Mercosur e a Unión Europea: outra globalización imposible

Nunha recente conversa que mantiña ao fío do meu libro “El regreso de China. La globalización imposible” (Universidade de Vigo, 2024) interpelado sobre si sería posible que a Unión Europea se considerase un terceiro actor global entre os Estados Unidos e China, sostiña que fronte á globalización proteccionista de Trump, China practica unha globalización de libre comercio que lle permite seguir crecendo a través da oferta e a demanda externas (independentemente das políticas internas dos seus socios).

Engadía que as dúas globalizacións da conca do Pacífico non priorizan o medio ambiente, o traballo decente, os servizos públicos nin os salarios sociais no deseño dun sistema arancelario decente. E por iso non evitan a carreira cara a igualación no peor que favorecen as dúas globalizacións. Por non falar de que, na UE, temos abandonado os servizos (dixitais, IA) ao control absoluto dos GAFAM.

Lembro esta reflexión ao fío do conflito social que está a provocar o acordo de liberalización comercial agraria entre Mercosur e a UE, un acordo que levaba negociándose máis de vinte anos no contexto da vella globalización, hoxe patas arriba. Xa todo o que antecede xogaría en contra deste acordo pero debo engadir dúas razóns aínda de maior peso: que os aprovisionamentos alimentarios dende Mercosur supoñen uns custos ambientais (hidrocarburos para transporte) inviables polo colapso climático, e por riba un letal risco de perda da suficiencia e autonomía alimentaria que viña sendo central dende o nacemento da Comunidade Económica Europea.

Precisamos ter un sistema rural-alimentario dentro da UE (e no reino de España, e na Galiza) que non se poña en perigo polos apóstolos da “produtividade e libre comercio”, os mesmos que están a deixar claro que pola lei da forza rachan o comercio marítimo e bloquean a quen lles peta. E para iso precisamos producir aquí cousas mesmo que sexan máis “caras”. Tamén facelo sen depender dos cereais ou hidrocarburos que hoxe precisamos. Autonomía alimentaria no que producimos e en como o producimos.

Só así non lle deixaríamos espazo demagóxico aos señoritos ibéricos subordinados a Trump, pero tampouco aos zombies neoliberais cos que a Unión Europea vai de mal en peor. Moita faena.