[ENTREVISTA] XOSÉ CARLOS ARIAS, economista

“É necesaria unha renovación profunda do contrato social”

 

O libro Laberintos de la prosperidad (Galaxia. Gutemberg, 2021) sírvenos de guía para entrevistar a un dos seus autores, Xosé Carlos Arias, catedrático de Política Económica na Universidade de Vigo, un dos analistas cos que conta habitualmente TN para interpretar a actualidade que chega enmarcada na súa área de coñecemento. Nesa nova obra, que ten ao tamén recoñecido economista e ensaísta de orixe galega Antón Costas ao segundo dos seus autores, ambos os dous abordan con valentía e rigor intelectual a complexidade que agocha actualmente nas entoldadas augas da economía e a política democrática. Con que propósito? Co propósito de desvelar e analizar todo o que está condicionando os procesos de cambio e transformación que se visualizan a través da chamada dobre transición, tecnolóxica e medioambiental, e dos fenómenos que parecen estar provocando a crise da que coñecemos como globalización. Coa crise pandémica e a guerra ucraína actuando nesa crise de crises á maneira de potentes e violentos detonadores.

 por Manoel Barbeitos foto Miguel Riopa

 Publicou canda Antón Costas Laberintos de la prosperidad (Galaxia. Gutemberg. 2021) antes do estalido da guerra en Ucraína (2022). Sen ignorar nin moito menos o enorme drama humano que supón e os riscos certos de que se produza un conflito nuclear que sería o final da humanidade, que novos impactos trouxo esta guerra para a economía europea e mundial?

Semella evidente que a guerra multiplica os elementos de incerteza que xa estaban presentes para a economía internacional, e que complica extraordinariamente o que se pensaba que sería a saída a forte ritmo da crise provocada pola epidemia. Un revés importante vén da man da agudización das crises de subministro de materias fundamentais. Neste caso, sobre todo produtos enerxéticos e alimentarios. Non contabamos, desde logo, cunha crise enerxética a gran escala como a que estamos a vivir, que introduce fortes interrogantes sobre o que se supoñía que ía ser un dos vectores fundamentais da transformación económica dos próximos anos. Mais alá diso, a invasión de Ucraína introduce dous impactos económicos de gran trascendencia. Un, a curto prazo, o dunha inflación xa moi significativa. E outro que ten nunha dimensión máis de longa prospectiva: semella que o que durante trinta anos coñecemos como globalización está pasando a mellor vida, cando menos nalgún dos seus aspectos máis destacados. E desde o meu punto de vista, en grande medida non para ben.

“Máis alá dunha crise enerxética a gran escala como a que estamos a vivir, a invasión de Ucraína introduce dous impactos económicos de gran transcendencia: o dunha inflación xa moi significativa e o feito de que o que coñecemos como globalización está pasando a mellor vida”.

Afondemos un pouco máis nas causas da inflación. Cales son as razóns de que se teña disparado neste ano 2022? A suba dos carburantes, a guerra en Ucraína?. Ou xa viña de antes…

A eses factores pódeselles atribuir unha parte moi importante da suba. Pero xa nos meses anteriores á guerra había certas presións inflacionistas orixinadas, por unha banda, na escaseza de certos bens básicos -consecuencia á súa vez da xa mencionada ruptura das cadeas de valor-, e por outra, nas expansións do consumo derivadas da acumulación de aforro polas familias no tempo da pandemia. Recoñezo que a nova inflación foi unha sorpresa para min. Pero, a pesar de que se vén facendo máis ameazadora cada mes, a miña opinión segue sendo que se trata dun fenómeno temporal que para o ano que vén terá remitido case totalmente. Quero dicir que, aínda que agora poida parecer pura fantasía, non é descartable que dentro dun par de anos poidamos mesmo ter de novo con nós o problema contrario: o dos continuados coqueteos coa deflación.

Fronte a esta importante alza da inflación, que debe facer o BCE na túa opinión?

Se efectivamente a inflación e un fenómeno temporal -tal e como o BCE segue a afirmar-, entón a suba xeralizada de tipos, ademais de erguerse nun vector de contracción económica, pode ser unha medida perfectamente irrelevante: despois de todo, como diciamos, a raíz do problema está noutro sitio. Dito isto, é certo que as políticas monetarias viviron no extraordinario durante dez anos e ese camiño xa non pode durar moito: non se pode ter tipos cero o caer cero para sempre, nin balances dos propios bancos centrais en expansión continua. A normalización da política chegará máis cedo que tarde. Esperemos, iso si, que non sexa dun xeito brusco, que podería ser traumático.

Tamén se pronuncian ao respecto os axentes sociais -sindicatos e empresarios-. Mentres os segundos reclaman conxelar os salarios, os primeiros discrepan e afirman que “conxelar salarios é un suicidio económico para España”, e que se debe compensar a perda de poder adquisitivo. A quen facerlle caso e por que?

“Sigo crendo na natureza temporal da inflación actual, sempre que non cometamos o erro de provocar unha espiral de costes-prezos. Por iso paréceme unha estupenda idea para este momento a de levar adiante un gran pacto plurianual de rendas”.

Como dicía, sigo crendo na natureza temporal da inflación actual, sempre que non cometamos o erro de provocar unha espiral de costes-prezos. Por iso paréceme unha estupenda idea para este momento a de levar adiante un gran pacto plurianual de rendas: a miña posición persoal é que unha orientación estratéxica acertada, de longo prazo, para a economía española é a da suba de salarios. Pero nesta coxuntura endiañada aí podería haber unha trampa: unha espiral inflacionista. Como resolver esa contradición? Só se me ocorre unha solución: o debandito pacto. Pura ilusión? Non tanto, se se observa a líña de acordos a tres partes acadada nos últimos anos.

Ata que punto a pandemia da COVID19 puxo en cuestión os paradigmas económicos neoliberais? Non era o que se esperaba desa crise humanitaria?

No noso libro estudamos como os múltiples cambios abertos pola pandemia non xurdiron da nada, senón que intensificaron ata levalas a outro plano algunhas tendencias que se rexistraron na economía internacional na década anterior. O que agora adoitamos chamar “dobre transición” (cara unha economía dixital e verde) é o cambio máis obvio. Pero xunto a iso, nós adicamos moitas páxinas a explicar como nos últimos anos se foi xerando un importante debate de ideas. Ademais de algúns reformulamentos macroeconómicos de primeira orde, cuestións aínda máis de fondo e de tanta relevancia como o do papel dos Estados na economía e a súa relación cos mercados, ou a idea do que ten que ser unha empresa, son agora vistas dun xeito máis complexo e interesante, e moito menos dogmático que hai uns poucos anos (aquela especie de “bolchevismo do mercado”). Non hai un novo consenso, desde logo, pero si moitas conversacións abertas, agora mesmo, na economía.

De ser necesario cambiar a axenda económica, en que dirección e con que obxectivos?

Dito dunha maneira quizais en exceso sinxela: co obxectivo de facer compatible a eficacia e dinamismo das economías de mercado, como a nosa, cunha dinámica de integración social que en gran medida se ten perdido como consecuencia dos excesos do hipercapitalismo das últimas décadas (que é a causa máis profunda, desde o meu punto de vista da explosión de malestar). É o que nós chamamos no noso libro a necesidade de renovación profunda do contrato social. No caso de España, e de Galicia, defendemos que aumentar a nosa produtividade, a nosa competitividade, introducir doses cada vez maiores de dinamismo e innovación na economía, non equivale en absoluto, senón todo o contrario, a impulsar de verdade a competencia e desenvolver actuacións decididas para reducir a desigualdade.

“A proposta hispano/holandesa vai na liña acertada: a de favorecer políticas fiscais anticíclicas, que limiten as alegrías nos tempos de expansión, pero non se convirtan nunha máquina de recesión, como ocorreu hai dez anos, cando sobreveñan as crises”.

A Comisión Europea vén de “prolongar” a suspensión das regras fiscais. Como avalías esta decisión? É suficiente? Non se deberían cambiar definitivamente as prioridades fiscais e económicas, dados os resultados incluso anteriores á pandemia?

Agora mesmo case ninguén nega a necesidade de cambiar as regras en profundidade, para evitar que volvan ser a trampa que foron no pasado. Claro que algún tipo de regra segue sendo necesaria. A novidade máis interesante nese sentido é a proposta hispano/holandesa que vai, na miña opinión, na liña acertada: a de favorecer políticas fiscais anticíclicas, que limiten as alegrías nos tempos de expansión, pero non se convertan nunha máquina de recesión, como ocorreu hai dez anos, cando sobreveñan as crises.

O impacto da pandemia puxo en evidencia a importancia do investimento público como un dos motores da recuperación económica? Non é o NEXT GENERATION un recoñecemento dese papel? Como o avalía?

Sen dúbida, así é. Os programas Next Generation, que xunto cos análogos que se están poñendo en marcha nos Estados Unidos van constituír un dos fitos de investimento da historia do capitalismo, e que, se cumpren os seus obxectivos, levarán a unha fonda transformación dos sistemas produtivos, baséanse absolutamente na idea da colaboración público/privada. A idea, agora tan puxante, de Estado emprendedor e o novo protagonismo que están chamadas a ter as políticas industriais forman parte daquela nova gran conversación pública en marcha da que antes falabamos.

Non debería a UEM ter algún tipo de política fiscal común?

Non creo que agora mesmo ninguén con algún coñecemento do asunto negue esa necesidade. Se algo nos  demostrou a experiencia dos últimos anos é que avanzar ata unha completa política monetaria común, sen unha mínima unificación na fiscal, só pode levar ó desastre. A actual UEM partiu de algúns erros conceptuais que hoxe nos parecen moi obvios e que deben corrixirse o antes posible. E esa idea de financiar os macroprogramas de investimento coa emisión de débeda común -que xa teñen moito dos famosos eurobonos- vai na boa dirección.

Durante a pandemia, as débedas públicas disparáronse ata valores non coñecidos. En España está en 1,45 billóns de euros, que equivalen ao 117,7% do PIB. Dislocaría en profundidade os mercados financeiros ata unha situación perigosa, de risco? Que deberían facer as autoridades fiscais? Hai voces autorizadas que defenden que o BCE debera condonar parte das débedas dos estados europeos, por seren ilexítimas. Comparte esta proposta?

Creo que pode ser interesante para provocar debates de fondo sobre os motivos da acumulación de grandes débedas públicas. En España, por exemplo, os máis de 70.000 millóns do rescate bancario que se dixo non terían efectos macroeconómicos, pero que aí están. Porén, en termos xerais, non, non comparto esa proposta: considéroa irreal tendo en conta os equilibrios de poder en Europa, e creo ademais que de ser levada a efecto, dislocaría en profundidade os mercados financeiros (que é o último que necesitamos). Creo ademais que a expresión débedas ilexítimas crea moita confusión. Foi a compra masiva de activos -privados, pero tamén títulos de débeda pública- polo BCE a partir de 2015 o que fixo posible a recuperación española. Polo demais, en España, como noutros países, debeu aproveitarse esa conxuntura expansionista para reducir a carga da débeda. A obsesión ideolóxica (e o oportunismo político) pola redución de impostos fíxoo imposible. En todo caso, permíteme unha última reflexión de carácter xeral  sobre a débeda: non é un feito suficientemente coñecido que a débeda total, pública e privada, a escala global acada agora mesmo uns níveis nunca coñecidos na historia (sobre o 360 % do PIB mundial, unha barbaridade). Ese é probablemente o principal factor de inestabilidade que se proxecta ameazante sobre o futuro da economía internacional.

Deberíase aproveitar a ocasión para cambiar os estatutos do BCE e que este poida deixar de actuar como un prestamista en última instancia, facéndoo a semellanza doutros bancos centrais como, por caso, a Reserva Federal e/ou o Banco de Inglaterra?

A ver, o BCE ten cambiado moito nos últimos anos. Entre os cambios producidos mencionarei un que creo que é moi significativo: refírome á decisión de ter en conta o criterio de respecto medioambiental na súa política de compras de activos. É todo un criterio cualitativo de crecemento. Algo así era totalmente impensable hai uns anos, cando o banco de Francfurt non pensaba máis que en “asegurar a credibilidade antinflacionista”.

“A reforma fiscal é necesaria e urxente, e a liña xeral marcada polo recente informe do comité de expertos paréceme acertada. Nas actuais condicións da economía española, levantar como única bandeira a baixada de impostos non é máis que unha forma descarada de populismo”.

 Tería o goberno español que poñer en marcha unha reforma fiscal, tantas veces prometida, que mellore a capacidade recadatoria e así reducir os déficits fiscais, ou debe baixar os impostos como propón o novo xefe da oposición, Núñez Feijóo?

Responderei coa máxima concisión. A reforma fiscal é necesaria e urxente, e a liña xeral marcada polo recente informe do comité de expertos paréceme acertada. E nas actuais condicións da economía española, levantar como única bandeira a baixada de impostos non é máis que unha forma bastante descarada de populismo.

A pandemia antes e a guerra en Ucraína agora viñeron a agudizar aínda máis as desigualdades sociais e territoriais a todos os níveis (rexional, estatal, mundial). Algo que podemos comprobar, por caso, co distinto ritmo de vacinación. Como combater este fenómeno sistémico? Non se corre o risco de deixar “cicatrices permanentes”?

Pois si. Algo así ocorreu noutras conxunturas históricas coas que se poden facer paralelismos (tamén o amosamos no noso libro) E, precisamente por iso, a necesidade de loitar contra as desigualdades debe marcar as axendas das políticas económicas desde agora mesmo. Se así non fora, unha marea de descontento moito maior do que ata agora temos coñecido poderíanos sacudir nos próximos anos. Con probables consecuencias políticas moi desagradables, por certo.

Un dos “efectos complementarios” da pandemia foi o de situar ao cambio climático no centro do debate público. A que atribúes este cambio nos paradigmas? Considéralo oportuno? Que medidas deberían tomar as autoridades públicas?

O que nos últimos anos temos entendido -porque nolo explican os científicos con suma claridade- é que non temos opción. Podería ser mesmo unha cuestión de supervivencia. Pero se o queremos expoñer nuns termos menos transcendentes, os dos efectos económicos da inacción, a conclusión é clara: diversos estudios moi acreditados mostran que a ausencia dunha viraxe radical das políticas medioambientais pode levarse por diante doadamente o 20 % do PIB mundial. Podémonolo permitir?

A mundialización neoliberal trouxo tamén consigo un espectacular desenvolvemento das novas tecnoloxías, da dixitalización masiva. Como contemplas este fenómeno? Como pode afectar ao emprego e ao crecemento económico?

“A dixitalización ten outras caras máis escuras: a enorme concentración de poder (e renda) arredor dunhas poucas empresas, o problema da apropiación dunha parte da nosa riqueza que son os nosos datos, a posibilidade de manipulación e control a gran escala…”

A transformación tecnolóxica dos fluxos de información foi vista durante moito tempo con grandes doses de inxenuidade. Non viamos máis que as súas indiscutíbeis vantaxes. Esa revolución está aquí e seguirá avanzando con forza no futuro, queirámolo ou non. O seu potencial de transformación económica é extraordinario: a economía do ano 2035 será sen dúbida moi diferente da de agora mesmo. Aquelas sociedades que acerten á hora de incorporar esas innovacións poden experimentar transformacións moi positivas. Mesmo nun dos aspectos mais problemáticos: as posibilidades de emprego. Nese sentido, hai unha gran disparidade nos cálculos dos efectos da dixitalización sobre o emprego: os máis aceptados falan de que nacerán novos nichos de emprego, pero que en todo caso unha porcentaxe importante dos actuais traballadores deberán cambiar de ocupación (arredor dun 25 % de cara ao 2030, no caso de España). Pero hoxe sabemos que a dixitalización ten outras caras máis escuras e problemáticas: a enorme concentración de poder (e renda) arredor dunhas poucas empresas, o problema da apropiación dunha parte da nosa riqueza que son os nosos datos, a posibilidade de manipulación e control a gran escala…

O que fai imperativa unha regulación…

Todo o dito fai absolutamente imprescindible ampliar os controis e as regulacións sobre esas empresas e actividades, limitando os monopolios, chegando mesmo a dividir por imperativo legal algúns dos actuais xigantes empresariais. Un tipo de política que, en todo caso, está aínda por inventar. As políticas económicas teñen aquí un dos seus principais retos de cara aos próximos anos.

Cambiando de terzo. Desde algunhas tribunas, coido que incluso vostedes mesmos, apúntase a que a pandemia, e tamén a guerra en Ucraína, non só lle puxo un freo á globalización, senón que está provocando o fenómeno contrario. Está de acordo? Cales son os sinais? Que novos escenarios aparecen?

Nos últimos dez anos a globalización comercial (non, desde logo, a financeira) ten retrocedido, non dunha maneira dramática, pero si en algún grado: as medidas proteccionistas dobráronse e a fluxo de investimento directo internacional reduciuse á metade. Máis importante: a medida que a economía chinesa foi acadando un nivel de sofisticación tecnolóxica maior, e a competencia nos mercados globais se fixo máis descarnada, foron aparecendo episodios de guerra tecnolóxica e mesmo de peche de mercados que parecían fora de lugar na globalización contemporánea. Sobre ese escenario, a pandemia introduciu as ben coñecidas tendencias a resituar estruturas produtivas en ámbitos máis próximos por razóns de seguridade de abastecemento, etc Por caso, como acaba de amosar o Financial Times, termos como nearshoring o reshoring, que se refieren a ese camiño de volta, multiplicaron o seu uso entre os executivos de empresas de  todo o mundo a partir de 2020.

E sobre todo iso inciden os cambios xeostratéxicos provocados pola guerra…

A miña percepción é que, efectivamente, agárdanos un tempo de retroceso da internacionalización das economías. Ou quizais un escenario de división entre dúas globalizacións separadas, a de orientación occidental e a chinesa. E iso chega precisamente no momento en que algúns bens fundamentais -como a saúde pública e o medio ambiente- se configuran como xenuinos bens públicos globais, para cuxa dotación eficiente será imprescindible a cooperación internacional.  O dito: tanto criticar a globalización durante anos, e igual dentro de pouco botarémola en falla.