Mércores 30, Novembro 2022
HomeEconomíaEVOLUCIÓN RECENTE DA PRECARIEDADE LABORAL EN ESPAÑA

EVOLUCIÓN RECENTE DA PRECARIEDADE LABORAL EN ESPAÑA

por Albino Prada

Os traballadores en situación social e laboral precaria están a alcanzar cifras record nos países que presuntamente definimos como máis desenvolvidos. Este colectivo podemos avalialo na contía de contratacións temporais (tanto no sector privado como no sector público), así como no continxente de desempregados sen unha digna cobertura pública. Asalariados temporais e parados sen prestacións contributivas que son, ao mesmo tempo, candidatos directos a engrosar bolsas de exclusión e pobreza. A eles debemos engadir os ocupados que aínda que teñen un contrato non temporal, o é a tempo parcial.

Sofren unha dependencia que hai que cualificar de extrema se temos en conta que os contratos temporais teñen unha duración media en España de seis meses, e que neste tipo de contratos o que o sexan a tempo parcial viña sendo moito máis frecuente que nos de duración indefinida. E porque, a maiores, apenas un de cada dez contratados a tempo parcial declara explicitamente que non querería un traballo a tempo completo. Por tanto nove de cada dez están subordinados a que non se lles ofreza outra cousa. Como sinalo no meu ensaio Trabajo y Capital en el siglo XXI, en España dita dependencia extrema -do factor traballo respecto ao capital- era moi elevada en 2019, pois afectaba a unha parte moi significativa do total dos traballadores asalariados (por encima do 40%). Tamén en Proyecto 21 (2017: 10) estimábase que os traballadores “atípicos” alcanzaban en España ao 40 % do total.

Actualizando os datos da devandita dependencia extrema tanto para o segundo trimestre de 2019 (antes da pandemia) como para o mesmo trimestre deste ano 2022 compróbase algún cambio na boa dirección.

Pois a dependencia extrema reduciuse en seis puntos porcentuais (do 49 % ao 43 %) sobre todo pola redución do emprego temporal no sector privado e do continxente de desempregados que non perciben a prestación contributiva. O que permitiría comprobar que é posible alcanzar un maior e mellor benestar social sen tanto crecemento económico.

Un notorio cambio de tendencia aínda que con cifras por encima do nivel do que no seu día se catalogou como a sociedade dos tres terzos (Wagner, 1997: 285), e por encima de cando Gorz (1995: 113) situaba o precariado no 40 % dos asalariados. Sendo así que Castells y Esping-Andersen (1999: 42) cuantificaban nun 52 % o traballo non canónico (parcial, temporal) no Reino Unido, concluíndo que era esta a forma en que a xestión neoliberal da revolución tecnolóxica “reparte entre os demais o traballo que queda” (op. cit. p. 40).

A día de hoxe debe engadirse que aínda que a reforma laboral do actual Goberno parece ter embridado o desbocado vector temporal dos contratos, non parece facelo co vector a tempo parcial, pois se comproba unha eclosión dos contratos indefinidos a tempo parcial. Así en abril de 2022 este tipo de contratos xa eran nada menos que dous terzos de todos os indefinidos.

Este desequilibrio tres meses máis tarde era moito maior: “En termos acumulados, os contratos indefinidos a tempo completo alcanzan de xaneiro a xullo deste exercicio un total de 1.608.898, un aumento de 909.417 (130,01%) que en igual período do ano 2021. Os contratos indefinidos a tempo parcial supoñen un total de 929.137, rexistrando un aumento de 636.832 (217,87%) en relación ao mesmo período do ano anterior”.

Fonte: El País e SEPE (páxina 10)

De maneira que aínda que os contratos temporais a tempo parcial esborrállanse tras a reforma, puidese suceder que estean a mutar en contratos indefinidos a tempo parcial. Se comparamos os datos do mes de abril pre-Covid (2019) co mes de abril de post-reforma laboral (2022), os contratos a tempo parcial indefinidos se sextuplican, á vez que se reducen á metade os que eran temporais segundo o Movemento Laboral Rexistrado. Unha marea que, de momento, non recolle a Enquisa de Poboación Activa.

O capitalismo español (singularmente o moi numeroso vinculado ao negocio turístico e aos servizos en xeral) estaría a se adaptar así ao novo marco regulatorio: con máis contratos indefinidos (que non fixos) pero á conta de que sexan cada vez máis a tempo (nominalmente) parcial.

En resumo: a boa noticia é que se observa unha redución directa do que chamamos dependencia extrema (precariado) en España, a non tan boa é que no noso país podería estar a mutar un vector de dependencia asociado a unha reducida duración do contrato por outra dependencia –non menor- centrada en non acceder a contratos a tempo completo.


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]