Nos comenzos deste mes de novembro chamoume a atención que os principais xornais de Galicia non comentasen os datos de evolución do mercado laboral á altura do mes de outubro deste ano 2025. Pois xa levamos dez dos doce meses e podería ser boa ocasión para ir facendo balance. Seica os Gabinetes de Comunicación da Xunta de Galicia non atoparon felices novas para amplificar.
Cos datos dos afiliados á Seguridade Social do que levamos de ano é doado facer un resumo comparativo co conxunto de España tal como recollo na seguinte gráfica.

Fonte: Elaboración propia con datos da Seguridade Social
Á vista do gráfico resulta evidente que o asunto non da para presumir no tocante á creación de emprego, con medio punto porcentual por baixo da media española. Semella pouco pero, deixar de ser minguantes, suporía ter seis mil empregos máis no que levamos de ano. Para así pasar de anotar 3,9 de cada cen empregos de España a anotar 5,1 empregos de cada cen, que é o que correspondería ao peso do noso PIB en España. Para así deixar de ser minguantes en emprego.
Claro que con esta nada gloriosa situación do emprego chama a atención que teñamos uns datos de redución do desemprego para sacar peito. Pois no que levamos de ano os datos de paro rexistrado dan para Galicia unha caída do -7,2 %, un dato mellor que a media española que anota unha rebaixa do – 6,1 %. ¿Como é posible que medrando menos o emprego baixemos máis o desemprego?
Unha boa pista témola cando anotamos as Comunidades Autónomas que máis reduciron o paro rexistrado no que levamos de ano 2025, son por esta orde xunto con Galicia: Estremadura, Castela-A Mancha, Andalucía ou Asturias. Territorios nos que a rebaixa ten máis que ver co menor aumento da poboación dispoñible para traballar e mesmo coa emigración neta.
E este é xusto caso de Galicia porque nos nove primeiros meses do ano, segundo a Enquisa de Poboación Activa do INE, os activos en Galicia medraron un 0,8 % mentres que no conxunto de España fixérono un 1,7 %. Case o dobre. De novo estamos a ver como un trazo de país minguante se traduce en Galicia no espellismo de que creando menos emprego reducimos máis o desemprego.








