Luns 27, Xuño 2022
HomeEconomíaINFLACIÓN, BALA DE PRATA OU BOMBEIRO PIRÓMANO?

INFLACIÓN, BALA DE PRATA OU BOMBEIRO PIRÓMANO?

por Albino Prada

Para enfrontar un problema de inflación acelerada como a actual non é asunto secundario o nivel de desemprego que exista nun país. En Alemaña con menos dun catro por cento, en España cun case quince por cento ou en Estados Unidos cun apenas seis por cento (Eurostat e Banco Mundial), a marxe de manobra é moi distinto. Sendo así que a rotunda elevación de tipos de interese decidida pola Reserva Federal de Estados Unidos podería ter un encaixe social moi diferente do que supoñería en España facer algo equivalente por parte do Banco Central Europeo.

Agora que os nosos Bancos Centrais (o Banco de España e o Banco Central Europeo, BCE) parecen espertar dunha prolongada sesta mentres a inflación se desbocaba –e non hai que esquecer que o seu control é o principal obxectivo que teñen-, habería que reflexionar se a mellor política (“a bala de prata”) para freala é encarecer o acceso ao crédito por medio da gradual elevación dos tipos de interese. E facelo sen antes relaxar ese obxectivo de inflación (por exemplo do 2% actual, ao 4%) para manexar mellor a lameira na que estamos metidos.

Porque podería moi ben suceder que encarecer o crédito non afectase en absoluto á demanda duns consumidores que non estaban a se endebedar como no pasado, a pesar de anotarse tipos reais negativos nos últimos anos.

E que, ao mesmo tempo, esa elevación non moderase a inflación se esta non procede dun exceso de demanda, senón de variados e peliagudos shocks de oferta (enerxía, loxística, materias primas, mercados cativos, oligopolios, guerra, etc.) sobre os que os nosos Bancos Centrais gardan un piadoso silencio.

Do que non hai dúbida é que a citada bala de prata (subir os tipos de interese) si afectaría a outra política económica (os gastos públicos para financiar medidas discrecionais selectivas dirixidas a paliar galopantes riscos de pobreza e exclusión social derivados da inflación) ao encarecer tanto o endebedamento público futuro (o deste ano 2022) como o refinanciamento do acumulado (que en España alcanza cifras históricas despois do acelerón Covid).

Todo o anterior sucederá se o BCE sobe os tipos e dá por finalizado o seu programa de compras de débedas soberanas (PEPP) nos próximos meses, provocando que esperten primas de risco diferenciadas por países que comparten unha mesma moeda.

É esta unha man de ferro que dificulta a expansión investidora e social; e que se pecha aínda máis co mantra neoliberal de redución de impostos. O que provocaría unha recesión asimétrica dentro da eurozona que, ademais, agravaría a diferenza entre as taxas de paro dentro da UE (España 14%, Alemaña 4%).

Para paliar esta causación –sempre que o BCE relaxe a súa ortodoxia ordoliberal- unha subida de tipos homoxénea dentro da eurozona débese polo menos acompañar dunha compra paliativa de débeda dos Estados con maiores taxas de paro e primas de risco (cun programa semellante ao actual PEPP).

Pero é que, ademais, aquela bala de prata (elevar os tipos de interese) esterilizaría a depreciación do euro (agora potenciada por unha alta inflación), dificultando as exportacións das nosas economías e favorecendo, con iso, un maior risco de parálise económica e crecente desemprego.

Por ambas as vías, o BCE actuaría como un bombeiro pirómano, no canto de ser un rumboso heroe cunha bala de prata. Porque, ao tentar frear a inflación, podería provocar unha recesión. E neste punto lembremos que o BCE non ten sequera un mandato estatutario –como si ten a Reserva Federal de Estados Unidos- de control do nivel de desemprego. Ao ordoliberal Bundesbank non lle preocupa a taxa de paro derivada dunha alza dos tipos de interese. Explícase así que as previsións actualizadas de crecemento para este ano 2022 (de momento sen o impacto dunha subida de tipos) sitúen xa á eurozona por baixo da media mundial (2,8 % fronte a 3,6 %).

Cando un esculca algo máis alá nesta disxuntiva (bala/bombeiro), sorprende comprobar que varios dos máis expertos economistas académicos aínda nun informe do ano 2021 non considerasen a inflación un reto substantivo (aínda que –sintomaticamente- xa desaconsellaban que pensións e salarios se axustasen á súa evolución). Enténdese así que ninguén emprazase ao BCE para abrir camiño a un cambio da tarifa eléctrica marxinalista por outra baseada nunha media ponderada.

A mellor alternativa      

Cal debese ser a alternativa á moi perigosa bala de prata de encarecer o crédito?

Na miña opinión, por unha banda, financiar gastos públicos (tanto discrecionais de protección social, como investimentos en autonomía enerxética e alimentaria) cunha rotunda política fiscal progresiva nacional e con endebedamento mancomunado dentro do euro.

E, doutra banda, axustando a demanda enerxética (electro intensiva, gas intensiva, e do transporte baseado en hidrocarburos) á obviedade da nosa total dependencia exterior, sen compracencias corporativas. Á vez que se dea pulo á oferta enerxética renovable primando a axentes non oligopólicos, e que a actual tarifa marxinalista se substituíse por unha media ponderada do mix de enerxías primarias.

Non son balas de prata. Pero sentariamos as bases para saír da actual rateira de inflación global sen danar, aínda máis, a cohesión social. E, de paso, combateriamos o acelerado colapso climático e a non menos galopante desigualdade social.

Ao cabo, o asunto é moi simple: trátase de repartir o impacto dun shock externo (inflación por encarecemento de recursos importados) dentro de cada país. Todos perderemos. Pero débese perder e achegar moito máis os (poucos) que máis acumularon no pasado, e non os (moitos) que levan décadas vendo devaluarse a súa situación. Empezando polos sectores financeiros e da enerxía, directos beneficiarios e amplificadores do actual shock inflacionario.

De non facelo así, abriremos camiño a unha reforzada onda de políticas e gobernos neoliberais, como xa sucedera polos anos 80 (Reagan-Thatcher), co seu xarope de serpe contra a inflación: desvalorización fiscal e laboral.


Albino Prada é economista e ensaísta. O seu último libro: Trabajo y capital en el siglo XXI, Universidade de Vigo, 2022.

 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]