“O primeiro a discutir no modelo de financiamento son os recursos que se queren destinar ao estado do benestar”
As liortas políticas que se roducen en paralelo coa reivindicación dun reorientado financiamento autonómico provocan tanto ruído -porque as demandas proceden de comunidades que representan intereses contrapostos e difíciles de conciliar-, que fan inaudibles os argumentos cos que os estudosos tentan definir o modelo máis acaído, quérese dicir, o máis xusto e equilibrado. Un deles, o profesor da USC, Juan Alberto Turnes Abelenda, colaborador de TN, que vén de publicar precisamente o libro Descentralización fiscal e desenvolvemento (Laiovento, 2021) no que aporta os resultados dun traballo sistemático e rigososo de investigación sobre esa problemática. Con el mantivemos unha entrevista, na que desvela datos que axudan a entender en que dirección se terían que orientar os fluxos fiscais directos e indirectos entre Galicia e o Estado.
texto Manoel Barbeitos Alcántara foto Fernando de Paz
Cando se cumpren doce anos da Lei de Financiamento Autonómico (2009), son cada vez máis as voces que reclaman a urxencia da súa reforma. Comparte esta demanda?
O modelo de Financiamento Autonómico é a clave do estado do benestar, pero dende a súa última reforma, que coincidiu coa crise financeira do ano 2009, o sistema está roto. Non se cumpre ningún dos principios que o deberían fundamentar: suficiencia de recursos, equidade e autonomía e responsabilidade financeira. Unha parte das CCAA segue a vivir do Fondo de Liquidez Autonómica, e isto implica a quebra do sistema. A necesidade é urxente, pero non creo que haxa un importante cambio no modelo.
Se hai coincidencia na necesidade da reforma é por que se pensa que lles prexudica a todos. Como é posible esta coincidencia entre comunidades tan dispares?
A crise do 2008 levou ás Comunidades Autónomas a unha situación dramática a nivel financeiro, e en todas elas os recursos proporcionados non cobren as súas necesidades de gasto. Pero dentro dese dramatismo hai importantes diferenzas. Cantabria, A Rioxa ou Aragón non creo que se poidan comparar con Valencia ou Murcia, que están 30 puntos por debaixo en recursos por habitante. Eses 30 puntos responden a un fallo importantísimo no funcionamento do sistema. Agora ben, o federalismo implica diversidade territorial, e polo tanto, pretender seguir pola vía do federalismo ao mesmo tempo que se demandan dende moitos territorios uns servizos ao mesmo nivel ao longo do Estado resulta unha contradición importante.
“No 2019, Galicia dispuxo dun financiamento por habitante de 2.800 euros, mentres que a media situouse nos case 2.700. Pero tamén é certo que cando se estima o gasto en servizos públicos fundamentais (SPF) en relación ás necesidades de gasto, Galicia pasa a estar nas posicións máis baixas. Pero isto é debido á propia política de gasto da Xunta”.
Dende Catalunya afirman que a Lei de Financiación Autonómica beneficia ás comunidades menos poboadas, algo que dende Galicia se nega afirmando o contrario. Cal e súa opinión?
No modelo existe a cláusula de estatus quo, que implica que ningún territorio perda con respecto aos modelos previos. Isto é a clave que explica os resultados do modelo. Cataluña fai principalmente dúas críticas. A primeira é con relación ao grao de redistribución dos recursos: considera que ten que ser menor. A segunda crítica é con respecto á autonomía financeira. O sistema “incentiva” a baixada de impostos e “penaliza” a subida. Se un territorio decide subir impostos, a súa repercusión nos orzamentos non vai ser directa nin proporcional a esa subida. En relación a Galicia, o modelo sitúanos un pouco por riba da media. No 2019, Galicia dispuxo dun financiamento por habitante de 2.800 euros, mentres que a media situouse nos case 2.700. Pero tamén é certo que cando se estima o gasto en servizos públicos fundamentais (SPF) en relación ás necesidades de gasto, Galicia pasa a estar nas posicións máis baixas. Pero isto é debido á propia política de gasto da Xunta.
As diverxencias xurden dunha distinta interpretación das balanzas fiscais…
A Balanza Fiscal é unha ferramenta económica moi importante, pero moi complexa. Inclúe un volume moi grande e valiosa de información económica. O problema é que transmitir iso á sociedade e ao debate político é moi difícil, e polo tanto, hai unha gran simplificación do debate político de forma moi intencionada. De forma resumida, se non temos en conta a Seguridade Social, o resultado dunha balanza fiscal viría dado principalmente polo seguinte fenómeno: os territorios aportarían recursos en base ao que representa o seu PIB sobre o total, e o Estado distribuiría recursos en base á poboación de cada territorio. A diferenza entre estas variables é o que marcaría o saldo fiscal dun territorio. No caso galego, como as dúas variables PIB e poboación se atopan ao mesmo nivel, o saldo fiscal estaría máis ou menos en equilibrio. Depende, e isto é a clave, se consideramos que determinado gasto do Estado ten incidencia en Galicia ou non.
Que pasa entón coas balanzas fiscais?. É correcto centrar o debate exclusivamente nelas?
Iso servíalle a Cataluña, pero obviamente a nós non. Galicia debería prestar unha especial atención noutros aspectos, e penso que aí Valencia está a facer un papel moi importante a través do IVIE. Debemos ampliar o marco e incorporar máis aspectos que engloba o proceso e descentralización fiscal e económica; por caso, aqueles mecanismos de mercado e institucionais que favorecen en grande medida a certos territorios a través do impacto na renda dos mesmos, e que polo tanto acaban repercutindo no modelo de financiación autonómica. A descentralización funciona cando polo menos non se producen procesos de diverxencia entre os territorios.
Neste marco, como facer que o financiamento autonómico se acompañe dunha distribución territorial máis xusta e equilibrada?
O primeiro que hai que discutir no modelo de financiamento é o volume de recursos que imos estar dispostos a destinar ao estado do benestar. Tamén é importante falar de como estimar custos, de como se van redistribuír os recursos, etc, pero para min a clave é de canto imos dispoñer para sanidade, ou outros servizos sociais e o compromiso por parte do Estado e dos territorios en pretender manter eses recursos. Penso que aquí é onde pode haber as grandes diverxencias, porque falar de recursos é falar principalmente do sistema tributario e iso son palabras maiores. É difícil desenvolver un potente estado do benestar cando dende determinados gobernos a principal premisa é a continua baixada de impostos e tratan de estigmatizalos tanto. Ademais, existe unha actitude moi cínica por parte dalgúns territorios; non podes dicir que non hai recursos e ao mesmo tempo pretender baixar constantemente impostos. En España sempre houbo un problema coa insuficiencia de recursos, pero dende a crise financeira do ano 2009 este problema acentúase. Por exemplo, se queremos converxer coa UE, precisamos introducir ao sistema ao redor de 52.000 millóns. Como dixen, débese tamén chegar a un acordo de como estimar as necesidades de gasto, e solucionar os problemas que xera a autonomía financeira. Pero repito: para min a clave é discutir os recursos que estamos dispostos a dedicar ao benestar.
“O primeiro que hai que discutir no modelo de financiamento é o volume de recursos que estamos dispostos a destinar ao estado do benestar. Aquí é onde pode haber grandes diverxencias, porque falar de recursos é falar do sistema tributario. E é difícil desenvolver un potente estado do benestar cando dende determinados gobernos a principal premisa é a continua baixada de impostos e tratan de estigmatizalos tanto”.
Poden separarse financiamento autonómico e crecemento económico?
Son cousas diferentes. O financiamento autonómico ten como obxectivo practicamente exclusivo o financiamento dos servizos públicos fundamentais. Pero tamén é certo que o SF outorga aos territorios certa autonomía que é clave para facer política económica (aínda que representan entre un 10-15% dos recursos totais dos territorios). Despois existirían outros fondos, como o Fondo de Compensación Interterritorial, que practicamente non se aplica, e que o seu obxectivo sería precisamente ese, o do crecemento e converxencia económica. Outra cousa é tratar de relacionar, que tamén é moi complexo, o crecemento e descentralización fiscal e política, incorporando por exemplo certos mecanismos de mercado que se dan dentro dese proceso de descentralización en España.
Está o financiamento autonómico especialmente condicionado por un estado central que se reserva para si mesmo unha parte demasiado grande da “torta”, dos ingresos tributarios?
Si, é certo, existe certo desequilibrio vertical que se debería revisar. Por exemplo, as Comunidades Autónomas executan ao redor do 35% do gasto total de tódalas administracións, mentres que os seus ingresos representan ao redor do 22% do total. Sen embargo, o Estado central executa o 22% do gasto total de tódalas administracións, e os seus ingresos tributarios supoñen o 43% do total. Isto é un debate importante e habería que revisar esa división da torta que beneficia en exceso á Administración Xeral.
Non lle parece que hai unha clara incompatibilidade entre a natureza do actual sistema tributario español e o que lle correspondería a un estados das autonomías avanzado?
Eu como galego diría que si, pero dende unha perspectiva máis ampla non o teño tan claro. O que vexo é que non tódalas CCAA queren o mesmo grao de descentralización e iso é un problema grave. Hai territorios que non queren facer uso da autonomía e responsabilidade financeira e outros si. Isto non é fácil de manexar, porque implica visións de Estado moi diferentes. Uns cren no federalismo, e outros nun estado central descentralizado. Plasmar nisto nun modelo que recolla todas esas preferencias é misión imposible. Hai territorios que empregaron en gran medida a súa autonomía financeira e que crearon unha gran multitude de impostos propios, como é o caso de Cataluña, que ten en vixencia 15 impostos propios. E hai outros territorios, poño por caso Madrid, que só ten dous.O problema, como dixen antes, é que o sistema prima a baixada de impostos e penaliza a subida. Por outra banda, temos que ter en conta a situación financeira na que se encontra o Estado central e certos territorios, cunha débeda moi elevada e un déficit que non hai forma de corrixilo e ademais tendo en conta que estamos dentro da UE é que existe a posibilidade de que nos próximos anos perdamos mais soberanía fiscal.
Por exemplo?
Mira o que acontece no imposto de sociedades e como se pretende ir cara un mínimo en tódolos países. Ou os propios cambios no sistema fiscal que pode chegar a implicar o cambio climático se o tomamos en serio. O cambio climático podería chegar a comportar unha cesión de soberanía importante no eido económico, en relación a unha regulación moito mais estrita e estandarizada, xa non digo a nivel mundial, pero polo menos a nivel europeo. En fin, eu non son de respostas categóricas, e máximo en economía.
“Ti tes o teu dereito e a lexitimidade de defender un modelo de soberanía fiscal e o tipo de relación que queiras manter co resto dos territorios, pero recoñecendo que iso non vai ser viable no curto e medio prazo. E por iso é importante apostar mentres tanto por un modelo de Estado que recoñeza parte das túas demandas, e penso que hai modelos do federalismo fiscal que si o poden facer”.
En materia tributaria, unha parte maioritaria do soberanismo defende para Galicia un sistema fiscal equivalente ao do País Vasco e Navarra. Comparte esta reivindicación?
Eu penso que é estéril este debate e que aporta pouco, e ademais penso que o que provoca é que non se participe nun debate que ten unha enorme transcendencia na sociedade. Ti tes o teu dereito e a lexitimidade de defender un modelo de soberanía fiscal e o tipo de relación que queiras manter co resto dos territorios, pero ao mesmo tempo hai que recoñecer que iso non vai ser viable no curto e medio prazo. E por iso é importante, mentres se agarda por supostamente algo que chegará nun futuro, apostar por un modelo de Estado que se aproxime e recoñeza parte das túas demandas, e penso que hai modelos do federalismo fiscal que si o poden facer.