Ven sendo noticia dende hai meses o minguante peso industrial de Galicia, xa se mida en emprego (persoas ocupadas, horas traballadas) ou en achega ao produto nacional. Sucede así que fronte ao obxectivo oficial1 de acadar o 20 % do PIB para 2020 polo conxunto da industria (manufacturas máis enerxía), a realidade é que no ano 2022 andabamos2 por baixo do 18 %. En termos de emprego industrial aquel obxectivo do PIB vai quedando aínda máis lonxe a cada paso pois segundo a Memoria do ano 2022 do CES-Galicia3: “A evolución do sector industrial galego caracterízase por unha perda de emprego no período comprendido entre os anos 2008 e 2022 de 40.000 empregos”. Sendo así que nos comenzos do ano 2024 a situación segue a empeorar (co 15,4 % do emprego total) e con 173.800 ocupados na industria fronte aos 216.000 que tiñamos no ano 2008 (datos EPA do INE).
Este resultado global minguante en emprego, e non converxente en PIB, obedece a forzas sectoriais contrapostas: algunhas actividades que van ben, mentres outras andan arrastro. E mesmo outras que, como relevo, poderían tirar do sector industrial galego pero que non o fan. E así se esterilizan as non escasas iniciativas empresariais meritorias que nun recente libro (“Galicia, distrito industrial”, Galaxia) se recollen e que teño reseñado nesta revista.
Con un problema, dicía eu, de fondo: “non somos quen de tomar en serio un Estado emprendedor como si o fan nos Estados Unidos, Xapón, China ou Alemaña. Nós imos de monaguillos dando axudas sen criterio, non freando iniciativas disparatadas, mantendo instalacións irracionais, levantando proxectos de novos ricos sen contidos claros, facendo mix privado-público para pillar subvencións, con exemplos de sobra coñecidos (o Gaiás, o AVE radial, ENCE, Alcoa, eólicos, peiraos exteriores, polígonos case baleiros…)”. Desnortados e provincianos: vese que non somos quen dentro do país de ter unha folla de ruta en marcha de descarbonización, nin de transición a unha mobilidade colectiva, nin de resiliencia alimentaria, nin de des eucaliptización (pois Altri é xusto o contrario) do país, ni de recuperación das rendas dos nosos recursos naturais.
E imos desnortados polo que mande a sociedade de mercado, non só nese 20 % industrial que non temos senón tamén, o que é máis grave aínda, no case 70 % das actividades de servizos que si temos. Pois tanto nun caso como no outro a automatización e a dixitalización reducen o peso das manufacturas e dos vellos servizos prestados con recursos humanos. E así vimos a dar noutro problema máis de fondo que non debe agocharse.
*
Si analizamos os datos detallados do IGE de ocupados afiliados á Seguridade Social en Galicia nos quince anos que van entre 2009 e 2024 (de xuño en cada caso) podemos facernos unha idea máis precisa de como está a modificarse o noso “modelo produtivo”. En resposta tanto aos profundos cambios tecnolóxicos das últimas décadas, como aos cambios no contexto internacional da nosa economía. A imaxe máis abreviada vai de seguido nun recadro para os catro sectores clásicos e é ben simple de resumir4:
O emprego total medrou en Galicia un 5,5 % neses quince anos mentres no conxunto do Reino de España fíxoo un 23 %, catro veces máis5. Eso quere dicir que si en Galicia por vez de medrar o emprego total en 56.000 ocupados neses quince anos, como realmente foi, o fixeramos ao ritmo do conxunto de España teríamos que ter medrado en máis de 200.000 empregos. Non é unha broma: esto quere dicir que Galicia non funciona. Pois sen entrar aquí en ver si no resto de España se mellorou ou cambiou o modelo produtivo en termos cualitativos, o que si é certo é que na cantidade de emprego xerado en Galicia neses 15 anos fomos un desastre.Pero, por riba, mesmo ese cativo incremento en Galicia só tivo unha razón: o crecemento do sector servizos. Pois as actividades de produción de mercadorías, enerxía, construción e bens alimentarios pechan estes quince anos con menores necesidades de emprego. Chegados aquí a nosa única esperanza de anotar un cambio do modelo produtivo vai estar no sector servizos, que ao menos foi quen de compensar as perdas dos outros tres sectores e permitir aquel raquítico crecemento total do emprego.
Para poder avanzar na miña análise resumo nunha segunda táboa as principais actividades que melloraron o seu emprego e as que mesmo perderon emprego neste sector. E que anoto clasificadas cos criterios CNAE que usa o IGE agrupados tal como se indica: as que máis melloraron ou máis empeoraron.
Estas principais actividades por volume da variación, positiva ou negativa, do seu emprego abarcan o 97 % do total do cambio de emprego do sector, e -daquela- non deixan fora case nada que poida considerarse significativo.Podemos dicir que o sucedido certifica un éxito de emprego ao lume da dixitalización e automatización do conxunto da nosa economía, un resultado xa que logo do tan traído e levado cambio do “modelo produtivo”?
Creo que manter tal cousa é un disparate ou unha fantasía, ou as dúas cousas. Pois a creación maioritaria do emprego en Galicia segue a depender de actividades tradicionais e non dixitalizadas.
Poño en fondo gris no recadro as actividades directamente asociadas á dixitalización (asesoramento, programación, oficinas e financeiras) e compróbase que aumentaron o seu emprego en conxunto por riba das trinta mil persoas. A estes empregos habería que deducir os dez mil de actividades que perderon ocupados (edición, ventas, aa. públicas, alugueiro, etc.) en boa medida por quedar obsoletas no mundo analóxico. Daquela teríamos vinte mil empregos netos do novo modelo produtivo nos servizos.
Pero esa achega ten moi pouco peso verbo de actividades “tradicionais” que seguen a ser determinantes na creación de emprego nos servizos: educación, sanidade, hostalería, coidados, fogar. Con preto de noventa mil novos empregos. Catro veces os empregos derivados da nova xeira tecnolóxica. E, o que é crucial, empregos que só seguirán a crearse e a manterse de non avanzar na dixitalización indiscriminada destas actividades. Pois son dos que pensa que nos servizos de forte carácter persoal na súa prestación por moitas razóns, tamén de emprego, vainos ter moita conta evitar facer caso dos tecnófilos da dixitalización e do mantra da produtividade6.
En resumo: a día de hoxe o “modelo produtivo” en Galicia segue a descansar en actividades non dixitalizadas dos servizos persoais (que en boa medida medran ao lume do financiamento público ou do turismo), o que permitiu unha creación neta de emprego global nos últimos quince anos que, aínda estando moi por baixo do sucedido no conxunto de España7, houbera sido imposible se tivese que terse derivado das actividades máis dixitalizadas, mecanizadas ou automatizadas.
_______
1 IGAPE, Axenda 4.0, 2015: https://www.igape.gal/images/01-pemes-autonomos/Agenda4.0.pdf
2 Segundo datos do INE: https://www.ine.es/dyngs/INEbase/es/operacion.htm?c=Estadistica_C&cid=125473
3 https://www.ces-galicia.org/memorias-socioeconomicas/memoria-socieconomica-de-galicia-2022/
4 IGE / Datos / Traballo / Afiliacións a Seguridade Social CNAE 2009
5 IGE / Datos / Traballo / Afiliacións a Seguridade Social por réxime e Comunidade Autónoma
6 Ver o capitulo 3 do ensaio “¿Sociedad de mercado o sociedad decente?” (Universidade de Vigo, 2023)
https://secretaria.uvigo.gal/uv/web/publicaciones/public/show/378
7 Para o conxunto do Reino de España veño de publicar unha análise semellante con datos da Contabilidade Nacional:
https://www.sinpermiso.info/textos/esta-cambiando-nuestro-modelo-productivo