Domingo 4, Xuño 2023
HomeEconomíaEntrevista: Albino Prada

Entrevista: Albino Prada

Albino Prada

Profesor de Economía Aplicada na Universidade de Vigo

“As estimacións que se poden facer é que aproximadamente a metade da débeda pública é ilexítima”

Luís Villamor Texto Fernando de Paz Foto

As previsións económicas para este ano 2015 falan dun paro superior ao 23% e dun crecemento tan mínimo, que apenas serve para xerar emprego neto, cunha demanda escasamente tensionada…

É un ano que vén cargado de política, un ano electoral, que empeza e remata con eleccións, e por tanto todo o relato vai estar completamente filtrado por esa catarse electoral. Quero dicir que as medidas que se van tomar, e algunhas xa se tomaron, van estar limitadas, condicionadas, por evitar molestar ou perder bolsas potenciais de votantes. A reforma fiscal ten a intención de animar un pouco o consumo, de reducir un pouco a carga no posible, e conseguir un crecemento económico máis dinámico do que  o escenario externo cada vez debuxa con máis dificultades e sombras. Porque o conxunto da eurozona non está a comportarse acaidamente, non ten nada que ver co que está sucedendo na área da libra nin na do dólar e, polo tanto, imos tentar facer un balance do ano que vén que algúns van utilizar para salvar o tipo electoral.

Europa está realmente en recesión técnica?

Si, practicamente. Pero antes de continuar con iso, ti puñas o dato do desemprego, que sen dúbida é o dato, ou o de como se está inflando o endebedamento público, que galopa sen control: unha bomba explosiva. Sobre o volume de parados teño que recordar algo que ultimamente se nos está desdebuxando. Temos 5,5 millóns, e non se prevé que, a pesar dese crecemento, moi feble, poidamos reducir significativamente esa taxa de paro, aínda que se tenta vender o logro de que estamos creando algo de emprego. Non aquelas cifras que se prometían na campaña electoral, pero eses cinco millóns de parados sono grazas a unha válvula de escape da que sinto ver que non se fala en absoluto. Entre o ano 2007 e 2014, a poboación activa española, entre 16 e 35 anos, caeu en 1.800.000 cidadáns. E isto quere dicir que se esta xente non houbera emigrado, en boa medida fóra de España, teriamos hoxe un problema de desemprego moitísimo máis grave. Temos unha poboación como mínimo de 1,5 millóns da que nunca se fala, e que ten sido expulsada do país. E isto maquilla moito todo o resto das estatísticas do mercado laboral.

O Goberno tense gabado de que para esa xente emigrar é unha oportunidade…

Non é só o Goberno. Se miras as análises que se fan, este vector explicativo de fondo, o da emigración de milleiros e milleiros de persoas, desapareceu. É como se nunca existira.

Para dar sensación de normalidade?

Si, como se esta válvula de escape nos deixase con menos problemas. Pero ollo, porque non acaba a cousa aquí. Hai 800.000 inmigrantes que xa retornaron aos seus países que desactivan o problema do desemprego interno. E a pesar desas cifras, estando como estamos xa por riba en total dos 2,5 millóns de persoas que desapareceron de España, temos un problema de desemprego xigantesco. Así que o reto é de tal dimensión que, enfrontado no mellor dos casos a un crecemento de 1,5% do PIB, é un auténtico disparate. Isto non vai levar a ningures. Boa parte do emprego que se xera con ese 1,5% é un emprego sen horarios, nin duración nin cotizacións dignas.

E aínda así hai comentaristas que dan por liquidada a crise…

Creo que están facendo o argumentario dos que están facendo un gran negocio da xestión da crise. España arranca no momento da crise cunha débeda pública por debaixo do 50% do PIB e neste momento está case no 100% . O que supón unha carga de intereses, unha facturación, para quen os reciba, de 35.000 millóns de euros ao ano. Un tremendo negocio, fundamentalmente bancario e de fondos de investimento, o que están atopando en España e na súa débeda pública soberana. E non é imprescindible para facer ese xigantesco negocio que os tipos de interese se teñan disparado, como ao principio da crise. Foron baixando paulatinamente. A prima de risco foise reducindo, pero seguen a ter unhas rendibilidades moi interesantes, por riba do 2% en termos reais. De xeito que o que se vende como unha saída da crise, ten estoutra cara: a sociedade española acaba endebedándose no dobre do que estaba ao principio, en boa medida produto de transvases de débedas privadas –saneamento do sector financeiro– que se foron trasladando a débedas públicas, e a unha caída dos ingresos, que ten que ver fundamentalmente cun sector inmobiliario e de construción que tamén entrou en colapso.

Hai que auditar a débeda e reestruturala?

Si. En España como en Francia, as estimacións que se poden facer é que aproximadamente a metade da débeda pública é ilexítima, o que non quere dicir ilegal. Quérese dicir que esa débeda non se tería acumulado se determinadas cousas non tiveran sucedido. Reflexión recente dun colega do Instituto de Economía de Barcelona sobre o fraude fiscal: pódese calcular que debido á economía oculta o fraude fiscal en España podería xerar uns ingresos de 67.000 millóns de euros. E engado textualmente: unha implicación inmediata é que o volume de débeda pública nos anos da crise non pasaría do 60%  inicial do PIB, en lugar do 95% que se observa actualmente. Incluso tería sido posible que a débeda non aumentase, evitando gran parte da consolidación fiscal, reducións graves do gasto público e aumento dos impostos. Ou sexa, se gran parte dos ingresos públicos que tiñan que ter sido recadados en España o fosen, non teriamos unha débeda pública acumulada desa dimensión. O que quere dicir que esa débeda pública realmente hai que pagala, pero quen debería pagala dentro do país son eses axentes económicos que non ingresaron no seu momento os recursos económicos que tiñan que ter ingresado.

Nomeadamente?

Pois nomeadamente… hai unha casuística ben coñecida. No HSBC de Suíza, en Xenebra, descóbrese unha listaxe de non sei cantas fortunas de españois que tiveron un tratamento fiscal especial. Recentemente soubemos que multinacionais e non multinacionais que operan en España, e que tiñan a súa sede a efectos fiscais en Luxemburgo, tamén tiñan ese tipo de evasión fiscal no imposto de sociedades. E logo temos que avanzar, á parte de na economía mergullada, no que sería unha revisión do sistema fiscal actual, para facelo máis progresivo, e que grave aquelas rendas que escapen con toda a claridade ao asunto. Con isto non chegamos á conclusión de que non imos pagar a metade da débeda porque é ilegal, pero é conveniente facer este tipo de análise porque cando teñamos que seguir pagando o que hai que ir pagando, a reflexión social é quen ten que facer o esforzo para pagar ese xigantesco endebedamento que temos. E supoño que a lóxica e a lexitimación social será que teñen que ser aqueles que como non contribuíron como tiñan que facelo, colocáronnos nesta posición. Á marxe de todas aquelas partidas de gastos, déficits e débedas que teñan unha orixe claramente ilegal.

Por exemplo?

Haberá que ver se determinadas operacións que fixeron as entidades financeiras, singularmente as caixas de aforro, pero non só, é asumible que pasen a ser débeda colectiva, ou se deberían formar parte da responsabilidade civil ou penal daqueles que tomaron ese tipo de decisións.

Antes falaba vostede de 67.000 millóns de fraude fiscal, unha cantidade equivalente ao custo da sanidade pública…

Si, si… É que estamos falando do 6,5% do PIB e dun axuste que nos liberaría de estar nos procedementos de déficit excesivo e de todos os recortes que estamos padecendo nestes últimos anos. Entón imponse unha auditoría da débeda. Temos que ver cales son os factores que explican que nós, a diferenza doutros países, teñamos cabalgado dende o 50% ou 55% da débeda a respecto do PIB ata case o 100%, e outros países non o teñan feito así.

 

As contas pendentes de bancos e banqueiros

O Goberno di que non houbo rescate, pero o das entidades financeiras custounos a todos uns 40.000 millóns… Como tería que devolver a banca o custo dese rescate á sociedade?

Partimos de que ese rescate veu arrastrado por unha conduta temeraria no sector inmobiliario e construtor. Hai que tomar todas as medidas sobre os culpables para que sexa exemplar a lección…Pero estamos vendo que non se está facendo…

Si, pero, insisto, como retornan á sociedade ese rescate que tanto sufrimento causa á sociedade? O crédito non abunda…

Ti estás pensando máis no pasado, se cadra, ca no futuro… Eu pretendo dicir que no caso das caixas galegas tiven unha posición clara de defender, ata onde foi posible, a supervivencia de maneira autónoma e diferenciada, as entidades orixinariamente galegas, fronte ao escenario prefixado de que unha acabase metida en Caixa Madrid, agora Bankia, e a outra, noutra desas grandes agrupacións, cos resultados que estamos vendo, coletazos de Bankia, Rato e demais… Unha vez rescatadas as entidades galegas con ese gasto de 5.000 millóns de euros á conta da débeda pública, teño as miñas dúbidas de que fose preferible telas privatizado e de que a factura quedara reducida a 4.000 millóns, con mil que presuntamente dá o comprador.

Máis ca telas privatizado, regalado… non?

Eu creo que para o país sería preferible manter a entidade como pública de ámbito rexional polo prezo de 5.000 millóns, e non ter unha factura de 4.000 millóns, e non ter máis ca unha entidade sobre a que agora o seu propietario ten toda a lexitimidade para facer con ela o que queira. Este non era o modelo que tiñan nin Fernández Ordóñez, nin o PP nin o PSOE. E digo isto porque a supervivencia desa entidade, como ancorada no territorio, e de propiedade pública, é algo que en Alemaña seguen tendo como un fenómeno normal, coas caixas rexionais e municipais que hai nos länder , ou no caso do País Vasco, a Kutxa, que acaba de demostrar que se pode seguir sendo así e estar na cabeza dos ránkings de solvencia que fai o Banco Central Europeo. É moi interesante, cara a nós mesmos, o que se está rexistrando na Kutxa: o feito de que tivera un plan para incorporar investidores exteriores e unha ampliación do seu ámbito de actuación foi paralizado polo Goberno vasco, dicindo: interésanos continuar como estamos, co financiamento e capital propio que aquí temos, e non nos interesa ningún tipo de aventura´.

En Galicia, dende o Goberno galego, non se escoitou precisamente iso…

Non, aquí o que prevaleceu foi a opción da privatización, que era a folla de ruta que, agás para a entidade sistémica que era Caja Madrid, que se ten paralizado por razóns de Estado, consistía en repartir a cota de mercado que tiñan estas entidades no resto do sistema financeiro e bancario privado. Dito entre paréntese, e menos mal que non quedaron os patriotas españois só co negocio, porque terían dado menos da metade. O BBVA ou o Santander terían comprado esta entidade aínda por menos. Esta era a folla de ruta que imaxino que terían. A realidade, polo tanto, é que non había ningún deseño que tivese que ver co modelo alemán de caixas. E si que a xestión da crise aplicada á lei do funil, é dicir, axustar moito as contas á meirande parte da sociedade, transvasarlle a maior parte dos danos que se están producindo, e procurar oportunidades de negocio para minorías, que seguen capturando as rendas do país. Poderiamos falar do sector dos hidrocarburos, da enerxía eléctrica, e atopariámonos coa mesma empanada, en plena crise.

 

As políticas de Rajoy e as posibilidades de colapso

O Financial Times propoñía hai unhas cantas semanas a asunción de elementos que propulsasen a economía española, na liña de subas salariais, maior gasto público… É como hai que encarar o que vén?

Creo que o percorrido da desvalorización salarial interna está esgotado e lévanos ao colapso da demanda interna, e non nos dá melloras de competitividade no sentido que o país necesita. Non podemos competir cos custos laborais de Marrocos, India, China. Progresar por esta vía mata a demanda interna e non nos vai dar competitividade externa.

Xa somos a Tailandia europea?

Si, para un segmento do mercado laboral español, claramente as situacións laborais están nestes momentos a niveis terceiromundistas. Por iso moitos mozos escapan do país, porque o que se lles ofrece non se compadece cunhas condicións de vida minimamente dignas.

Pero Rajoy chama, no exterior, aos empresarios a investir en España polos baixos salarios… Competindo con nóminas moi baixas…

Ese é un erro estratéxico cara a fóra e un suicidio interno. Logo aparecerán no mercado interno empresarios que din que o país está en anorexia de consumo e capacidade de gasto. É un austericidio. Unha estratexia ideoloxicamente comprensible. Consegue que determinados sectores do país sigan facendo tremendas fortunas… Que se consegue así? Vexamos o peso dos excedentes empresarias das rendas non salariais no PIB. En España dende o comezo da crise arrancamos cun 41,9%  e estamos cun 44,8%. As rendas non salariais, empresariais, etcétera, están facendo moi bo negocio. Cando a media da UE está practicamente estabilizada, está a uns niveis moi inferiores. E mesmo en Francia a tendencia foi moi decrecente. Eles están no 32% e nós case no 45%.

Por iso o Goberno di que España vai ben…

Si, en España a algúns vailles moi ben. Pero o problema é que con esta porcentaxe da produción nacional capturada por unha minoría social non temos un maior investimento produtivo para crear emprego. O investimento produtivo supera en Francia ao español. O que temos é xente que está facendo bos negocios, pero en mans mortas: especuladores e rendistas.

A reforma fiscal vailles comportar un aforro de 6.000 millóns ás grandes empresas. Como calcula vostede que lles afectará ás rendas do traballo?

Véndese que a reforma vainos alixeirar a factura fiscal a todos, pero o que non se di é que a quen máis beneficia é ás rendas máis altas do país. E no caso das empresas, todo o que se faga para beneficialas fiscalmente que non teña como correlato ver cal é a súa conduta en termos de xeración de emprego ou inversión produtiva nova –indicadores que se teñen en conta nos países desenvolvidos do centro e norte de Europa– convértese, como acabamos de ver, en mellora das rendas non salariais en relación ao PIB.

A Unión Europea non está convencida de que España poida cumprir os obxectivos de déficit, e mesmo se queixa de que se lle presentan contas confusas e contraditorias… Vai cumprir ese obxectivo? A que prezo?

Eu creo que se vai cumprindo a folla de ruta a trancas e barrancas á conta do benestar social da meirande parte da poboación, do colapso da economía, a emigración de máis de dous millóns de persoas e o empobrecemento de cinco millóns que están en paro. E doutros cinco ou seis que eran antes clase media e agora non teñen perspectiva de chegar a selo nunca.

O ascensor xa hai tempo que non funciona…

Non, deixou de funcionar.

E ademais temos a cuestión da débeda, unha rochosa hipoteca vital…

Estamos acumulando unha débeda pública explosiva. Imaxinemos un escenario político altamente inestable, complicado. Os mercados, os investidores, vanse poñer nerviosos nesas circunstancias, porque agora teñen o dobre de débeda soberana da que tiñan hai seis ou sete anos. Nun escenario no que se dispare de novo a prima de risco, cousa que pode suceder, a situación de financiamento e de colapso financeiro da economía española podería ser gravísima. Estamos cumprindo agonicamente uns obxectivos que nos sitúan cada vez máis nun punto no que a fraxilidade da economía é explosiva.  Ao principio da crise, o fondo de reserva da Seguridade Social tiña máis de 70.000 millóns de euros, agora está por debaixo dos 40.000.

Botouse man dese fondo hai pouco para pagar a extra dos pensionistas…

Si, queda para tres ou catro pagas extra máis. Ninguén ten un plan B para evitar o colapso da Seguridade Social, e non obstante séguese apostando por rebaixas en formas de cotización, por tarifas planas para empregos precarios como autónomos falsos, etcétera, etcétera. Estase gañando tempo social e electoral, coa irresponsabilidade de que poidamos chegar a unha situación de tal fraxilidade, que nos vexamos diante dun colapso global do país. E non pretendo ser catastrofista.

En chegando a esa situación, que pasaría?

Nese momento vaise facer o que está inventado. Iso que agora é innombrable, unha renegociación, un refinanciamento e, virtualmente, unha quita da débeda, como se fixo en Grecia, para que siga estando na situación agónica que segue estando. Non esaxero nada se digo que o escenario político español parece debuxar unha clonación do grego.

Grecia foi o laboratorio de formas, onde se ensaiaron todas as políticas privatizadoras de sectores públicos…

Pois si, si…

O artigo 135 da Constitución antepón o pago da débeda ao gasto social, que facer?

O do teito de gasto formou parte dunha imposición política.

Unha imposición política alemá…

Foi unha imposición que fixeron os acredores de centro Europa, fundamentalmente alemáns, para blindar os seus intereses. Dito en palabras sinxelas, vós levades como país facendo cantidade de abusos, gastando, investindo en cousas de novos ricos…; o diñeiro é noso, prestámolo nós, e estamos falando do endebedamento privado, que era o 200% do PIB; non temos ningunha seguridade de recuperar iso, a non ser que transformemos boa parte desta débeda privada en pública, xa feito en boa medida, e que teña prioridade de pago sobre calquera outra partida de gasto. Isto forma parte dunha imposición política que fan os acredores, e o que non hai en España é o aguante, a posibilidade de enfrontarse e propoñer unha batalla política ao redor deste asunto.

Agora aparece Podemos, que parece ter unhas cousas claras, outras non tanto… Fala de reestruturar a débeda. Coincide cos seus colegas economistas Navarro e Torres nese anticipo de programa de Podemos?

Non teño ningún problema en dicir que o traballo que se lle encarga a Navarro e Torres, para deseñar unha terapia para os grandísimos problemas que ten neste momento a economía española, resolvérono con notable alto. Eu non o faría tan ben. Son consciente de que o que se lle reclama a ese documento é que cadren todas as contas. O que está moi ben, pero cando sucede que os que nos levan xestionando sete anos nin teñen contas, nin se sabe cal son, nin cadran, nin se espera que cadren, paréceme unha esixencia absolutamente exquisita. Se o que propón ese documento é que os custos desta crise económica non recaian sobre a maioría social, senón que sexan repartidos con maior equidade social, pois é un punto de inflexión, porque este argumentario non estaba enriba da mesa.

Renda mínima ou renda básica universal?

Se na súa formulación de entrada era insostible, hai que considerar que ese ingreso mínimo vaia a aqueles sectores que teñan unha maior necesidade. E de acordo cos recursos que sexamos capaces de capturar, e que agora o sistema fiscal aínda non é capaz de conseguir, porque se están indo de rositas…

Hai que subir os impostos ás rendas máis altas?

E que nin sequera fai falta iso. O Goberno acorda con empresarios e sindicatos dar unha axuda agora de seis meses a parados de longa duración. Unha axuda de 426 euros. Iso ten un custo de 700 millóns, pero é que levan aforrados 5.500 millóns de euros produto de acabaren este ano a súa prestación básica complementaria. Se a vontade política fose outra dirían: esa cantidade vouna destinar a protexer este colectivo de desempregados non por 700 millóns, senón por eses 5.500 millóns. Este é o tipo de inflexión, de cambio de rumbo que está detrás do documento de Navarro e Torres. Despois disto digo que o documento de Podemos resultoume sorprendente, porque non hai nin rastro da poboación nova desaparecida nestes sete anos. E isto é especialmente sintomático, porque me consta que hai círculos de Podemos moi activos fóra de España. Que din non nos vamos, é que nos botan. Isto bótoo eu de menos. E como se do imaxinario colectivo do país non quixeramos xa nin oír falar. Sucede tamén con sectores sociais que non acreditan que hai xente que ten moitas dificultades para chegar a fin de mes. Hai cousas que non se ven porque non se queren ver, e que contaminan diagnósticos tan lúcidos como os de Torres e Navarro.

O de emitir débeda privada non ten funcionado. O BCE está a punto de intervir? Pode evitar o peor?

Tal e como está no seu estatuto, non pode subscribir de forma directa débeda pública dos Estados e o que, de facto, leva facendo, é encaixando no seu balance débeda pública que lle deixan as entidades privadas, como garantía do diñeiro do préstamo que lles fai ás entidades e aos bancos privados. De maneira que a débeda pública non cabe pola parte de adiante, porque o ten prohibido, pero acábanlla colocando aos bancos privados, que lla deixan como garantía. Se en Europa non se modifica esa situación, van seguir procurándose portas de atrás. De feito, cando Draghi di vou facer todo o posible, non compra débeda pública primaria emitida polos estados, pero si compra no mercado secundario. E entón sabemos que antes os bancos alemáns tiñan tantos miles de millóns de débeda pública española, pero agora xa están no banco central, porque lla venderon ao BCE. O que nos arranxaría un pouco a vida é que o BCE puidese mercar eurobonos que mancomunaran a débeda ata certo punto dos estados membros. Hai propostas de expertos, que se estrelan co Goberno alemán e o Bundesbank, que rexeitan dar pasos nesa dirección federal. Temo que, dende hai tempo, en Alemaña e no centro de Europa teñen un plan B para seguiren adiante cunha zona monetaria común doutra natureza: están pensando máis cos seus veciños, e non co sur de Europa. Se non facemos unha reflexión colectiva, isto vai ser un goteo paulatino de fracasos colectivos. E a crise podería prolongarse unha ou dúas décadas para os países do sur.

Imposto de sociedades e de patrimonio,.. Hai que recuperalos?

Creo que o que hai que facer é que as rendas non salariais, que teñen esa cota tan xigantesca no caso español, acheguen á facenda pública todo o que teñen que achegar e non están achegando. Sexa a través das rendas que aparezan como dividendos, ou en calquera das outras figuras. A materia pendente é que a economía mergullada poña a parte que non está poñendo, e que as rendas non salariais fagan o esforzo nacional que teñen que facer e non están facendo.

 

Galicia recolle os males que sementou Feijóo

 Feijóo di que Galicia resiste máis a crise, pero as estatísticas do paro son unha sangría…

O Goberno galego está recollendo o que sementou. Se nas remuneracións que dependen de ti fas un axuste moito máis agudo que o doutras partes de España, o lóxico é que te atopes con que a demanda interna galega teña un comportamento moito peor que a española, que tampouco é gloriosa. Por exemplo, o comercio en Santiago está moito peor que no conxunto do país. É dos peores indicadores que ten Galicia. E ademais, Galicia depende de dous motores: confección, Inditex e automoción. E menos mal que no primeiro as cousas… pero no da automoción non están funcionando como nos gustaría. Citroën sabe que en Marrocos pode construír con custos laborais a metade ca en Galicia, e este é un argumento moi difícil de sobrevivir a el.

Declive irreversible no sector naval?

Se non es capaz de especializarte en segmentos que incorporen moita tecnoloxía e menos man de obra, non vas poder sobrevivir no mercado global. O feito é que nos momentos bos do sector en parte era un negocio financeiro (tax lease, tratamento fiscal…), e cando xa non pode ser así, tes que enfrontar outro problema. Se non es capaz de abrir segmentos de mercado onde poidas ser tremendamente competitivo, xa sexa en embarcacións auxiliares, especializadas ou enerxía eólica no mar, de incorporar outra tecnoloxía e menos man de obra, non vas poder sobrevivir no mercado global. O feito de que sector medrara a rebufo dun negocio financeiro, e non ter avanzado todo o que se debera en innovación, en entrar en segmentos de mercado moi concretos, en boa medida está facendo que perdésemos o pulso. E contando con que temos algo moi valioso, traballadores moi ben formados que atopan empregos cualificados en Europa.