Luns 26, Xullo 2021
HomeEconomía ANTÓN COSTAS, catedrático de Política Económica

[ENTREVISTA] ANTÓN COSTAS, catedrático de Política Económica

“Hai que evitar o fomento dunha economía dixital e verde para ricos”

 

texto Manoel Barbeitos Alcántara

Cando parecera que estamos saíndo da terceira onda, xa podemos afirmar que o impacto económico e social da mesma é tan forte que incluso fixo tambalear algúns do dogmas máis serodios da UE, como por caso as chamadas “regras de ouro” do Pacto Fiscal. Entre as novas medidas fiscais adoptadas polas autoridades europeas está a de manter suspendidas as obrigas fiscais referidas aos déficits e as débedas. Como avalías estas medidas?  

É verdade que chegan un pouco tarde. Pero cómpre ter en conta que, para a nosa desgraza, a UE non se caracteriza precisamente pola rapidez na toma de decisións. Con todo, a boa nova é que a crise da Covid-19 está provocando un cambio importante na mentalidade económica e nos criterios da política pública europea. A diferenza do sucedido na crise financeira de 2008 e da débeda no 2010, agora a filosofía non é a da austeridade senón a do gasto. Un cambio moi importante. E recupérase ademais a política industrial, que estaba estigmatizada. Haberá que ver se esa orientación se mantén unha vez que comece a recuperación e volvan as preocupacións sobre a débeda.

Contribuirán á recuperación económica?

Os fondos europeos do Next Generation UE non son exactamente un programa de recuperación económica, aquel que opera no curto prazo para sacar a economía da recesión. As inversións co Next Generation terán efecto no medio e longo prazo. Trátase dun programa de reestruturación da economía máis que de recuperación. A diferenza do Plan Biden, ou do mesmo plan Trump, que si é un programa de recuperación para sacar a economía norteamericana do pozo, o plan da UE é un programa para redeseñar a economía europea post-Covid. Por iso houbo tanta presión sobre o Goberno para axudas a curto prazo co obxetivo de sobrevivir e recuperarse.

“A crise pandémica está favorecendo non só un cambio de mentalidade económica, tamén das políticas fiscais. A este xiro posiblemente teña contribuído o Brexit. Co Reino Unido dentro da UE, posiblemente houbera sido máis difícil dar o paso dos fondos europeos”.

Polas medidas adoptadas co gallo da pandemia, das que falaremos máis adiante, pode parecer que as autoridades europeas (BCE, Comisión Europea…) aprenderon que a UE precisaba, entre outras medidas, dunha política fiscal común e que non chega coa política monetaria. Estás de acordo? Darán ese paso as autoridades europeas?

Si. A crise pandémica está favorecendo non só un cambio de mentalidade económica, tamén das políticas fiscais. A este xiro posiblemente teña contribuído o Brexit. Co Reino Unido dentro da UE, posiblemente houbera sido máis difícil dar o paso dos fondos europeos. A emisión dos bonos europeos por vez primeira na historia da UE para financiar eses fondos é un paso importante nunha futura política fiscal común. Aínda que non se pode esquecer que esta acción é para unha única vez. Porén, hai que esperar que, roto o tabú, sexa máis fácil repetilo.

Sigue habendo sen embargo diferenzas entre Europa e EE.UU. na maneira de entender as políticas públicas neste tipo de emerxencias?.

Si. O laboratorio do mundo en canto a cambio de mentalidade económica e novas políticas públicas é Estados Unidos, non Europa. Como sucedeu na Gran Depresión dos anos 30, cando o presidente Fralklin Delano Rosevelt introduciu un novo contrato social (New Deal), volve ser agora un presidente norteamericano, Joe Biden, quen senta as bases dun novo contrato social do século XXI co que reequilibrar o reparto dos efectos das crises -a pandémica de agora e outras que virán, como a do cambio climático- entre a poboación, as empresas e o Estado. Coa crise pandémica volvemos ver o Estado como a solución e non o Estado como problema, que se impuxera desde a chegada de Ronald Reagan nos anos 80. O Plan Biden trae ademais unha nova filosofía da política pública. En particular polo que fai ás axudas para os fogares pobres. O gran paquete de axudas ás familias pobres son incondicionadas. Non están vencelladas a buscar traballo ou a outros condicionamentos. Rompe este cambio de filosofía coa que establecera para este tipo de axudas a administración demócrata de Bill Clinton nos anos 80, estigmatizando desde entón aos pobres dicindo que as axudas non condicionadas os volvía preguiceiros, motivándoos a non traballar.

Como en Europa…

Esa orientación mantívose e xeralizouse cos conservadores tanto en Estados Unidos como en Europa. É o que provocou a cronificación da pobreza, humillando a dignidade dos pobres.

Como argumentar a defensa dunha orientación á inversa?

A investigación académica de, entre outros, os premios Nobel de Economía Bbhijit V. Barnerjee e Esther Duflo (“Boa economía para tempos difíciles”) teñen demostrado con números que as axudas que mellor funcionan para saír da pobreza son as transferencias incondicionais de diñeiro. Axudan a saír da pobreza, a encontrar traballo, a unha mellor alimentación e vestido, e especialmente, á educación formal dos fillos. O dilema non é “dar peixe ou unha cana de pescar”, senón as dúas cousas. Non estou seguro de que as autoridades europeas vaian seguir ese camiño de forma rápida e eficaz.

“Os PERTE serán impulsados por unha ou varias grandes empresas, pero teñen que acoller baixo o seu paraugas á multitude de pequenas e medianas empresas provedoras de toda España. Nesta integración xogámonos o éxito dos programas do Next Generation EU”.

Os fondos do programa Next Generation EU poñen o acento nas transicións dixital e enerxética. É o formato axeitado?

 Creo que o formato dos diferentes fondos que conforman ese programa é o adecuado. Especialmente o “Mecanismo de Recuperación e Resiliencia” e o “React-UE”. O instrumento máis novidoso e con capacidade transformadora da economía española vai ser o que o Goberno central presentou como “Programas Estratéxicos a Resiliencia e a Transformación Económica (PERTE)”. Son programas transformadores de país, non dunha empresa, sector ou territorio determinado. Estes PERTE serán impulsados por unha ou varias grandes empresas, pero teñen que acoller baixo o seu paraugas á multitude de pequenas e medianas empresas provedoras de toda España. Nesta integración xogámonos o éxito deses programas.

Sobre que sectores entende que deberían incidir?

Aínda que terían que ser maiores, se os sabemos asignar ben, eses fondos serán unha panca moi importante para redeseñar a economía española, e especialmente os seus tradicionais sectores estratéxicos: automoción, turismo, construción, agricultura e saúde pública. Os PERTE han fomentar a transformación dixital e a transición a unha economía verde deses sectores e do conxunto da economía. Pero teñen tamén que facer posible crear bos empregos, para máis xente e en máis lugares de todo o país. Se non hai creación de emprego, estariamos promovendo unha economía dixital e verde para ricos.

Valore a actuación que a respecto dos fondos UE (a España correspóndenlle 140.000 millóns) está desenvolvendo o Goberno central.  

Penso que o está facendo razoablemente ben. Non son un experto en dereito administrativo, pero teño a percepción de que o Real Decreto Ley 36/2020, polo que se aprobaron as medidas urxentes para a modernización da Administración Pública e para a execución do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia constitúen unha verdadeira revolución administrativa, coa introdución de novas vías de acceso aos fondos. Esa reforma profunda das administracións públicas era necesaria para poder deseñar, aprobar e xestionar proxectos de inversión coma estes do Next Generation en tempo e forma. Terá agora que esforzarse en facer as cousas de tal maneira que se eviten tres fracturas: a territorial, de agravio entre comunidades locais e autonómicas; a empresarial, entre grandes, pequenas e medianas empresas; e entre modernización dixital e verde e creación de emprego. Quérese dicir, evitar o risco de fomentar unha economía dixital e verde para ricos, como dixen antes.

“O obxetivo agora é gastar, e gastar ben, para facerlles fronte aos efectos económicos e sociais da pandemia. As axudas ao mantemento do emprego e a supervivencia das empresas, canda un maior gasto en saúde pública, van comportar un aumento importante da débeda pública. Pero é un gasto necesario”.

O Consello europeo aprobou para o periodo 2021-2027 un orzamento extraordinario que sumar ao fondo de recuperación. Entre estes dous (1.074.300 millóns de euros) e os recursos xa existentes (540.000 millóns de euros) sumarán 2.364.300 millóns de euros. Consideras suficientes estas cantidades?

Son cantidades importantes, aínda que non son para un ano senón para un período longo de sete anos. Comparadas cos 1,9 billóns de dólares do orzamento de Joe Biden para un ano, quedan moi curtas, non? A UE sigue tendo escasa potencia de fogo fiscal para facerlles fronte a grandes crises como esta. Mellórase algo con este orzamento plurianual, pero non é para botar foguetes. Ademais, ese aumento da cantidade do orzamento plurianual veu acompañado de recortes en políticas como as de innovación e desenvolvemento, de agricultura e pesca, algo que non parece moi acertado. É unha contradición. Pero a UE é unha suma de contradicións deste tipo.

Pola súa banda, o Banco Central Europeo comprometeuse a proporcionar unha cantidade adicional de 1,35 billóns de euros como parte do seu programa de compra de bonos, para axudarlles aos gobernos durante a crise. Como avalías esta acción? Tendo en conta, por caso, as actuacións da Reserva Federal e o Banco de Inglaterra, non che parece claramente insuficiente?

En relación co punto de partida, o aumento do balance do BCE é máis importante. Desde a etapa de Mario Draghi, o BCE converteuse nun banco central como Deus manda. Quero dicir, un banco central con vontade e capacidade de actuar á maneira dun banco de sangue disposto a facer transfusións de sangue financeiro cando o corpo económico e social se desangra. Confeso que me sorprendeu, e me alegrou á vez, esta transformación. Coido que é a única institución comunitaria que persegue un xenuino interés xeral europeo. Despois do resbalón inicial que tivo ao dicir que o BCE non estaba para sacarlles as castañas do lume aos estados, a nova presidenta Lagarde veu seguindo os pasos de Draghi. Estou seguro de que esa institución fará todo o necesario para evitar unha recesión na Zona euro. Pero ten que contar co apoio sen reservas das autoridades fiscais. Do contrario, a economía europea será como un avión Airbus que tente voar cun único motor. Desa maneira, non acadaría a altura e a velocidade de voo axeitadas. As limitacións non as vexo na vontade e na política do BCE, senón nas autoridades económicas e fiscais.

Hai nas axudas un aspecto relevante e preocupante. Unha parte moi importante das axudas adoptadas pola UE ten o formato de préstamos. Como o avalías? Non vai a supoñer o incremento dunha débeda privada, xa de seu elevada?

Si. Desde o punto de vista de quen as recibe, as maiores axudas son sen dúbida en forma de subvencións non reembolsables. Pero cómpre recordar que a débeda privada e a débeda pública teñen unha relación inversa. Se dás moitas axudas públicas en forma de subvencións, evitas o aumento da débeda privada, pero aumentas a débeda pública. Se as dás en forma de préstamos, estás axudándolles ás empresas aumentando a débeda privada, pero sen aumentar a débeda pública. Non creo que as ministras de Economía e Facenda fosen reticentes a dar máis axudas en forma de subvencións por ningún criterio persoal ou moral, senón polo medo a que o crecemento da débeda pública se nos poida volver en contra nalgún momento.

“O Goberno debeu establecer un fondo de axudas ás cidades, nas que se manifestan con maior intensidade os efectos da pandemia. Tamén penso que se debería ter aproveitado a situación para universalizar o ensino preescolar, e para crear un fondo nacional e descentralizado para o pleno emprego”.

Que criterios habería que ter en conta?

É preciso valorar ben que tipo de axudas se lle dan ás empresas: se subvencións, préstamos, créditos participativos ou de capital. E hai que debater ademais a quen, por que e como dar axudas públicas directas. E falar ao tempo de como as empresas que agora reciben axudas devolven máis tarde o favor cando as cousas vaian mellor. É un debate que aínda non tivemos ata agora en España, pero que é importante. As axudas en forma de subvencións deben ser proporcionais á caída de ingresos. Non me parece xusta unha cantidade igual para todos, porque uns sufriron máis caída de ingresos que outros.

Todo fai pensar que coas políticas de axudas e gastos provocados pola pandemia se acaben disparando as débedas públicas. Non sería necesario revisalas? Por caso, facéndoas perpetuas, como plantean relevantes economistas?

O obxetivo agora é gastar, e gastar ben, para facerlles fronte aos efectos económicos e sociais da pandemia. As axudas ao mantemento do emprego e a supervivencia das empresas, canda o maior gasto sanitario e en saúde pública, van comportar efectivamente un aumento importante da débeda pública. É un gasto necesario. Hai que facelo. Aínda non é o momento de pensar como imos pagar esa débeda, e se será necesario algún tipo de conversión desta nova débeda pandémica. Posiblemente si. Pero déixeme recordar a resposta de John Wayne nunha película do Oeste cando un dos soldados lle preguntou como ían pasar o río cando chegasen a el: “Rapaz, non penses en como atravesar o río antes de que cheguemos a el”. Cando esteamos na outra beira do río, a salvo da pandemia, xa veremos como pagamos esas novas débedas.

Entre as medidas adoptadas dirixidas a protexer o emprego e aos traballadores están os ERTE. É esta unha resposta axeitada?  Servirán para amortecer o impacto da pandemia no emprego e a actividade?.

A meu xuízo, os ERTE son a maior innovación de política económica desta pandemia. Era algo que estaba implícito na lexislación laboral existente. Pero non se utilizara até agora desta maneira. Ten moito que ver o bo traballo político da ministra Yolanda Díaz. Cómpre felicitala. O problema cos empregos en ERTE pode xurdir no caso de que se alongue moito a pandemia. Iso podería levar a que algúns ou moitos deses ERTE se converteran en empregos zombis. Pero na medida en que se consiga controlar o contaxio, os ERTE permitirán recuperar a actividade económica das empresas moito máis rapidamente.

En relación cos colectivos sociais máis afectados, unha das medidas máis relevantes é a do IMV (Ingreso Mínimo Vital). Pareceuche unha medida acertada? Que duración debera ter?  Debería convertirse nunha axuda perpetua?

É unha medida moi acertada. España era o único país da OCDE que non tiña unha trincheira dese tipo para frear o avance da pobreza severa. Esta carencia é probablemente unha das razóns que explican por que España foi o país no que máis aumentaron a pobreza e a desigualdade nas dúas últimas décadas. Por este motivo, o IMV debe ser permanente, non coxuntural. E ten que ser redeseñado para abarcar a máis fogares e para que poida chegar con rapidez a todos eles. Posiblemente houbera sido mellor executar esas axudas a través da Seguridade Social que non a través do SEPE. Creo que esta segunda opción retrasou a boa execución do IMV.

Dende o seu punto de vista, que outras medidas debera ter tomado o Goberno e non o fixo?  Por que?

Debeu haber posto en marcha desde o primeiro momento un fondo de axuda ás cidades. É nas cidades onde se manifestan con maior intensidade os efectos humanos e sociais da pandemia. Tamén penso que se debería ter aproveitado a situación para universalizar o ensino preescolar. Sería unha forma de aliviar ás familias e permitir conciliar a educación dos fillos co traballo, especialmente o das mulleres/nais. E é moi barato en relación cos beneficios que produce. Non é un gasto, é unha inversión na infancia. Tamén se terían que ter feito máis esforzos para manter abertas as escolas. Son fundamentais para educar e alimentar aos nenos. Esta crise vai deixar cicatrices permanentes naqueles nenos e nenas que non puideran haber asistido á escola durante meses. Cicatrices en forma de menos oportunidades e menos ingresos futuros. A longo prazo, tamén a economía se vai resentir por mor da perda de produtividade futura dos que hoxe son nenos e nenas. Finalmente, necesitamos un fondo nacional para o pleno emprego, xestionado de forma descentralizada desde gobernos autónomos e desde os concellos. Cando se recupere a economía, veremos que por si sola non vai ser capaz de ofrecer a cantidade de empregos que se necesitan. É necesario adquirir un compromiso público co emprego.

A que comprometería a creación dese fondo nacional polo pleno emprego?

A toda persoa que queira traballar e non atope un emprego no sector privado débeselle garantir un de condicións mínimas. A ese fondo público poderían presentar iniciativas de emprego tanto o sector privado como as administracións e o sector da economía social. Como financialo? Podería ser cos fondos do programa Next Generation. Non é unha utopía. A transición a unha economía verde que aproveita os recursos naturais dos territorios é unha ocasión de ouro.


 

[td_block_7 f_header_font_transform=”uppercase” ajax_pagination=”next_prev” sort=”” category_id=”” custom_title=”Novidades”]