Luns 2, Outubro 2023
HomeEconomíaHOLANDA E O CINISMO DAS ELITES EUROPEAS

HOLANDA E O CINISMO DAS ELITES EUROPEAS

por Manoel Barbeitos

O ocultismo con que se moven as elites europeas facilita que se dean condutas enormemente hipócritas e que, con demasiada frecuencia, raian na delincuencia. Como proba permítaseme que cite un feito acontecido nas instancias do goberno europeo que reflicte perfectamente este tipo de comportamento.

Non hai moitos anos, medios de comunicación franceses de grande credibilidade e prestixio denunciaron que os daquela presidentes da Comisión Europea (o luxemburgués Jean-Claude Juncker) e do Eurogrupo (o holandés Jeroen Dijoselbloem) estaban asesorando a grandes empresas, así como a grandes fortunas francesas, en como trasladar os seus domicilios fiscais a Holanda para así pagar menos impostos. Como é ben sabido, Holanda é unha sorte de paraíso fiscal que ademais practica o que se coñece como dumping fiscal. Que os máis altos responsables políticos da Unión Europea se dediquen a estas prácticas que, sendo suaves, se deben cualificar cando menos como desleais e insolidarias, non é mais que una nova mostra do tipo de comportamento a que poden chegar as elites europeas. O que neste caso chama a atención é que as máis altas instancias europeas participen destas prácticas corruptas que, por outra parte, son máis frecuentes do que parece.

Un comportamento claramente corrupto que resulta máis indignante cando ademais temos que escoitar as declaracións de responsables políticos como, por caso, dos Países Baixos (un deles, o anteriormente citado) que ultimamente son moi locuaces e que parecen querer colocarse como os abandeirados do “austericidio” e tamén da oposición a calquera proxecto de mutualización ou de emisión común de débeda. Xustifican tales posicións con argumentos tan sectarios como “a pouca fiabilidade dos socios católicos” (España, Portugal, Italia…) “no proceso de integración europea”, ou a que “os cidadáns europeos do sur son corruptos e dispilfarradores”.

Por que resulta cínico que Holanda critique dese xeito os problemas fiscais doutros estados europeos? Por que me parecen indignantes tales declaracións? Porque ademais de agochar unha forma de racismo, se foran coherentes, estes responsables políticos deberan estar moi caladiños pois “teñen a casa porca por non barrela”.

Sen necesidade de recorrer á historia para demostrar que os holandeses non están para dar leccións ao resto dos europeos, pódese facer referencia a situacións que se dan na actualidade, ademais de prácticas como a citada ao principio do artigo na que estaban implicados os máis altos responsables comunitarios. En relación cos representantes máis conspicuos do capitalismo holandés, como por caso o sector bancario, resulta oportuno rescatar a memoria sobre algúns comportamentos claramente corruptos, por caso, dos bancos Rabobank e ING.

O primeiro dos citados, Rabobank, en colusión cos outros grandes bancos europeos, foi procesado por manipular o LIBOR (tipo de xuro de referencia para calcular os tipos de xuro no mercado) en beneficio propio., proceso polo que varios directivos do citado banco tiveron que dimitir como resultas do escándalo. No caso do ING os asuntos foron máis graves, xa que foi investigado polas autoridades por branqueo de diñeiro, prácticas corruptas cos clientes e actividades sospeitosas tales como o pago de subornos e afliximento das normas sobre branqueo de diñeiro, e financiamento do terrorismo. Dado que se trata dos dous maiores bancos holandeses, a relevancia destas prácticas corruptas e ilegais está fóra de toda dúbida. Como para dar exemplo ao resto dos europeos.

Holanda é tamén de facto un paraíso fiscal. No argot tributario hai unha figura de elisión fiscal que se coñece co nome de “sándwich holandés“.  Un sistema que permite que grandes empresas de todo o mundo transfiran os seus beneficios ás súas oficinas ad hoc  en Holanda, onde pagan  moito menos por impostos que nos seus países, ao tempo que “limpan” uns capitais que logo trasladan directamente a paraísos fiscais, práctica esta que si permiten as autoridades holandesas a diferencia da maioría dos estados europeos. Expertos fiscais calculan que Holanda é responsable, cando menos, do 15% da evasión fiscal mundial.  Normalmente esta práctica de evasión fiscal combínse co chamado “dobre irlandés”. Practica que consiste en aproveitar a baixa presión fiscal irlandesa para trasladar a Irlanda os beneficios de sociedades doutros estados europeos, acollerse estes á baixa presión fiscal irlandesa, e logo trasladalos a un paraíso fiscal aproveitando o sándwich holandés. O resultado é que estas sociedades ou ben non pagan impostos, ou ben pagan moi pouco. Ao tempo, estas sociedades deixan de pagar onde en realidade se xeraron os seus ingresos.

Seguindo coas prácticas exemplares deste país, cuxos gobernantes parecen querer darnos leccións de honradez e lealdade a tódolos europeos, non está de máis facer referencia a determinadas situacións laborais que se repiten en Holanda. Son cada vez máis frecuentes as denuncias das inspeccións de traballo holandesas sobre prácticas ilegais dun número crecente de empresarios que empregan traballadores estranxeiros, maiormente procedentes do terceiro mundo, sen contar co correspondente permiso de traballo. Traballadores que, recrutados no seu país de orixe, chegan a Holanda de xeito ilegal cargados de débedas derivadas dos pagos e subornos que tiveron que efectuar para poder viaxar, permanecen illados nos seus lugares de traballo en condicións infrahumanas, cargan con longas xornadas e pésimas condicións laborais, baixos salarios que en moitos casos son salario cero. Fronte ao que se pode pensar, non se trata de prácticas illadas, senón que están cada vez mais estendidas e que abranguen a todo tipo de sectores da actividade.

Diante desta realidade, que non é exclusiva de Holanda, cabe preguntarse con que dereito os políticos holandeses acusan aos estados europeos do sur de despilfarradores e outras lindezas polo estilo?. Con que cara se lle ocorre acusar de corruptos e malgastadores de recursos públicos aos demais?.

Cada vez hai máis evidencias que permiten afirmar con seguridade que nin Holanda nin practicamente ningún dos estados europeos que intentan darnos leccións aos demais, por caso a eficiente Alemaña, están en condicións dignas de facelo. Unha mancha que se estende pola UE, e que cada vez é mais evidente a pesares do escurantismo.