Domingo 1, Outubro 2023
HomeEconomíaEUROPA E A CRISE DO CORONAVIRUS

EUROPA E A CRISE DO CORONAVIRUS

por Manoel Barbeitos

Moito se esta escribindo sobre o grande esforzo fiscal e financeiro que está facendo Europa (enténdanse as autoridades comunitarias: Consello de Europa, Comisión Europea e Banco Central Europeo) para afrontar a crise provocada polo coronavirus. Hai unha parte de verdade en todo o que se está dicindo e escribindo: nunca na súa curta historia empregaran as autoridades europeas tanta artillería para faceren fronte a unha crise. Pero cómpre tamén facérmonos outra pregunta: son acertadas e axeitadas as medidas que se toman?

De entrada, digamos que a UEM se afasta cada día máis dos obxectivos fundacionais que aparecen recollidos no Tratado Constitutivo da Comunidade Europea (1999). Por caso, hoxe por hoxe a UEM está moi lonxe de ser unha Unión solidaria na que as actuacións mancomunadas ocupan un lugar estratéxico preferente. Así quedou claramente de manifesto na xuntanza do Eurogrupo do 16 de marzo, cando os membros aprobaron que nada de medidas mancomunadas e si de que cada país adopte as súas propias políticas fiscais, o que en definitiva viña ser algo así como “que cada quen se salve como poida”. Que cada santo aguante da súa vela, pero sen saírse do dogma neoliberal, que para iso están as institucións europeas, para vixiar o cumprimento da ortodoxia. De nada valen as ensinanzas da última grande recesión: o dogma é o dogma, aínda que conduza á morte do doente.

Unha análise polo miúdo das principais medidas tomadas ata o día de hoxe -virán máis, sen dúbida- permite cualificalas como insuficientes, tardías, insolidarias, equivocadas e empobrecedoras. A pesar do grande paquete de medidas aprobadas (compra de activos e de débeda, préstamos, axudas, subvencións….) que poden chegar a mobilizar recursos por riba dos tres billóns de euros, tanto o volume dos mesmos como moi especialmente a súa natureza e condición permiten subliñar que son moi inferiores ao dano causado pola pandemia. O propio BCE, sempre prudente, apunta a que a caída provocada pola pandemia pode superar neste ano 2020 o 15% do PIB. Precisaríase, xa que logo, un esforzo fiscal moi superior para atender debidamente os danos causados. Por caso, Gran Bretaña ten pensado destinar un billón de libras. Por se isto non fora suficiente, volveu facerse evidente nesta nova crise a lentitude coa que se move tradicionalmente a UE, provocando que as axudas aprobadas cheguen tarde, cando o dano causado polo coronavirus xa estaba moi avanzado.

Entre as axudas máis destacadas está a compra de títulos públicos por parte do BCE que, se ben produce resultados positivos tales como baixar o tipo de xuro impedindo a especulación, tamén provoca o imparable crecemento dunhas débedas soberanas que, máis cedo que tarde, Bruxelas esixirá que se paguen. O que realmente fai o BCE é prestarlle diñeiro aos axentes financeiros (banca, fondos de investimento) ao 0%. Diñeiro que estes empregan na compra de débeda pública aos Estados. Estas compras fanas a un tipo de xuro superior, o que garanta o negocio dos axentes, pero encarece o financiamento dos Estados. Se o BCE, como sucede coa Reserva Federal e o Banco de Inglaterra, comprara directamente aos Estados, estes evitarían o diferencial de xuro que impón a banca privada. Este matiz diferencial fai que, por caso, dende 2001 o conxunto dos estados da UE teñan pagado en xuros máis de 6 billóns de euros sen que, por outra parte, diminuiran as débedas. Pola contra, nese período a débeda global da UEM practicamente se duplicou ao pasar de 4,8 aos 8,5 billóns de euros. Velaí o grande negocio dos mercados financeiros.

Esta  expansión cuantitativa (compra masiva de activos financeiros, títulos…) do BCE é, tamén, claramente insolidaria pois favorece que a desigualdade entre territorios e entre sectores sociais siga medrando. Ao fixar tal tipo de axudas sen ter en conta as distintas realidades económicas, estase favorecendo aos países que contan con grandes bancos e grandes empresas multinacionais. Sendo prexudicados aqueles Estados con predominio das pequenas e medianas empresas, como por caso España, por non poderen acceder ás axudas máis relevantes. Unha proba témola na evidencia de que a día de hoxe Alemaña se teña quedado con máis do 50% das axudas aprobadas a través do programa de compra de activos privados, mentres que España non chega ao 2%. Por certo, esas compras contribúen a subir o valor dos activos financeiros das grandes sociedades (bancos, fondos de investimento, empresas multinacionais), provocando máis desigualdade. Non menos relevancia ten o impacto que no mercado de divisas, no tipo de cambio, ten esta medida, xa que dalgún xeito está prexudicando o comercio internacional.

Que son medidas equivocadas resulta evidente pola súa perversa condicionalidade. Todas as axudas teñen os condicionantes derivados de tratados como o MEDE, que lles impoñen aos Estados que piden as axudas axustes fiscais e deflacións salariais que, como se puido comprobar nesta última década, provocan recesións sistémicas, con elevado desemprego e crecente desigualdade. Ademais de colgarlles aos Estados o estigma de “rescatados”.

Con este tipo de actuacións, os gobernantes europeos (Consello, Comisión, BCE) están desintegrando a Unión Europea. Por se no foran xa suficientes os importantes desaxustes estruturais e sistémicos en que se apoia.