Débedas públicas: mellor lonxe dos mercados

O Fondo de Liquidez Autonómica (FLA) aprobado en plena saída da crise do ano 2008 ten como fin explícito que o Estado preste as Comunidades Autónomas diñeiro para que estas non teñan que acudir aos mercados financeiros privados. Pois ou terían moitas dificultades para atopar financiamento ou este saeríalles moi caro.

É este un moi bó exemplo do que no meu recente ensaio “¿Sociedad de mercado o sociedad decente?” (Universidade de Vigo, 2023) propoño: que algunhas cousas debemos sacalas da lóxica dos mercados privados si queremos ter unha sociedade decente.  Neste caso decente tradúcese en poder financiar, ou non, os servizos públicos básicos que prestan as CC.AA. no Reino de España.

Como queira que o FLA leva operativo dende o ano 2012 ata a actualidade pode ter interés avaliar si os custos do endebedamento autonómico (xuros anuais verbo da débeda total autonómica) son distintos en CC.AA. que fixeron moito uso do devandito FLA ou non fixeron uso do mesmo.

Cataluña e Madrid son dous exemplos desta asimetría pois Madrid non consta que fixese uso do mesmo (Banco de España, páxina 274 do Boletín Estadístico de setembro de 2023), mentres que en Cataluña 84 de cada cen euros da súa débeda durante eses anos foi respaldada polo Estado. Madrid financia todo o seu endebedamento nos mercados financeiros privados mentres que Cataluña só un de cada cinco euros de débeda.

Pois ben os datos de pagos de xuros para o último ano dispoñible, 2021 (datos do Ministerio de Facenda) informan de que a Comunidade de Madrid pagou máis xuros que Cataluña mália que o seu endebedamento autonómico non chega á metade do catalán (87.000 millóns en Cataluña e 38.000 millóns en Madrid). Contentos deben estar os prestamistas privados da capital do Reino de España e preocupados os seus cidadáns. E sobra dicir que Galicia tamén nesto imita o modelo centrípeto da ortodoxia neoliberal cargando os custos e danos sobre o benestar social.

Pero na Comunidade Valenciana, Castela A Mancha ou Murcia tomaron a outra vía. Fixeron un uso intenso do FLA e así con altos niveis de endebedamento autonómico (como Cataluña) soportan custos de intereses anuais por cada euro do principal que están por baixo da metade do referente madrileño. En boa medida estamos en presencia de CC.AA. cun forte dinamismo demográfico (agás Castela A Mancha) que de non ser así non poderían ter enfrontado os crecentes gastos públicos (sanidade e ensino sobre todo) co actual modelo de financiamento autonómico.

Máis aló desta asimetría (as que foron polo mercado pagárono ben máis caro, e as que foron polo FLA aforraron en xuros) comprobase que o incremento do endebedamento foi muy intenso nestas CC.AA. Pois si entre 2008 e 2023 subíu en dezaseis puntos de PIB na media do Reino de España, na Comunidade Valenciana foron trinta e un puntos, en Murcia vintenove e en Cataluña vinte e dous.

O endebedamento actual de Cataluña verbo do seu PIB é do 32 %. Co que mesmo cunha quita do vinte por cento do FLA o seu nivel de endebedamento seguiría a estar por riba da media española do conxunto das CC.AA. que está no 23 %.

Remato xa. O financiamento público, vía FLA, fronte a opción privada na súa ausencia, supuxo un grande aforro sobre todo para os contribuintes de Cataluña, Valencia ou Murcia, e a posibilidade de paliar un crecente déficit de financiamento (sobre todo para facer fronte ás demandas derivadas da  inmigración e a demografía), pero o problema de fondo segue ahí. Pois no conxunto do Reino de España só cunha reforma fiscal de carácter fortemente progresivo deixaremos de alimentar un bola de neve de déficit público (central e autonómico) que erosiona e corroe o benestar social. O FLA aquí analizado (como tamén o Fondo de Facilidad Financiera) nese senso non son máis que parches que non solucionan o problema estructural.