Se un consulta na Galipedia unha entrada titulada “Plan Estratéxico de Galicia” poderá ver un resume dos obxectivos (cos seus indicadores de seguimento) -e os logros- do que se programou para os anos 2015-2020. A síntese que aí pode lerse é a que segue: dos once indicadores de seguimento só en dous deles o balanzo foi lixeiramente positivo ao situarse por riba do cen por cen do obxectivo previsto (taxa de emprego e risco de pobreza); na inmensa maioría dos indicadores non se acadou o obxectivo previsto polos propios planificadores, sendo especialmente negativa a avaliación do esforzo innovador e da mellora das exportacións, o crecemento do PIB e o crecemento do emprego. Un dous sobre once puntos que é, en calquera avaliación docente, un suspenso sen matices.
O preocupante “dinamismo” demográfico non só é a base do avance (“pasivo”) do PIB por habitante anotado, senón que podería moi ben matizar, como logros non tan meritorios como parece, os relativos a taxa de paro xeral e a taxa de paro xuvenil.
Na actualidade estamos xa dentro do Plan Estratéxico de Galicia 2022-2030. Pasamos dun intervalo de planificación de cinco anos a un de nove anos. O que aconsella proceder a facer unha avaliación parcial dos tres anos xa percorridos (2022-2024 , do ano 2025 só se disporá de indicadores ao longo deste ano 2026). Un terzo do seu período de vixencia.

Fonte: elaboración propia con datos do INE, IGE e Xunta de Galicia [Ampliar cadro]
*
Pois ben, segundo os obxectivos e metas da Xunta de Galicia, nestes últimos tres anos o balance global non sería positivo porque se ben en sete indicadores se tería acadado o proposto (en cor verde) noutros sete (en cor laranxa) non se tería acadado. E iso supoñendo que foran igual de importantes os sete de cada tipo. Así o avance na converxencia no PIBpc (cun 60 sobre 100) ten un suspenso, mentres que o descenso na taxa de paro (con máis de 200 sobre 100) aproba co dobre do avance proposto.
O avance no PIBpc pode servir de exemplo concreto particular. En 2021 estaba nun 91,7 % e a Xunta márcase acadar en 2030 o 98 %, un avance de 6,3 puntos en nove anos que en tres anos deberan ser a terceira parte: algo máis de 2 puntos. Co ritmo de avance actual realmente rexistrado estariamos en 2024 nun 92,3 %, por tanto gañamos 0,6 puntos. O 30 % é o resultado de dividir 0,6 (o avanzado) sobre 2 (o que teríamos que avanzar). Suspenso. E así se fixo con todos os indicadores.
Pero o suspenso no avance do PIBpc aínda pode ser considerado máis preocupante do que xa é de por si. Porque por vez de anotar un avance, insuficiente pero avance ao fin, por ter medrado sobre todo o numerador (o PIB) o avance débese sobre todo a ter caído a poboación. Pero a Xunta deixou fora das súas metas tanto o que suceda co crecemento do PIB (unha meta na que, será casualidade, non se superara entre 2015-2020), e segue sen incluír o crecemento da poboación entre as súas metas. O que se di curarse en saúde.
Un asunto este -non considerar unha meta o crecemento da poboación- especialmente asombroso e no que os nosos avances son moi escasos (dun 0,1 anual en Galicia fronte a un 0,7 no conxunto do reino de España, sete veces menos). Pero que condiciona de xeito absoluto a avaliación que podamos facer de dous indicadores nos que sacamos a máxima nota. Pois este preocupante “dinamismo” demográfico non só é a base do avance (“pasivo”) do PIB por habitante anotado, senón que podería moi ben matizar, como logros non tan meritorios como parece, os relativos a taxa de paro xeral e a taxa de paro xuvenil. Dous indicadores nos que a avaliación supera o douscentos por cento, e que tería unha progresión moito menos favorable de non haber emigración dos galegos, fóra de España e cara ao resto de España, de ter unha entrada de inmigrantes que non fora das máis pequenas de España ou de ter unha natalidade normalizada.
Non debe ser casualidade que a Xunta deixase fora tamén desta vez un indicador que entre 2015-2020 tivera unha moi mala nota: o incremento dos ocupados.
Pois as taxas de paro, non debe esquecerse, redúcense creando moito emprego ou … facendo emigrar os parados. E, de novo, non debe ser casualidade que a Xunta deixase fora tamén desta vez un indicador que entre 2015-2020 tivera unha moi mala nota: o incremento dos ocupados. Indicador no que temos unha progresión porcentual moi por baixo da media española.
*
Á marxe do que precede se concretamos o que non vai ben (a parte do caso do PIBpc) destacaría os dous indicadores relacionados coas exportacións porque terían que ser un motor fundamental para o crecemento do PIB e non están a medrar como se marcou a Xunta entre 2021-2024. E sobra dicir que coa guerra comercial que se desatou en 2025 a nivel global as cousas non fan máis que complicarse. Noutra orde de cousas destaca o mal desempeño na redución do abandono escolar e na redución da fenda salarial de xénero.
A avaliación da Estratexia da Xunta para o ano 2030 deixa fora dous factores estruturais chave: a dinámica da poboación e a dinámica do emprego.
E se concretamos as cousas que van ben, unha vez que poñemos en “precaución” a redución das taxas de paro, destaca o descenso da temporalidade no emprego (algo que para nada é resultado das políticas da Xunta, senón do actual Ministerio de Traballo) e a crecente importancia das enerxías renovables. Neste último caso, sendo certo o avance cuantitativo, está moito menos claro que a nosa crecente capacidade eólica estea a tirar do conxunto da nosa economía como debera.
*
En conxunto vemos que a avaliación da Estratexia da Xunta para o ano 2030 deixa fora dous factores estruturais chave: a dinámica da poboación e a dinámica do emprego. Dous factores nos que veño incidindo como determinantes de ter que falar de “Galicia, un país desnortado e minguante” nun ensaio recente (Universidade de Vigo, 2024). As “vantaxes” de ser un país minguante, e non falar do asunto, son xustamente que a avaliación do PIBpc é menos mala do que tería que ser e que, por outro lado, a evolución das taxas de paro é moito máis positiva do que explica o crecemento do emprego.
Tres espellismos de ser un país minguante. De telos en conta, obrigarían a pasar dunha avaliación de sete indicadores aprobados e sete suspensos, a ter que falar de cinco aprobados -como moito- e sete suspensos. Coa agravante de que os dous indicadores suspensos sobre o motor exterior da nosa económica (exportacións e empresas exportadoras) non dan para esperar moitos triunfalismos na actual conxuntura internacional no ano que empeza.
Pero a Xunta de Galicia seguiu en 2025 -e seguirá neste 2026- desnortada e firme na súa folla de ruta de limitarse a exercer como unha mega diputación dun país minguante. Para rematar deixo aquí esta reflexión recente dunha emigrada de longo percorrido: “A emigración, sobre todo a da mocidade formada, continúa a ser unha realidade incómoda e silenciada, e que non alcanza o romanticismo necesario para inspirar a autores literarios. É unha ferida aberta que poucas veces se recoñece polo que realmente é: un fracaso estrutural do país”.








