[ENTREVISTA] CARLOS CRUZADO, PRESIDENTE DE GESTHA

CARLOS CRUZADO
Presidente e portavoz dos Técnicos de Facenda (Gestha)

 

“A taxa mínima do 15 por cento ás multinacionais é un paso importante, pero insuficiente”

 

Vén de producirse un acontecemento a contracorrente do que globalmente fora até agora doutrina oficial no tocante á fiscalidade dos grupos multinacionais. Dicíase que, de impoñerlles peaxes, provocaríanse ameazadores estrangulamentos da economía. De súpeto, hai acordo entre os sete países máis ricos do mundo para desafiar ese espantallo neoliberal e, se ben non é para botar foguetes revolucionarios, marca sen dúbida un chamativo cambio de rumbo. Cómpre valoralo máis alá do que simboliza semellante trasacordo, e para iso nada como falar con Carlos Cruzado, o presidente e portavoz dos técnicos do ministerio de Facenda, un dos máis cualificados e comprometidos analistas das políticas fiscais.

 

por Manoel Barbeitos Alcántara

Na primeira semana de xuño, o G/7 (o clube dos países máis ricos) acordou unha reforma fiscal global consistente no establecemento dunha taxa internacional do 15% no imposto de sociedades para os grandes monopolios internacionais. Que valoración lle merece este acordo?

En principio, o acordo é unha boa nova, pois comporta que se empeza a cuestionar o imposto de sociedades tal e como se veu aplicando desde hai xa un século. Non obstante, é un paso pequeno se é que finalmente queda ese tipo mínimo no 15% e corremos o risco de pechar en falso esta cuestión despois de anos de discusión e debate no seo da OCDE. Teremos que estar moi atentos nas vindeiras semanas, nas que debería adoptarse unha decisión ao respecto no G20 e a OCDE, no Marco inclusivo sobre BEPS, e no que agardamos que se impoñan teses máis axustadas á xustiza fiscal, que suban ese tipo mínimo e acorden un reparto equitativo do imposto en función non só do territorio onde prestan os seus servizos ou son consumidores dos seus produtos, senón tamén atendendo outros parámetros que non deixen fóra aos países máis pobres involucrados.

Que cambios comporta a respecto da fiscalidade internacional?

A respecto da fiscalidade internacional, o acordo que finalmente se adopte debería supoñer un cambio de paradigma na concepción do imposto de sociedades e a súa vinculación coa necesidade de que exista presenza física para poder gravar ás compañías. Neste senso, debería servir para dificultar a planificación fiscal agresiva internacional das grandes empresas transnacionais e o papel que a competencia fiscal e os mal chamados paraísos fiscais (que mellor deberan chamarse guaridas fiscais) desempeñan en beneficio daquelas.

E que impacto calcula que terá na Facenda española?

Sobre o impacto que pode ter na Facenda española: o novo Observatorio Fiscal da UE, que dirixe Gabriel Zucman, publicaba recentemente datos estimados de recadación, desagregados por países, para distintos escenarios de tipo mínimo global. Así, para España iría desde os 700 millóns para un tipo do 15% ata os 12.400 millóns se se acordase un 25%. De maneira que se finalmente o acordo se fixase no 15%, España probablemente perdería recadación ao ter que suprimir o recente imposto sobre determinados servizos dixitais, co que o Goberno estima obter uns ingresos que rondan os mil millóns.

“O impacto do acordo para España iría desde os 700 millóns para un tipo do 15% ata os 12.400 millóns se se acordase un 25%. De maneira que se finalmente o acordo se fixase no 15%, España probablemente perdería recadación ao ter que suprimir o recente imposto sobre determinados servizos dixitais”

Na súa xustificación, a Secretaría do Tesouro dos Estados Unidos, auténtico impulsor da iniciativa, destacaba que “esta taxa mínima global ponlle fin á carreira á baixa no imposto de sociedades e garante xustiza para a clase media de todo o mundo”. Comparte esta valoración?

Non se pode dicir que con esta taxa mínima global se acabará definitivamente coa competencia fiscal, aínda cando obrigue a algúns países europeos a tomar algunhas decisión ao respecto para adaptarse á nova situación. E en canto a que garanta xustiza para a clase media de todo o mundo, a grandilocuencia do dito quedou en evidencia estes días pasados tras a filtración e publicación en EEUU. do pouco que pagan en impostos persoais algunhas das persoas máis ricas do mundo.

A proposta inicial dos Estados Unidos era una taxa do 21%. Por que entende que se produciu esa rebaixa?

O poder e a capacidade de presión dalgunhas das maiores compañías que se verán afectadas con estas medidas, contando coa colaboración dos países que utilizan esa competencia fiscal no seu beneficio, lograron rebaixar esa inicial proposta norteamericana, do 21% ao 15%, da mesma maneira que desde hai anos veñen dificultando a adopción de medidas na UE. De se confirmar no foro da OCDE, esta rebaixa comportará unha redución considerable a respecto da recadación posible, que para España supoñería, segundo o Observatorio fiscal da UE, case cinco mil millóns menos que se fora o 21%.

O acordo, que non esquezamos que vén impulsado polos países máis ricos do planeta, non supón un desmentido das teses fiscais dominantes, todas elas alineadas co neoliberalismo, sobre a imposibilidade e inconveniencia dunha taxa deste tipo, sobre o seu impacto negativo a respecto da inversión e o emprego, e xa que logo sobre o crecemento económico?

Malia que só comporte un primeiro paso na loita contra a elusión das grandes compañías, o certo é que este acordo supón un cambio no discurso que durante tanto tempo se veu mantendo incluso polas mesmas organización que agora o defenden. Neste senso, tanto a OCDE como o FMI abandonan as teses de que os impostos directos e a progresividade fiscal prexudican o crecemento económico, identificando o preocupante incremento das desigualdades non só como un problema social e político, tamén como un problema económico, a cuxa limitación se debe contribuir tamén desde o ámbito fiscal.

Aínda non coñecemos a fórmula exacta que adoptará este imposto. Como pensa que debería ser a súa implementación para unha maior eficacia e unha máis xusta distribución territorial da redacación, e para que beneficie a todos os países?

Efectivamente, aínda non coñecemos a letra pequena deste acordo, nin como finalmente se chegue a aplicar. Unha das incertezas refírese ao cálculo do imposto en cada país, xa que os tipos nominais non reflectan a carga realmente soportada, dados os diferentes axustes sobre o resultado contable para chegar a determinar a base sobre a que aplicar o tipo. Por elo, o desexable sería contar cunha base impoñible común, e a partir de aí ter claro que tipos efectivos se pagan realmente país por país. Pero tamén sería necesario determinar a forma de reparto do imposto entre os países nos que interveñen as compañías, non só en función dos ingresos obtidos senón tamén do resto de factores obxetivos como traballadores, activos, recursos naturais, etc., de maneira que non só se beneficien os países máis ricos.

“Para avanzar nunha mellor distribución da riqueza, este acordo debería ir acompañado doutras medidas a respecto da implementación de impostos sobre a riqueza, aumentando a recadación do imposto sobre sucesións e elevándolles a tributación aos tramos máis altos de renta nos impostos persoais”

Parece que hai importantes discrepancias neste asunto entre por exemplo o G7 e a OCDE. Que umbral mínimo de ingresos se debería fixar para que realmente fora xusto e equitativo?

As discrepancias respecto da dimensión das compañías ás que aplicar o acordo danse tanto no ámbito do G20 e da OCDE como da UE. Os intereses dos países máis beneficiados polo actual estatus quo intentan que a aplicación afecte ao menor número de sociedades. Máis alá do maior problema coas compañías dixitais, o certo é que a planificación fiscal agresiva é utilizada por todas as transnacionais de todos os sectores, polo que tanto o ingreso mínimo global como o reparto do imposto entre os territorios nos que operan debería aplicárselle a todas elas.

Hai voces que anuncian que estamos diante do inicio da fin dos paraísos fiscais, da fraude fiscal a grande escala. Comparte esas opinións?

Se de verdade estamos ante un paso importante para unha futura erradicación dos paraísos fiscais verémolo cando teñamos a foto do acordo na OCDE, con todos os detalles. Porén, sendo importantes estas medidas, serán insuficiente se non se adoptan outras en paralelo referidas á necesaria transparencia das actividades desenvolvidas polas grandes compañías país por país, a nivel mundial, así como á elaboración pola ONU dun listado obxetivo e completo de guaridas fiscais, os mal chamados paraísos fiscais, coa adopción de medidas para a súa erradicación.

Iníciase o camino cara a imposición global? Cara unha maior transparencia fiscal? E acaso tamén cara unha menor elusión fiscal?

Desgraciadamente, no se pode dicir que se inicie o camiño cara unha imposición global, aínda que é un paso importante cara un cambio de paradigma que pode impulsar medidas nesa dirección. A imposición global requeriría de medidas de grande calado político que a día de hoxe non se vislumbran. Si que son posibles maior transparencia e unha menor elusión fiscal se finalmente non se pecha en falso o actual debate no seo da OCDE debido á presión das grandes compañías e países “prexudicados” co cambio.

No seo da Unión Europea hai paraísos fiscais (Holanda, Luxemburgo, Malta, Irlanda…) e tamén se practica o dumping fiscal entre países. Como compaxinar esa realidade coa imposición desta taxa global? Como evitar o dumping fiscal en Europa?

A regla da unanimidade no ámbito fiscal da UE vén impedindo a adopción de medidas para corrixir esa competencia que países como eses que cita lle fan ao resto dos países da Unión. Non obstante, baseadas en cuestión de competencia, vanse adoptando medidas como as que en breve se van aprobar referidas á publicidade do informe país por país que, a pesar das súas limitacións, vai permitir que coñezamos os impostos pagados polas grandes compañías nestes países. Unha medida que, unida á previsible aprobación do imposto mínimo global, axudará a rebaixar dito dumping fiscal, cando menos no seo da UE.

O presidente do Gobierno español, Pedro Sánchez, calificou o acordo do G7 de histórico porque, entre outras razóns, supón un avance cara unha mellor distribución da riqueza…

Para avanzar nunha mellor distribución da riqueza, este acordo debería ir acompañado doutras medidas, na liña apuntada últimamente pola OCDE e o FMI, respecto da implementación de impostos sobre a riqueza, aumentando a recadación do imposto sobre sucesións e elevándolles a tributación aos tramos máis altos de renta nos impostos persoais, recuperando a progresividade como principio fundamental do sistema tributario.

As políticas fiscais en España e Galicia

Falando de España, como valora as actuacións fiscais aprobadas polo goberno de coalición PSOE/UP? Avanzamos en progresividade e xustiza fiscal? Supoñen unha mellora substantiva dos ingresos fiscais?

No referido ás medidas adoptadas polo Goberno español, como son os novos tramos para os rendementos do traballo e do capital no IRPF, incluidos na Lei de Orzamentos, se ben é certo que van nesa dirección de dotar de maior progresividade ao noso sistema, así como dunha maior recadación, non son máis ca un mínimo paso. Queda pendente a anunciada reforma fiscal, na que se debería abordar a solución aos tres problemas do noso sistema tributario: falta de suficiencia recadatoria, insuficiente equidade fiscal, elevado nível de economía somerxida e fraude fiscal.

“Galicia podería incidir nunha maior progresividade no tramo autonómico do IRPF incorporando novos tramos por riba do máximo actual de 60.000 euros. E mentres non se acorda harmonización do imposto sobre sucesións, podería sustituir a actual tarifa aplicable aos grupos I e II pola estatal, toda vez que xa contempla unha redución dun millón de euros para ditos grupos”

E na loita contra a fraude fiscal?

Na loita contra a fraude fiscal, aínda que contén algunhas medidas acertadas e portunas, o proxecto de lei que vén de aprobar o Congreso non incorpora medidas de control que aseguren a súa aplicación, polo que dificilmente vai reducir a economía somerxida e a fraude fiscal, malia que a estratexia España 2050 recolla o obxetivo de rebaixala ata o 10%. Desde Gestha compartimos o reto de rebaixar o peso da economía somerxida ata sitúalo cando menos en niveis semellantes ao dos países máis desenvoltos da UE-8: un obxetivo para o que resultaría fundamental o aumento das competencias e responsabilidades dos técnicos de Facenda para concentrar esforzos no control dos contribuintes con grandes patrimonios.

Que medidas tributarias lle aconsellaría tomar ao Goberno galego actual para incrementar os ingresos fiscais?

No marco do cambio de modelo de financiamento autonómico previsiblemente se acordará certa harmonización dos impostos cedidos, tal e como se contempla no informe dos expertos nomeados para informar sobre dito cambio, co obxetivo de evitar a competencia fiscal á baixa que se vén producindo en relación cos mesmos. Non obstante, Galicia podería incidir nunha maior progresividade no que se refire ao tramo autonómico do IRPF mediante a incorporación de novos tramos por riba do máximo actual de 60.000 euros. Asimesmo, e en tanto se acorda a mentada harmonización respecto do imposto sobre sucesións, e atendendo á recomendación da OCDE de incrementar a recadación por tal concepto, podería sustituirse a actual tarifa aplicable aos grupos I e II pola estatal, toda vez que xa contempla unha redución de un millón de euros para ditos grupos.