con sentido do ben común desde a nova socialdemocracia” (16). Porque que di ao respecto esta autodenominada esquerda socialdemócrata (55) e que debera dicir un proxecto socialista?
No dixital postúlase dixitalizar a economía e o tecido produtivo (141-142) sen establecer salvaguardas de emprego e atención persoal nos servicios[7]. E no big data, a IA aos algoritmos (143-149) non se contempla unha soberanía dixital europea que garanta o seu control colectivo e público[8], senón apenas salvaguardas para determinados usos depreddores por parte da iniciativa privada. Algo que é especialmente crítico determinalo e garantilo, en vez de declarar despreocupadamente que “a economía de datos ofrece unha oportunidade para modernizar o conxunto da Administración pública” (162).
Na transición ecolóxica e enerxética[9] (151-159) declárase unha preocupación sobre os efectos distributivos, pero nunca se nomea a necesaria redución dos consumos (singularmente os electro intensivos) nin o impulso de axentes de produción e comercialización de enerxía públicos (locais por exemplo) ou colectivos (cooperativas, comunidades). Todo parece quedar nas mans de (moi poucas) grandes empresas capitalistas.
Tanto neste caso (a causa do uso intensivo do avión) como na substitución de emprego humano por dixitalización, o sector turístico (164) é un exemplo paradigmático en España das contradicións en que poden caer ambas transicións se non se pasa das boas intencións da nova socialdemocracia a criterios socialistas claros. Algo semellante sucede cando se declara querer transferir “mercadorías cra os modelos de transporte menos contaminantes” (167) sen concretar o trasvase do actual sistema de transporte privado por carretera[10] a un colectivo por ferrocarril (1.475).
Certo é que, malia que non detectamos dingunha das concrecións que revisamos na dirección pública e colectiva que sería aconsellable[11], o documento aínda conserva un vestixio desta posibilidade cando asume a necesidade de “dispoñer dun sector público coa capacidade de incidir axeitadamente sobre a economía” (183). E é por desgraza un vestixio porque se un rastrea sector público, no documento máis alá de que sexa emprendedor (361) nada se refire de maneira concreta en relación a un sector público empresarial. O concepto de empresa pública só se menciona unha enigmática vez (366) no texto sen concretar a súa situación actual e as súas persèctivas de futuro na estrutura produtiva do país.
Máis enigmático aínda é un bloque titulado nada menos que “UNHA VISIÓN SOCIALISTA DA EMPRESA E O EMPRENDEMENTO” (288, maiúsculas no orixinal) onde un pode encontrar certamente o obxectivo da coxestión[12] (323 e 324), pero sen concreción algunha, quedando todo nunha vaporosa responsabilidade social corporativa (363). O mesmo sucede con outro obxectivo que queda en mera enunciación: “fomentar a economía social e o traballo asociado como fórmula de acceso dos traballadores á propiedade” (333).
Final
As vellas socialdemocracias, que acadaran un pacto social na segunda metade do século XXI que mellorou as condicións de vida e traballo dos traballadores, perderon o rumbo ante unha abdución neoliberal nos últimos corenta anos. A sanidade e educación pçublicas e universais, os sistemas de pensións públicos, a contratación estable e con dereitos foron socavados nun proceso de globalización e dixitalización fóra de control social en pro dunha mercantilización tutelada polo Estado.
Seguros médicos, planos de pensións, ensino e coidados xeriátricos privados e de pago (para un de cada cinco cidadáns que podían facerlles fronte) foron lexitimando en España a anorexia da provisión pública. E isto sucedeu coa complicidade da vella socialdemocracia para a que baixar impostos pasou a ser de esquerdas e acceder á oferta privada algo prestixioso. A corrosión para catro de cada cinco cidadáns completouse nun mercado laboral onde o contrato asalariado canónico pasou a ser minoritario.
Este caldo de cultivo de desigualdade social, que polarizou a sociedade e acabou coa escaleira social dunhas clases medias en ascenso, recrama un proxecto político de reforma social que a nova socialdemocracia (no documento do PSOE que revisamos) querería reconducir.
Pero o que comprobamos é que as propostas non pasan de ser piadosas e vagas intencións. Tanto no mundo laboral (xornada, contratos, xubilación) da predistribución, como na redistribución que se cimentaría nunha reforma fiscal interna e a escala da Unión Europea. Tamén o comprobamos nunha transición enerxética e dixital que nunca se expón como alternativa á do capitalismo globalizador e monopolista do século XXI que as vai liderar. Quizais porque se razona para non alonxar a unha suposta clase media (abducida polo consumismo e o mercado) que cada día que pasa ten menos base obxectiva, malia que aínda conforma o ideoloxema e a hexemonía dunha minoría privilexiada.
A proposta social desta nova socialdemocracia, malia que comporta recoñecer a súa abdución capitalista de antaño, non resulta así creíble como alternativa para a necesaria desmercantilización dos servizos públicos en favor da maioría social, da reversión dunha devaluación fiscal en favor dunha minoría, da devaluación laboral xustificada pola produtividade e a competitividade ou en favor de abrir competencia en sectores chave (financiero, enerxético, dixital) incluso da man da empresa pública.
Estes serían algúns dos eixos vertebradores dunha real alternativa socialista e democrática fronte aos defensores a ultranza, estes si, dunha pura e dura sociedade de mercado para a que o Estado simplemente será o seu humilde servidor.
[1] Os paragrafos que se citan –numerados no documento- aparecen aquí cun número entre paréntese.
[2] Sector ao que, sen embargo, se fan referencias ocasionais (130).
[3] A pesar de que, sen nomear a palabra oligopolio, lemos do dixital que as “principais dimensións do seu poder teñen que ver co seu peso económico nun mercado cada vez máis grande” (139), só se reclama que sexan “justos y competitivos” (140) sen medidas específicas que o permitan.
[4] Só se contempla a redución de xornada (con redución de salario) como mecanismo para evitar os despedimentos (199 e 209).
[5] Para que non se convirta en pura retórica isto: “La juventud ha sido la gran olvidada en nuestra sociedad” (17).
[6] Xusto isto: “la consecución del pleno empleo y los salarios dignos” (181).
[7] Algo que debera concretarse e non se fai (187).
[8] Así no apartado sobre autonomía estratéxica (169-179) explicítanse os fármacos pero non o hardware ou o software.
[9] Sustentable rotúlase en (151).
[10] A palabra “camión” non se usa neste documento.
[11] Agás unha declaración xenérica para o ámbito local que se agradece: “apostaremos prioritariamente por la gestión directa de los servicios públicos municipales como modelo más eficiente y sostenible” (2054)
[12] O concepto de autoxestión non se menciona.
Albino Prada é ensaista e investigador, membro do Consello Científico de Attac España