ESPAÑA E PORTUGAL: ILLA ENERXÉTICA OU PENÍNSULA ASIMÉTRICA?

por Albino Prada

Sostén o Goberno que unha posible saída á rateira na que o gas natural levou á inflación podería ser considerar á Península Ibérica como unha illa do sistema eléctrico europeo e adoptar medidas específicas ao respecto. Paga a pena investigar se nos asemellamos tanto neste asunto tan crítico.

En setembro do ano pasado publiquei unha análise sobre este asunto. Daquela, a compoñente inflacionista da electricidade xa se desencadeara en España con virulencia polo impacto do gas no mercado eléctrico español (polo xunto e polo miúdo). Así, mentres (xullo de 2021) o IPC da electricidade disparouse un 26,9% en España, no conxunto da Unión Europea fíxoo un 8,5% (Eurostat).

Xa daquela chamaba a atención sobre o paradoxo de que tal cousa sucedese cunha achega de gas moi semellante en ambos os casos no mix de xeración. Habería, pois, que explicar por que en España a inflación eléctrica triplica con creces a media europea cunha achega similar do gas. Unha cuestión sobre a que tanto o Banco de España como o Banco Central Europeo levan demasiado tempo en silencio.

Pero se facemos a comparanza co veciño Portugal, as cousas pintan moito peor. Porque naquel momento (xullo de 2021) a electricidade subira en Portugal menos dun un por cento, mentres que en España facíao un vinte e sete por cento. Sendo así que todo o gas empregado para xerar electricidade é importado en ambos os casos.

Por iso, concluía, con tanta dependencia do gas estranxeiro e coa mesma fórmula marxinal dos prezos por xunto, semella que sería posible frear os prezos da electricidade a taxas inflacionistas moito máis baixas, aínda con este choque de subministración externa. Algo moi singular pasa en España e non en Portugal. Algo que non se soluciona tendo en conta que o problema ten o mesmo percorrido nos dous casos (a illa). E haberá expertos que o coñezan e supervisores da inflación (no Banco de España) que deberían reprimilo.

A falta deste tipo de aclaracións e medidas, ¿cales son os datos máis recentes sobre o tolo compoñente inflacionista da electricidade en España (que afecta a centos de produtos e servizos)?

En febreiro deste ano 2022 (Eurostat) en España acadamos o 80% de inflación eléctrica, mentres que na Unión Europea fixérono ao 28% e en Portugal ao 5,6%. En España seguía un descontrol que non se observa en Portugal co mesmo sistema marxinalista. Se estamos nunha illa, é de certo unha illa moi rara. Con efectos moi graves e desiguais na inflación xeral (7,6 en España e 4,4 en Portugal).

Os datos actualizados de 2020 (Eurostat) do mix de produción eléctrica dannos unha pista importante: en España utilizamos o dobre de combustibles fósiles que en Portugal para xerar electricidade (35 e 15 por cento respectivamente). Non obstante, iso podería explicar ata que tripliquemos a súa inflación eléctrica… pero non multiplicalo por máis de doce veces.

Á vista destes feitos creo que considerar a península ibérica como illa enerxética non vai ser suficiente para eliminar esta asimetría peninsular e celtibérica. Outras razóns, dun capitalismo de amiguetes moi español, imos ter que pór riba da mesa para evitar pasar de apenas un 6% (Portugal) ao 80% (España). Pero o Banco de España sobre estas cousas -da nosa inflación tan castiza- non di nada de nada.