Se algo se ten avanzado na loita contra o cambio climático é na cada vez más ampla e estendida aceptación de que o mercado por si só non nos afasta da desfeita ecolóxica, senón todo o contrario, polo que é necesario un forte impulso público e a grande escala. Velaí, por caso, que xurdan dende diferentes ámbitos políticos (como sucede coa Unión Europea) iniciativas públicas de creación de grandes infraestruturas físicas para a produción de enerxías renovables, limpas (GREEN NEW DEAL) que permitan un crecemento verde.
Nesta estratexia de entrada podémonos atopar cunha dobre contradición: crecemento e verde. Unha contradición que xurde dun interrogante: de que tipo de crecemento estamos a falar? Do mesmo que en todas estas últimas décadas? Acaso dun crecemento capitalista? Cabe, por caso, seguir co mesmo modelo sen frear o actual ritmo de crecemento no consumo de enerxía (1,4% de taxa media entre 2010 e 2019, 4,9% no 2021 e 2,1% no 2022)? A resposta non poder ser máis que negativa, porque o actual modelo apóiase nun crecente e intensivo consumo de enerxía de tal xeito que, se se reduce este, pararíase o crecemento económico (PIB).
Diante desta evidencia xurde outra pregunta: é posible no curto, incluso no medio prazo unha substitución do actual modelo enerxético por outro baseado nas enerxías limpas, e que sexan quen non so de cubrir a actual demanda senón os incrementos que virán si seguimos co actual modelo de crecemento? As evidencias dos últimos anos dinnos que non é posible xa que, a pesar dos importantes aumentos na produción e consumo de enerxías renovables, estas nin sequera son quen de cubrir o incremento da demanda enerxética, o que significa que os obxectivos de descarbonización da economía, de non cambiar o rumbo, nin se cumpren nin se cumprirán. Segundo o Informe 2022 do IPCC, se a demanda de enerxía mantén o ritmo actual, non será posible cubrila totalmente con enerxías limpas, de tal xeito que as emisións se eliminen e se reduzan a cero.
Pero saltéonos os informes dos científicos, e aceptemos que si poderemos facelo, que conseguiremos que no ano 2050 toda a enerxía consumida proceda de fontes limpas. De ser así, xurde outra pregunta: cales serán as necesidades de materiais precisos para poder dispoñer non só das infraestruturas eléctricas necesarias (paneis solares, turbinas eólicas, baterías…) senón para tamén cubrir a demanda de baterías e cargadores por parte de industrias como, por caso, a dos coches eléctricos?
Tendo en conta tanto as necesidades de materiais estratéxicos que esixen, como o impacto ecolóxico que -especialmente nos países do Sur- xa está provocando a súa extracción e produción (bosques, mares, ríos, solos, especies…), estamos seguros de que o planeta terra poderá soportalo? Non estaremos desbordando os seus límites, a súa capacidade de resiliencia? Non estaremos igualmente camiñando ao colapso ecolóxico definitivo? A realidade é que na actualidade os custos globais do crecemento económico xa son maiores que os beneficios colectivos. Fronte a todas estas dúbidas resulta lóxico preguntarse se social, ecolóxica e incluso tecnicamente é razoable, incluso viable, manter o actual ritmo de crecemento na demanda de enerxía, incluso se fora posible que toda ela procedera de fontes renovables?
Por todas estas razóns, cada día somos mais os que pensamos que non é posible un crecemento verde. Que o colapso ecolóxico non se evita se non se pon freo ao actual ritmo de crecemento da demanda de enerxía e de materiais. A pregunta final é obvia: e posible poñer ese freo dentro dun sistema capitalista que se basea na procura da máxima ganancia?